Con data do 25 de xuño de 2007 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 13 de xuño de 2007 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Guláns, adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto a promoción e realización de toda clase de actividades culturais, sociais e deportivas para os veciños de Guláns e a consecución das instalacións necesarias para a realización destas actividades.
Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e segundo o establecido no artigo 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,
DISPOÑO:
Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Guláns xa que os seus estatutos cumpren as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.
Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Guláns no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura e Deporte, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o proxecto de orzamento, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula e a solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2007.
Ánxela Bugallo Rodríguez
Conselleira de Cultura e Deporte