DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 10 de agosto de 2007 Páx. 13.655

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 6 de agosto de 2007 pola que se convoca concurso de selección de entidade aseguradora que ofreza un seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia.

A actividade pesqueira e marisqueira está sometida, no seu exercicio habitual, a que se dean as condicións climatolóxicas que permitan saír a pescar nos distintos caladoiros ou zonas de marisqueo, sen que supoña un risco para as tripulacións, traballadores e medios que se ddican a esta tarefa.

Galicia, pola súa situación xeográfica, ten un litoral que está sometido en determinados períodos anuais a episodios de condicións climatolóxicas que obrigan ao amarre da frota galega nos portos da nosa comunidade, sen posibilidade de que poidan saír durante varios días a pescar, o que supón unha situación de falta de ingresos nas economías dos profesionais que viven da explotación dos recursos que se atopan nun medio natural cambiante e adverso nestes casos.

Ante esta situación, e tamén como medida complementaria de seguridade marítima, favorecendo que as embarcacións non saian ao mar en circunstacias extremas ante a falta de ingresos, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, encomendou a realización dun estudo sobre a viabilidade dun seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia.

Como resultado dese estudo, convócase un concurso para a selección dunha entidade aseguradora que poida ofertar este produto aos profesionais, como unha medida de carácter social que incida directamente na seguranza marítima e na introdución da cultura do seguro no ámbito da pesca en Galicia.

Para poñer en marcha esta liña, a primeira actuación é a convocatoria dun concurso para seleccionar os produtos que as entidades aseguradoras oferten para cubrir as continxencias recollidas nesta orde.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase concurso público de selección dunha entidade aseguradora que oferte un seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia.

Artigo 2º.-Criterios de selección da entidade aseguradora.

Para os efectos da selección aplicarase o disposto nos artigos 3, 4 e anexo desta orde.

Artigo 3º.-Condicións que debe cumprir a entidade aseguradora.

A entidade aseguradora deberá cumprir como mínimo as seguintes condicións:

Primeira.-As entidades aseguradoras seleccionadas deberán comprometerse a subscribir coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos un convenio de colaboración que terá como mínimo as condicións establecidas nesta orde.

Segunda.-O seguro obxecto da presente orde deberano promover as entidades aseguradoras de modo específico e separado do resto dos seguros que estas entidades promovan ou poidan promover nun futuro.

Terceira.-As entidades aseguradoras trasladarán á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, nas datas e prazos que se determinen no convenio de colaboración a relación de solicitantes, xunto coa documentación correspondente. Así mesmo, nos termos que se estipulen no convenio de colaboración, realizaranse as xestións correspondentes á tramitación, cando proceda, dos certificados de adscrición dos tomadores do seguro.

Cuarta.-As achegas do tomador do seguro faranse efectivas na entidade aseguradora que elixa entre as seleccionadas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, na forma e prazos que se determinen nas estipulacións do seguro.

O importe correspondente á axuda concedida pola Xunta de Galicia aos tomadores farase efectivo dunha soa vez, antes do 15 de decembro de cada ano natural, de acordo cos termos que se establezan na orde anual de convocatoria de tales axudas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. As entidades aseguradoras informarán, para isto, das pólizas subscritas, na forma e tempo que se acorde no convenio de colaboración.

Quinta.-As entidades aseguradoras trasladarán á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos canta información lles sexa solicitada por esta, tales como baixas e altas de tomadores, acaecemento de continxencias ou calquera outra información de tipo económico ou estatístico.

Sexta.-A Xunta de Galicia, directamente ou por empresa auditora que designe, poderá realizar as inspeccións e comprobacións que coide oportunas sobre todas as circunstancias relacionadas coas axudas concedidas. O financiamento das auditorías levarase a cabo de acordo co establecido no convenio de colaboración.

Sétima.-Cada entidade aseguradora designará un coordinador para a aplicación do convenio de colaboración, que será o órgano de relación da entidade coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para esta finalidade.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

As solicitudes valoraranse con base no seguinte baremo:

1. Prezo: de 0 a 10 puntos por proporcionalidade inversa (a menor prezo do custo da prima, maior puntuación).

2. Períodos de franquía: de 0 a 10 puntos por proporcionalidade inversa (a menor número de días de franquía, maior puntuación).

3. Rigorosidade e obxectividade nos parámetros meteorolóxicos establecidos para a consideración do inicio e o final do sinistro: de 0 a 10 puntos por proporcionalidade directa (canta maior rigorosidade e obxectividade, maior puntuación). Os ofertantes deberán establecer claramente o criterio elixido para consideraren que non saír se debe ás causas meteorolóxicas.

4. Sistema de xestión e administración de sinistros: de 0 a 10 puntos.

5. Implantación da aseguradora en Galicia e volume de negocio no sector pesqueiro:

a) Número de centros ou delegacións da aseguradora en Galicia: de 0 a 5 puntos.

b) Número de traballadores da aseguradora en Galicia (incluídos nos TC1 dos tres meses anteriores á presentación da oferta): de 0 a 5 puntos.

c) Volume de primas e número de asegurados de embarcacións pesqueiras: de 0 a 5 puntos.

d) Volume de primas e número de asegurados de seguros de responsabilidade civil subscritos polos empresarios do sector pesqueiro: de 0 a 2,5 puntos.

e) Volume de primas e número de asegurados doutros tipos de seguros que recollan a cobertura de calquera outro tipo de risco relacionado co sector pesqueiro: de 0 a 2,5 puntos.

6. Implantación da corredoría de seguros que achegue na súa oferta cada entidade aseguradora, na Comunidade Autónoma de Galicia e no sector pesqueiro:

a) Número de centros ou delegacións da corredoría de seguros en Galicia: de 0 a 5 puntos.

b) Numero de traballadores da corredoría de seguros en Galicia (incluídos nos TC1 dos tres meses anteriores á presentación da oferta): de 0 a 5 puntos.

c) Xestión de seguros de embarcacións pesqueiras (expresada en importe de primas xestionadas e número de asegurados): de 0 a 5 puntos.

d) Xestión de seguros de responsabilidade civil subscritos polos empresarios do sector pesqueiro (expresada en importe de primas xestionadas e número de asegurados): de 0 a 2,5 puntos.

e) Xestión doutros tipos de seguros que recollan a cobertura de calquera outro tipo de risco relacionado co sector pesqueiro (expresada en importe de primas xestionadas e número de asegurados): de 0 a 2,5 puntos.

7. Melloras propostas polo licitador, que poderán ser aceptadas ou rexeitadas e avaliadas libremente pola comisión de avaliación, entre 0 e 10 puntos.

8. Para ter dereito a seren seleccionadas, as entidades aseguradoras deberán acadar unha puntuación mínima de 40 puntos, que se considera o limiar mínimo de garantía para poder facer fronte aos riscos específicos e peculiares aos cales se pretende outorgar cobertura. As que non cheguen á dita puntuación mínima, serán excluídas automaticamente da relación de entidades seleccionadas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes para participar no concurso deberán dirixirse ao secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Xunto coas solicitudes deberase presentar a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa dos extremos contidos no anexo I.

b) Compromiso de cumprimento das condicións establecidas no artigo 3º, caso de ser seleccionadas.

As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación anterior, na sede dos servizos centrais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, edif. administrativo San Caetano, s/n Santiago de Compostela ou nos lugares a que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo para a presentación de solicitudes e documentación será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Resolución.

Á vista da documentación presentada e do establecido nos artigos 2, 3, 4 e anexo, por orde da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, e por proposta da comisión avaliadora nomeada para estes efectos, determinaranse as entidades seleccionadas que poidan suscribir convenio de colaboración coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, relacionadas por rigorosa orde de prelación derivada da puntuación acadada por cada unha delas, logo da aplicación dos criterios consignados no artigo 4º. Esta orde de prelación publicarase no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento por parte dos interesados.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

1º Risco asegurado:

A póliza de seguro cubrirá o pagamento dunha indemnización diaria, cos límites máximos que se estipulan nestas condicións e segundo a unidade considerada, no caso de paralización de actividade e consecuente perda de produción por condicións climatolóxicas adversas.

A póliza cubrirá a paralización total, entendéndose por tal a inactividade absoluta de pescar que imposibilite a saída do porto base galego nun período de tempo concreto, en exceso dos días fixados como franquía climática, debido a condicións climatolóxicas adversas.

Os días de franquía que a entidade ofertante pretenda aplicar deben figurar na proposta económica.

2º Ámbito de aplicación.

O seguro que se estableza será en todo caso de subscrición voluntaria.

Os contratantes, en diante os tomadores da póliza, poderán ser as confrarías, cooperativas do mar, organizacións de produción pesqueira (OPP) ou calquera outra entidade asociativa do sector (desde agora denominadas todas asociacións) con sede en Galicia e para os seus membros ou asociados que pesquen exclusivamente en augas do seu litoral ou lindantes con Portugal e Cantábrico.

Terán a consideración de asegurados as unidades produtivas que expresamente soliciten a adhesión á póliza e consten, individualizadas de xeito nominativo, como membros de pleno dereito de calquera organización das mencionadas no punto anterior.

Para poderen adherirse ao seguro, as unidades produtivas, ademais de pertencer a algunha das organizacións mencionadas nos puntos anteriores, deberán cumprir os seguintes requisitos:

-No caso de embarcacións, deben ter porto base en Galicia.

-No caso de percebeiros a pé, deben ter o permiso de explotación en vigor.

-En ambos os casos deberase acreditar a actividade mediante calquera documento que faga fe da venda ou extracción nos dous meses anteriores á adhesión á póliza.

Para os efectos desta póliza as devanditas unidades produtivas agruparanse da seguinte maneira:

1. Arrastreiros de litoral en caladoiros nacionais.

2. Embarcacións de cerco en caladoiros nacionais.

3. Embarcacións de artes menores.

4. Percebeiros desde embarcación.

5. Percebeiros a pé.

Non será obxecto de cobertura da póliza:

1. A actividade de marisqueo realizada con arte de marisqueo desde embarcación.

2. Calquera actividade a pé distinta á de percebeiros.

3. Embarcacións dedicadas á acuicultura.

4. Embarcacións auxiliares de calquera tipo.

5. Unidades que pesquen en caladoiros comunitarios (altura).

6. Unidades que pesquen en caladoiros internacionais (grande altura).

Quedarán, así mesmo, excluídos os seguintes riscos:

1. Vedas, paros biolóxicos, contaminación de calquera tipo e mareas vermellas.

2. Mortalidade de especies mariñas por calquera causa, como pode ser por descenso do nivel de oxíxeno ou salinidade, turbidez excesiva das augas ou por aluvión en areais costeiros.

3. Períodos de mantemento das embarcacións ou descanso do persoal.

4. Peche do plan de explotación segundo cada especie considerada.

5. Ordenanzas e limitacións á explotación pesqueira e marisqueira ditadas polas autoridades competentes.

6. A pesca deportiva e recreativa en todas as súas modalidades.

7. Calquera outra parada ou amarre temporal por calquera causa, que non teña a súa orixe nas condicións meteorolóxicas adversas definidas.

Con independencia do indicado con anterioridade, non se aceptarán propostas en que se limiten os dereitos a recibir unha indemnización por parte dos asegurados baseándose na aplicación de períodos de retorno mínimos nas condiciones meteorolóxicas.

3º Capitais asegurados:

As sumas aseguradas deberán ser, en función dos distintos tipos de unidade produtiva, as seguintes:

Ver referencia pdf "15500D004P011.PDF"

4º Corredoría de seguros:

Para os efectos de conseguir unha maior axilidade no cumprimento das cláusulas anteriormente citadas, a compañía de seguros, ao seu cargo e dentro da prima que estableza, deberá achegar unha corredoría de recoñecido prestixio no ramo marítimo-pesqueiro, que estará obrigada á xestión e tramitación dos expedientes xerados polos sinistros que se puidesen producir e á emisión de cantos informes sexan solicitados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

5º Custo do seguro:

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos subvencionará as primas que correspondan ás adhesións que se produzan no período 1-10-2007 ao 1-10-2008 cun importe máximo total de 1.380.100 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 14.01.723B.781.0, «Subscrición dun seguro de mal tempo para o sector pesqueiro». Esta subvención traducirase nunha porcentaxe da prima anual que se determinarán en función da prima das seleccións resultantes do obxecto deste concurso para todo o colectivo asegurable.

O custo máximo anual (impostos incluídos) por unidade será o que se determina no seguinte cadro:

Ver referencia pdf "15500D004P011.PDF"