DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 03 de agosto de 2007 Páx. 13.254

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xullo de 2007 pola que se constitúe a comisión para o estudo e preparación da Lei da función pública de Galicia.

O artigo 39 do Estatuto de autonomía de Galicia, regulado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (BOE do 28 de abril de 1981), modificado pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, e a Lei 18/2002, do 1 de xullo, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado.

No ámbito destas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a lei 4/1988, de 26 de maio, da función pública de Galicia, que nos seus dezaenove anos de vixencia foi obxecto de distintas modificacións puntuais para adaptala ás modificacións da lexislación básica estatal ou para introducir os cambios na organización que os procesos de traspaso de persoal requiren. Non existiu ao longo destes anos un modelo ou unha estratexia administrativa, senón máis ben unha sucesión de medidas de reforma que tentaron adaptar un modelo esencialmente burocrático ás novas exixencias do desempeño administrativo.

A recente publicación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público establece o novo marco básico da función pública e ábrelles ás comunidades autónomas unha nova perspectiva ao ampliar o seu espazo normativo para a definición dunha función pública propia. Por iso, é necesario abordar un modelo de función pública desde unha perspectiva integral que teña en conta as novas realidades derivadas non só da prestación de novos servizos, senón tamén da nova consideración dos cidadáns como titulares activos de dereitos e non só como usuarios receptores de servizos.

Para levar a cabo as análises e estudos previos así como a elaboración do borrador da futura Lei función pública de Galicia, constitúese unha comisión formada por expertos nas áreas de relevancia.

En función de todo o anterior, e na súa virtude e no uso das competencias atribuídas no Decreto 37/2007, do 15 de marzo polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPÓN:

Primeiro.-Creación.

Constitúese a comisión para o estudo e preparación da Lei da función pública de Galicia.

Segundo.-Obxecto.

A comisión terá como obxecto o estudo e o diagnóstico sobre a situación da función pública galega e a elaboración dun informe proposta sobre a futura Lei da función pública de Galicia, que serán elevados ao Goberno galego, no prazo de sete meses desde a súa constitución.

Terceiro.-Composición.

Estará composto polo presidente e os vogais que a continuación se designan:

Presidente: José Luis Méndez Romeu.

Vogais:

José Vicente Alvariño Alejandro.

María Camino Agra.

José Luis Carro Fernández-Valmayor.

Antonio Fernández Paniagua.

Benito Roberto Fernández Rodríguez.

Rosa Fernández Somoza.

A. Javier Ferreira Fernández.

Pablo González Mariñas.

Mª Luisa Graña Barcia.

Antonio Izquierdo Escribano.

Ramón Maíz Suárez.

Alberto Palomar Olmeda.

Dolores Rivera Frade.

Mª del Mar Rodríguez Fernández.

Matilde Begoña Rodríguez Rumbó.

Juan Bautista Suárez Ramos.

Colaboradores externos: Miguel Sánchez Morón.

A comisión contará cun secretario/a que será designado polo presidente de entre os membros desta.

Cuarto.-Funcionamento.

Para dar cumprimento do seu obxecto, o presidente da comisión establecerá o calendario de sesións, o método de traballo e, en xeral, decidirá todos aqueles aspectos que considere necesarios para o bo fin da comisión.

No seu funcionamento, a comisión seguirá un esquema participativo, articulando os instrumentos necesarios para a participación de cantas organizacións sindicais e asociacións e outras organizacións representativas se consideren oportunas para o desenvolvemento dos traballos. Para iso, poderá reunirse cantas veces considere conveniente na sede da Escola Galega de Administración Pública.

Así mesmo, a comisión poderá constituír cantos grupos de traballo ou comisións sectoriais considere necesario para o mellor desenvolvemento das súas tarefas.

Quinto.-Infraestrutura e medios.

A Escola Galega de Administración Pública, organismo autónomo adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, será a encargada de prover os medios materiais e persoais requiridos pola comisión.

Os membros da comisión percibirán as indemnizacións que lles correspondan, de acordo co establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sexto. Entrada en vigor.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza