DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 02 de agosto de 2007 Páx. 13.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2007 pola que se procede á modificación das normas de xestión académica, a súa refundición e publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa sesión do 20 de xuño de 2007, procedeu á modificación das normas de xestión académica, ao abeiro do cal esta reitoría

RESOLVE:

Único.-Refundir nun documento único como normas de xestión académica o texto refundido aprobado pola resolución reitoral do 12 de novembro de 1998 (DOG do 14 de xaneiro de 1999), coas modificacións acordadas pola Xunta de Goberno nas súas sesións do 22 de decembro de 1998, 11 de febreiro de 1999, 15 de marzo de 1999, 22 de decembro de 1999, 7 de abril de 2000, 26 de xullo de 2001, 15 de novembro de 2001, Consello de Goberno do 10 de xullo de 2003, 22 de decembro de 2003, 5 de febreiro de 2004, 22 de xuño de 2004 e 7 de xuño de 2007, e ordenar a súa publicación no DOG.

O texto refundido incorpórase como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2007.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Norma preliminar

As normas de xestión académica aprobadas por este acordo son para aplicar aos plans de estudos conducentes a titulacións oficiais.

Este acordo será de aplicación subsidiaria a calquera outro procedemento de xestión académica, bolsas, e, en xeral, a todo procedemento no que o interesado teña a condición de alumno tanto de estudos conducentes a títulos oficiais como de estudos conducentes a títulos propios.

TÍTULO I

Matrícula

1. Matrícula na Universidade de Santiago de Compostela.

Todos os alumnos que pretendan iniciar ou continuar estudos de primeiro, segundo, ou terceiro ciclo na Universidade de Santiago de Compostela, unha vez admitidos, deberán formalizar a matrícula de acordo coas normas que se fixan neste acordo. Igualmente deberán formalizar a matrícula os alumnos admitidos ou os que reúnan os requisitos para a realización de probas, prácticas, seminarios, actividades académicas e para a colación de graos.

A matrícula dos alumnos visitantes regularase por estas normas no non disposto na súa normativa propia.

2. Matrícula ordinaria.

2.1. Obxecto da matrícula ordinaria.

Deberán formalizar matrícula ordinaria todos os alumnos que cursen estudos conducentes á obtención dun título universitario oficial con validez en todo o territorio nacional (doutor, licenciado, diplomado, arquitecto, arquitecto técnico, enxeñeiro e enxeñeiro técnico).

2.2. Limitacións para a formalización da matrícula.

Os alumnos poderán formalizar a matrícula ordinaria no número de materias que desexen e consonte as limitacións que se establecen a seguir:

2.2.1. Matrícula no primeiro curso. Os alumnos que inicien estudos deberán formalizar obrigatoriamente a matrícula como mínimo en sesenta créditos entre materias troncais, obrigatorias ou optativas, das adscritas ao primeiro curso se a titulación se estructurara en cursos ou, no seu defecto, das adscritas ao primeiro ciclo.

No suposto de que non se ofrecesen máis de 60 créditos no primeiro curso, o alumno deberá formalizar a matrícula na totalidade de créditos que compoñan o primeiro curso.

-sta limitación non é de aplicación para os seguintes alumnos:

-Alumnos que accedan aos segundos ciclos que non son continuación directa dun primeiro ciclo superado, ou por teren título que lles recoñeza o acceso.

-Alumnos aos que lles fora recoñecida adaptación ou validación.

2.2.2. Alumnos bolseiros.

Os alumnos que desfruten ou vaian solicitar bolsa terán en conta o número de créditos ou materias exixidas pola convocatoria.

2.2.3. Impedimentos establecidos nos plans de estudo.

a) Prerrequisitos. Non se poderá formalizar matrícula nas materias que, consonte os plans de estudo, teñan establecidos materias prerrequisito, de non terse matriculado previa ou simultaneamente nesta última.

b) Acceso aos segundos ciclos. Non se poderá formalizar a matrícula en ningunha materia do segundo ciclo de non reunir os requisitos que establezan os plans de estudo para o acceso ao segundo ciclo excepto naquelas materias que lle sexan adaptadas ou validadas e pertenzan a este segundo ciclo.

2.3. Impedimentos de matrícula ordinaria.

2.3.1. O alumno que inicia estudos nunha titulación deberá superar un mínimo de 30 créditos nun máximo de tres cursos académicos. De non facelo, non poderá continuar estes estudos na USC. A partir do primeiro curso inicial deberá matricularse polo menos dos créditos que lle falten para superar o mínimo establecido.

Esta limitación non é de aplicación aos alumnos que xa estean en posesión dunha titulación universitaria.

2.3.2. Materias con convocatorias esgotadas. Aqueles alumnos que esgoten as convocatorias legais en calquera materia non poderán formalizar matrícula nestas pero si naqueloutras nas que non esgotasen as convocatorias.

2.3.3. Simultaneidade de estudos. Non poderán formalizar a matrícula nunha segunda titulación os alumnos que non cumpran os requisitos establecidos neste acordo para a simultaneidade de estudos.

2.3.4. Matrícula en titulacións en proceso de extinción. Non procederá a matrícula para alumnos de novo ingreso en titulacións que estivesen en proceso de extinción agás que tras os procesos de validación ou adaptación, resulte que teñen superadas todas as materias que estean extintas. Para continuación de estudos rexerá o disposto para a admisión de traslados.

Os alumnos adaptados a un novo plano de estudos non poderán, en ningún caso, formalizar matrícula en materias do plano de procedencia.

2.3.5. Sen prexuízo do disposto para as materias de nivelación, os alumnos que se matriculen por primeira vez nunha titulación non poderán solicitar nin cursar materias para seren imputadas como de libre configuración curricular. Non obstante, poderán solicitar o recoñecemento ou validación de créditos para a libre configuración curricular de materias, seminarios ou actividades académicas que os alumnos tivesen realizado. Este recoñecemento non significa ter cumpridos os requisitos do punto 2.3.1 destas normas.

Esta limitación non é de aplicación para os seguintes alumnos:

-Alumnos que formalicen a matrícula no primeiro curso de titulacións de só segundo ciclo.

-Alumnos que accedan aos segundos ciclos que non son continuación directa dun primeiro ciclo superado, ou por teren un título que lles recoñeza o acceso.

-Alumnos aos que lles fora recoñecida adaptación ou validación.

3. Matrículas suxeitas á preselección ou autorización previa.

3.1. Materias de libre elección.

Os alumnos que pretendan cursar materias para os efectos de libre configuración curricular someteranse aos procedementos de selección para optar a aquelas materias que, con este fin, ofreza a universidade.

A solicitude e matrícula para cursar materias de libre elección realizarase nos prazos que se establezan na convocatoria da matrícula.

As materias en que se formalice matrícula de libre elección estarán sometidas ao réxime de prelacións ou prerrequisitos que estableza o plano de estudos ao que pertenzan.

3.2. Créditos por equivalencia.

A formalización da matrícula en créditos por equivalencia realizarase tras a acreditación ou autorización para a súa realización. A matrícula nestas materias realizarase conxuntamente coa do resto das materias, e no momento que sexa convocado para iso, ou no prazo de dez días desde a resolución que seleccione os alumnos se non coincidise co período de matrícula.

A matrícula en créditos por equivalencia reportará os prezos dos créditos que se vaian imputar.

a) Traballos academicamente dirixidos que figuran como materias: a formalización de matrícula non terá outros límites que os que deriven do plano de estudos.

b) Traballos academicamente dirixidos por créditos por equivalencia.

1. No suposto de que o traballo se impute a unha materia, o alumno deberá formalizar a matrícula na materia de que se trate.

2. No suposto de que se apliquen como de libre configuración, deberá formalizar a matrícula en tantos créditos como sexa valorado o traballo.

Dos alumnos seleccionados para a realización de traballos academicamente dirixidos darase conta, mediante certificación do secretario do centro, á Unidade de Xestión Académica correspondente.

3.3. Estadías de farmacia (prácticas tuteladas).

3.3.1. Alumnos de planos non renovados. Poderán solicitar a realización das estadías os alumnos aos que lles falte un máximo de dúas materias para rematar os estudos e tivesen formalizado a matrícula nesas materias.

A matricula formalizarase nos tres días seguintes aos da adxudicación de localidade polo centro segundo o procedemeto establecido.

3.3.2. Alumnos de planos renovados. Os alumnos que estean cursando a titulación consonte o plano de 1994 para poder matricularse das estadías deberán ter superados 300 créditos do total do plan de estudos e 285 créditos os alumnos matriculados no plano de 1999.

3.4. Rotatorio da licenciatura de medicina e cirurxía.

Poderanse matricular no prazo ordinario de matrícula os alumnos de sexto curso sen materias pendentes, con materias pendentes non-homólogas, e aqueles alumnos que no momento da incorporación ao hospital teñan pendentes dúas materias como máximo homólogas ás do rotatorio.

Os alumnos que teñan máis de 2 materias homólogas ás do rotatorio pendentes e as superen na convocatoria extraordinaria deberán solicitar a ampliación da súa matrícula nas materias do rotatorio antes do 15 de marzo.

A selección e a adxudicación de prazas nos hospitais realizaraa a Facultade de Medicina e consonte os criterios e prazos que estableza.

3.5. Practicum.

A selección e adxudicación de destino dos alumnos que deban ou soliciten realizar o practicum e que figuren nos planos de estudo realizarase de acordo cos procedementos que fixen os centros.

4. Convenios internacionais.

4.1. Alumnos da Universidade de Santiago que pretendan cursar estudos nunha universidade estranxeira en virtude dun convenio internacional de cooperación deberán formalizar a matrícula ordinaria nesta universidade dentro dos prazos que se fixen con carácter xeral.

Os estudos realizados en virtude dos convenios serán obxecto de recoñecemento por parte dos centros onde se imparte a súa titulación nas materias superadas en que se matriculase na Universidade de Santiago.

4.2. Alumnos de universidades estranxeiras que cursan estudos na Universidade de Santiago de Compostela en virtude de convenios internacionais de cooperación.

Para poder formalizar a matrícula deberán presentar na Unidade de Xestión Académica a oportuna credencial expedida pola Universidade de Santiago, e non existe ningún tipo de limitación nin impedimento en canto ás materias das que pretenda matricularse. A matrícula non reportará ningún importe, agás os que deriven do importe do seguro escolar, se o alumno estivese obrigado a el.

Rematado o curso expediráselle unha certificación académica en que se faga constar a cualificación acadada nas materias cursadas, para o seu recoñecemento na universidade de orixe.

4.3. Alumnos do programa SICUE (Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios de España). Para formalizar a matrícula deberá ter superado na universidade de orixe un mínimo de 60 créditos no caso de diplomaturas, enxeñerías técnicas ou arquitectura técnica ou 120 créditos no caso de licenciaturas, enxeñerías ou arquitecturas. Para formalizar a matrícula deberán figurar como alumnos do programa SICUE, non existindo ningún outro tipo de impedimento ou limitación en canto ás materias das que pretenda matricularse máis que as derivadas dos acordos entre as dúas universidades. A matrícula non reportará prezos públicos na USC. Rematado o curso expediráselle unha certificación académica na que se faga constar as materias cursadas coas correspondentes cualificacións. Para o seu recoñecemento na universidade de orixe.

4.4. Alumnos da USC que participen no programa SICUE. Deberán formalizar a matrícula nos estudos que están cursando e nos termos que establezan os acordos académicos e as propostas de mobilidade da cada estudiante.

4.4.1. Non poderán incluírse no acordo académico para matricular polo sistema SICUE as materias cualificadas con suspenso nos estudos que está a cursar na USC. Non obstante, poderá matricularse destas materias na USC e cursalas fóra do programa SICUE.

4.4.2. Os coordinadores de SICUE enviarán unha copia do acordo académico realizado polos alumnos de cada centro ás unidades de xestión académica que xestionan as correspondentes titulacións, co obxecto de verificar a matricula que formalizaron os alumnos participantes no programa de mobilidade.

4.5. Non serán recoñecibles os estudos de ningún tipo cursados polos alumnos de intercambio fóra dos acordos académicos.

5. Efectos da formalización de matrícula ordinaria.

5.1. A matrícula ordinaria supón o deber e o dereito de asistir ás clases teóricas e prácticas. A obriga de asistencia ás clases teóricas poderá ser dispensada pola xunta do centro, por pedimento do alumno por causa documentalmente xustificada.

5.2. Dereito a ser cualificado en dúas convocatorias das que regulamentariamente teñan lugar no curso académico, agás que o alumno non tivese convocatorias suficientes.

6. Matrícula no terceiro ciclo.

6.1. Os alumnos do terceiro ciclo durante os períodos de docencia e investigación formalizarán a súa matrícula nos créditos establecidos en cada programa, conforme os prezos públicos correspondentes.

O mesmo tempo deberase aboar o seguro escolar ou, se é o caso, o seguro de accidentes. Non será preciso aboar o seguro de accidentes cando se acredite a cobertura do risco de accidente por outra vía.

6.2. Rematada a etapa de formación e para a realización da tese de doutoramento, ademais da previa aprobación do proxecto, deberá formalizarse unha matrícula anual, na que se aboe o seguro de accidentes, salvo que se acredite a cobertura do risco de accidentes por outra vía.

Os que, ademais da matrícula, acrediten unha adicación a tempo completo á realización da tese de doutoramento, a xuízo do consello de departamento, nos tres anos seguintes ao remate dos períodos de formación e investigación, terán a condición de alumnos do terceiro ciclo. Aqueles que non teñan esta acreditación terán aqueles dereitos que lles rezoñeza a normativa da universidade.

7. Matrículas en actos académicos.

7.1. Proxectos fin de carreira e traballos fin de carreira.

Os proxectos fin de carreira resérvanse para as titulacións técnicas e configúranse nos planos de estudos dun xeito obrigatorio e a realizar unha vez superados o resto dos créditos troncais, obrigatorios, optativos e de libre configuración.

Os traballos de fin de carreira que aparecen noutros planos de estudos configúranse ben con carácter optativo ou ben con carácter obrigatorio, e para a presentación e realización non se exixirá, agás que o plano de estudos así o estableza, ter superados todos os créditos da titulación.

7.1.1. Requisitos da matrícula.

a) Proxectos de fin de carreira. Poderán concorrer os alumnos que teñan superadas as demais materias do plano de estudos.

b) Traballo de fin de carreira. Poderán concorrer os alumnos que reúnan os requisitos que establecen os planos de estudos.

Se o alumno desexase presentar o proxecto ou traballo de fin de carreira na mesma convocatoria na que superase todas as materias, e aínda non estivesen entregadas todas as actas na Unidade de Xestión Académica correspondente, poderá admitirse a matrícula se o secretario do centro ou profesor encargado da materia ou materias emitan informe consonte o alumno ten superadas as materias das que aínda non se entregasen as actas.

A eficacia da matrícula e da cualificación do proxecto quedarán condicionadas a que das actas se deduza que o alumno ten superadas as materias necesarias para concorrer, debéndose facer constar esta circunstancia na certificación expedida polo secretario do centro.

7.1.2. Prazos de matrícula: poderá realizarse en calquera momento do curso académico, a data límite será o día antes ao establecido polos centros para a entrega do proxecto ou do traballo.

A matrícula dará dereito a presentar o proxecto ou traballo unha soa vez, debendo liquidarse os prezos públicos en cada matrícula que se realice.

Os prezos públicos dos proxectos de fin de carreira son os que para tal fin figuran no decreto de prezos públicos da Xunta de Galicia. No caso dos traballos de fin de carreira liquidaranse en función do número de créditos que no plano de estudos ten asignado o traballo.

7.1.3. Solicitude de concorrencia: os alumnos que formalicen a matrícula deberán presentar a solicitude na Unidade de Xestión Académica polo menos un día antes da data que o centro teña establecida para a presentación do proxecto, ademais indicarán a convocatoria na que vaian presentar o proxecto.

7.1.4. Datas de presentación: as datas de presentación dos proxectos de fin de carreira determinaranas os centros, debendo realizar polo menos tres convocatorias anuais tendendo a facelas coincidir cos períodos inmediatamente posteriores ás convocatorias oficiais de exames.

Os centros elaborarán un calendario no que se recollan as datas de presentación dos proxectos e traballos de fin de carreira antes do inicio do curso.

7.2. Grao de licenciado.

7.2.1. Matrícula para a colación do grao.

-Modalidade de exame: os alumnos que desexen concorrer á colación do grao pola modalidade de exame deberán formalizar matrícula entre o 1 e o 15 de outubro.

-Modalidade traballo de investigación: poderase realizar en calquera momento ao longo do curso; débese acreditar no momento de formalizar a matrícula, mediante certificación expedida polo secretario do centro, que reúne os requisitos e que ten depositados os exemplares na secretaría do centro.

7.2.2 Realización dos exames e lectura do traballo de investigación.

-Realización dos exames para a colación do grao: os exames realizaranse nas datas que determinen os centros, entre o 25 de outubro e o 15 de novembro.

-Lectura do traballo de investigación: o traballo de investigación poderase presentar ao longo do curso e nos prazos que establezan os centros.

7.3 Premio extraordinario.

7.3.1. Os alumnos que acadasen a cualificación de sobresaliente no grao de licenciado, por calquera modalidade, poderán optar ao premio extraordinario correspondente ao curso no que concorreron á colación do grao, nos termos regulados no título X.

Para efectos de colación do grao entenderase que poden concorrer os alumnos que presentasen o traballo de investigación ou realizasen o exame antes do 15 de novembro de cada ano.

7.3.2. Os alumnos que estean en condicións de presentarse ao premio extraordinario deberán solicitalo entre o 15 e o 30 de novembro.

7.3.3. Os centros establecerán entre o 1 e o 15 de decembro as datas concretas para xulgar os concorrentes ao premio extraordinario.

7.4. Probas de conxunto.

Aqueles titulados por universidades estranxeiras aos que se lles exixa a superación dunha proba de conxunto para a homologación do seu título, e optasen por facelo na Universidade de Santiago de Compostela, disporán de polo menos dúas convocatorias por curso que poderán coincidir coas convocatorias oficiais de exames. As datas concretas da realización dos exercicios fixaranas os centros.

8. Matrícula extraordinaria.

8.1. Obxecto da matrícula extraordinaria.

É matrícula extraordinaria a de quen, con independencia da titulación que posúa, se inscriba en cursos diversos dos que ofrece a universidade regularmente, sen aspirar á obtención dun título.

8.2. Admisión.

A admisión para formalizar a matrícula en réxime de matrícula extraordinaria realizaraa o reitor á vista das prazas dispoñibles e soamente para materias nas que se imparta docencia, unha vez computadas as matrículas ordinarias. Non se autorizará a realización da matrícula extraordinaria nas materias ofertadas no 1º curso das titulacións sometidas a límite de prazas.

De ser admitido formalizará a matrícula na unidade de xestión académica correspondente.

8.3. Efectos.

8.3.1. Cualificación. Os alumnos en réxime de matrícula extraordinaria serán cualificados coas mesmas cualificacións que os alumnos de matrícula ordinaria.

8.3.2. Adaptacións e validacións.

As materias cursadas en réxime de matrícula extraordinaria non serán susceptibles de seren validadas ou adaptadas para a obtención de títulos universitarios oficiais ou propios da Universidade de Santiago de Compostela.

8.4 Certificacións. As materias cursadas en réxime de matrícula extraordinaria figurarán nos certificados académicos, aínda que dun xeito separado e coa advertencia de estar cursadas en réxime de matrícula extraordinaria, non conducir á obtención de ningún título oficial e non ser susceptibles de validación ou adaptación de ningún título oficial.

8.5. Matrícula extraordinaria en materias ou disciplinas superadas.

Os estudantes da USC poderán formalizar a matrícula extraordinaria en materias ou disciplinas xa superadas cando nestas se producise unha sustantiva modificación de contidos no programa da materia(s) que se pretenda cursar novamente.

9. Matrícula dos títulos propios.

Os alumnos que cursen estudos conducentes á obtención de títulos propios establecidos pola universidade en virtude da súa autonomía e regulados no artigo 119 dos estatutos formalizarán a matrícula na unidade de xestión académica correspondente unha vez seleccionados, de acordo co establecido no Regulamento do procedemento para a expedición de títulos propios publicado pola resolución reitoral do 24 de marzo de 1994 (DOG do 2 de maio).

Malia o disposto, a realización desta matrícula nas unidades de xestión quedará en suspenso ata que non se regulamente con carácter xeral o réxime académico dos alumnos que cursen estes estudos.

10. Prezos públicos.

Todas as matrículas implicarán prezos públicos de acordo co que estableza anualmente o decreto de prezos públicos aprobado pola Xunta, para o curso académico, no caso das titulacións oficiais, ou polo Consello Social, para as titulacións propias.

O pagamento da matrícula poderá fraccionarse nos prazos que aproben os órganos da USC. Os prazos e mais os importes que deban aboarse en cada prazo estableceraos a correspondente convocatoria da matrícula que para cada curso se realice.

As exencións poden ser:

a) Totais: (abranguen exclusivamente o concepto de matrícula).

Familia numerosa de segunda categoría.

Matrícula de honra en COU ou no segundo curso de bacharelato LOXSE. Este beneficio será de aplicación unha soa vez, esgotase coa matrícula para o inicio de estudos, xa sexa exercido ou non, polo que non é de aplicación se o alumno inicia con posterioridade outros estudos universitarios.

Bolseiros. Se a convocatoria de bolsa establece a compensación do importe da matrícula na universidade.

b) Parciais:

-Familia numerosa de primeira categoría (dedución do 50%).

-Matrícula de honra: en función do número de créditos ou materias nas que obtivese esta cualificación.

c) Subvencións: poderán solicitala os funcionarios e persoal laboral de acordo coas normas que dite a Universidade de Santiago de Compostela.

11. Prazos de matrícula.

A matrícula dos alumnos realizarase nos prazos que se establezan na convocatoria de matrícula.

12. Simultaneidade de estudos.

12.1. Os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela poderán simultanear os estudos de dúas titulacións das que imparte esta universidade, se teñen superados como mínimo os créditos dos que están obrigados a formalizar matrícula no primeiro curso. A acreditación de ter o número de créditos superado será título suficiente para simultanear estudos.

12.2. Permitirase a simultaneidade de estudos en titulacións que teñan límite de prazas cando:

a) Se trate de acceso a segundos ciclos.

b) O expediente académico do alumno, calculado ao abeiro das normas de xestión académica, sexa de 1 punto na titulación que está a realizar.

12.3. En caso de simultaneidade entre universidades distintas, observarase o disposto na regulamentación xeral do Ministerio de Educación e Cultura.

13. Desistencia e modificación da matrícula.

Poderá solicitarse a desistencia ou a modificación de matrícula nos prazos e condicións que se establezan na convocatoria de matrícula e resolucións reitorais de desenvolvemento.

Modificacións particulares:

Aceptarase en calquera momento a modificación da matrícula polas seguintes causas:

a) Ampliación de materias co obxecto de que o alumno poida beneficiarse de bolsas convocadas polo MEC, Xunta de Galicia, universidade ou calquera outro organismo oficial.

b) Resolución de adaptación ou validación sempre que se tivese solicitado no período ordinario de matrícula. Esta modificación de matrícula en ningún caso supón a posibilidade da anulación total dela. Así mesmo, non se admitirá a ampliación de matrícula en materias en que tivese realizado a primeira convocatoria ordinaria de exame. Con independencia da presentación ou non do recurso potestativo de reposición contra a resolución de adaptación ou validación, o alumno deberá formalizar a matrícula no prazo que se lle indique na resolución.

c) Selección de alumnos para a realización de prácticas en empresas, traballos academicamente dirixidos ou traballos de campo, logo de formalizar a matrícula e sempre que non se tivesen presentado a exame das materias que pretenda anular ou modificar a matrícula. A solicitude de modificación de matrícula deberá realizarse nos dez días seguintes ao da formalización da matrícula ou a incorporación para a realización das prácticas en empresas.

d) Nos supostos de concorrencia horaria, sexa nas clases teóricas ou nas prácticas, entre as materias do plan de estudo que está a realizar o alumno e as materias de libre elección que se impartan noutras titulacións, no prazo de 30 días desde que empezasen as clases das materias afectadas. Así mesmo, admitirase a modificación de matrícula no suposto de modificación de horarios consonte os cales o alumno formalizou a matrícula.

e) Naqueles supostos en que polas situacións persoais, tal como enfermidade grave, ou académicas, estime o reictorado a procedencia da modificación ou anulación da matrícula.

14. Convocatorias de exame.

Os alumnos que formalicen a matrícula ordinaria disporán de dúas convocatorias por curso e dun máximo de sete convocatorias para superar cada materia, sen prexuízo do disposto no acordo da Xunta de Goberno do 22 de abril de 1996.

No cómputo de convocatorias para superar unha materia non se terán en conta as que figuren coa mención de «non presentado».

En cada curso académico realizaranse dúas convocatorias de exame por cada materia de acordo co seguinte:

1. Materias cuadrimestrais con docencia no primeiro cuadrimestre: a primeira convocatoria de exames realizarase no mes de febreiro, e a segunda no mes de setembro.

2. Materias cuadrimestrais con docencia no segundo cuadrimestre e materias anuais: a primeira convocatoria de exames realizarase no mes de xuño e a segunda no mes de setembro.

3. Convocatoria extraordinaria de exames para planos non renovados: realizarase nas mesmas datas que a convocatoria de exames das materias cuadrimestrais con docencia no primeiro cuadrimestre.

4. Convocatoria de exames de fin de carreira:

a) Planos renovados. Realizarase entre os meses de decembro e xaneiro e nas datas que cada centro xulgue pertinente, que deberán ser feitas públicas ao inicio do curso.

b) Planos non renovados. Coincidirá coa convocatoria extraordinaria de exames.

O acordo da Xunta de Goberno que aprobe anualmente o calendario escolar poderá establecer as datas de exame e os períodos non-lectivos para a realización deles, consonte a programación que para o curso académico se realice.

15. Matrícula para exames de fin de carreira.

15.1. Poderán concorrer á convocatoria de exames de fin de carreira os alumnos de planos estruturados en créditos aos cales lles resten 40 créditos para concluír os seus estudos, ou tres materias no caso de alumnos de planos de estudos sen renovar, aínda que non tivesen estado matriculados con anterioridade neses créditos ou materias.

Para os efectos do parágrafo anterior só computarán os créditos ou materias necesarios para obter a titulación, sen incluír aqueles en que o alumno se matricule en exceso dos exixidos para a obtención do título. Neste último caso o alumno indicará en que materias desexa inscribirse na convocatoria fin de carreira.

O alumno que desexe concorrer á convocatoria de exames de fin de carreira deberá formalizar a inscrición nos prazos que se establezan na convocatoria de matrícula. A inscrición deberá formalizarse da totalidade das materias que lle resten para rematar os estudos. En ningún caso procederá a inscrición con posterioridade á realización dos exames.

15.2. Titulacións con proxectos ou traballos fin de carreira.

Os alumnos de titulacións nas cales se exixa ter todas as materias do plano de estudos aprobadas para a realización do proxecto ou traballo fin de carreira non se terán que matricular previamente do proxecto ou traballo de fin de carreira para poder presentarse á convocatoria de fin de carreira. Para o cómputo do número de créditos non se contarán os do traballo ou proxecto de fin de carreira, agás nos casos en que para realizalo non se precise ter superadas todas as materias do plano de estudos.

As estadías de farmacia (prácticas tuteladas) terán o mesmo tratamento cós proxectos de fin de carreira para os efectos da inscrición na convocatoria extraordinaria de fin de carreira. Igual interpretación se fará de calquera outra situación análoga que se poida dar noutra titulación.

15.3 Fin de carreira e libre configuración.

Cando o estudante se matricule de todas as materias que lle quedan para rematar os estudos e ademais estea realizando prácticas en empresa, créditos por equivalencia, ou calquera outra actividade recoñecida para a libre configuración curricular, permitiráselle a inscrición na convocatoria extraordinaria de fin de carreira, sempre que acredite tal circunstancia e que o número de créditos que lle falte globalmente para concluír os estudos estea dentro do límite establecido.

15.4 Exclusións da inscrición da convocatoria extraordinaria de fin de carreira.

Non se poderán inscribir na convocatoria extraordinaria de fin de carreira os alumnos que teñan superadas a totalidade das materias e créditos exixidos para a obtención do título. En todo caso, esta convocatoria extraordinaria non será de aplicación ás seguintes materias ou actividades:

-Os practicum.

-As estadías en farmacia, en veterinaria e naquelas outras titulacións que as prevexan nos seus planos de estudo.

-Os traballos academicamente dirixidos.

-As materias que exixan superación de prácticas para ser aprobadas, agás que os centros autoricen o contrario.

16. Convocatoria extraordinaria de exames para planos non-renovados.

16.1. Réxime transitorio para alumnos de planos non-renovados.

Os alumnos que estean a cursar estudos por planos non renovados e matriculados en materias das cales sexan repetidores, poderán concorrer a un máximo de tres materias na convocatoria extraordinaria de exames.

16.2. Inscrición para a convocatoria extraordinaria de exames.

Os alumnos que formalizasen a matrícula nos prazos establecidos e que reúnan os requistos que se establecen nos prazos anteriores, e desexen concorrer á convocatoria extraordinaria de exames, deberán formalizar inscrición na Unidade de Xestión Académica nos prazos que anualmente se establezan.

Os alumnos que teñan formalizada solicitude para concorrer aos exames da convocatoria extraordinaria e que non concorran poderán concorrer ás convocatorias ordinarias do curso.

TÍTULO II

Cualificacións

17. Cualificacións e mencións.

17.1. Cualificación.

A avaliación dos alumnos será reflectida nas actas mediante unha cualificación numérica en función da seguinte escala de 0 a 10, con expresión dun decimal, á cal poderá engadirse a súa correspondente cualificación cualitativa:

0-4,9: suspenso (SS).

5,0-6,9: aprobado (AP).

7,0-8,9: notable (NT).

9,0-10: sobresaliente (SB).

Tamén se poderá outorgar a cualificación de apto/a ou non apto/a nos supostos de créditos recoñecidos correspondentes a actividades formativas non integradas no plano de estudos, e nos demais supostos previstos polas normas.

Poderáselles conceder a mención de matrícula de honra aos alumnos que obtivesen a cualificación igual ou superior a 9, sen que o seu número poida exceder do 5% dos alumnos matriculados na materia no correspondente curso académico. Non obstante, se o número de alumnos matriculados fose inferior a 20, poderá concederse unha matrícula de honra.

17.2. Mencións.

Nas actas de exame, ademais de reflectir as cualificacións, poderán figurar as mencións sen cualificar ou non-presentado nos seguintes supostos:

Sen cualificar. No suposto de que o alumno concorra á convocatoria de exame dunha materia sen ter superado a materia que sexa prelación ou ben cando curse os estudos dos cales está matriculado na Universidade de Santiago de Compostela ou noutra universidade no marco dun convenio interuniversitario de cooperación, sempre e cando os estudos cursados noutra universidade teñan que ser obxecto de recoñecemento de estudos de acordo coas disposicións que regulan este tipo de estudos.

Non presentado: faráselles constar esta mención a aqueles alumnos que, estando matriculados nunha materia, non concorran á realización dos exames nas convocatorias oficialmente establecidas.

18. Valoración dos expedientes.

Para a valoración dos expedientes a universidade aplicará as normas que en cada caso sexan de aplicación e, supletoriamente, o previsto no protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos, ratificado polo Consello de Goberno do 30 de marzo de 2005.

TÍTULO III

Actas, expedientes e custodia de exames

Capítulo I

Actas

19. Confección das actas.

Por cada materia cursada e por cada unha das convocatorias de exame elaborarase unha acta na que figuren todos os alumnos matriculados, indiferentemente do réxime de matrícula. Mediante resolución reitoral, poderáse establecer que as actas se confeccionen por grupos de docencia de acordo co procedemento de elaboración e formalización de actas que se estableza.

20. Contido da acta.

20.1. As actas identificarán a materia de que se trate con todos os seus elementos, tales como: denominación, tipo de materia, créditos, titulación en que se imparte, período de docencia, grupo, de ser o caso, e calquera outro que sirva para a súa identificación.

Os alumnos que deban figurar nas actas serán identificados, como mínimo polo seu nome e apelidos, e documento nacional de identidade ou pasaporte, e tipo de matrícula.

20.2 As cualificacións reflectiranse en calquera caso cos literais das cualificacións e mencións, sen prexuízo doutro tipo de marcas ou símbolos que permitan axilizar a súa xestión.

21. Asinamento das actas.

As actas de exame serán asinadas en todas as súas follas polo profesor ou profesores que consonte o plan de organización docente teñan a responsabilidade expresa da docencia da materia.

A derradeira folla de cada acta, ademais da sinatura dos profesores, indicará explicitamente nome e apelidos destes. Igualmente, nesta última folla o secretario do centro realizará o recoñecemento da sinatura do profesor, asinaraa e selaraa.

Se por perda de relación coa universidade, falecemento ou causa análoga, o profesor encargado da materia non puidese asinar a acta, esta será asinada en todas as súas follas polo secretario do departamento, e na derradeira polo secretario do centro, que fará constar as causas de que o profesor encargado non asinase, ademais do recoñecemento de sinatura consonte o disposto no parágrafo anterior.

22. Entrega das actas de exame.

As actas de exame de cada convocatoria deberán ser entregadas na secretaría dos centros de xeito improrrogable nos quince días seguintes ao da data de remate do respectivo período oficial de exames establecido no calendario escolar da USC. A ampliación deste prazo, sempre por causas excepcionais, deberá contar coa autorización expresa do secretario xeral. O secretario do centro procederá á súa remisión inmediata ás unidades de xestión académica, sen necesidade de agardar pola entrega da totalidade das actas.

A Secretaría Xeral da Universidade desenvolverá os aspectos de confección, formalización, entrega, depósito e custodia, así como os procedementos de rectificación das actas.

23. Conservación e custodia das actas.

As actas serán depositadas posteriormente para a súa conservación, custodia e xestión nas dependencias das unidades de xestión académica.

Nos centros depositarase unha copia da acta que carecerá de efectos certificantes.

Correspóndelle ao secretario xeral da universidade a custodia das actas. Baixo a supervisión do secretario xeral adxunto, o xefe da Unidade de Xestión Académica terá a responsabilidade encomendada, de estrito cumprimento, do depósito e custodia das actas.

24. Modificacións das actas.

En calquera caso as actas poderán ser modificadas polos profesores asinantes sempre que a modificación sexa favorable ao alumno, sen necesidade de instruír procedemento ningún e coa súa comparecencia na Unidade de Xestión Académica, nos prazos que se establezan na normativa sobre elaboración e modificación de actas.

Capítulo II

Expedientes e certificacións

25. Unidade de expediente académico.

O expediente académico do alumno reflectirá todas as incidencias académicas que afecten os estudos que cursou ou está a cursar.

O expediente académico será único por alumno, e poderase separar en varios subexpedientes por titulacións. Neste suposto, o subexpediente principal será o da primeira titulación en que iniciase estudos, e débese facer constar tal circunstancia tanto no subexpediente principal coma nos separados.

26. Certificacións.

O acto de certificación será verbo dunha ou varias titulacións.

Os modelos de certificacións deberán ser previamente aprobados polo secretario xeral da universidade.

27. Certificacións de expedientes trasladados.

Nos supostos de expedientes trasladados deberanse reflectir todos os extremos académicos da universidade de procedencia, sen prexuízo das adaptacións e validacións que nesta universidade se poidan realizar.

As certificacións que se expidan deberán reflectir o expediente da universidade de orixe de xeito diferenciado ao desta universidade.

28. Conservación e custodia de exames.

Os exames ou probas, xa sexan parciais ou finais, que fosen realizados por escrito ou por calquera outro medio que permita deixar constancia deles, deberán ser conservados polos profesores encargados da materia polo menos seis meses desde a data final de entrega das actas, agás nos supostos de que estea en curso un expediente administrativo ou xudicial, ou que por outras normas se establezan prazos maiores.

TÍTULO IV

Réxime de traslados

Capítulo I

Requisitos para o inicio e continuación de estudos

29. Inicio de estudos.

Os alumnos que desexen iniciar estudos en titulacións da Universidade de Santiago de Compostela deberán solicitar a admisión na titulación elixida acreditando que reúnen os requisitos legalmente exixidos para o acceso á universidade, nos prazos e co procedemento que dispoña a convocatoria de matrícula.

30. Continuación de estudos.

30.1. Continuación en titulacións con límite de prazas.

Os centros das titulacións con limitación de prazas, no primeiro ciclo, no segundo ciclo ou en ambos, poderán propoñer á Xunta de Goberno que se estableza un límite para traslados. Este límite non poderá ser inferior ao dez por cento das prazas que se autoricen para alumnos de novo ingreso.

30.1.1. Continuación en titulacións sen cota de prazas para traslados.

-Os alumnos deberán acreditar ter superado o primeiro curso completo deses estudos, no caso de ensinanzas non renovadas, ou 60 créditos no caso de ensinanzas renovadas (Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro).

-En ambos os dous casos non poderán ter esgotadas as convocatorias establecidas nas normas de permanencia segundo a normativa da USC. Non se terá en conta este requisito no caso de aplicación do artigo 34 das normas de xestión académica.

Cando un estudante non reúna os requisitos establecidos nos dous puntos anteriores quedará sometido ao rexime xeral de adxudicación de prazas regulado no Real decreto 69/2000, do 31 de xaneiro.

30.1.2. Titulacións con cota de prazas para traslados.

Os alumnos que soliciten o traslado deberán reunir os requisitos académicos establecidos no punto anterior.

Para a resolución das solicitudes de traslado terase en conta os seguintes criterios de preferencia:

1. Resolveranse primeiro as solicitudes que, reunindo os requisitos para o traslado, sexan presentadas antes do 31 de xullo.

2. De resultaren prazas non adxudicadas, resolveranse as presentadas entre o 1 de agosto e o 15 de outubro, e mais aquelas que se presentasen no primeiro prazo e non se admitisen por careceren (na convocatoria de xuño) dos requisitos académicos exixidos e reunisen os requisitos xerais.

3. As solicitudes ordenaranse pola cualificación do expediente que resulte da aplicación dos criterios xerais que sinala a disposición derradeira segunda do Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, na redacción dada polo Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño, ou norma que a substitúa.

4. Unha vez valorados os expedientes, e sen prexuízo da notificación individual, farase pública unha resolución na que figuren todos os alumnos admitidos e os excluídos, ordenados consonte a cualificación do seu expediente.

30.1.3. Traslados desde universidades privadas ou da Igrexa.

Os alumnos procedentes de universidades privadas ou da Igrexa, para continuar estudos de primeiro ou segundo ciclo nas titulacións con límite de prazas que se imparten na USC, ademais do requisito de ter superado integramente o primeiro curso de planos non renovados ou 60 créditos de planos renovados, non poderán ter esgotadas as convocatorias establecidas segundo as normas de permanencia da universidade, e deberán ter, ademais, unha cualificación nas probas de acceso á universidade igual ou superior á do último alumno admitido nesa titulación no curso anterior.

Acreditados os tres requisitos procederá a súa resolución consonte o disposto no parágrafo anterior.

30.2. Admisión de estudantes con estudos universitarios estranxeiros.

30.2.1. Continuación en titulacións sen cota de prazas para traslados.

Para seren admitidos deberá validárselles polo menos unha materia no caso de planos non-renovados ou 15 créditos no caso de planos renovados.

30.2.2. Titulacións con cota de prazas para traslados.

Para seren admitidos deberá validárselles polo menos o primeiro curso completo no caso de titulacións non-renovadas ou 60 créditos no caso de planos renovados. A valoración de expedientes realizarase segundo as normas que para os efectos estableza a USC.

No caso de que estes alumnos non obteñan a validación parcial de estudos, deberán superar as PAAU agás que os estudos preuniversitarios validados lles dean acceso directo á universidade.

Capítulo II

Normas xerais de traslados

31. Prazos de presentación de solicitudes.

As solicitudes de inicio ou continuación de estudos en titulacións que imparta a Universidade de Santiago de Compostela deberán presentarse nas unidades de xestión académica correspondentes á titulación, nas datas que estableza a convocatoria de matrícula.

32. Tramitación.

32.1. As solicitudes de admisión para continuar ou iniciar estudos en titulacións da Universidade de Santiago de Compostela serán resoltas conforme o disposto neste acordo, resolucións reitorais que o desenvolvan e nas disposicións vixentes que sexan de aplicación ao caso, e débenlles ser notificadas aos interesados para os efectos de tramitación de traslado de expediente.

32.2. Os alumnos que non reúnan os requisitos para a aceptación do traslado consonte o establecido neste acordo poderán presentar solicitude de ingreso en titulacións con límite de prazas.

33. Cambio de matrícula no primeiro curso en titulacións con límite de prazas.

33.1. Os alumnos matriculados no primeiro curso dunha titulación con límite de prazas poderán solicitar o cambio de matrícula a partir do curso académico seguinte a aquel en que iniciasen estudos, para continuar os mesmos estudos que se impartan en centros da universidade ou adscritos a ela sitos en localidade distinta. Estas solicitudes resolveranse favorablemente en calquera suposto.

33.2. Poderá autorizarse un novo cambio de centro, durante o mesmo curso académico, cando os alumnos que o pidan reúnan os requisitos para acadar a titulación polo centro de orixe.

34. Alumnos con convocatorias esgotadas nalgunha materia.

Se o alumno que solicita o traslado tivese esgotadas convocatorias nalgunha materia, consonte o réxime xeral de convocatorias da Universidade de Santiago de Compostela, admitirase o traslado se a universidade de orixe recoñece a reciprocidade de trato aos alumnos da Universidade de Santiago de Compostela con convocatorias esgotadas, para que, respecto das materias con convocatorias esgotadas, renda exame por unha soa vez.

35. Alumnos que accederon á universidade a través das probas para maiores de vinte e cinco anos.

As solicitudes de traslado para continuar os mesmos estudos xa iniciados noutra universidade, presentadas polos alumnos que accedesen á universidade a través das probas para maiores de vinte e cinco anos, resolveranse consonte o disposto para as titulacións non sometidas a limitación de prazas no primeiro curso.

36. Admisión do expediente de alumnos desta universidade que esgotasen ou non convocatorias nela.

Autorízase a admisión do traslado de expediente académico dos alumnos que esgotaron convocatorias nalgunha materia e que, tras superala noutra universidade, desexen trasladar novamente o seu expediente a esta universidade para que, tras a súa validación no seu expediente, poidan solicitar a expedición do título.

Tamén se lles autoriza a admisión do traslado, nos mesmos termos que no caso anterior, aos alumnos que tivesen realizado polo menos o 80% das materias correspondentes á súa titulación nesta universidade.

Para ambos os dous casos a solicitude do traslado de expediente poderá presentarse en calquera momento.

37. Alumnos procedentes da universidade da Igrexa.

Para os efectos da admisión para a continuación de estudos en titulacións, tanto con límite de prazas como sen límite, por parte de alumnos que procedan de universidades da Igrexa, non se terán en conta as materias que sexan de ensinanzas eclesiásticas, e que non formen parte dos planos de estudos das ensinanzas que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela.

De ser admitido o alumno, os xefes das unidades de xestión académica poñerán en coñecemento dos centros que o alumno procede dunha universidade da Igrexa, por se consideran pertinente a realización dunha proba de conxunto sobre as materias que lle puidesen ser validadas.

38. Ingreso en titulacións con planos de estudo en proceso de extinción.

As solicitudes de traslado de alumnos para a continuación de estudos consonte planos en proceso de extinción, resolveranse consonte os criterios establecidos neste acordo e o que se dispón a seguir:

38.1. Inicio e continuación de estudos en titulacións en plans en proceso de extinción.

Non se procederá á admisión de ningún alumno de novo ingreso para cursar titulacións por planos de estudos en proceso de extinción, agás que, tras os procesos de validación, resulte que ten superadas todas sa materias que estean extintas.

Soamente se lles permitirá formalizar matrícula nos planos de estudo en proceso de extinción aos alumnos procedentes de traslados nos supostos de que as materias nas que pretendan formalizar matrícula se impartan, por non terse extinguido o curso, ou estivesen no período transitorio de dous anos seguintes á extinción do curso.

Sen prexuízo do disposto na norma 42.3º, de non impartirse as materias ou estar xa rematado o período transitorio subseguinte, se o alumno desexa continuar estudios, deberá adaptarse ao novo plano.

38.2. Continuación de estudos en planos en extinción por parte de alumnos que iniciaran estudos en planos renovados.

Admitirase o traslado para a continuación de estudos en planos en proceso de extinción dos alumnos que nas universidades de procedencia os iniciaran consonte planos renovados, se reúnen os dous requisitos seguintes:

-Que a incorporación ao plano de estudos renovado na Universidade de Santiago de Compostela supoña un atraso, dado o diferente ritmo de implantación do plano de estudos.

-Que logo dos procesos de adaptación non deba superar ningunha materia que estea extinguida definitivamente.

39. Traslados de alumnos que accederan á universidade por validación de estudos estranxeiros.

Os traslados dos alumnos que ingresaran en calquera universidade española por validación de estudos estranxeiros resolveranse consonte os criterios xerais de traslados establecidos neste acordo.

TÍTULO V

Adaptacións e validacións

Capítulo I

Ámbito de aplicación e conceptos

40. Ámbito de aplicación.

As normas de adaptación e validación que se establecen neste acordo serán de aplicación para todos os planos de estudo conducentes a titulacións oficiais vixentes na Universidade de Santiago de Compostela.

41. Conceptos.

Adaptacións. Entenderase por adaptación os seguintes actos:

a) O acto polo que se lles recoñece eficacia académica aos estudos superados consonte un plano de estudos en proceso de extinción noutro de nova implantación e que o substitúe.

b) Tamén terá a consideración de adaptación o acto polo que se lles recoñece eficacia académica ás materias que se impartan no mesmo grupo de docencia, ou que se consideren unidas para os efectos de impartición no Plan docente anual tanto se corresponden á mesma titulación como a outra distinta.

c) O acto polo que se lles recoñece eficacia académica aos estudos realizados consonte un plano de estudos doutra universidade, nun plano de estudos da Universidade de Santiago de Compostela, no suposto de que ambos os dous plans conduzan á mesma titulación oficial.

Validacións. A validación é o acto polo que se lles recoñecen efectos académicos aos estudos universitarios realizados consonte un plano de estudos noutro plano de estudos conducente a distinta titulación.

O recoñecemento de estudos realizados en universidades estranxeiras ou en institucións análogas realizarase polo procedemento de validación.

Capítulo II

Adaptacións

42. Adaptación obrigatoria e voluntaria.

42.1. Adaptación obrigatoria.

Os alumnos que estean cursando un plano de estudos que está a ser substituído por outro, de non superaren as materias do plano en extinción, se desexan continuar os mesmos estudos, deberán adaptarse ao novo plano de estudos.

Este suposto implicará o inicio dun novo expediente académico, o mantemento das cualificacións das materias superadas e que sexan adaptadas, e o comezo de novo do cómputo das convocatorias verbo de todas as materias que resten por superar no novo plano de estudos.

42.2. Adaptación voluntaria.

Os alumnos que están realizando estudios consonte un plano de estudos que está a ser substituído por outro, poderán solicitar a continuación dos seus estudos polo plano de nova implantación.

42.3. Adaptación obrigatoria e voluntaria.

Co obxecto de facilitar a conclusión dos estudos polos planos en procesos de extinción, o reitoría, á vista do expediente do alumno e dos informes dos centros, poderá autorizar a realización ata un máximo de tres materias consonte un plano renovado para que sexan imputadas a un plano en proceso de extinción.

Superadas as materias, recoñeceranse plenos efectos dentro do plano de orixe do alumno e recoñeceráselle a cualificación outorgada.

A resolución reitoral que autorice esta matrícula establecerá a correspondencia entre as materias do plano en extinción e as do plano novo.

43. Criterios que se seguirán nos expedientes de adaptación.

43.1. Adaptacións por causa de substitución de planos de estudo.

Neste suposto atenderase ao disposto nos cadros de adaptación que establezan os respectivos planos de estudo.

43.2. Adaptacións a causa de continuación de estudos.

Para estes efectos, atenderase aos criterios adoptados polo Consello de Coordinación Universitaria e demais normas de aplicación.

44. Cualificación.

Nas materias ou disciplinas que resulten adaptadas deberá reflectirse a mención adaptada e maila cualificación que o alumno acadara na materia obxecto da adaptación.

Se a materia estivese estruturada en disciplinas, a cualificación obteríase consonte o seguinte: suma dos créditos superados, multiplicados cada un deles polo valor da cualificación que corresponda, e dividido polo número de créditos totais da disciplina de que se trate. Non se terán en conta os créditos que non teñan cualificación.

Capítulo III

Validacións

45. Estudos validables.

Serán susceptibles de seren validadas as materias ou disciplinas que formen parte de planos de estudos conducentes a títulos oficiais, xa se impartan en universidades públicas, privadas ou da Igrexa ou nos centros adscritos a calquera delas. Igualmente serán validables as materias cursadas en réxime de equivalencia.

A Xunta de Goberno establecerá aqueles estudos que sen ter carácter universitario sexan susceptibles de seren validados.

46. Criterios que se seguirán nos expedientes de validación.

Para estes efectos, atenderase aos criterios adoptados polo Consello de Coordinación Universitaria e demais normas de aplicación.

47. Cualificación.

As materias validables serán reflectidas no expediente coa mención validada e indicando as cualificacións segundo os criterios adoptados polo Consello de Coordinación Universitaria e demais normas de aplicación.

As materias que sexan recoñecidas como de libre elección manterán en calquera caso a cualificación obtida, xa fose outorgada nesta universidade ou noutras universidades.

48. Normas específicas para validación dos complementos de formación.

Para a validación dos complementos de formación terase en conta se a materia da que se solicita a validación cumpre os requisitos que establecen as respectivas ordes que implantan os complementos de formación, aínda que non coincidan coas materias que compoñan os complementos que se imparten nesta universidade.

49. Eficacia das validacións ou adaptacións.

As adaptacións e validacións producirán efectos desde que se dicte a resolución que as recoñeza.

Se as adaptacións e validacións reportasen prezos públicos, os efectos comezarán desde que se acredite o pagamento correspondente.

O pagamento dos prezos que se xerasen poderá realizarse fraccionadamente por materias ou disciplinas en sucesivos cursos académicos, sempre que o plano de estudos para o que se ditou a resolución non fose modificado nas materias validadas ou adaptadas.

Capítulo IV

Normas comúns a adaptación e validacións

50. Efectos no currículo do alumno.

50.1. As materias ou disciplinas adaptadas ou validadas consideraranse superadas para todos os efectos e, por conseguinte, non son susceptibles de novo exame.

50.2. Se tras os procesos de validación ou adaptación os alumnos que están a estudar licenciaturas, agás medicina ou arquitectura, non acreditase a superación de polo menos 300 créditos, deberán cursar materias non cursadas da titulación que estean a realizar ata cubrir o mínimo de créditos exixido. De non ter a titulación materias suficientes, a dirección do centro determinará as materias doutras titulacións que deberá cursar o alumno.

Para titulacións de só segundo ciclo, ou nos supostos de que se accedese a segundos ciclos que non sexan continuación do primeiro ciclo iniciado, ou de titulacións de só primeiro ciclo, no cómputo dos trescentos créditos teranse en conta os créditos da titulación ou ciclo que lles recoñece o acceso.

51. Órganos competentes no procedemento de adaptacións e validacións (3).

As adaptacións e validacións serán resoltas en todo caso polo reitor, tras o informe dos órganos correspondentes de cada centro. Non será preciso este informe cando o alumno teña superada integramente a materia troncal. Neste caso aplicarase o criterio establecido polo Consello de Universidades para a resolución da adaptación das materias troncais.

Para os efectos de axilización procedemental, e sen prexuízo da necesidade da resolución expresa, as comisións académicas de cada titulación poderán, consonte os antecedentes, establecer táboas de adaptación e validación entre materias de diferentes titulacións, de tal xeito que os alumnos poderán formalizar a matrícula coa presunción de adaptación ou validación das devanditas materias.

Os recoñecementos de validación como materias de libre elección de materias superadas noutras titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e que se desexen imputar á titulación que o alumno está a seguir, recoñeceranse, e sen necesidade do informe do centro, se nos acordos da Xunta de Goberno que aproben as materias de libre elección para cada curso académico non figurase como excluída por ter contidos idénticos ou moi similares para a titulación en que se pretenda imputar.

51.1. Eficacia das táboas de cadros de validación.

Os cadros de validación e adaptación que foron aprobados polas comisións dos centros servirán para o recoñecemento das validacións ou adaptacións sen necesidade de provocar novos acordos das comisións competentes e serán executados directamente polas unidades de xestión académica.

51.2. Vixencia e mantemento das táboas.

Estas táboas de validación terán polo menos unha vixencia dun curso académico. A supresión de materias, ampliación, ou calquera outra modificación deberá ser comunicada polos centros ao Servizo de Alumnado, que será o responsable do mantemento e actualización do libro de validacións e adaptación en calquera soporte.

O prazo para a notificación das modificacións será ata o 30 de abril de cada curso académico para que produzan efectos no curso seguinte. No caso de que non se teña producido esta comunicación ao Servizo de Alumnado entenderase prorrogado o libro durante o curso seguinte.

51.3. Difusión.

A reitoría fará a correspondente difusión nos centros, departamentos, unidades administrativas e alumnos do Libro de validacións e adaptacións da USC.

52. Prazos de solicitude e resolución.

52.1. Prazos de solicitude.

As solicitudes de adaptación e validación de estudos poderán presentarse durante todo o curso, se ben só darán dereito a modificar ou anular a matrícula, conforme o disposto no artigo 13 sobre modificacións particulares, as solicitudes presentadas no prazo de matrícula ordinario.

52.2. Prazos de resolución.

Sobre as solicitudes de adaptación e validación deberán emitir informe os órganos competentes no prazo máximo dun mes desde o remate do prazo de solicitudes.

Como consecuencia das resolucións de adaptación ou validación os alumnos, de teren feita a matrícula, poderán modificala no prazo de dez días desde a recepción da resolución se non foran validadas ou adaptadas todas as as materias que solicitase.

TÍTULO VI

Acceso ao segundos ciclos

Capítulo I

Normas xerais

53. Condicións de acceso ao segundo ciclo.

53.1. O acceso ao segundo ciclo poderá estar sometido a limitación de prazas. A Xunta de Goberno poderá ditar normas que permitan un acceso equilibrado das diferentes titulacións ou estudos de primeiro ciclo aos que se lles recoñeza acceso a estudos de segundo ciclo e poderán establecerse quendas de acceso.

53.2. A limitación de prazas non afectará os alumnos para os que o segundo ciclo sexa continuación directa dos estudos iniciados no mesmo centro e titulación. Os alumnos que soliciten o ingreso para continuar os mesmos estudos iniciados noutras universidades someteranse ao procedemento de traslados.

53.3. O ingreso en estudos con limitación de prazas requirirá a solicitude previa dos alumnos interesados. A solicitude e mailo procedemento para a súa resolución rexeranse por este acordo e mais o establecido no Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos de ingreso nos centros universitarios dos estudantes que reúnan os requisitos legais necesarios para o acceso á universidade.

53.4. Os alumnos que estean en posesión dun primeiro ciclo ou dunha titulación de primeiro ciclo que lles recoñeza o acceso a outros segundos ciclos ou titulacións de só segundo ciclo soamente poderán solicitar o ingreso nestes estudos a través do disposto neste acordo.

53.5. En consonancia co anterior, non poderán solicitar o ingreso no primeiro ciclo da mesma titulación, alegando estar en posesión dun título universitario, probas de acceso á universidade, formación profesional ou calquera outro título que recoñeza o acceso á universidade. No suposto de que o alumno solicite, en primeira convocatoria, o ingreso no primeiro ciclo dunha titulación por non ter superado o primeiro ciclo que lle recoñece o acceso ao segundo ciclo, e a superase na segunda convocatoria do curso, procederase á anulación de todas as actuacións efectuadas, incluso a matrícula que puidese ter feita, e tomarase en consideración a solicitude do alumno como solicitude de ingreso en estudos de segundo ciclo coa prelación de setembro. Agás os alumnos da titulación de farmacia que foron seleccionados na primeira convocatoria do curso para a realización das estadías e que rematan estas no mes de setembro. A súa solicitude tramitarase coa prelación de xuño no caso de que superen as

estadías e sempre que a súa cualificación para a titulación solicitada con maior preferencia sexa superior á do último alumno admitido nela.

53.6. Nos estudos que non estean sometidos a limitación de prazas, o ingreso realizarase mediante a formalización de matrícula nos prazos que con carácter xeral se establezan.

53.7. No suposto de que o acceso ao segundo ciclo de estudos de titulacións de primeiro e segundo ciclo non estea sometido a limitación de prazas, aínda que o ingreso a través do primeiro ciclo si, considerarase para os alumnos que accedan ao segundo ciclo consonte o procedemento establecido nesta resolución que a titulación non está sometida a limitación de prazas.

54. Dos complementos de formación.

54.1. Os centros nos que se impartan ensinanzas de segundo ciclo ás que se poidan incorporar alumnos co primeiro ciclo doutra titulación deberán implantar, se así se requirise, os complementos de formación que sexan necesarios.

54.2. A implantación dos complementos de formación deberase realizar de tal xeito que, no momento de implantación do segundo ciclo, os alumnos poidan incorporarse a este.

54.3. Os complementos de formación que en cada caso se requiran poderanse cursar das seguintes formas:

a) Simultaneamente ás ensinanzas do primeiro ciclo.

b) Simultaneamente ás ensinanzas do segundo ciclo.

54.4. En ambos os dous supostos, se os complementos de formación non coincidisen coas materias que compoñan o plano de estudos, deberase especificar o carácter de complementos de formación da materia.

54.5. Se os complementos de formación fosen materias propias do plano de estudos, estes deberanse cursar de acordo coa ordenación temporal das materias que estableza o plano de estudos.

54.6. De estar sometido a limitación de prazas o acceso ao segundo ciclo, a superación dos complementos de formación ou acreditar a validación destes non suporá o dereito de acceso ao segundo ciclo.

54.7. As materias que configuren os complementos de formación e que non formen parte do primeiro ciclo dos planos de estudo poderán cursarse como materias de libre elección, se ben a superación delas non implica o dereito de realizar os estudos de segundo ciclo se estes estivesen sometidos a limitación de prazas.

54.8. Os complementos de formación superados polo estudante en calquera universidade serán recoñecidos academicamente na Universidade de Santiago de Compostela, aínda cando a determinación destes, de ser o caso, fose diferente.

55. Expediente académico.

Nos expedientes académicos dos alumnos que accedan ao segundo ciclo de ensinanzas universitarias, conforme o establecido neste acordo, deberán reflectirse separadamente as materias correspondentes aos complementos de formación.

Capítulo II

Procedemento de ingreso nos segundos ciclos sometidos a limitación de prazas

56. Solicitudes.

En cada curso académico, mediante resolución reitoral, realizarase unha convocatoria para que os alumnos poidan solicitar o ingreso nos segundos ciclos con límite de prazas, que deberá conter como mínimo:

a) Titulacións sometidas a limitación.

b) Número de prazas.

c) Porcentaxe aprobada pola comunidade autónoma para alumnos doutras universidades segundo o Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro.

d) Prazo de presentación.

e) Requisitos xerais para o acceso.

f) Complementos de formación que se cursarán por cada titulación ou primeiro ciclo con acceso.

57. A convocatoria desenvolverase en tres fases independentes.

1ª Fase de xullo: para os alumnos que posúan a titulación que lles dea acceso dentro do prazo de solicitude que se estableza no mes de xullo, é dicir, aqueles que remataran os estudos de acceso na convocatoria de xuño ou en anos anteriores, e presenten a solicitude dentro do prazo.

2ª Fase de outubro: para os alumnos que rematen na convocatoria de setembro os estudos que lles dan acceso, así como aqueles que, aínda que podían presentar a solicitude na primeira convocatoria, non o fixesen, e soamente para aquelas titulación nas que resultaran prazas vacantes na fase anterior.

3ª Fase logo do primeiro cuadrimestre: para os alumnos que reúnan os requisitos académicos para o acceso e desexen formalizar a matrícula en aquelas titulacións nas que logo das dúas convocatorias ordinarias resultaran prazas vacantes.

58. Agrupación de titulacións e quendas.

58.1. De ter fixado límite de prazas e para os efectos do disposto no Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro, as titulacións agruparanse do xeito seguinte:

Grupo I. Titulacións con acceso ao 2º ciclo e que este é continuación directa dun 1º ciclo implantado.

L. Administración e dirección de empresas (Santiago de Compostela).

L. Economía.

L. Xornalismo.

L. Filoloxía (todas).

Enxeñeiro químico.

L. Química (Santiago de Compostela).

L. Matemáticas.

L. CC. políticas e da administración.

L. Bioloxía.

L. Pedagoxía.

L. Humanidades.

Grupo II. Titulacións de ciclo longo nas que a USC só ten implantado o segundo ciclo.

L. Administración e dirección de empresas (Lugo).

L. Química (Lugo).

Enxeñeiro agrónomo.

Enxeñeiro de montes.

Grupo III. Titulacións de só 2º ciclo implantadas:

L. Psicopedagoxía.

L. Ciencia e tecnoloxía dos alimentos.

58.2 . Das quendas.

58.2.1. A reserva de prazas que realice a comunidade autónoma, no caso de titulacións dos grupos I e II, para estudantes procedentes doutras universidades, non se dividirá en quendas segundo as titulacións de acceso.

58.2.2. No caso de que o acordo polo que se aprobaron os límites de prazas establecese quendas de ingreso nunha determinada titulación e que unha vez resoltas todas as solicitudes dunha determinada quenda, quedasen prazas vacantes, estas acumularíanse ao resto das quendas da titulación consonte as seguintes regras:

a) Nas titulacións incluídas nos grupos I e II da norma 58.1º, as prazas non cubertas das reservadas na porcentaxe fixada pola comunidade autónoma acumularíanse ás prazas dos alumnos da USC.

b) De resultar vacantes as prazas reservadas a unha titulación de acceso, acumularanse proporcionalmente ao resto de titulacións de acceso, e de ser o caso, consonte o disposto no acordo da Xunta de Goberno polo que se aproban os límites de prazas.

c) As acumulacións de prazas faranse en cada convocatoria de xeito que só se lles ofertarán prazas aos solicitantes dunha convocatoria se non quedan solicitudes da convocatoria anterior para cubrir as prazas.

59. Criterios de resolución do proceso.

Para a resolución do proceso teranse en conta: 1º a procedencia, 2º a cualificación e 3º a preferencia manifestada polo alumno.

59.1. Procedencia. En cada unha das convocatorias soamente se considerán as solicitudes de alumnos doutras universidades:

a) Para as prazas reservadas na porcentaxe que aprobe a comunidade autónoma nas titulacións dos grupos I e II da norma 58.1

b) As daqueles que desexen acceder áss titulacións incluídas no grupo III da norma 58.1 por non estar implantadas en centros públicos da universidade da que procedan.

c) No caso de que tras a resolución de todas as peticións de alumnos da USC presentadas en tempo e forma resultaran prazas vacantes.

d) Os alumnos que poidan realizar os estudos na súa universidade de orixe e soliciten continualos nesta serán considerados como alumnos da USC se acreditan algún dos requisitos de residencia que se exixen para os alumnos que ingresen no primeiro curso de titulacións con límite de prazas.

59.2. Cualificación.

As solicitudes dunha mesma quenda ordenaranse segundo a media do seu expediente académico calculada ao abeiro dos criterios xerais acordados polo Consello de Universidades aos que fai referencia a disposición final segunda do Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, polo que se establecen as directrices xerais comúns dos planos de estudos, na redacción dada polo Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño.

Para o acceso ás titulacións de segundo ciclo ou aos segundos ciclos sometidos a limitación de prazas soamente se valorará o primeiro ciclo dos estudos que acredite o alumno.

No suposto de que os alumnos doutras universidades non poidan achegar certificacións completas do seu expediente, e tras a oportuna reclamación, realizarase unha media aritmética dos seu expedientes e serán convocados se tras convocar o resto de solicitantes quedasen prazas vacantes.

59.3. Preferencia.

No caso de que o alumno solicite praza en máis dunha titulación da convocatoria a súa solicitude resolverase consonte as seguintes regras:

a) No caso de estar convocado á matrícula nunha titulación das solicitadas que non sexa a da súa primeira preferencia, manterase o seu dereito a matrícula ata cubrir todas as prazas nas titulacións de maior preferencia. Neste momento deberá matricularse ou ben perderá os seus dereitos respecto da praza adxudicada.

b) Do mesmo xeito, de ser convocado a matrícula nunha titulación, as solicitudes respecto de titulacións con preferencia menor serán automaticamente desestimadas.

60. Resolución do procedemento.

En cada fase, rematados os prazos de solicitude e de xestión dos expedientes, faranse públicas as relacións de alumnos convocados en cada titulación por cada quenda. Ademais, publicarase unha relación de alumnos en lista de agarda á expectativa de vacantes. Xunto con estas relacións convocaranse os alumnos admitidos para formalizar a matrícula.

Estas relacións publicadas no Servizo de Alumnado, Vicexerencia do Campus de Lugo e nas unidades de xestión académica terán a consideración de notificación consonte o disposto nos artigos 59 e 60 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

61. Convocatoria para formalizar matrícula.

Os alumnos convocados para formalizar a matrícula, de non o facer nos prazos establecidos, perderán os seus dereitos respecto das prazas adxudicadas, iso sen prexuízo do regulado na norma 59.3º respecto da preferencia.

Formalizada a matrícula en calquera titulación, con ou sen límite de prazas, entenderase que o alumno retira a súa solicitude respecto do resto de titulacións e, polo tanto, anularanse as demais titulacións solicitadas.

De haber prazas vacantes unha vez rematado o prazo de matrícula, realizaríanse sucesivos chamamentos convocando por cada titulación tantos alumnos como prazas vacantes haxa.

62. Reclamacións ao procedemento.

Publicadas as relacións a que fai referencia o punto 60, os alumnos poderán presentar reclamación contra elas no prazo máximo de 10 días naturais contados a partir da data da resolución que as faga públicas nos taboleiros de anuncios. As comunicacións personalizadas que puidesen recibir os alumnos non modificarán os prazos de reclamación establecidos.

63. Interpretacións das ordes ministeriais de acceso aos segundos ciclos e demais normativa de aplicación.

63.1. O recoñecemento que as diferentes ordes ministeriais realizan verbo do acceso a determinadas titulacións para o acceso a titulacións de segundo ciclo ou a segundos ciclos de titulacións de primeiro e segundo ciclo, é tanto para titulacións realizadas polos planos de estudo renovados como para as realizadas por planos anteriores, extintos ou non.

63.2. No suposto de que as denominacións dos planos de estudos renovados non coincidan con aquelas ás que substitúen, entenderase que o recoñecemento do dereito ao acceso a titulacións dos segundos ciclos ou a segundos ciclos doutras titulacións realizarase para ambas as dúas titulacións.

63.3. Correspóndelle ao reitorado o mantemento dos grupos de titulacións da norma XX, consonte a implantación de novas titulacións ou outras circunstancias que o exixan.

TÍTULO VII

Créditos por equivalencia

Capítulo I

Normas xerais

64. Créditos por equivalencia.

De acordo co que dispoñan os planos de estudo e o presente acordo, poderanse valorar como créditos do currículo as prácticas en empresas, os traballos academicamente dirixidos, a realización de estudos en universidades estranxeiras coas que se asinase previamente un convenio e calquera outra actividade que figure nos planos de estudo.

Para a realización de créditos por equivalencia seguirase o disposto neste acordo.

65. Imputación dos créditos por equivalencia.

Os créditos que se realicen en réxime de equivalencia imputaranse a materias concretas ou de forma xenérica segundo o que para cada suposto se establece neste acordo.

66. Practicum.

O réxime dos créditos por equivalencia que se regula neste acordo non será de aplicación o practicum que figure nos planos de estudo.

Capítulo II

Prácticas en empresas (4)

67. Realización de prácticas en empresas (5).

Soamente serán imputables como créditos por equivalencia as prácticas realizadas en empresas coas que previamente a universidade asinase o oportuno convenio.

As titulacións que non teñen recollido no seu plano de estudos a realización de prácticas en empresas como créditos por equivalencia poderán realizar as como actividades académicas. Neste caso os créditos serán imputados a libre elección.

Tamén neste caso será preciso a existencia dun convenio entre a universidade e a empresa que deberá reunir os mesmos requisitos que os establecidos para a realización das prácticas en empresas polo sistema de créditos por equivalencia.

68. Imputación das prácticas en empresas.

Os créditos por realización de prácticas en empresas imputaranse de forma xenérica a créditos optativos ou de libre configuración, baixo a epígrafe prácticas en empresas.

69. Contido dos convenios.

69.1. Sen prexuízo do que estableza unha regulación específica das prácticas en empresas e dos procedementos previstos para as xestionadas polo Consello Social ou Feuga, os convenios que asine a universidade para as convocatorias de realización de prácticas en empresas deberán conter como mínimo os seguintes extremos:

a) Obxecto das prácticas.

b) Número de prazas.

c) Tempo de realización das prácticas.

d) Horas de que constarán as prácticas e número de créditos que se imputarán.

e) Titor responsable na empresa para o desenvolvemento das prácticas

f) Titor ou órgano universitario responsable.

g) Período de vixencia do convenio.

69.2. Os convenios serán asinados polo reitor da universidade, sen prexuízo das delegacións que para iso se poidan realizar.

70. Convocatoria para a realización de prácticas en empresas.

As convocatorias para a realización de prácticas en empresas conterán como mínimo os seguintes extremos:

a) Empresa ou institución na que se realizarán as prácticas, con expresión do lugar onde se realizarán.

b) Número de prazas.

c) Número de horas e equivalencia en créditos dos que constarán as prácticas.

d) Tempo e horario de realización das prácticas.

e) Materia ou materias ás que se imputarán as prácticas.

f) Requisitos académicos para concorrer á realización das prácticas.

g) Prazo de solicitudes.

71. Selección dos alumnos.

Nos supostos en que a selección requira doutros elementos co expediente académico, e así se recolla no convenio, o reitorado establecerá as comisións de selección.

Estas comisións estarán compostas exclusivamente por profesores de universidade, se ben e á vista do convenio, poderán requirir os informes que consideren oportunos ás autoridades do centro ou profesores-titores e aos representantes das empresas, administracións ou entidades nas que se vai a realizar a práctica.

72. A avaliación e cualificación das prácticas en empresa.

72.1. A avaliación das prácticas en empresa organizadas polo centro, tanto as realizadas polo sistema de créditos por equivalencia como polo sistema de actividades académicas realizaraas un titor nomeado polo decano ou director de cada centro á vista da memoria que deberá presentar o alumno ao final das prácticas e do informe do responsable das prácticas na empresa.

72.2 As prácticas cualificaranse coas mencións de apto ou non-apto.

72.3 O estudante queda obrigado á realización do número total de créditos (segundo a equivalencia da convocatoria) dos que se matriculou. No caso de non facelos no expediente reflictirase a mención de non realizadas.

73. Imputación de convocatoria.

As prácticas en empresas imputaranse con carácter xeral ao curso no que se inician, agás petición do alumno para que sexan imputadas ao curso no que rematan.

As materias que se cursen en réxime de equivalencia, de ter unha soa convocatoria, imputaranse á primeira convocatoria en que se realicen exames da materia, que se curse en réxime ordinario, e de non relacionarse con materias, imputarase á convocatoria de xuño.

Capítulo III

Traballos academicamente dirixidos

74. Traballos academicamente dirixidos.

O recoñecemento de créditos pola realización de traballos academicamente dirixidos realizarase consonte as previsións e límites que establecen os planos de estudo.

No suposto de que os traballos academicamente dirixidos figuren entre as relacións de materias, e así mesmo nos cadros de xestión dos planos de estudo, non serán excluíntes, debendo entenderse o límite de créditos por equivalencia respecto daqueles traballos academicamente dirixidos que se imputen a outras materias ou como créditos de libre configuración.

75. Imputación dos traballos academicamente dirixidos.

75.1. Os traballos academicamente dirixidos deberán imputarse a materias troncais, obrigatorias, optativas ou de libre configuración, segundo establezan os planos de estudo.

75.2. Así mesmo, poderán imputarse ao concepto xenérico de traballos academicamente dirixidos se así o permitise o plano de estudos.

76. Para a realización de traballos academicamente dirixidos.

76.1. Os centros realizarán antes do inicio de cada curso académico, por proposta dos departamentos e nas datas que para tales efectos estableza o reitorado, unha convocatoria para a realización de traballos academicamente dirixidos, que deberá conter os seguintes extremos como mínimo:

a) Liñas do traballo academicamente dirixido e obxectivos.

b) Materia á que se imputará e número de créditos.

c) Requisitos académicos para concorrer á realización dos traballos academicamente dirixidos.

d) Profesor ou profesores que dirixirán o traballo.

e) Criterios de selección.

f) Prazo de realización.

g) Prazo de presentación de instancias.

76.2. A selección de alumnos para a realización de traballos academicamente dirixidos realizaraa o departamento que propuxese a realización dos traballos academicamente dirixidos.

77. Avaliación e cualificación dos traballos academicamente dirixidos.

77.1. A avaliación dos traballos academicamente dirixidos realizaraa un tribunal, nomeado polo decano ou director do centro por proposta do departamento que propuxese a realización do traballo academicamente dirixido.

Se o traballo academicamente dirixido se imputase a unha materia concreta, deberá formar parte do tribunal o profesor encargado da materia.

77.2. Os traballos academicamente dirixidos serán cualificados consonte as normas de cualificación establecidas neste acordo.

Capítulo IV

Estudios en universidades estranxeiras

78. Realización de estudos en universidades estranxeiras.

78.1 Poderán imputarse como créditos do currículo, dentro dos límites establecidos nos planos de estudos, a realización de estudos en universidades estranxeiras coas que a Universidade de Santiago de Compostela teña asinados os oportunos convenios.

78.2. Esta regulación non é de aplicación aos convenios interuniversitarios de colaboración da Unión Europea, e a realización de estudos a través daqueles non é excluínte da realización de estudos en universidades estranxeiras en aplicación dos convenios que se deriven dos planos de estudo nin estará sometida aos límites que figuran neles.

79. Imputación dos estudos realizados en universidades estranxeiras.

Os estudos realizados en universidades estranxeiras, ao abeiro do disposto neste acordo, serán imputados a materias troncais, obrigatorias, optativas ou de libre configuración, segundo o estipulen os planos de estudos.

80. Coordinador do convenio.

Por cada convenio que asine a Universidade de Santiago de Compostela con outras universidades estranxeiras, os centros deberán nomear un coordinador, que se responsabilizará da correcta execución do convenio, tanto na Universidade de Santiago de Compostela como na estranxeira.

81. Contido mínimo do convenio.

Os convenios que asine a Universidade de Santiago de Compostela con universidades estranxeiras deberán conter como mínimo os seguintes elementos:

a) Obxecto do convenio.

b) No suposto de que for para cursar materias na universidade estranxeira, determinación das materias que corresponden no plano de estudos que se imparte nesta universidade.

c) Táboa de equivalencias de cualificacións.

82. Convocatoria.

Para cursar estudos en universidades estranxeiras ao abeiro dos convenios que asine a Universidade de Santiago de Compostela, as autoridades de cada centro publicarán unha convocatoria que conterá os seguintes extremos como mínimo:

a) Universidade na que se realizarán os estudos.

b) Idiomas dos que se require coñecemento.

c) Número de horas e equivalencia en créditos de que constarán as prácticas.

d) Período de realización dos estudos.

e) Materia ou materias ás que se imputarán os estudos.

f) Requisitos académicos para concorrer á realización de estudos en universidades estranxeiras.

g) Prazo de solicitudes.

Capítulo V

Outras actividades

83. Outras actividades.

83.1. Se os planos de estudo recollesen a realización de créditos curriculares a través doutras actividades, estas realizaranse de acordo co establecido no plano de estudos.

83.2. Se as actividades non estivesen concretadas nos planos de estudo, será a comisión académica do centro ou órgano análogo a que autorice a súa realización, á vista dun proxecto presentado por un departamento, que deberá concretar os seguintes extremos:

a) Obxecto da actividade.

b) Número de créditos que se recoñecerán.

c) Profesor ou profesores responsables do desenvolvemento e avaliación da actividade.

d) Número de alumnos que poderán realizar a actividade.

84. Imputación das actividades.

As actividades previstas polos planos de estudo imputaranse de forma xenérica e polo número de créditos que se establezan, ao concepto actividades previstas no plano de estudos.

85. Avaliación e cualificación das actividades.

85.1 As actividades serán avaliadas polo profesor ou profesores responsables do seu desenvolvemento.

85.2 As actividades serán cualificadas segundo as normas establecidas neste acordo.

86. Convocatoria.

Se ás actividades previstas no plano de estudos non puidesen concorrer todos os alumnos, a dirección do centro publicará unha convocatoria na que se especifique:

a) Tipo de actividade.

b) Número de prazas.

c) Tempo e lugar da realización.

d) Número de horas e equivalencia en créditos.

e) Materia á que se imputarán os créditos.

f) Requisitos para concorrer ás actividades.

g) Prazo de solicitudes.

TITULO VIII

Libre configuración curricular

87. Libre configuración curricular.

Para os efectos da realización da libre configuración curricular que establecen os planos de estudo, os alumnos poderán cursar as materias que para tales efectos se establezan, asistir a seminarios ou realizar as actividades que determine a universidade.

88. Materias de libre elección.

Terán a consideración de materias de libre elección, para os efectos da libre configuración curricular, todas as materias que compoñan os planos de estudo renovados e as que compoñan os planos de estudos non renovados se non estivesen en proceso de extinción, agás:

a) As materias que pola súa natureza estean excluídas pola Xunta de Goberno.

b) Para cada titulación, aquelas materias impartidas noutros planos de estudo de contido idéntico ou moi semellante ás propias do plano de estudos que está a cursar o alumno.

A exclusión de materias realizaraa a facultade ou escola, que deberá dar conta ao vicerreitorado correspondente no prazo que determine.

c) As materias que teñan a condición de complementos de formación, os practicum, os proxectos de fin de carreira, e as materias con contido exclusivamente práctico.

89. Seminarios e actividades para a libre configuración curricular.

89.1 Recoñecemento de seminarios e actividades académicas.

A libre configuración curricular poderá efectuarse mediante a realización dos seminarios ou actividades académicas que previamente recoñeza a universidades para iso.

O recoñecemento de seminarios ou actividades para ser aplicados á libre configuración curricular, relizarao o reitor a proposta dos decanos ou directores, tras a aprobación das respectivas xuntas do centro e para os planos de estudos que se xestionen nas facultades ou escolas propoñentes.

A Xunta de Goberno poderá establecer con carácter xeral para todos os planos de estudos os seminarios ou actividades académicas que serán susceptibles de verse imputados á libre configuración curricular.

Se as actividades ou seminarios fosen impartidos total ou parcialmente por outra universidade ou por entidades públicas ou privadas, requirirá previamente o asinamento dun convenio.

Estes convenios serán asinados polo reitor ou pola autoridade en que delegue.

Para a autorización dos seminarios e actividades académicas, requirirase, con carácter xeral, que polo menos teñan unha duración de trinta horas lectivas. Trinta horas lectivas, salvo acordo en contrario, serán equivalentes a un crédito.

89.2. Cualificacións e validacións

Os seminarios e mailas actividades académicas que se recoñezan para a libre configuración curricular, serán cualificadas exclusivamente coas mencións apto ou non-apto.

Non serán susceptibles de validación os seminarios e as actividades académicas que non estean recoñecidas previamente pola universidade para que produzan efectos para a libre configuración curricular.

89.3. Recoñecemento de materias de nivelación como créditos para a libre configuración curricular.

Serán recoñecidos como créditos de libre elección as materias de nivelación que de acordo coa oferta aprobada pola Comisión de Organización Académica e Profesorado organicen os centros da USC. A súa xestión académica determinarase na resolución reitoral de convocatoria de matrícula e demais normativa de desenvolvemento destas normas (6).

90. Materias de libre elección.

Todas as materias suceptibles de seren elixidas como de libre elección estarán sometidas a limitación de prazas, e en ningún suposto poderán supoñer a creación de novos grupos de docencia.

91. Imputación de materias troncais, obrigatorias ou optativas para a libre configuración curricular.

91.1. Poderanse imputar como materias de libre elección curricular as seguintes materias do plano de estudos que está a realizar o alumno:

a) Materias troncais e obrigatorias: as materias troncais e obrigatorias, se o plano de estudo establece optatividade entre elas unha vez superada a materia troncal ou obrigatoria respecto da que se realizou a opción.

b) Materias optativas: se o alumno superara materias optativas por un número de créditos superior o exixido polo plano de estudos.

c) Para alumnos que realizan estudos de só segundo ciclo ou que non continúan o primeiro ciclo cursado: se o alumno realiza un segundo ciclo dunha titulación de dous ciclos, que non sexa continuación dos estudos do primeiro ciclo, poderá realizar como de libre elección as materias troncais, obrigatorias e optativas que estivesen vinculadas ao primeiro ciclo, agás se estas materias non puideron ser cursadas no primeiro ciclo ou titulación de procedencia por ter contidos idénticos ou moi semellantes e así fose establecido nas convocatorias de materias para a libre configuración.

91.2. Se o alumno supera materias troncais, obrigatorias ou optativas por un número de créditos superior ao exixido polo plano de estudos, de oficio serán consideradas como de libre elección, se o alumno tivese superadas materias troncais, obrigatorias ou optativas suficientes para considerar que ten rematado o primeiro ciclo ou a titulación. A imputación realizarase sobre materias e non sobre os posibles excesos de créditos que non poidan ser imputables a materias íntegras.

91.3. Antes da realización do depósito do título ou da expedición dun certificado acreditativo de ter rematado o primeiro ciclo de estudos, o alumno poderá solicitar que as materias optativas que teña superadas sexan consideradas como de libre elección. A solicitude estimarase sempre que os créditos excedan dos obrigatorios para o ciclo ou titulación.

91.4. A imputación de materias de libre elección á que se refire este apartado realizarase en calquera caso sobre materias e non sobre os posibles créditos que excedan respecto dos establecidos no plano de estudos, sen prexuízo do establecido no punto 110 en canto a compensación de créditos.

92. Procedemento de solicitude de materias.

Por resolución reitoral, establecerase o procedemento e prazos para a solicitude de materias de libre elección, que estará restrinxido soamente para os supostos en que o alumno desexe realizar materias que figuren en planos de estudo distintos ao que está a cursar.

93. Valoración do expediente.

Para os efectos da resolución das solicitudes de materias de libre elección, os expedientes dos alumnos valoraranse consonte o criterio xeral establecido no punto 18 deste acordo.

94. Recoñecemento dos créditos de libre elección pola realización de seminarios ou actividades académicas.

Para a autorización do recoñecemento de actividades como créditos de libre elección haberá que aterse ao disposto polas normas que para o efecto aprobe o Consello de Goberno.

TÍTULO IX

Colocación do grao de licenciatura

95. Normas de aplicación nos procedementos de colación de grao.

A colación do grao de licenciado na Universidade de Santiago de Compostela será regulado por estas normas e polas que para cada licenciatura, por proposta da xunta de facultade, aprobe a Xunta de Goberno dentro do marco establecido neste acordo.

Estas normas terán carácter subsidiario para a colación do grao en calquera titulación e serán de aplicación directa desde a súa aprobación para as titulacións que non tivesen normas propias.

A matrícula para a colación do grao de licenciado realizarase nos prazos e termos establecidos punto 7.2º deste acordo.

96. Implantación e modificación dos procedementos para a colación do grao de licenciatura.

96.1. As facultades que impartan titulacións que non teñan implantado o grao, deberán elevar á Xunta de Goberno para a súa aprobación unha proposta de regulación aprobada pola xunta de facultade.

As modificacións dos procedementos para a colación do grao requirirán tamén a aprobación da Xunta de Goberno da proposta que deberá elevala á Xunta de Facultade.

96.2. As propostas de regulación dos procedementos para a colación do grao de licenciatura, ou a súa modificación, deberán conter como mínimo os elementos e contidos seguintes:

96.2.1. Para a modalidade de exame.

a) Tribunais.

Composición. Como mínimo deberán estar compostos por tres membros, que deberán ser profesores da Universidade de Santiago de Compostela co grao de doutor, que pertenzan aos departamentos e áreas de coñecemento vinculados coa titulación, sen que poidan pertencer á mesma área máis de dous membros.

Nomeamento. O tribunal será nomeado polo decano por proposta da Xunta de Facultade e como mínimo para un ano académico.

b) Exercicio

-Estrutura do exercicio.

-Temario. O temario sobre o que versará o exame deberá facerse público cun mínimo de vinte días de antelación á realización do exercicio.

-Procedemento de cualificación.

96.2.2. Modalidade de traballo de investigación (memoria de licenciatura).

a) Solicitude.

Deberá establecerse un período mínimo entre a solicitude de realización e a lectura do traballo de investigación.

b) Director do traballo.

Para ser director do traballo de investigación requirirase estar en posesión do título de doutor e pertencer a un dos corpos docentes universitarios ou ter a condición de profesor universitario contratado.

Así mesmo, poderán ser directores dos traballos de investigación os doutores que, sen ter a a condición de profesor universitario, sexan autorizados polo departamento á vista do proxecto de traballo de investigación. Neste suposto o trámite de lectura do traballo de investigación deberá ser aprobado previamente polo consello de departamento á vista do traballo elaborado.

Os traballos de investigación poderán contar con codirectores, que deberán reunir os mesmos requisitos exixidos para os directores.

c) Tribunais:

-Composición.

Como mínimo deberán estar compostos por tres membros, e en calquera caso a maioría dos membros e o presidente deberán ser profesores da Universidade de Santiago de Compostela.

Todos os membros do tribunal deberán ter o grao de doutor.

Os profesores da Universidade de Santiago de Compostela membros do tribunal deberán pertencer a departamentos e a áreas de coñecemento vinculados coa titulación que convoca o grao, sen que poidan pertencer á mesma área máis de dous membros.

-Nomeamento.

Os tribunais serán nomeados polo decano da facultade, por proposta do departamento respectivo e tras a aprobación da Xunta de Facultade; comunicaráselle o nomeamento do tribunal á unidade de xestión académica correspondente.

96.3. Os alumnos que concorran á colación do grao de licenciado serán cualificados consonte as seguintes cualificacións: aprobado, notable e sobresaliente.

Se a xuízo do tribunal o traballo non alcanzase o nivel suficiente, procederá á devolución do traballo e á devolución do expediente á unidade de xestión correspondente.

97. Alumnos que poden concorrer á colación do grao.

97.1. Alumnos e licenciados da Universidade de Santiago de Compostela

Poderán concorrer á colación do grao de licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela os licenciados por esta universidade. Os procedementos de cada centro poderán permitir o inicio do traballo de investigación aos alumnos que se atopen no último ano dos estudos de licenciatura.

97.2. Licenciados noutras universidades españolas.

A colación do grao na Universidade de Santiago de Compostela por alumnos licenciados por outra universidade española axustarase ao seguinte:

Prazo de solicitude: ata o 31 de agosto para a realización do exame de grao. Na modalidade do traballo de investigación en calquera momento do curso.

Admisión: as solicitudes de traslado para a colación do grao resolveranse consonte o seguinte procedemento.

Admisión a trámite. Antes da iniciación do procedemento de admisión, valorarase o expediente consonte as regras establecidas no punto 18. De non acadar polo menos un 1, non serán admitidas a trámite.

Informe do decano. Os decanos, á vista da solicitude e do expediente do alumno, en que deberá constar todo o seu historial académico, emitirán un informe sobre a procedencia do traslado, á vista da identidade do plano de estudos.

Traslado: de reunir os requisitos establecidos no punto anterior, ditarase unha resolución de admisión, para que o alumno realice o traslado do seu expediente académico.

Unha vez realizado o traslado, todo o procedemento ata a avaliación do traballo ou exame axustarase ás normas que se establecen neste acordo.

Devolución do expediente: unha vez acadado o grao de licenciado, procederase de oficio á devolución do expediente á universidade de procedencia do alumno.

97.3. Alumnos con títulos homologados.

A colación do grao na Universidade de Santiago de Compostela por aqueles alumnos que estean en posesión da credencial de homologación de título estranxeiro expedida polo Ministerio de Educación e Ciencia, axustarase ao seguinte:

Admisión.

Tras a solicitude do alumno, a admisión será resolta polo reitor se reúnen os seguintes requisitos:

1. Que o solicitante posúa a credencial de homologación.

2. Que na Universidade de Santiago de Compostela se imparta a mesma licenciatura pola que se lle expediu a credencial de homologación de título estranxeiro.

Unha vez admitido o alumno, o procedemento ata a avaliación do traballo ou exame axustarase ás normas que se establecen neste acordo.

98. Expediente e actas.

98.1. Expedientes.

Rematado o prazo de matrícula, remitiráselle ao secretario de cada facultade a relación de alumnos que formalizaron a matrícula para a colación do grao, a certificación do expediente dos alumnos e as actas.

98.2. Actas.

Unha vez rematadas as probas para a colación do grao, o secretario da facultade remitiralle á Unidade de Xestión Académica as actas para que se faga a constancia nos expedientes académicos e para o seu arquivo e custodia.

99. Certificacións e mencións nos títulos.

99.1. Certificacións.

Por petición dos alumnos que colacionen o grao, expediraselles certificación consonte o modelo que estableza a secretaría xeral.

99.2. Mencións nos títulos.

O reflexo da colación do grao nos títulos de licenciado realizaraa o Ministerio de Educación e Ciencia para os alumnos que rematasen os seus estudos na convocatoria de febreiro do curso 1987-1988 e anteriores, e a Universidade de Santiago de Compostela para os alumnos que rematasen os seus estudos con posterioridade a esta convocatoria.

99.3. Mencións nas credenciais de homologación.

Aos alumnos que concorresen á colación do grao de licenciado acreditando a credencial de homologación de títulos estranxeiros reflectiráselles a mención consonte o procedemento establecido para a expedición de títulos.

TÍTULO X

Premios extraordinarios

100. Premio extraordinario de fin de carreira.

O premio extraordinario de fin de carreira na Universidade de Santiago de Compostela regularase por estas normas e polas que para cada titulación aprobe o Consello de Goberno previamente á convocatoria, dentro do marco establecido neste acordo.

Estas normas terán carácter subsidiario para a concesión do premio extraordinario en calquera titulación, e serán de aplicación directa para as titulacións que non tivesen normas propias.

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela poderá outorgar, por proposta das xuntas de facultade ou escola, dous premios extraordinarios por cada licenciatura, enxeñaría, diplomatura ou enxeñaría técnica.

En ningún suposto se poderán acumular os premios extraordinarios declarados desertos.

101. Candidatos ao premio extraordinario.

Poderán concorrer ao premio extraordinario de licenciatura os licenciados, enxeñeiros, diplomados ou enxeñeiros técnicos pola Universidade de Santiago de Compostela cunha nota media do seu expediente de 2,5 ou superior segundo a valoración expresada no artigo 17.3º. Tamén poderán concorrer:

a) Os licenciados que colacionasen o grao coa cualificación de sobresaliente.

b) Os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos que acadasen a cualificación de sobresaliente no proxecto de fin de carreira.

A inscrición para concorrer ao premio extraordinario realizarase nos prazos establecidos no punto 7.3º destas normas.

102. Procedemento para outorgar os premios extraordinarios.

Os procedementos para outorgar os premios extraordinarios aprobaraos a Xunta de Goberno por proposta das facultades.

Os procedementos deberán recoller como mínimo os seguintes elementos:

a) Tribunal:

1. Composición. Como mínimo deberán estar compostos por tres membros, que deberán ser profesores co grao de doutor da Universidade de Santiago de Compostela, que pertenzan aos departamentos e áreas de coñecemento vinculados coa titulación.

2. Nomeamento. Os tribunais deberán ser nomeados pola xunta de facultade.

b) Procedemento:

1. Criterios de adxudicación. Deberán establecerse os criterios de adxudicación, especificando se os aspirantes deben ou non someterse a algunha proba.

2. Valoración de expedientes. Os expedientes valoraranse consonte o establecido no título II deste acordo.

103. Convocatorias.

103.1. Para as datas de matrícula e outorgamento dos premios extraordinarios, rexerá o disposto no punto 7.3º.

103.2. As convocatorias realizaranse para os alumnos que acadasen o grao no curso para o cal se convoca o premio extraordinario.

103.3. Os centros deberanlles comunicar ás unidades de xestión académica a convocatoria de premios extraordinarios antes do 15 de outubro.

A solicitude de concorrencia aos premios extraordinarios presentarase nas unidades de xestión académica nos prazos que determine a reitoría.

104. Tramitación administrativa.

Rematado o prazo de presentación de instancias, os xefes das unidades de xestión remitiranlle ao secretario do centro os expedientes dos alumnos e as actas.

105. Expediente e actas.

105.1. Expedientes.

Rematado o prazo de matrícula remitiráselle ao secretario de cada facultade a relación de alumnos que formalizaron a matrícula para concorreren ao premio extraordinario a certificación do expediente dos alumnos e as actas.

105.2. Actas.

Realizada polo tribunal a proposta, esta será remitida polo decano ou director ao secretario xeral da universidade para a súa tramitación á Xunta de Goberno.

O secretario xeral remitiralles ás unidades de xestión académica o orixinal da acta dilixenciada que conteña o acordo da Xunta de Goberno que outorga o premio extraordinario. Ás secretarías dos centros remitiráselles unha copia da devandita acta.

106. Certificacións e mencións en títulos.

106.1. Certificacións.

Aos alumnos aos cales se lles outorgue o premio extraordinario, expediráselles unha certificación conforme o modelo que estableza a secretaría xeral. A primeira certificación non reportará prezo público ningún.

106.2. Mencións nos títulos.

A obtención do premio extraordinario reflectirase no título, consonte o disposto na resolución do Ministerio de Educación e Ciencia do 26 de xuño de 1989.

TÍTULO XI

Planos de estudo

107. Interpretación dos planos de estudo.

As interpretacións que sexan necesarias para o correcto cumprimento dos planos de estudo desta universidade son competencia exclusiva do reitor, que tras audiencia do centro e á vista dos informes que poida solicitar, ditará as resolucións ou instrucións que considere oportunas.

108. Recoñecemento de especialidades.

Procederase a recoñecer especialidades cando o alumno curse as materias que exixe o plano de estudos, aínda que figuren como libre configuración se estas fosen optativas da titulación.

109. Vinculación de materias optativas.

Con carácter xeral, as materias optativas están vinculadas ao ciclo de tal xeito que, para acadar os créditos optativos exixidos pola titulación o alumno deberá superar en cada ciclo materias optativas vinculadas a el no número exixido polo plano de estudos. A adscrición de optativas a un curso non implica a exixencia de cursar en cada curso estas optativas.

Excepción á norma anterior son as materias optativas dos estudos de filoloxía que se imparten no Campus de Santiago de Compostela, para as cales, consonte o seu plan de estudos, rexerá a seguinte regra:

a) As materias optativas dos planos de estudo de filoloxía non están vinculadas a ningún ciclo, polo que o alumno pode realizar os créditos optativos que sexan necesarios para obter a titulación entre todas as materias que teñan carácter optativo.

b) Non obstante, para cursar materias optativas das que figuran imputadas ao segundo ciclo, os alumnos deberán ter superado o número mínimo de créditos troncais e obrigatorios que exixa cada plano de estudos.

110. Compensación de créditos optativos e de libre configuración.

No suposto de que un alumno superase a totalidade de créditos establecidos no plano de estudos, pero tivese unha falta de créditos optativos ou de libre elección, esta poderá ser compensada, ata un máximo de catro créditos, co exceso de créditos optativos ou de libre elección que puidese ter superados.

A compensación de créditos en ningún suposto poderá afectar materias troncais ou obrigatorias.

No expediente do alumno farase mención a que a compensación de créditos se fixo con base neste acordo.

111. Recoñecemento de materias cursadas como de libre elección na titulación á que pertenzan.

111.1. As materias do plano de estudos que estea a cursar un alumno e que fosen superadas por este para ser imputadas como materias de libre configuración noutra titulación serán aplicadas ao seu expediente.

111.2. As materias aplicadas figurarán nos expedientes dos alumnos coa cualificación obtida.

111.3. Este recoñecemento de materias realizaraa de plano a Administración universitaria sen que sexa necesario recorrer ao procedemento de validación, só será precisa a petición do interesado e o pagamento do 25% dos prezos públicos correspondentes.

111.4. O recoñecemento de materias de libre configuración como materias da titulación a que pertenzan, non suporá ningún dereito de ingreso respecto a esta, xa sexa para o ingreso no primeiro ou no segundo ciclo.

TÍTULO XII

Procedemento común en materia

de xestión académica

112. Iniciación.

112.1. Os procedementos poderanse iniciar de oficio ou a solicitude da persoa interesada. As solicitudes por instancia de parte deberán conter os requisitos seguintes:

a) Nome e apelidos do interesado e, de ser o caso, da persoa que o represente, e tamén a identificación do medio preferente ou do lugar que se sinale para efectos de notificacións.

b) Feitos, razóns e petición na que se concrete, con toda claridade, a solicitude.

c) Lugar e data.

d) Sinatura do solicitante ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio.

e) Órgano, centro ou unidade administrativa a que se dirixe.

112.2. Cando as pretensións correspondentes a unha pluralidade de persoas teñan un contido e un fundamento idénticos ou substancialmente similar, poderanse considerar como unha única solicitude, agás que as normas reguladoras dos procedementos específicos dispoñan outra cousa distinta.

112.3. Se a solicitude de iniciación non ten os requisitos exixidos, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer, considerarase que desistiu da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

112.4. Para estes efectos o pagamento de prezos ou taxas non implica a resolución do expediente, senón que se considerará como simple acto de trámite complementario da solicitude.

113. Impulso.

O procedemento impulsarase de oficio en todos os trámites. No despacho do expediente manterase a orde rigorosa de incoación en asuntos de natureza homoxénea, salvo unha orde motivada en contra.

Os trámites que deben cumprir os interesados terán que realizarse no prazo de 10 días desde a notificación, salvo que a norma fixe un prazo distinto.

114. Tramitación de solicitudes, recursos e consultas.

A tramitación das peticións de resolución non delegada en centros ou unidades administrativas, así como todas as reclamacións que se produzan en materia de xestión académica e as consultas sobre a interpretación da normativa aplicable, planos de estudo, prezos públicos e calquera outra circunstancia sobre xestión académica, serán remitidas á reitoría a través do Servizo de Xestión Académica ou da Oficina de Análise de Reclamacións e Mellora do Procedemento.

115. Instrución.

Os actos de instrución necesarios para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos realizaranse de oficio. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia ou á resolución, aducir alegacións e achegar documentos ou outros elementos de xuízo.

Para os efectos da resolución solicitaranse os informes que sexan preceptivos e os que se xulguen necesarios para resolver.

Os informes serán emitidos no prazo de quince días, salvo que unha disposición estableza outro prazo.

Estes serán, en todo caso, motivados, especialmente naqueles supostos en que se modifique a actuación seguida en ocasións precedentes.

No caso de que o órgano instrutor entenda que o informe non está debidamente motivado, poderá proceder á súa devolución para que emita outro no prazo de cinco días.

Cando o informe sexa decisivo na resolución, o seu contido poderá serlle trasladado ao interesado para que formule as correspondentes alegacións antes da resolución do asunto.

No caso de que figuren no procedemento novos feitos, documentos ou probas non aducidas polo interesado antes de redactar a proposta de resolución, poderase pórllelo de manifesto aos interesados ou aos seus representantes, para que no prazo de dez días realicen o trámite de audiencia e vista do expediente.

116. Resolución.

Os actos que rematen o procedemento deberán ser comunicados aos interesados no prazo de dez días, e deben decidir todas as cuestións que expoñan os interesados ou calquera outra que se derive del.

As resolucións serán motivadas e conterán os recursos ou reclamacións que procedan, o órgano perante o que deban presentarse e o prazo para interpoñelos.

117. Instrución e resolución de expedientes de petición ou reclamación de alumnos que cursan estudos que non conducen á expedición dun título oficial.

117.1. Os directores destes estudos instruirán e resolverán consonte as normas propias dos estudos e, subsidiariamente, consonte este acordo as peticións que os alumnos realicen.

A resolución será notificada consonte o establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coa advertencia de que poderán interpoñer perante o reitor unha reclamación no prazo de dez días conforme establece o artigo 118 deste acordo.

117.2. As reclamacións que presenten os alumnos contra a resolución dos directores serán remitidas á reitoría a través do Servizo de Alumnado cunha copia do expediente e un informe do director dos estudos.

118. Reclamacións.

O procedemento de reclamación e impugnación de actos en materia de xestión académica será o disposto na normativa xeral do procedemento administrativo.

119. Lingua dos procedementos.

A lingua ordinaria dos procedementos tramitados pola Universidade de Santiago é o galego. Non obstante poderá utilizarse a lingua castelá, que terá plenos efectos.

Os interesados poderán solicitar que as notificacións, resolucións, certificacións, etc. lles sexan realizadas en castelán, alegando descoñecemento da lingua galega.

No caso de non indicalo na súa solicitude, os documentos, resolucións, etc. serán realizadas en galego.

120. Acceso aos documentos.

Os interesados terán acceso aos documentos que consten nun expediente administrativo e a obter copias dos documentos, polos procedementos establecidos para o efecto.

Os expedientes académicos terán a consideración de expedientes de carácter nominativo e o seu acceso estará restrinxido aos seus titulares e a terceiros que acrediten un interese lexítimo e directo.

121. Representación.

Os interesados nun procedemento de xestión académica poderán actuar mediante un representante co que se entenderán as actuacións administrativas.

Para formular solicitudes, iniciar recursos, desistir de accións e renunciar a dereitos no nome doutra persoa deberase acreditar a representación, de tal xeito que deixe constancia fidedigna.

Para os actos e xestións de simple trámite presumirase a representación.

Os títulos académicos e outros actos de similar contido deberánselles entregar directamente aos interesados agás que acheguen un poder cumprido para realizar o trámite, que se incorporará ao expediente.

122. Delegación da sinatura ou de competencias.

Os actos ditados por delegación de sinatura ou competencias entenderanse ditados polo órgano delegante, e producirán os mesmos efectos.

123. Prazos de resolución.

A resolución de asuntos realizarase nos prazos que mediante resolución reitoral se establezan. De non existir un prazo concreto, este será de tres meses.

Transcorrido o prazo de tres meses, entenderanse desestimadas as peticións, agás a solicitude de matrícula, que se entenderá estimada se no prazo de oito meses non se rexeita, salvo que careza dos requisitos necesarios para a súa formalización.

Os prazos de resolución computaranse a partir da data de rexistro de entrada, e se a petición se derivase dunha convocatoria que establecese prazos para a presentación de solicitudes, a partir do día seguinte ao de remate dos prazos.

A expedición de certificacións de actos presuntos realizaraa o secretario xeral da universidade.

124. Control das resolucións reitorais.

As resolucións reitorais, tanto de carácter xeral como as que se diten como consecuencia de peticións ou reclamacións individuais, e que a secretaría xeral considere que se apartan das normas establecidas neste acordo, deberán ser validadas na Xunta de Goberno inmediata.

A proposta de validación do acto deberá ir acompañada dun texto que modifique puntos pertinentes deste acordo e determinará se a modificación terá ou non efectos retroactivos.

125. Interpretación, instrucións e ordes de actuación.

As consultas que se deriven da execución deste punto serán presentadas por escrito ao vicerreitor competente e, de ser o caso, ao secretario xeral, que resolverá a consulta nun prazo máximo de cinco días.

Normas transitorias.

A unidade de expediente do alumno nos termos establecidos no punto vinte e cinco deste acordo será de aplicación no momento en que a aplicación informática de xestión de alumnos o permita.

Normas derradeiras.

Primeira.

1. Este acordo de Xunta de Goberno deixa sen efecto os seguintes acordos e resolucións reitorais e instrucións:

-Acordo da Xunta de Goberno do 3 de xuño de 1991, vixente parcialmente no referente aos requisitos de residencia para o ingreso en centros con limitación de prazas.

-Acordo da Xunta de Goberno do 16 de xuño de 1993 sobre normas de xestión académica.

-Acordo da Xunta de Goberno do 26 de maio de 1994, pola que se modifica o acordo do 16 de xuño de 1993.

-Acordo do Xunta de Goberno do 2 de xuño de 1995 sobre normas de xestión académica.

-Resolución reitoral do 18 de xuño de 1991 sobre tramitación dos traslados, e instrución da secretaría xeral do 21 de xuño que a desenvolve.

-Resolución reitoral do 20 de novembro de 1991 sobre traslados de alumnos que accedesen á universidade a través das probas para maiores de vinte e cinco anos.

-Resolución reitoral do 10 de setembro de 1992 sobre validacións.

-Resolución reitoral do 14 de outubro de 1993 sobre incorporación de alumnos trasladados aos planos de estudo en proceso de extinción, e a Instrución do 7 de xullo de 1994, ditada para o seu desenvolvemento.

-Resolución reitoral do 14 de outubro de 1993 sobre adaptacións aos novos planos de estudo.

-Resolución reitoral do 14 de outubro de 1993 sobre o réxime de traslado de alumnos de universidades da Igrexa.

-Resolución reitoral do 14 de outubro de 1993 sobre o procedemento de validacións.

-Resolución reitoral do 22 de abril de 1994 sobre tramitación de traslados co obxecto de realizar o depósito do título.

-Resolución reitoral do 17 de xuño de 1994 sobre o procedemento de solicitude de materias de libre elección.

-Resolución reitoral do 13 de setembro de 1994 sobre as normas de acceso a segundos ciclos (dúas resolucións con número de rexistro de saída 4560 e 4561).

-Resolución reitoral do 19 de outubro de 1994 sobre matrícula en planos en extinción.

-Resolución reitoral do 28 de outubro de 1994 sobre cualificacións.

-Instrución da secretaría xeral do 5 de xullo de 1994 sobre confección de actas de exame por aplicación das técnicas telemáticas para a súa lectura, e a Instrución do 29 do xullo de 1993 que a desenvolve.

-Instrución da Vicerreitoría de Organización Académica, do 3 de novembro de 1993, sobre tramitación de validacións.

-Acordo da Xunta de Goberno do 3 de xuño de 1996.

-Resolución reitoral do 3 de marzo de 1998 sobre aplicación das materias superadas como libre configuración no propio plano de estudos a que pertencen.

2. Este acordo da Xunta de Goberno mantén a vixencia parcial ou total dos seguintes acordos, resolucións e instrucións:

-Resolución reitoral do 17 de outubro de 1989 sobre estudantes dos programas Erasmus da Comunidade Europea.

-Resolución da secretaría xeral, do 23 de xullo de 1990, queda parcialmente vixente no relativo a traslados de alumnos que realizasen os estudos do primeiro ciclo nos antigos colexios universitarios das universidades da Coruña e Vigo.

-Resolución reitoral do 17 de xullo de 1991, sobre recoñecemento de estudos realizados no marco de convenios ou programas interuniversitarios de cooperación.

-Resolución reitoral do 29 de xuño de 1992 sobre simultaneidade de estudos.

-Resolución reitoral do 5 de xullo de 1993 sobre normas de custodia e recepción de actas.

-Resolución reitoral do 29 de novembro de 1993 sobre o procedemento de expedición de títulos a cidadáns amparados polo Convenio Cultural Hispano-Italiano do 18 de xaneiro de 1957 (BOE do 20 de febreiro).

-Resolución reitoral do 14 de outubro de 1993 sobre realización da proba de conxunto.

-Resolución reitoral do 21 de outubro de 1993 sobre tramitación de traslados de alumnos de terceiro ciclo, matrícula de teses de doutaramento e expedición de títulos de doutor.

-Resolución do 11 de marzo de 1994 sobre o recoñecemento de materias de libre elección.

-Resolución reitoral do 16 de maio de 1994 sobre o procedemento para a validación parcial de estudos estranxeiros.

-Instrución da secretaría xeral do 13 do xullo de 1993 pola que se aproba o modelo do libro de entrega e recepción de actas.

-Instrución da secretaría xeral do 4 de outubro sobre envío e recollida das actas de exame.

-Instrución da secretaría xeral do 18 de maio de 1994 sobre cualificacións outorgadas no procedemento de revisión.

3. De se advertir conflito de normas, porase en coñecemento do secretario xeral para os efectos que determine a norma de aplicación.

Segunda.

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa aprobación pola Xunta de Goberno.

A reitoría promoverá a publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.