DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 08 de agosto de 2007 Páx. 13.503

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 159/2007, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de acreditación das entidades de control de calidade na edificación e se crea o Rexistro único de entidades e laboratorios acreditados na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, no seu artigo 14 define como axentes da edificación as entidades e laboratorios de control de calidade na edificación e establece as súas obrigas, entre as cales figura a de xustificar a capacidade suficiente para realizar os traballos contratados, se for o caso, a través da correspondente acreditación oficial outorgada polas comunidades autónomas con competencia na materia.

Mediante o Decreto 441/1990, do 6 de setembro, a Xunta de Galicia aprobou o sistema para a acreditación dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da construción segundo o sistema básico común ao resto das comunidades autónomas, recollido no Real decreto 1230/1989, do 13 de outubro.

Na actualidade as competencias exclusivas en materia de vivenda previstas no artigo 27.3º do Estatuto de autonomía correspóndenlle á Consellería de Vivenda e Solo, segundo se establece no Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo.

Por outra banda, a Consellería de Innovación e Industria é o órgano competente da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde, entre outros, o exercicio das competencias e funcións no ámbito enerxético.

Así mesmo, os cambios normativos na regulación da edificación durante estes últimos anos, xa sexa por transposición de directivas comunitarias como a Directiva 89/106/CEE, do 21 de decembro de 1988, sobre produtos da construción, ou a Directiva 2002/91/CEE sobre eficiencia enerxética, a mencionada Lei 38/1999, de ordenación da edificación, así como a recente aprobación do Código técnico da edificación polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, motiva a necesidade de regular o sistema de acreditación das entidades de control de calidade, establecendo as disposicións reguladoras xerais para a súa acreditación, ademais de determinar o procedemento de acreditación, así como regular as áreas de asistencia técnica en que a súa actividade se desenvolva.

A acreditación desenvolvida neste decreto é conforme cos criterios xerais de acreditación acordados pola comisión técnica para a calidade da edificación e na súa tramitación cumpriuse o trámite de audiencia a todos os axentes da edificación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galiciana súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto deste decreto é a regulación do sistema de acreditación de entidades de control de calidade da edificación (en diante ECCE) e a creación do rexistro único dos laboratorios e entidades de control de calidade na edificación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Entidades de control de calidade da edificación.

1. As entidades de control de calidade da edificación (ECCE) son axentes da edificación que prestan asistencia técnica na verificación da calidade do proxecto, dos materiais e da execución da obra e das súas instalacións de acordo co proxecto de edificación e coa normativa aplicable en calquera dos ámbitos da edificación e para calquera fase do proceso edificatorio.

Entenderase incluída nesta actividade a elaboración de estudos, supervisións, avaliacións ou calquera outra actividade relacionada coa calidade das edificacións e as súas instalacións.

2. As ECCE estarán obrigadas a:

a) Dispoñer da acreditación oficial que recoñece a capacidade suficiente de medios materiais e humanos necesarios para prestar asistencia técnica á verificación da calidade do proxecto, dos materiais e da execución das obras e as súas instalacións.

b) Prestar asistencia técnica e entregar os resultados da súa actividade ao/á axente da edificación autor/a do encargo e , segundo a fase do proceso edificatorio, ao/á ao/á proxectista, ao/á director/a da obra, ao/á director/a da execución da obra e ó/a responsable do mantemento.

3. O sistema de acreditación para a prestación da asistencia técnica para a verificación da calidade da edificación desenvólvese mediante as disposicións reguladoras das condicións xerais da acreditación establecidas neste decreto, así como mediante as disposicións reguladoras específicas das condicións técnicas das áreas de acreditación que poidan ditarse para determinadas áreas de acreditación.

Artigo 3º.-Natureza da acreditación.

1. A acreditación supón o recoñecemento expreso por parte da Administración da comunidade autónoma da capacidade da ECCE para prestar asistencia técnica na verificación da calidade descrita no artigo anterior, na forma e coas condicións que se regulan neste decreto e nas disposicións que o desenvolvan.

2. A acreditación concederase a unha ECCE determinada e, en consecuencia, non pode ser transferida.

3. A acreditación outorgarase a unha ECCE con carácter específico para a área de acreditación en que se inscribe, sen que en ningún caso poida entenderse outorgada con carácter xeral.

4. Aínda que a acreditación supón o recoñecemento pola Administración da capacidade técnica das ECCE para realizar axeitadamente os traballos contratados, estas serán responsables das súas actuacións e resultados.

Artigo 4º.-Áreas de acreditación.

1. As áreas de acreditación son os distintos ámbitos técnicos en que unha ECCE pode prestar asistencia técnica.

2. Os ámbitos técnicos indicados no número anterior virán definidos en función:

2.1. Do ámbito da edificación en que a ECCE desenvolve a súa actividade, utilizando as clasificacións que se indican no artigo 2.1º da Lei 38/1999, do 5 de novembro:

Grupo A: edificacións cuxo uso principal sexa administrativo, sanitario, relixioso, residencial en todas as súas formas, docente, cultural e social.

Grupo B: edificacións cuxo uso principal sexa aeronáutico, agropecuario, da enerxía, da hidráulica, mineiro, de telecomunicacións (referido á enxeñaría das telecomunicacións), do transporte terrestre, marítimo, fluvial e aéreo, forestal, industrial, naval, da enxeñaría do saneamento e hixiene e accesorio ás obras de enxeñaría e a súa explotación.

Grupo C: todas as demais edificacións cuxos usos non estean expresamente relacionados nos Grupos anteriores.

2.2. En función da fase do proceso edificatorio en que se desenvolva a súa actividade. As fases en que se divide o proceso edificatorio serán as seguintes:

Proxecto, fase na cal a ECCE verifica e avalía a solución técnica recollida no proxecto básico e/ou de execución segundo a normativa técnica aplicable.

Obra, fase na cal a ECCE inspecciona e determina a adecuación do executado ao proxecto de execución e a normativa técnica aplicable.

Mantemento, fase na cal a ECCE verifica e avalía o plan de mantemento do edificio construído, e efectúa a inspección e análise, determinando as accións correctoras fronte ás distintas patoloxías detectadas durante o proceso edificatorio ou que se manifesten posteriormente á construción do edificio).

2.3. Segundo as diferentes áreas de coñecemento técnico específicas determinantes na verificación da calidade das edificacións.

3. Cada área de acreditación virá definida e regulada por disposicións técnicas específicas, que establecerán as subclasificacións que procedan atendendo, entre outros criterios, os requisitos básicos da edificación, cometidos a desenvolver e características dos proxectos e das obras que hai que controlar.

4. As ECCE interesadas poderán acreditarse nunha ou máis áreas de acreditación, de acordo coa profesionalidade e capacidade técnica que xustifiquen.

5. As ECCE acreditadas nunha ou varias áreas deberán ter establecidos e documentados os mecanismos necesarios que garantan o cumprimento dos requisitos e obrigas establecidos para cada unha.

Artigo 5º.-Condicións xerais da acreditación.

Toda ECCE deberá cumprir as seguintes condicións xerais:

1. Ter personalidade xurídica propia e radicar ou ter representación legal na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Manter a independencia e imparcialidade respecto dos/das axentes intervenientes en calquera fase do proceso construtivo, de xeito que os ditames e actuacións dunha ECCE acreditada non serán válidos se neles interveñen persoas físicas ou xurídicas, propietarias da citada entidade acreditada, que teñan participación no capital da persoa xurídica ou que formen parte dos órganos de dirección ou do persoal técnico destes, sen prexuízo da responsabilidade civil, administrativa ou penal en que poidan incorrer de acordo co establecido na lexislación vixente.

3. Garantir a confidencialidade da información obtida durante o transcurso das súas actuacións.

4. Ter implantado un sistema de calidade eficaz, axeitado ao tipo, alcance e volume de traballo realizado, que estará documentado na súa totalidade no manual de calidade, cos seus correspondentes rexistros de datos e arquivos documentais, específico para o centro de traballo e actividades acreditadas realizado con base na norma UNE-EN ISO/IEC 17020 ou equivalentes que a substitúan e ás exixencias das disposicións deste decreto e disposicións que o desenvolvan.

5. Dispoñer da solvencia técnica e financeira e dos medios materiais e humanos precisos para realizar a asistencia que se contrate, segundo as disposicións técnicas correspondentes para as distintas áreas de acreditación.

6. Se for o caso, e con carácter voluntario, aseguranza da responsabilidade civil das súas actuacións segundo a área de acreditación.

Artigo 6º.-Condicións técnicas das áreas de acreditación.

As disposicións técnicas específicas que se diten deberán determinar polo menos os seguintes aspectos:

a) Medios humanos:

-Relación detallada da preparación e titulación académica da dirección técnica.

-Número e preparación dos/das técnicos/as de área e a experiencia.

-Persoal administrativo suficiente, adecuados ás áreas en que se encontren acreditados.

b) Medios materiais e equipamentos:

-Os medios e equipamentos idóneos que permitan levar a cabo as actividades relacionadas cos servizos de asistencia técnica ás áreas en cuestión.

-A entidade deberá contar con regras claras que permitan o acceso e o uso dos medios e equipamentos especificados e asegurar a idoneidade continuada dos medios e equipamentos para o uso a que están destinados.

c) Procedementos e métodos de verificación:

-Farán referencia ás condicións ou requisitos dos procedementos de actuación na verificación da calidade e na emisión de informes.

-Deberá contemplarse coa debida separación os procedementos de inspección de proxectos, dos materiais, da execución da obra de edificación e das instalacións.

d) Informes de verificación:

-As entidades documentarán a asistencia técnica para as que se encontren acreditadas nos correspondentes informes, nos cales se reflectirán todos os resultados das verificacións de calidade realizadas.

-Os mencionados documentos deberán conter polo menos a seguinte información:

* Nome e enderezo da entidade, así como o número da acreditación e data da súa concesión ou última renovación.

* Identificación da edificación obxecto de control. Número do informe.

* Os datos dos/das axentes da edificación que interveñen en cada caso na edificación obxecto da verificación da calidade: promotor/a, construtor/a, proxectista, director/a de obra, director/a de execución material da obra, os laboratorios de ensaios de materiais e subministradores de produtos.

* Descrición do obxecto da verificación ou verificacións realizadas e o método aplicado, así como a normativa técnica aplicable.

* Número de verificacións efectuadas, así como, se for o caso, o obxecto de cada unha delas, as datas de realización e o resultado da inspección incluíndo a conformidade, non conformidade, ou reserva.

* Nome e sinatura dos/as técnicos/as responsables da verificación, así como do/a director/a técnico da entidade de control de calidade da edificación (ECCE).

* Nos informes deberán quedar debidamente identificados os elementos construtivos que en cada caso sexan obxecto de verificación e as súas principais características.

* Os citados informes deberán posuír un número de identificación única e deberán ir numerados en cada unha das súas páxinas con referencia ao número total de páxinas.

e) Rexistro de verificación e arquivo:

Manterase un rexistro en que se indiquen todos os informes emitidos, figurando polo menos a seguinte información:

-Número de informe.

-Identificación da edificación.

-Data da encarga e do informe.

-O obxecto da verificación.

-A identificación do/a técnico/a responsable dela.

Cada ECCE manterá actualizado un único rexistro en que se indiquen todos os informes das áreas en que se encontren acreditadas.

Igualmente as ECCE acreditadas están obrigadas a manter arquivada unha copia de cada informe ata transcorridos cinco anos desde a finalización do prazo de responsabilidade civil que corresponde á materia obxecto de cada un deles na Lei 38/1999, de ordenación da edificación.

f) Subcontratación:

A ECCE deberá levar a cabo os traballos que contrate polos seus propios medios.

Cando, excepcionalmente, unha ECCE subcontrate algunha parte da asistencia técnica, debe asegurarse de que o seu subcontratista cumpre coas condicións de acreditación exixibles na área correspondente. A ECCE, tras informar o cliente por escrito, deberá contar coa súa conformidade previa por escrito.

En calquera caso, a subcontratación non exime a ECCE da súa responsabilidade ante a Administración.

Artigo 7º.-Órgano acreditador na comunidade autónoma.

O órgano acreditador das ECCE na Comunidade Autónoma de Galicia, será a Consellería de Vivenda e Solo a través da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

No ámbito das ECCE enerxéticas solicitarase á Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a emisión dun informe previo, que terá caracter preceptivo e vinculante.

Artigo 8º.-Auditorías técnica e de calidade.

A Consellería de Vivenda e Solo poderá establecer, para as áreas de acreditacións que se determinen, a intervención de entidades colaboradoras (reguladas polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguranza industrial) para a realización de auditorías técnicas e de calidade, reservando, en todo caso, para a administración as actuacións de inspección.

Así mesmo, determinará as condicións en que actuarán estas entidades.

Capítulo II

Procedemento de acreditación

Artigo 9º.-Solicitude de acreditación.

1. Para obter a acreditación, o/a representante legal da entidade de control que desexe ser acreditada deberá presentar solicitude, dirixida á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Consellería de Vivenda e Solo, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos, xerais da acreditación e específicos das áreas en que se propoña desenvolver a súa actividade, xunto co xustificante de ter aboado a taxa correspondente.

A solicitude deberá conter o seguinte:

a) Datos de identificación do/a solicitante, debéndose xuntar, segundo sexa procedente, número de identificación fiscal, a escritura ou título de constitución, os estatutos, o poder de representación, o código de identificación fiscal e a inscrición no rexistro correspondente.

b) Identificación do domicilio ou sede da entidade de control.

c) Acreditación de estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

d) Organigrama da entidade de control.

e) Relación de persoal directivo, técnico, e auxiliar da entidade de control, con indicación da súa titulación profesional, cualificación e experiencia, funcións e responsabilidades e relación laboral, debidamente documentada.

f) Medios e recursos materiais de que dispón a entidade de control, con indicación das súas características.

g) Seguro de responsabilidade civil, presentando para o efecto certificado da compañía aseguradora sobre as condicións xerais e específicas da póliza subscrita, con indicación de actividades acreditadas.

h) Indicación expresa da área técnica para a cal se solicita a acreditación, coa documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos esixibles polas disposicións específicas establecidas para a área en que pretenda acreditarse.

i) Compromiso de cumprir as condicións e obrigas previstas neste decreto e nas disposicións técnicas de desenvolvemento del.

j) Declaración de incompatibilidades segundo o artigo 4º.

k) Compromiso de imparcialidade, independencia e confidencialidade.

l) Manual de calidade, implantado conforme a Norma UNE-EN ISO/IEC 17020 ou equivalente que a complemente ou substitúa, específico da entidade de control e das actividades a acreditar.

2. Se a solicitude non contén os documentos indicados, requirirase o/a interesado/a, segundo prevé o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que no prazo de 10 días emende as carencias observadas ou complemente os documentos omitidos indicándolle que se así non o fixer terase por desistido da súa petición, arquivándose esta despois de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Artigo 10º.-Resolución de acreditación.

1. Completada a documentación, a persoa titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, da Consellería de Vivenda e Solo resolverá, despois de inspección, sobre a acreditación da entidade de control.

2. As resolucións da persoa titular da dirección xeral de outorgamento da acreditación, extinción, renovación, ampliación, traslado de domicilio ou modificación da titularidade, reflectiranse no asento correspondente do rexistro único de laboratorios e entidades de control de calidade da edificación creado segundo o artigo 17º.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses, desde o día da recepción da solicitude. Transcorrido o devandito prazo sen que se notificase resolución expresa, a solicitude de acreditación considérase estimada.

4. A acreditación terá validez por un período de 5 anos a partir do seu outorgamento polo órgano acreditador.

5. As resolucións da persoa titular da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda poderán ser impugnadas en alzada ante a persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 11º.-Publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

Unha vez acreditadas as ECCE segundo o procedemento establecido, a Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda tramitará a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e procederá a súa inscrición de oficio no rexistro único de laboratorios e entidades de control de calidade da edificación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Recoñecemento doutras acreditacións.

A Consellería de Vivenda e Solo poderá recoñecer, logo de solicitude, a acreditación outorgada por outras comunidades autónomas que teñan un sistema de acreditación equivalente, e autorizar a inscrición no rexistro, unha vez comprobado o cumprimento documental das exixencias establecidas polas distintas áreas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Renovación, modificación e extinción da acreditación

Artigo 13º.-Renovación da acreditación.

A renovación dunha acreditación concedida a unha ECCE deberá solicitarse ao organismo acreditador seis meses antes de expirar o prazo de cinco anos de vixencia, no caso de querer prorrogar a devandita acreditación.

Artigo 14º.-Modificacións.

1. Calquera modificación sobre as condicións de organización administrativa ou doutra clase, que fosen tomadas en consideración para a acreditación da ECCE, deberá poñerse en coñecemento do organismo acreditador da Consellería de Vivenda e Solo no prazo de trinta días desde que a modificación se producise e acompañada da documentación xustificativa correspondente.

2. O órgano acreditador poderá solicitar a información que precise sobre o grao en que as modificacións pretendidas afecten o cumprimento das actuacións, autorizando ou denegando a solicitude de modificación baseándose na súa adecuación aos requisitos exixidos para a acreditación, e procedendo, se for o caso, ao correspondente asento no rexistro único.

3. Se as modificacións afectaren as condicións técnicas de acreditación ou a inscrición no rexistro único, a Administración poderá iniciar o procedemento de extinción previsto no seguinte artigo.

4. No caso de que unha ECCE acreditada solicite ampliar a súa acreditación a outra área, ou a outras clasificacións dentro da mesma área, actuarase de acordo co procedemento establecido nesta disposición para unha nova acreditación. Neste caso, a avaliación técnica da ECCE poderá limitarse a aspectos relacionados coa ampliación solicitada.

5. Os traslados de domicilio e os cambios de titularidade serán considerados para todos os efectos como unha modificación.

6. As modificacións so producirán efectos con respecto a terceiros a partir da súa anotación no rexistro único.

Artigo 15º.-Extinción da acreditación.

1. Son motivos de extinción da acreditación dunha ECCE:

a) A petición propia da persoa interesada.

b) A modificación das condicións que lexitimaron a acreditación sen autorización.

c) A non corrección das deficiencias constatadas pola inspección.

d) A non solicitude de renovación da acreditación dentro do prazo establecido.

2. En caso de proposta de extinción da acreditación, esta tramitarase segundo o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común garantindo a audiencia ó interesado.

3. A extinción da acreditación comunicarase ao interesado e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo IV

Inspección da acreditación

Artigo 16º.-Inspección da acreditación.

1. O organismo competente da comunidade autónoma que concedeu a acreditación comprobará que a entidade acreditada segue satisfacendo as exixencias para as cales foi acreditada.

Para iso inspeccionará, ao menos unha vez ao ano, a ECCE acreditada para comprobar que satisfai as exixencias das áreas en que estean acreditadas.

2. Os/as inspectores/as terán acceso ao manual de calidade e ao rexistro de verificacións en que se indican as asistencias técnicas prestadas ou en curso.

3. Os/as inspectores/as comprobarán o cumprimento das condicións exixibles e levantarán acta da inspección en que figurarán as non conformidades que detectasen, das cales se lle dará traslado á ECCE.

4. A ECCE proporá o plan de accións correctoras que deberá poñer en marcha para corrixilas e o seu prazo de implantación.

5. Á vista da acta de inspección e do plan de accións correctoras, o organismo acreditador poderá aceptalas ou ordenar a realización das que considere oportunas. En ambos os casos poderá ordenar a realización de inspeccións extraordinarias para comprobar o peche das non conformidades.

6. A non implantación das accións correctoras pola ECCE nos prazos establecidos dará lugar á extinción da acreditación.

7. Poderanse realizar inspeccións complementarias con carácter excepcional por parte do organismo acreditador de oficio ou motivadas por informacións que cheguen ao seu coñecemento.

Capítulo V

Rexistro de laboratorios e entidades de control de calidade da edificación

Artigo 17º.-Rexistro único de laboratorios e entidades de control de calidade da edificación.

1. Créase o rexistro único de laboratorios e entidades de control de calidade da edificación no cal se inscribirán os laboratorios de control de calidade acreditadas segundo o Decreto 441/1990, do 6 de setembro, así como as entidades de control de calidade da edificación (ECCE) acreditadas segundo este decreto e disposicións que o desenvolvan.

2. O rexistro, que terá carácter público, producirá efectos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia sendo independente de calquera outro que exista ou que poidan crear outros organismos públicos.

3. A Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda realizará a inscrición dun laboratorio ou ECCE no rexistro, unha vez publicada a súa acreditación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, incluirase no rexistro a inscrición daquelas entidades acreditadas por outras CC.AA. que o soliciten e cumpran cos requisitos establecidos no artigo 12 deste decreto.

A información relativa ás ECCE enerxéticas será de uso compartido coa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Artigo 18º.-Xestión do rexistro.

O rexistro estará adscrito á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, a quen corresponderá expedir as oportunas certificacións sobre os laboratorios e entidades de control de calidade inscritas nel, así como a súa publicidade informática.

Artigo 19º.-Seccións.

O rexistro contará con dúas seccións, unha correspondendente aos laboratorios e outra ás entidades de control de calidade da edificación. Os números de orde no rexistro irán precedidos polas letras L ou E respectivamente.

Artigo 20º.-Asentos.

1. Os asentos do rexistro serán de tres clases: de ingreso, de baixa e complementarios.

Asentos de ingreso: son asentos de ingreso as anotacións relativas á acreditación, ampliación e renovación da acreditación, así como as de cambio de titularidade, traslado de domicilio e as de recoñecemento da acreditación outorgada por outros organismos.

Asentos de baixa: son asentos de baixa as anotacións relativas á extinción da acreditación.

Asentos complementarias: son asentos complementarios as anotacións relativas ás modificacións dos requisitos exixidos para a inscrición da acreditación.

2. De cada un dos asentos expresados no númeroanterior anotaranse os seguintes datos:

a) Asentos de ingreso:

* Número de inscrición no rexistro.

* Razón social ou denominación.

* Domicilio do centro de traballo acreditado.

* Número de identificación fiscal ou código de identificación fiscal.

* Nome e DNI do/a representante legal.

* Áreas acreditadas.

* Nome e titulación da dirección técnica e responsables técnicos/as.

* Entidade aseguradora con que se contratou o seguro voluntario de responsabilidade civil. Número de póliza.

* Data da resolución.

* Data da publicación no Diario Oficial de Galicia ou, se for o caso, da comunidade autónoma correspondente.

* Data límite de validez.

* Empresas vinculadas e clase de vinculación.

b) Asentos de baixa:

* Motivo determinante da suspensión ou extinción.

* Período de suspensión, se for o caso.

* Áreas revogadas.

* Data da resolución.

* Data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

c) Asentos complementarios:

* Expresión do contido da modificación.

* Extracto da modificación autorizada.

* Data de autorización.

* Data da anotación no rexistro.

Disposición transitoria

A Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda incorporará de oficio no Rexistro único de laboratorios e entidades de control de calidade da edificación as acreditacións vixentes dos laboratorios de control de calidade.

Disposición derrogatoria

Derróganse os artigos 3º e 4º do Decreto 441/1990, do 6 de setembro, polo que se aproba o sistema para a acreditación de laboratorios de ensaio para o control de calidade da construción con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Facúltase a titular da Consellería de Vivenda e Solo para ditar as disposicións reguladoras específicas das áreas de acreditación e para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Mª Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo