DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 08 de agosto de 2007 Páx. 13.444

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral.

Preámbulo

A Constitución española no seu artigo 9.2º establece que «lles corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social».

Por outra banda, o artigo 35.1º da Constitución establece que «todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfaceren as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso se poida facer discriminación por razón de sexo».

Do mesmo xeito, o artigo 4.2º do Estatuto de autonomía de Galicia reitera o mandato dirixido a todos os poderes públicos para que promovan as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, e sinala así mesmo que lles corresponde remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

É manifesto que a falla de emprego provoca numerosos efectos colaterais, tales como desmotivación persoal, descoñecemento e abandono de hábitos sociais e laborais, convertendo os individuos en persoas desadaptadas persoal e profesionalmente, abocándoos inexorablemente á marxinación social e profesional. Por iso, o acceso ao mundo laboral constitúe o primixenio dunha cadea de elos que culminan no proceso de integración social, ao constituír o traballo non só unha fonte de ingresos senón o paso a toda unha tupida rede ou tecido de relacións sociais que posibilitan a súa correcta integración social e laboral.

En consecuencia, facilitar o acceso a un emprego a aqueles sectores da poboación que teñen especiais dificultades de entrada no mercado laboral debe constituír un obxectivo prioritario de calquera política de emprego eficaz, sen menoscabo da súa dimensión social e asistencial como medio para lograr unha maior inserción social.

É necesario por iso amparar e potenciar cantas iniciativas e empresas emerxan para paliar e erradicar esta situación de desarraigamento e exclusión social, mesturando o bo facer empresarial co uso de novidosas metodoloxías que fagan posible a inclusión destes colectivos sociais en procesos de inserción laboral.

Dentro deste conxunto encádranse as denominadas empresas de inserción laboral, cuxa finalidade é posibilitar o acceso ao emprego de colectivos desfavorecidos, mediante o desenvolvemento dunha actividade produtiva na que se combinan formación e emprego, posibilitando a adquisición de experiencia e habilidades laborais mediante o desempeño dun posto de traballo, que permita adquirir a cualificación profesional e a produtividade necesaria como paso previo para acceder á empresa ordinaria.

A regulación das empresas de inserción laboral ten a súa base na disposición adicional novena da Lei 12/2001, do 9 de xullo, de medidas urxentes da reforma do mercado de traballo para o incremento do emprego e a mellora da súa calidade, que considera empresas de promoción e inserción laboral de persoas en situación de exclusión social, calquera que sexa súa forma xurídica e actividade económica, aquelas que dediquen habitualmente non menos do 30 por 100 dos seus postos de traballo ao emprego de persoas destes colectivos.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva en materia de asistencia social, no seu artigo 29.1º outórgalle a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral e no artigo 30 I.1 para o fomento e planificación da actividade económica en Galicia conforme as bases e a ordenación da actuación económica xeral, competencias que comprenden a execución pola comunidade autónoma das políticas activas de emprego.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar segundo o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o departamento da Administración autonómica ao que corresponde o exercicio, como propias, das competencias e funcións en materia de benestar e inclusión social, servizos comunitarios e atención aos discapacitados.

Pola súa banda, segundo o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle á Consellería de Traballo o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego, política laboral.

Este decreto establece o marco que posibilite o acceso destas empresas ás axudas que compensen os maiores custos que implican a contratación destas persoas pertencentes a colectivos con problemas de exclusión social. Para iso faise uso da competencia exclusiva atribuída á comunidade autónoma en materia de asistencia social.

O decreto artéllase en 6 capítulos que abranguen 22 artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.

No capítulo primeiro referido a disposicións xerais defínese o obxecto da norma, enumera, con carácter non taxativo, os posibles beneficiarios da inserción laboral, expresando de xeito directo aqueles casos que atopamos na realidade, pero deixando aberta a posibilidade de que os servizos sociais e o Servizo Público de Emprego de Galicia poidan incluír aquelas persoas que non estando en ningunha das situación descritas, precisen estalo.

Así mesmo enuméranse os requisitos que deben reunir as empresas de inserción laboral para poder ser cualificadas como tales e neste sentido óptase, máis que pola forma xurídica, pola verdadeira finalidade que estas perseguen e polas actividades que desenvolven, tratando de primar a inserción sobre a finalidade empresarial, pero sen eliminar a posibilidade de acadar empresas de inserción laboral que poidan chegar a ser economicamente viables.

No capítulo II regúlase a creación do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral establecendo un procedemento de cualificación rexistral e enumerando do xeito máis polo miúdo posible os requisitos, como corresponde ao rango da norma. Tamén neste capítulo e de maneira pormenorizada, se enumeran as obrigas rexistrais subseguintes á cualificación, así como as causas da perda de calidade de empresa de inserción laboral.

No capítulo III faise unha concreta enumeración e recompilación das competencias das distintas administracións implicadas e no capítulo IV regúlase o proceso de incorporación a unha empresa de inserción laboral e o concepto de convenio de inserción, xunto cos tipos de contratación nas empresas de inserción e as obrigas e dereitos de cada unha das partes, empresa e traballador.

Anúncianse no capítulo V as medidas de fomento que ás empresas de inserción poderá destinar a Administración, con carácter enunciativo.

Por outro lado, no capítulo VI referido a avaliación e inspección dos procesos de inserción, establécese a previsión de procesos de control e avaliación tanto do cumprimento dos requisitos, da finalidade como, e sobre todo, dos dispositivos tendentes a lograr a verdadeira finalidade deste tipo de empresas, que non é outra que encamiñar e introducir no mercado ordinario de traballo persoas ou colectivos que estaban excluídos del ou a punto de estalo.

Por último, na disposición adicional establécese a regulación específica para as sociedades cooperativas e as sociedades laborais que se acollan ás previsións deste decreto e na disposición transitoria concédese un período transitorio para que aquelas entidades que xa viñan operando como de inserción poidan adaptarse á nova normativa.

Na súa virtude, por iniciativa do vicepresidente da Igualdade e do Benestar e do conselleiro de Traballo e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, oído o Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto deste decreto é establecer o marco normativo que permita promover a inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, mediante o establecemento de medidas de fomento ás empresas de inserción laboral.

2. Este decreto será de aplicación ás empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para o cumprimento deste obxectivo, este decreto:

a) Delimita as situacións que poden determinar a adopción das medidas de fomento que establece.

b) Define as características que debe ter unha persoa xurídica para ser considerada empresa de inserción laboral.

c) Regula as actividades destas empresas nos procesos de inserción.

d) Determina os requisitos necesarios e o procedemento para incorporar as persoas afectadas polas situacións de exclusión social nas empresas de inserción.

e) Crea o Rexistro de Empresas de Inserción Laboral de Galicia.

f) Establece medidas de fomento da actividade das empresas de inserción.

Artigo 2º.-Suxeitos e beneficiarios da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción.

1. A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción vai dirixida a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social nas que concorran un ou varios factores de exclusión relacionados neste artigo.

2. Para os efectos deste decreto son factores de exclusión sociolaboral os seguintes:

-A discapacidade física, psíquica ou sensorial, ou a enfermidade mental, en graos que dificulten pero non imposibiliten a súa inserción laboral ordinaria.

-A condición de persoa en proceso de rehabilitación e socialización normalizada, por proceder dunha situación de desestruturación persoal e familiar, de conflito co contorno, ou rexeitamento social, tales como adiccións a drogas ou alcohol, o exercicio de prostitución, o cumprimento de penas privativas de liberdade, etc.

-A situación de cargas familiares non compartidas, agravadas por outros factores ou carencias persoais ou familiares.

-A condición de inmigrante ou emigrante retornado, cando, polas súas características ou circunstanciais persoais, presenten especiais dificultades de integración no mercado laboral.

-A condición de persoa sen fogar.

-A procedencia de institucións de protección ou reeducación de menores.

-A condición de muller vítima de violencia de xénero que, por proceder de recursos específicos de acollida ou por calquera outra circunstancia, implique especiais dificultades de integración laboral.

-A pertenza a determinadas minorías étnicas cando tal condición implique especiais problemas de integración laboral.

-Calquera outro factor non previsto expresamente neste artigo sempre que, ponderado polos servizos sociais no contexto persoal, familiar e social da persoa, se considere que condiciona gravemente a súa empregabilidade.

Poderán ser ademais beneficiarios da inserción laboral a través de empresas de inserción:

-As persoas beneficiarias da Renda de integración social de Galicia ou prestación de natureza equivalente e outros usuarios e usuarias do Plan galego de inclusión social, así como as perceptoras de axudas a vítimas de violencia de xénero xestionadas pola Comunidade Autónoma.

-As persoas en situación ou risco de exclusión social que non accedan á dita prestación por falta do período de residencia ou empadroamento, características da unidade de convivencia, obriga de alimentos, idade ou tempo máximo de percepción.

As persoas desempregadas inscritas ininterrompidamente na oficina de emprego durante dous anos, as persoas desempregadas durante un período superior a doce meses maiores de corenta e cinco anos e as admitidas no programa que contempla a axuda específica denominada Renda activa de inserción que o soliciten e que a criterio do Servizo Público de Emprego de Galicia ou entidades asociadas, requira a súa inclusión nun proceso de inserción a través dunha empresa de inserción laboral e que, en todo caso, se atopen en situación ou risco de exclusión social.

3. O acceso dunha persoa a unha empresa de inserción debe ir precedido da cualificación do interesado/a como beneficiario/a para os efectos deste decreto, polo departamento da Administración autonómica con competenciais en materia de servizos sociais. Para tal fin os servizos sociais do concello de residencia do interesado emitirán un informe, preceptivo e non vinculante, no que se acredite a súa situación de exclusión social, de conformidade coas situacións e factores descritos no punto anterior e as súas especiais dificultades de acceso ao mercado laboral.

Tras a cualificación do interesado/a como beneficiario/a da inserción laboral, o Servizo Público de Emprego emitirá un informe no que se acrediten, con carácter previo á formalización do contrato cunha empresa de inserción, os seguintes extremos:

-A condición de demandante de emprego do interesado/a.

-A súa idoneidade profesional para o posto de traballo de que se trate.

Artigo 3º.-Concepto de empresa de inserción laboral.

1. Teñen a consideración de empresa de inserción aquelas estruturas produtivas de bens ou servizos, que teñan por finalidade primordial do seu obxecto social a incorporación ao mercado laboral de persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento precisos para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

2. Poden ser cualificadas como empresas de inserción as sociedades mercantís, sociedades laborais, sociedades cooperativas, ou calquera outro tipo de organización societaria civil ou mercantil legalmente constituídas e que cumpran o que establece este decreto.

Tamén poderán ser cualificadas como empresas de inserción as entidades sen ánimo de lucro que no período fixado na correspondente disposición transitoria, se adecúen a esta norma, e sexan inscritas no rexistro correspondente.

3. A finalidade primordial destas empresas debe acreditarse co cumprimento dos requisitos exixidos polo artigo 4º.

Artigo 4º.-Requisitos para a cualificación como empresa de inserción laboral.

As empresas de inserción, ademais de cumprir o establecido polo artigo 3º, deben cumprir os requisitos seguintes:

a) Proporcionarlles ás traballadoras e traballadores en procesos de inserción medidas personalizadas de apoio, entendendo por tales:

-Unha formación dirixida á aprendizaxe dunha determinada actividade profesional e a adecuación do nivel formativo, ou as competencias profesionais ás exixencias do mercado de traballo.

-O establecemento de pautas de funcionamento destinadas á adquisición de hábitos sociais de traballo.

-O acompañamento social encamiñado a satisfacer e resolver problemáticas persoais e de convivencia que poidan impedir ou dificultar o normal desenvolvemento do proceso de adaptación social.

b) Ser promovidas e participadas por unha ou varias entidades promotoras, de acordo co establecido no artigo 5º. Esta participación debe ser polo menos do 51% do capital social no caso de sociedades mercantís, dun 49% no caso de sociedades laborais e dun tercio do capital social no caso de sociedades cooperativas.

c) Manter, en cómputo anual, un mínimo do 30% de traballadores en proceso de inserción con respecto ao total do cadro, sen prexuízo dos límites establecidos pola normativa específica de sociedades cooperativas e de sociedades laborais en materia de contratación.

En ningún caso o número de persoas en proceso de inserción debe ser inferior a dous, salvo nas empresas de catro ou menos traballadores en que polo menos deberán ter un traballador en proceso de inserción. Para acreditar a porcentaxe indicada computaranse tanto os traballadores por conta allea como os socios traballadores integrantes deste tipo de empresas.

Os indicados mínimos deberán entenderse en cómputo horario a tempo completo.

d) Non ter vinculados os balances, as contas de resultados e o patrimonio a actividades económicas distintas das do obxecto social.

e) Aplicar o 100% dos resultados ou dos excedentes dispoñibles obtidos en cada exercicio económico á mellora ou ampliación das estruturas produtivas e de inserción, ou a programas de inserción sociolaboral das entidades promotoras

Artigo 5º.-Entidades promotoras.

Teñen a consideración de entidades promotoras as entidades ou corporacións de dereito público e as entidades sen ánimo de lucro e fundacións cun obxecto social que inclúa a inserción social de persoas en situación ou risco de exclusión social que promovan a constitución de empresas de inserción.

Capítulo II

Rexistro administrativo de empresas de inserción laboral de Galicia

Artigo 6º.-Rexistro e cualificación.

1. Créase no centro directivo competente en materia de promoción do emprego do departamento competente en materia de traballo o Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia, que ten por obxecto a cualificación e a inscrición destas empresas, así como os actos que se determinan neste decreto e nas normas que o desenvolvan.

2. O Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia é un rexistro público que expide as certificacións que son da súa competencia.

3. A empresa que solicite a súa cualificación como de inserción e a inscrición no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia deberá presentar a documentación que acredite:

a) Estar constituída legalmente e inscrita no rexistro correspondente a súa natureza xurídica.

b) O cumprimento dos requisitos establecidos para esta cualificación neste decreto, mediante o procedemento que, para o efecto, se estableza na súa normativa de desenvolvemento.

A inscrición rexistral producirase en virtude de resolución do titular do centro directivo competente en materia de promoción do emprego.

4. As empresas de inserción deben incluír na súa denominación as palabras Empresa de Inserción Laboral ou a abreviatura correspondente, E. I. L.

5. A obtención da cualificación de empresa de inserción por unha persoa xurídica non se considera, en ningún caso, transformación social.

Artigo 7º.-Información suxeita a constancia rexistral.

As empresas de inserción, unha vez inscritas, están obrigadas a presentar no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia o seguinte:

a) A documentación acreditativa das modificacións estatutarias que afecten a súa cualificación no prazo de dous meses desde a súa inscrición no rexistro correspondente á súa forma xurídica.

b) O plan de actividades e o orzamento anual con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

c) As contas anuais e o informe de xestión correspondente ao peche de cada exercicio económico.

d) Un balance social anual no que se informe dos resultados obtidos en materia de inserción sociolaboral dos traballadores ocupados nelas.

O prazo para a elaboración dos documentos sinalados nos apartados c) e d) e para a súa presentación será de seis meses, contados desde a data do peche do exercicio.

Artigo 8º.-Perda da cualificación de empresa de inserción laboral.

1. Son causas de descualificación como empresa de inserción:

a) O incumprimento da finalidade primordial de integración sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social.

b) O incumprimento ou perda dalgún dos requisitos necesarios para ser considerada empresa de inserción.

c) O incumprimento de forma continuada das obrigas inherentes a súa propia natureza, incluídos os incumprimentos en materia de inscrición e constancia rexistral.

d) A transformación nunha sociedade doutra natureza, sen prexuízo do dereito da nova sociedade a solicitar a súa cualificación como empresa de inserción.

e) A transformación nunha nova sociedade, aínda que sexa da mesma natureza, por fusión de dous ou máis entidades preexistentes ou por absorción, sen prexuízo do dereito da nova sociedade a solicitar a súa cualificación como empresa de inserción.

f) A creación dunha ou máis sociedades por segregación doutra preexistente, sen prexuízo do dereito das sociedades segregadas a solicitar a súa cualificación como empresa de inserción.

g) O peche da empresa ou a disolución da sociedade.

2. A descualificación como empresa de inserción debe ser acordada, previa audiencia da entidade interesada, mediante resolución do director ou directora xeral de Promoción do Emprego, previo expediente administrativo tramitado para o efecto.

3. A descualificación, unha vez esgotada a vía administrativa, produce de oficio efectos de baixa rexistral, pero non implica a disolución da sociedade.

4. Toda empresa de inserción pode, en calquera momento, solicitar a súa descualificación como tal, o que produce a perda desta condición e a baixa no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, sempre que iso non comporte ningún prexuízo ás persoas en proceso de inserción.

Capítulo III

Competencias das administrativas públicas

Artigo 9º.-Competencias das administracións públicas.

1. É competencia do departamento competente en materia de servizos sociais:

-A cualificación da condición de beneficiario, para os efectos deste decreto, á vista do informe emitido polos servizos sociais do concello de residencia do interesado.

-A avaliación e acreditación dos resultados dos procedementos de inserción sociolaboral.

2. É competencia do Servizo Público de Emprego de Galicia:

-Certificar, antes da subscrición do contrato, se o traballador ou traballadora, nos dous anos anteriores á contratación que se pretende levar a cabo, prestou servizos en virtude dun contrato para a adaptación sociolaboral, así como, se procede, o tempo de servizos prestados.

-Facilitarlles, se procede, procesos de orientación e formación profesional aos traballadores, con carácter previo á subscrición do contrato e despois de que este finalice.

-Rexistrar os contratos de traballo para a adaptación sociolaboral que se formalicen.

-Cualificar e descualificar as empresas de inserción laboral e levar o Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia.

3. Os organismos mencionados nos apartados 1 e 2, no ámbito das súas competencias respectivas, deben:

-Facer un seguimento dos itinerarios e dos procesos de inserción dos traballadores, e prestar apoio aos traballadores que se incorporen a un posto de traballo de carácter ordinario, unha vez finalizado o proceso de inserción.

-Facilitar o persoal necesario para tutelar axeitadamente o proceso de inserción laboral.

Capítulo IV

Proceso de incorporación a unha empresa

de inserción laboral

Artigo 10º.-Inicio do procedemento.

1. A incorporación dunha persoa a unha empresa de inserción deberá tramitarse desde o servizo social do concello de residencia do beneficiario, ben en resposta a unha situación detectada polo propio servizo social, ben en resposta a unha solicitude de incorporación remitida polos servizos sociais especializados, polo Servizo Público de Emprego ou pola propia empresa de inserción laboral.

2. Nos supostos previstos no parágrafo anterior a incorporación á empresa de inserción instrumentarase a través dun contrato de traballo que derive da previa subscrición dun convenio de inserción.

Artigo 11º.-Documentación.

A documentación requirida na tramitación dun procedemento de acceso a unha empresa de inserción é o que segue:

a) Informe do servizo social do concello de residencia do beneficiario no que expresamente certifique a concorrencia na persoa susceptible de incorporación dos requisitos exixidos no artigo 2 ou, no seu caso, informe do Servizo Público de Emprego de Galicia.

b) A cualificación da condición de beneficiario.

c) Un informe do servizo público de emprego polo que se ditamine sobre a adecuación das aptitudes da persoa susceptible de incorporación a unha empresa de inserción ás características do posto de traballo e sobre se o traballador, nos dous anos previos á contratación que se pretende realizar, prestou servizos nunha empresa de inserción así como, no seu caso, o tempo se servizos prestados.

Artigo 12º.-Tramitación.

1. Reunida a documentación anterior, os servizos sociais porán en contacto a persoa ou persoas susceptibles de incorporación coa empresa de inserción, recaerá en ambas as partes a responsabilidade de decidir sobre a formalización ou non dunha relación de traballo.

2. A decisión adoptada por ambas partes con respecto á formalización do contrato ou do vínculo social deberá comunicarse pola empresa de inserción ao servizo social municipal e ao Servizo Público de Emprego, debendo notificar tamén, no seu caso, as causas da non formalización da relación laboral.

3. No caso de formalizarse a relación, a empresa de inserción deberá remitirlles copia do contrato de traballo ou documento polo que se establece o vínculo social, aos servizos sociais para os efectos do seguimento do proceso de inserción, así como ao Servizo Público de Emprego, para o seu rexistro.

Artigo 13º.-Convenio de inserción.

1. Os convenios de inserción son documentos-programa nos que as partes intervenientes establecen de mutuo acordo as accións específicas de carácter social necesarias para conseguir a inserción persoal, social e laboral ou previr o risco de exclusión da persoa seleccionada.

2. Para que o contrato de traballo poida ser obxecto de subvención, e con carácter previo á súa formalización, deberase subscribir pola persoa seleccionada, a empresa de inserción e os servizos sociais o convenio de inserción no que se contemplará a distribución no tempo das actividades de produción, formación no posto de traballo e de intervención ou acompañamento social que sexa necesario realizar, así como os compromisos adquiridos por cada parte.

3. As accións susceptibles de incluírse nos mencionados convenios de inserción poderán ser da seguinte natureza:

-Accións encamiñadas ao desenvolvemento dos elementos necesarios para promover a estabilidade persoal, o equilibrio na convivencia e a inserción e a participación social.

-Accións que faciliten o acceso ao sistema xeral de saúde, en especial en casos nos que se require un tratamento médico especializado ou se requiran accións específicas de desintoxicación ou deshabituación.

-Accións que permitan o desenvolvemento das aptitudes e hábitos necesarios para a adquisición de novos coñecementos educativos e formativos.

-Actividades específicas de formación, regrada ou non, que permitan adecuar o nivel de formación de partida ou as competenciais profesionais adquiridas ás necesidades do sistema productivo.

-Accións que posibiliten o acceso a un posto de traballo, sexa por conta allea ou polas vías de acceso existentes para a creación dunha empresa propia.

-Outras accións que poidan considerarse necesarias para garantir a inserción social.

4. En todo caso, e con independencia dos compromisos subscritos mediante a sinatura do convenio de inserción, o desenvolvemento destes en ningún caso será un obstáculo para o acceso das persoas destinatarias do convenio a un emprego ou proceso de formación non previsto nel, sen prexuízo da revisión do convenio que iso poida supoñer.

Artigo 14º-Revisión, modificación e suspensión temporal do convenio.

1. O convenio de inserción deberá determinar a periodicidade coa que se efectuará a súa avaliación por parte dos servizos sociais . En función da dita avaliación ou por acordo das partes intervenientes, tras a solicitude de calquera delas, do Servizo Público de Emprego de Galicia ou por circunstanciais de forza maior, poderá revisarse e modificarse o contido do convenio de inserción ou suspenderse a súa aplicación.

2. En situacións de excepcional gravidade, nas que sexa imposible o cumprimento do convenio de inserción pola persoa titular e así o acorden as partes de mutuo acordo, poderase suspender de xeito temporal a obrigatoriedade do cumprimento dos compromisos derivados del, ata que desapareza ou se modifique a situación xustificada.

Artigo 15º.-Causas de resolución.

Son causas de resolución do convenio de inserción:

a) Térense acadado os obxectivos previstos nel.

b) Non realizar o beneficiario ou beneficiaria, por causa imputable a el ou ela, as actuacións ás que se comprometera.

c) Acadarse un acordo polas partes.

d) O cumprimento do prazo establecido.

e) Outras causas previstas no ordenamento xurídico.

Artigo 16º.-Tipo de contratación nas empresas de inserción.

As persoas que se incorporen a unha empresa de inserción en virtude dun proceso de inserción sociolaboral pódenno facer nalgunha das condicións seguintes:

a) Socio ou socia traballador/a, cando a empresa de inserción sexa unha cooperativa de traballo asociado ou unha sociedade laboral.

b) Socio ou socia de traballo, cando a empresa de inserción sexa unha cooperativa distinta da de traballo asociado.

c) Traballador ou traballadora por conta allea en réxime ordinario.

d) Traballador ou traballadora por conta allea por obra ou servizo determinado para a inserción laboral.

Artigo 17º.-Características da contratación para a adaptación sociolaboral.

1. O contrato co cal se vinculan unha empresa de inserción e un traballador ou traballadora suxeito a un convenio de inserción ten como finalidade principal a integración laboral desta persoa mediante a prestación voluntaria de servizos retribuídos.

2. A relación que se formalice polas partes non terá unha duración inferior a seis meses nin superior a 24 meses, podendo concentrarse o período de proba na forma establecida na normativa vixente.

No caso de que a empresa de inserción sexa unha cooperativa e o traballador ou traballadora en proceso de inserción acceda á condición de socio ou socia de traballo ou de socio ou socia traballador/a, a relación societaria entre a empresa e o traballador ou traballadora en proceso de inserción debe rexerse polo que determine a lei de cooperativas vixente.

Artigo 18º.-Obrigas da empresa de inserción.

1. A empresa de inserción, polo feito de subscribir un contrato de traballo cunha persoa en proceso de inserción sociolaboral, debe asumir as obrigas que establece a normativa vixente en materia de riscos laborais e o resto da normativa laboral vixente .

2. En concreto, a empresa de inserción queda obrigada a:

a) Proporcionarlle ao traballador ou traballadora a actividade profesional adecuada para o cumprimento do obxecto do contrato e os medios que lle faciliten a adquisición de hábitos sociais e de traballo que lle permitan acceder a medidas de acompañamento social.

b) Responsabilizarse da formación do traballador ou traballadora en proceso de inserción.

Artigo 19º.-Obrigas do traballador ou traballadora.

1. O traballador ou traballadora contratado para un proceso de inserción sociolaboral, polo feito de subscribir un contrato de traballo cunha empresa de inserción, debe asumir as obrigas que establece a normativa laboral vixente.

2. En concreto, o traballador ou traballadora en proceso de inserción queda obrigado a:

a) Levar a cabo a actividade pactada como obxecto do contrato.

b) Recibir a formación teórica e práctica necesaria para levar a cabo a actividade.

c) Participar activamente no desenvolvemento das medidas de acompañamento que se establezan no convenio de inserción.

d) Colaborar no seguimento do proceso de inserción.

Capítulo V

Medidas de fomento

Artigo 20º.-Fomento da inserción sociolaboral.

1. As empresas de inserción laboral que cumpran os requisitos establecidos neste decreto, e unha vez rexistradas, poderán acceder aos seguintes tipos de axudas que estableza a Xunta de Galicia:

a) Subvencións á contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social como compensación ao sobrecusto laboral da persoa en inserción.

b) Subvencións á contratación de xerentes ou técnicos necesarios para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción.

c) Subvencións á contratación de técnicos expertos en accións de orientación e acompañamento á inserción.

d) Subvencións pola realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.

e) Subvencións para a realización de auditorías anuais de xestión social das empresas de inserción laboral por entidades ou empresas acreditadas pola administración.

f) Subvencións para investimentos en equipamentos.

2. O departamento da Xunta de Galicia con competenciais en materia de promoción do emprego poderá establecer axudas para as empresas que contraten traballadores procedentes das empresas de inserción ou para aqueles traballadores que accedan ao autoemprego logo de ocupar unha praza de inserción.

3. Tamén se poderán establecer axudas para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción.

4. As axudas sinaladas nos puntos anteriores serán compatibles coas que se poidan establecer con carácter individual para cada un dos colectivos en situación ou risco de exclusión social, nos programas anuais de fomento do emprego.

5. Será causa de perda das axudas ter amortizado algún posto de traballo por despedimento improcedente durante o ano anterior á solicitude de cualificación.

Capítulo VI

Avaliación e inspección dos procesos de inserción laboral nas empresas de inserción laboral

Artigo 21º.-Avaliación.

1. O procedemento da inserción sociolaboral conformado polas empresas de inserción debe ser obxecto dunha avaliación periódica, que debe incluír, como mínimo, o control estatístico do número de traballadores, dispositivos e contratos de inserción en vigor, e o control cualitativo da natureza das medidas de acompañamento, as actividades profesionais e o impacto na integración sociofamiliar e na integración no mercado ordinario.

Na avaliación que se realice figurarán os datos desagregados por sexo.

2. Correspóndelles aos departamentos competentes en materia de servizos sociais e de traballo, no ámbito das súas competencias, levar a cabo a dita avaliación.

Artigo 22º.-Inspección.

1. As empresas de inserción están suxeitas aos procedementos de inspección laboral establecidos pola normativa vixente.

2. Os procesos de inserción sociolaboral en empresas de inserción deben ser obxecto de inspección polo departamento da Administración autonómica competente en materia de inspección dos servizos sociais.

Disposición adicional

Regulación específica para as sociedades cooperativas e as sociedades laborais.

As sociedades cooperativas e as sociedades laborais que se acollan ás previsións deste decreto deben respectar en todo momento o establecido pola lexislación reguladora deste tipo de entidades, principalmente as limitacións na contratación de traballadores indefinidos non socios e, en concreto, no que concirne ás sociedades laborais, a participación máxima dos socios no capital social.

Disposición transitoria

Inscrición provisional de fundacións e asociacións.

As fundacións e asociacións que realicen actividades de inserción sociolaboral no momento da entrada en vigor deste decreto poderán solicitar, durante o ano seguinte á dita data, a súa inscrición no rexistro de empresas de inserción e ser cualificadas provisionalmente como tales.

Esta cualificación será válida durante un período transitorio de tres anos, durante o que, para adquirir a cualificación definitiva de empresas de inserción, deberán constituírse en sociedades civís ou mercantís.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase as persoas titulares dos departamentos competentes en servizos sociais e de traballo para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza