DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 09 de agosto de 2007 Páx. 13.547

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xullo de 2007 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación, que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.

Para este fin, establece que a oferta de formación sostida con fondos públicos favorecerá a formación ao longo de toda a vida, acomodándose ás distintas expectativas e situacións persoais e profesionais.

No seu artigo 9 define a formación profesional como o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica, incluíndo as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e actualización permanente das competencias profesionais.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, establece os aspectos básicos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, de acordo co establecido no título I, capítulo V, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A Orde do 23 de abril de 2007, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior.

A Orde do 28 de febreiro de 2007 regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 732/1995, do 5 de maio, polo que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos centros, regulou a reclamación do alumnado ás cualificacións.

A experiencia acumulada e a entrada en vigor do novo marco normativo aconsellan ditar unha nova disposición que recolla todos aqueles aspectos que permitan mellorar os procesos de avaliación e acreditación das ensinanzas de formación profesional.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

I. Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular a avaliación e a acreditación académica do alumnado que curse ensinanzas de formación profesional no ámbito do sistema educativo, e será de aplicación nos centros docentes públicos e privados autorizados do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas correspondentes á formación profesional inicial establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

II. Avaliación das ensinanzas da formación profesional inicial

Artigo 2º.-Aspectos xerais do proceso de avaliación.

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado nos ciclos formativos realizarase de forma diferenciada por módulos profesionais. En todo caso, a avaliación na formación profesional inicial realizarase tomando como referencia os obxectivos e os criterios de avaliación de cada un dos módulos profesionais e os obxectivos xerais do ciclo formativo, segundo o establecido no correspondente currículo.

2. A avaliación realizarase ao longo de todo o proceso formativo do alumnado, polo que ten un carácter continuo. Por este motivo, nas modalidades de ensino presencial será necesaria a asistencia do alumnado ás actividades programadas para os distintos módulos profesionais do ciclo formativo.

3. O número de faltas que implica a perda do dereito á avaliación continua nun determinado módulo será do 10% respecto da súa duración total, con independencia de que estas faltas sexan ou non xustificadas.

4. O profesorado poderá non permitir a realización de determinadas actividades prácticas a aqueles alumnos ou alumnas que teñan perdido o dereito á avaliación continua, sempre que poidan implicar algún tipo de risco para si mesmos, o resto do grupo ou as instalacións.

5. Para cada ciclo formativo, os centros docentes desenvolverán o currículo mediante a elaboración das correspondentes programacións didácticas dos módulos profesionais, prestando especial atención aos criterios de planificación e á toma de decisións propias do proceso de avaliación; en particular:

a) Aos procedementos para avaliar o progreso da aprendizaxe do alumnado e a correspondencia entre os instrumentos xerais de avaliación e os criterios de avaliación.

b) Á planificación das actividades de recuperación de módulos profesionais pendentes, e expresamente aquelas que poidan ser realizables de forma autónoma polo alumnado.

c) Aos criterios e ás pautas de avaliación que se deben ter en conta na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais ou con algún tipo de discapacidade.

d) Ao desenvolvemento dos sistemas extraordinarios de avaliación para o alumnado que teña perdido o dereito á avaliación continua, cando por razóns de inasistencia reiterada non sexa posible utilizar os instrumentos de avaliación previstos inicialmente para cada módulo profesional.

O alumnado ao cal se lle aplique a baixa de oficio nas condicións establecidas no artigo 11 da Orde do 23 do abril de 2007 pola que se regulan o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior, non terá dereito a este sistema de avaliación extraordinario.

6. Co fin de garantir a función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade, conforme o establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional deberase informar dos criterios de avaliación que serán aplicados para evidenciar a adquisición das capacidades establecidas no currículo, así como do nivel mínimo que se considera suficiente para alcanzar a avaliación positiva.

7. Os procesos de avaliación adecuaranse ás adaptacións metodolóxicas de que puidese ser obxecto o alumnado con discapacidade e garantirase a súa accesibilidade ás probas de avaliación.

Artigo 3º.-Cualificacións.

1. A cualificación dos módulos profesionais, agás o de formación en centros de traballo (FCT), será numérica, entre un e dez, sen decimais. A superación do ciclo formativo requirirá a avaliación positiva en todos os módulos profesionais que o compoñen. Consideraranse positivas as puntuacións iguais ou superiores a cinco puntos.

2. Na avaliación do módulo profesional de FCT, colaborará, co titor ou titora do centro educativo o titor ou titora da empresa que designe o correspondente centro de traballo para o período de estancia do alumno ou da alumna. O devandito módulo profesional cualificarase como apto ou apta, ou non apto ou non apta.

3. A nota final do ciclo formativo será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas en cada un dos módulos expresada con dous decimais. Os módulos validados ou exentos non se poderán computar para os efectos de cálculo de cualificación final do ciclo formativo.

4. O acceso aos módulos de FCT e de proxecto requirirá ter superados todos os módulos de formación no centro educativo.

III. Desenvolvemento dos procesos de avaliación

Artigo 4º.-Consideracións xerais.

1. O profesorado que imparte docencia a un grupo de alumnos de formación profesional inicial constitúe o seu equipo docente e estará coordinado polo profesor ou a profesora que se encargue da titoría do devandito grupo.

2. Denomínanse sesións de avaliación as reunións de carácter colexiado que realice o equipo docente, convocadas e presididas polo profesor ou profesora que se encargue da titoría do grupo, realizadas co obxecto de contrastar as informacións proporcionadas polo profesorado dos distintos módulos profesionais en relación á valoración dos resultados de aprendizaxe do alumnado e ao seu progreso na consecución dos obxectivos xerais do ciclo. Nestas sesións, o equipo docente tomará as decisións que afecten o proceso de avaliación e promoción do alumnado.

3. O titor ou titora de cada grupo levantará acta do desenvolvemento das sesións, na cal se farán constar os acordos alcanzados e as decisións adoptadas.

A valoración dos resultados derivados destes acordos e destas decisións constituirá o punto de partida na seguinte sesión de avaliación.

O equipo docente adoptará as medidas oportunas que garantan a máxima confidencialidade daquela información que mereza un tratamento reservado.

4. As sesións de avaliación desenvolveranse en función dos períodos lectivos e polo profesorado que o decreto do currículo regula para cada ciclo formativo.

Artigo 5º.-Sesión de avaliación inicial.

Ao comezo das actividades do ciclo formativo, o equipo docente realizará unha sesión de avaliación inicial do alumnado, que terá por obxecto coñecer as características e a formación previa de cada alumno e de cada alumna, así como as súas capacidades. Así mesmo, deberá servir para orientar e situar o alumnado en relación co perfil profesional correspondente.

Nesta sesión, o profesor ou profesora que se encargue da titoría dará a información dispoñible sobre as características xerais do grupo ou sobre as circunstancias especificamente académicas, ou persoais con incidencia educativa, de cantos alumnos e alumnas o compoñen.

Esta información poderá proceder:

a) Dos informes individualizados de avaliación da etapa anteriormente cursada, se o centro os tivese ou se os alumnos ou alumnas os achegan.

b) Dos estudos académicos ou as ensinanzas de formación profesional (de carácter regrado, ocupacional ou continuo) previamente realizados.

c) Do acceso mediante proba para o alumnado sen titulación.

d) Dos informes ou ditames específicos do alumnado discapacitado ou con necesidades educativas especiais que poida haber no grupo.

e) Da experiencia profesional previa.

f) Da matrícula condicional do alumnado estranxeiro.

g) Da observación do alumnado e as actividades realizadas nas primeiras semanas do curso.

Os acordos que adopte o equipo docente nesta sesión de avaliación recolleranse nunha acta, especialmente aqueles que teñan que ver con aspectos de flexibilización na duración das ensinanzas, segundo se desenvolve no artigo 13 da Orde do 23 de abril de 2007 pola que se regulan o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior.

Esta avaliación inicial en ningún caso levará consigo cualificación para o alumnado.

Artigo 6º.-Aspectos xerais das sesións de avaliación finais.

1. Nos módulos de primeiro curso, a sesión de avaliación final corresponderase sempre co remate do período formativo dos módulos no centro educativo.

2. No caso de módulos de segundo curso, a sesión de avaliación final realizarase unha vez rematado o período ordinario de realización da FCT e o módulo de proxecto no caso de ciclos formativos de grao superior, segundo se establece no artigo 12 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro. Para estes efectos, entenderase que o módulo de FCT é un módulo de segundo curso, de acordo co establecido nos currículos correspondentes a cada ciclo formativo.

3. No caso de oferta modular polo réxime para as persoas adultas, a sesión de avaliación final de módulos coincidirá sempre co remate do período formativo dos módulos no centro educativo.

Artigo 7º.-Sesión de avaliación final de módulos no réxime ordinario.

1. Na sesión de avaliación final de módulos de primeiro curso, o equipo docente tomará as decisións sobre promoción do alumnado ao seguinte curso, segundo se establece no artigo 5.2º da Orde do 23 de abril de 2007.

No suposto de que se pase de curso con módulos pendentes, o alumnado deberá ser informado das actividades programadas para a súa recuperación, así como do período da súa realización, tempolización e data en que serán avaliados, que coincidirá coa sesión de avaliación parcial prevista no artigo 10º.3 desta orde.

O informe de avaliación individualizado conterá a información suficiente sobre as capacidades non alcanzadas polos alumnos ou alumnas, para que se teña en conta na súa posterior aprendizaxe.

A acta de avaliación final de módulos de primeiro axustarase ao modelo do anexo I desta orde.

2. Na sesión de avaliación final de módulos de segundo curso, o equipo docente:

a) Realizará a proposta de título para o alumnado que obtivese cualificación positiva nos módulos de FCT e no módulo de proxecto no caso de ciclos formativos de grao superior.

b) Proporalle a realización da FCT ao alumnado que recuperase os módulos pendentes de primeiro e segundo curso durante o período ordinario de realización da FCT. Este alumnado deberá formalizar unha nova matrícula no curso seguinte para cursar o módulo de FCT e o módulo de proxecto no caso de ciclos formativos de grao superior.

A acta de avaliación final de módulos de segundo axustarase ao modelo do anexo II desta orde.

3. O alumnado a que se fai referencia no punto 2.b) deste artigo poderá realizar a FCT en calquera dos períodos extraordinarios establecidos no artigo 6.4º da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo. Ao remate de cada un destes períodos, realizarase unha avaliación final extraordinaria de módulos de segundo curso, en que se avaliará unicamente o módulo de FCT e o módulo de proxecto no caso de ciclos formativos de grao superior, e realizarase, de ser o caso, a proposta de título correspondente.

A acta de avaliación final extraordinaria de módulos de segundo axustarase ao modelo do anexo III desta orde.

4. O alumnado que nun mesmo curso académico queira acceder por segunda vez a realizar o módulo de FCT e non teña esgotadas as dúas convocatorias a que se fai referencia no artigo 4.2º da citada Orde do 23 do abril de 2007, deberá solicitar unha nova matrícula ao comezo do seguinte período ordinario ou extraordinario correspondente de realización da FCT.

5. No caso de ciclos formativos cunha duración inferior a 2.000 horas, a avaliación final de módulos de primeiro curso condicionará o acceso á FCT e ao módulo de proxecto no caso de ciclos formativos de grao superior.

Artigo 8º.-Sesión de avaliación final de módulos no réxime para as persoas adultas.

O modelo de acta de avaliación final de módulos polo réxime para as persoas adultas axustarase ao establecido no anexo IV desta orde. Unha vez realizada a FCT e o módulo de proxecto no caso de ciclos superiores, realizarase a sesión de avaliación final extraordinaria de módulos, en que o equipo docente poderá realizar a proposta do título, cuxo modelo de acta se recolle no anexo V desta orde.

Artigo 9º.-Aspectos xerais das sesións de avaliación parciais.

Con independencia do réxime en que se cursen as ensinanzas, ordinario ou de persoas adultas, en cada curso académico e para cada grupo realizarase unha sesión de avaliación e cualificación en cada trimestre lectivo.

Tendo en conta o carácter de avaliación continua destas ensinanzas, a última avaliación parcial coincidirá sempre coa avaliación final de módulos correspondente.

Artigo 10º.-Sesións de avaliación parciais no réxime ordinario.

1. A acta de avaliación parcial de módulos de primeiro curso axustarase ao modelo do anexo VI desta orde.

2. A acta de avaliación parcial de módulos de segundo curso, previa á realización da FCT no período ordinario, axustarase ao modelo do anexo VII desta orde. En caso de existir avaliacións parciais anteriores no segundo curso, axustaranse ao modelo do anexo VI descrito no punto 1 deste artigo.

3. En réxime ordinario, cando nun mesmo ano académico o alumnado deba cursar módulos de formación no centro educativo e o módulo de formación en centros de traballo, na sesión de avaliación parcial previa á realización da FCT en período ordinario, o equipo docente tomará as decisións de acceso do alumnado a esta, conforme o cumprimento dos seguintes criterios:

a) Superación de todos os módulos de segundo curso.

b) De ser o caso, superación dos módulos de primeiro curso pendentes.

En calquera caso, a cualificación final dos módulos de segundo curso e módulos pendentes de primeiro farase efectiva na sesión de avaliación final establecida no artigo 7º.2 desta orde. Non obstante, a cualificación final coincidirá coa obtida na avaliación parcial previa á realización da FCT.

4. En réxime ordinario, o alumnado de segundo curso que non poida acceder á FCT no período ordinario por ter módulos pendentes de primeiro ou segundo curso poderá recuperalos neste mesmo período. Para este fin, o equipo docente asignaralle unha serie de actividades de recuperación para os módulos non superados, con indicación expresa da data final en que serán avaliados.

O informe de avaliación individualizado conterá a información suficiente sobre as capacidades non alcanzadas polos alumnos ou alumnas, co fin de que sexa tida en conta na súa posterior aprendizaxe.

Artigo 11º.-Sesión de avaliación parcial de módulos no réxime para as persoas adultas.

A acta de avaliación parcial de módulos axustarase ao modelo do anexo VIII desta orde.

IV. Avaliación das probas libres de técnico e técnico superior

Artigo 12º.-Avaliación das probas libres de módulos.

1. As probas libres de técnico e técnico superior avaliaranse de acordo co disposto no artigo 3º.1 desta orde. O modelo de acta axustarase ao modelo do anexo IV desta orde, coa indicación expresa Proba libre.

Artigo 13º.-Documentos do proceso de avaliación.

1. Os documentos do proceso de avaliación das ensinanzas de formación profesional son o expediente académico do alumnado, as actas de avaliación e os informes de avaliación individualizados. Os informes de avaliación e os certificados académicos son os documentos básicos que garanten a mobilidade do alumnado. O expediente académico será único para cada ciclo formativo.

2. O expediente académico do alumnado que acceda a un ciclo formativo deberá ser aberto polo instituto de educación secundaria ou centro integrado de formación profesional en que se matricule por primeira vez. A custodia e o arquivo dos expedientes correspóndelle ao secretario ou secretaria ou, no seu defecto, ao administrador ou administradora do centro. Os expedientes conservaranse no último centro en que o alumnado realizou ou rematou o ciclo.

3. O informe de avaliación individualizado incluirá as cualificacións parciais ou valoracións de aprendizaxe outorgadas ata ese momento ao alumnado, as medidas tomadas de reforzo educativo ou de flexibilización na duración das ensinanzas, as validacións ou exencións concedidas, as actividades propostas para a recuperación de módulos, e cantos outros aspectos de índole educativa se consideren relevantes.

4. Os certificados académicos expediraos a dirección do centro público, en impresos oficiais normalizados, tras a solicitude da persoa interesada. Estes certificados deberán expresar as cualificacións obtidas, tanto positivas como negativas, con expresión da convocatoria concreta, do centro educativo e do urso académico, ata a data de emisión da certificación, segundo se reflicte no anexo IX desta orde.

VI. Validacións e exencións de módulos profesionais

Artigo 14º.-Validacións de módulos profesionais pola acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Quen teña acreditada unha unidade de competencia que forme parte do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, mediante calquera título de formación profesional, certificado de profesionalidade ou parte deles, ou mediante acreditación parcial obtida a través do procedemento que estableza o Goberno, en cumprimento do disposto no artigo 8, puntos 3º e 4º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, terán validados os módulos profesionais correspondentes segundo se estableza na norma que regule cada título.

Artigo 15º.-Validacións.

O sistema de validacións de módulos profesionais dos títulos de formación profesional establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, aterase ás seguintes consideracións:

a) Os módulos profesionais que teñan idéntica denominación e duración, así como as mesmas capacidades terminais e os mesmos criterios de avaliación que os descritos nos reais decretos polos que se establece cada un dos títulos de formación profesional específica serán validables entre si, segundo o que se reflicte no anexo IV da Orde de 16 de xullo de 2002, modificada pola Orde do 8 de outubro de 2002.

b) Os módulos profesionais que, sen ter idéntica denominación, se teñen similares capacidades terminais e contidos básicos aos descritos nos reais decretos polos que se establecen as titulacións e as correspondentes ensinanzas mínimas, serán validables segundo o que se reflicte no anexo V da Orde de 16 de xullo de 2002.

c) No anexo VI da Orde do 8 de outubro de 2002 recóllense outras validacións de carácter xeral entre módulos profesionais non incluídas nas epígrafes a) e b) deste artigo.

As solicitudes de validacións de módulos profesionais consideradas nas epígrafes a), b) e c) deste artigo serán resoltas pola dirección do centro docente público onde a persoa solicitante figure matriculada.

d) Poderán ser obxecto de validación os módulos profesionais recollidos no anexo X desta orde. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria será o órgano competente para resolver a solicitude de validación.

e) Os módulos profesionais que non estean incluídos nas epígrafes anteriores deste artigo poderán ser obxecto de validación, se é o caso, polo Ministerio de Educación e Ciencia.

Artigo 16º.-Procedemento de validacións de módulos profesionais.

1. As solicitudes de validación requirirán a matrícula previa do alumnado nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas, e presentaranse perante a dirección do centro educativo dentro dos primeiros corenta e cinco días contados desde o comezo das clases. No caso de centros privados, a dirección dará traslado das solicitudes ao centro público a que estea adscrito, no prazo de cinco días. Antes do día 5 de decembro de cada ano, a dirección do centro público deberá resolver ou, de ser o caso, remitir ao órgano competente as solicitudes de validacións.

2. A solicitude formalizarase no modelo de instancia establecido para tal efecto no anexo XI desta orde e irá acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI do alumno ou alumna e da certificación académica oficial dos estudos cursados, segundo o modelo do anexo IX desta orde ou, se for o caso, do certificado de profesionalidade ou da acreditación parcial a que se refire o artigo 14º desta orde.

3. As solicitudes de validación consideradas na epígrafe d) do artigo 15º desta orde serán remitidas polo director do centro á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para a súa resolución. Xunto coa solicitude deberanse achegar, ademais da documentación anteriormente relacionada, os programas dos estudos realizados.

4. As solicitudes de validación consideradas na epígrafe e) do artigo 15º desta orde serán remitidas polo director do centro ao Ministerio de Educación e Ciencia. Xunto coa solicitude deberanse achegar, ademais da documentación anteriormente relacionada, os programas dos estudos realizados.

5. O alumnado que estea pendente de validación nalgún módulo profesional, deberá asistir ás clases e será avaliado no momento da presentación da resolución favorable desta. Se a confirmación da validación é posterior ás avaliacións finais, deberanse facer as dilixencias oportunas de modificación da cualificación en todos os documentos oficiais.

Artigo 17º.-Exención do módulo de FCT.

A exención do módulo de FCT prevista no artigo 9 da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, solicitarase segundo o modelo do anexo XII desta orde.

VII. Titulación e acreditación.

Artigo 18º.-Titulación e acreditación.

1. Para a obtención do título de técnico ou de técnico superior, cumprirá acreditar a superación de todos os módulos profesionais de que conste o correspondente ciclo formativo, así como cumprir os requisitos académicos de acceso a el, establecidos no artigo 21 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo.

2. Quen non superase na súa totalidade as ensinanzas de cada un dos ciclos formativos recibirá un certificado académico dos módulos profesionais superados que terá, ademais dos efectos académicos, efectos de acreditación parcial acumulable das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. A certificación realizarase segundo o modelo oficial que se indica no anexo XIII desta orde.

Artigo 19º.-Rexistro nas actas de avaliación.

1. En todas as actas de avaliación, parciais ou finais, así como no expediente académico do alumno ou da alumna, os módulos que como resultado do proceso de validación ou correspondencia coa práctica laboral obtivesen resolución positiva, consignaranse respectivamente coas seguintes iniciais:

-VA: validado.

-EX: exento.

2. A renuncia á matrícula rexistrarase no expediente académico do alumno ou alumna, así como nas actas de avaliación parciais ou finais mediante as iniciais RE (renuncia).

3. A baixa de oficio da matrícula rexistrarase no expediente académico do alumno ou da alumna, así como nas actas de avaliación parciais ou finais mediante as iniciais BA (baixa).

4. Nas actas de avaliación parcial de módulos, a perda do dereito á avaliación continua consignarase coas iniciais PD (perda do dereito á avaliación continua).

No caso de alumnado de segundo curso con módulos pendentes de primeiro, non será de aplicación a perda do dereito á avaliación continua para os módulos pendentes de primeiro curso.

5. Quen perdese o dereito á avaliación continua e non se presente á proba final extraordinaria recollida no artigo 2º.5. d) desta orde, cualificarase cun 1 nas actas de avaliación final de módulos.

6. No réxime ordinario, non procederá a avaliación final do módulo de FCT e do módulo de proxecto no caso de ciclos formativos de grao superior, na sesión de avaliación final de módulos de segundo curso, cando o alumnado teña módulos pendentes de primeiro ou segundo curso durante o período ordinario de realización desta.

Esta circunstancia farase constar coas inicias NA (non avaliado) e non implicará perda de convocatoria.

7. O alumnado autorizado para flexibilizar o período de escolarización, de acordo co establecido no artigo 13 da Orde do 23 de abril de 2007, será cualificado con PC (pendente de cualificar) nos módulos en que non corresponda a súa cualificación.

8. O alumnado matriculado en ciclos formativos mediante a presentación dun volante de inscrición condicional pendente de presentar unha titulación obtida no estranxeiro deberá presentar a resolución definitiva da homologación dos seus estudos con anterioridade á data da sinatura da acta da avaliación final de módulos correspondente. En caso de non facelo, o centro requiriralle a dita credencial e informarao de que de non a presentar antes desta avaliación quedará sen efectos a súa matrícula.

a) No suposto de que a resolución de homologación non se producise nos termos solicitados pola persoa interesada, quedarán sen efecto as cualificacións obtidas así como a propia matrícula, polo que o centro procederá á súa anulación.

b) Cando transcorresen os prazos de validez do volante de inscrición condicional sen que se producise resolución expresa da solicitude de homologación por causas non imputables ao solicitante, a persoa interesada deberá solicitar do órgano competente un novo volante que será remitido directamente ao centro en que o alumno ou alumna figuren matriculados, e no cal se indicará expresamente o novo prazo de vixencia. O alumnado que se atope nesta situación cualificarase con PC (pendente de cualificar) nas actas de avaliación final de módulos correspondentes. Malia o anterior, farase constar no punto de observacións as cualificacións obtidas para que se teñan en conta unha vez que se presente a resolución definitiva de homologación.

VIII. Reclamación sobre a avaliación

Artigo 20º.-Reclamación contra as cualificacións.

1. Conforme o establecido no artigo 13.4º do Real decreto 732/1995, do 5 de maio, polo que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos centros, os alumnos ou alumnas, os seus pais ou as súas nais, así como os seus titores ou as súas titoras, poderán reclamar, ante a dirección do centro, contra as decisións e as cualificacións que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais. As referidas reclamacións deberán basearse nalgún dos seguintes aspectos:

a) A avaliación que se levou a cabo como resultado do proceso de aprendizaxe do alumnado non foi adecuada aos obxectivos, contidos, criterios de avaliación e nivel, recollidos na correspondente programación didáctica.

b) Os procedementos e os instrumentos de avaliación aplicados foron inadecuados, conforme o sinalado na programación didáctica.

c) A aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos non foi correcta.

2. O procedemento e os prazos para a presentación e a tramitación das reclamacións serán os seguintes:

a) A reclamación presentarase por escrito ante a dirección do centro, no prazo máximo de dous días lectivos a partir daquel en que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.

b) O director do centro trasladará a reclamación ao departamento correspondente para que emita o oportuno informe sobre os aspectos sinalados no punto anterior, no cal deberá formularse proposta de ratificación ou rectificación na cualificación outorgada. Unha vez recibido o devandito informe, o director do centro emitirá resolución ao respecto. Este proceso estará rematado nun prazo máximo de cinco días naturais, incluída a comunicación ao alumnado, contados a partir do seguinte ao da presentación da reclamación.

c) Contra a resolución do director do centro, o solicitante poderá presentar recurso de alzada perante o delegado ou delegada provincial no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. A devandita resolución esgotará a vía administrativa.

Disposicións adicionais

Primeira.-Validación de módulos profesionais dos novos títulos de formación profesional.

De acordo co artigo 45.1º do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, serán obxecto de validación os módulos profesionais comúns a varios ciclos formativos, sempre que teñan igual denominación e se asegure o establecido na norma pola que se regule cada título en canto a duración, obxectivos, criterios de avaliación e contidos.

Segunda.-Validación do módulo profesional de formación e orientación laboral.

Quen obtivese a acreditación de todas as unidades de competencia dun título mediante o procedemento que se estableza en cumprimento do disposto no artigo 8.3º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, poderá solicitar a validación co módulo de formación e orientación laboral, consonte o establecido na norma pola que se regule cada título.

Disposicións transitorias

Primeira.-Alumnado matriculado polo réxime ordinario con anterioridade ao curso académico 2007-2008.

O alumnado matriculado en ciclos formativos polo réxime ordinario con anterioridade ao curso académico 2007-2008 rematará os seus estudos de acordo coa normativa vixente en materia de avaliación nese momento, ata esgotar o número de matrículas a que ten dereito ou ben ata a entrada en vigor dos novos títulos de formación profesional, a que se fai referencia no artigo 4 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro.

Segunda.-Vixencia das titulacións de formación profesional establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

De conformidade co establecido no artigo 18.3º do Real decreto 806/2006, polo que se establece o calendario de aplicación da Lei orgánica 2/2006, de educación, mentres non se produza a implantación dos novos títulos de formación profesional, seguirán vixentes as titulacións e os currículos derivados da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Terceira.-Validacións de módulos profesionais establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Ata a entrada en vigor dos novos títulos de formación profesional inicial a que se fai referencia no artigo 4 do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, seguirán en vigor os anexos IV e V da Orde do 16 de xullo de 2002 pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional específica de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, e o anexo VI da Orde do 8 de outubro de 2002 pola que se rectifican erros advertidos na do 16 de xullo de 2002.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 16 de xullo de 2002 pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional específica de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para desenvolver esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e seralle de aplicación ao alumnado de formación profesional inicial que se matricule a partir do curso 2007-2008.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "15400D001P007.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE