DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 02 de agosto de 2007 Páx. 13.193

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2007 pola que se modifica a do 31 de xaneiro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se convocan exames ordinarios para a obtención de carnés profesionais no ano 2007.

Na Resolución do 31 de xaneiro de 2007, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se convocan exames ordinarios para a obtención de carnés profesionais no ano 2007 (DOG nº 28, do 8 de febreiro), indícase que os exames para a obtención dos carnés de gas e fontanaría terán lugar nas seguintes datas:

Instalador de gas, categorías A e C: 13 de novembro de 2007.

Instalador de gas, categoría B: 15 de novembro de 2007.

Instalador de fontanaría: 19 de novembro de 2007.

Respecto á normativa na que están baseados os anteriores carnés, hai que sinalar que o 4 de marzo de 2007 entrou en vigor o Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 011 (BOE nº 211, do 4 de setembro de 2006) e que, segundo o disposto no Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, polo que se aproba o Código Técnico da Edificación (BOE nº 74, do 28 de marzo), o 29-3-2007 quedou derrogada a Orde do 9 de decembro de 1975, pola que se aproban as normas básicas para as instalacións interiores de subministración de auga (BOE nº 11, do 13 de xaneiro de 1976).

Os mencionados cambios normativos fan necesario o desenvolvemento de disposicións autonómicas que permitan regular correctamente o procedemento de obtención dos carnés de gas e fontanaría en Galicia. Debido á proximidade das datas de realización das probas, e dado que aínda non está publicada a normativa autonómica, anúlanse os exames indicados anteriormente.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2007.

Anxo Ramón Calvo Silvosa

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas