DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 02 de agosto de 2007 Páx. 13.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de xullo de 2007 pola que se convocan bolsas de nova adxudicación e prórrogas para a realización de estudos de terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

O Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor/a e outros estudos de posgrao, estrutura os estudos de terceiro ciclo en dous períodos: o primeiro deles constitúe o período de docencia e o segundo o período de investigación tutelado, e ambos os dous teñen como finalidade a especialización do estudante nun campo científico, técnico ou artístico determinado, así como a súa formación en técnicas de investigación. Esta normativa foi derrogada polo Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os estudos universitarios oficiais de posgrao.

O citado Real decreto 56/2005 regula os estudos de posgrao comprensivos das ensinanzas de segundo e terceiro ciclo do sistema de educación universitaria. Estes estudos teñen como finalidade a especialización do alumnado na súa formación académica, profesional ou investigadora e articúlanse en programas integrados polas ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de máster ou doutor/a. O proceso de extinción dos programas de doutoramento regulados no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, deberá comezar, como data límite o 1 de outubro de 2009.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estudará a posiblidade de habilitar mecanismos de colaboración coas universidades do Sistema Universitario de Galicia que admitan nos seus estudos de terceiro ciclo os titulados nos estudos recollidos no artigo 45.2º c) da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, coa finalidade de que estes poidan acceder a axudas equivalentes ás recollidas nesta convocatoria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia contribúe ao financiamento da formación avanzada de carácter especializado ou multidisciplinar favorecendo a posta en marcha do proceso de harmonización do sistema universitario de Galicia ao Espazo Europeo de Educación Superior, convocando bolsas de nova adxudicación e prórrogas para a realización de estudos de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de nova adxudicación e prórrogas para a realización de estudos de terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia, que se inclúen como anexos a esta orde:

Anexo I: 110 bolsas de nova adxudicación para a realización estudos de terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia.

Anexo II: 103 bolsas para a realización da prórroga dos estudos de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Estas bolsas teñen como finalidade contribuír ao financiamento da formación avanzada de carácter especializado ou multidisciplinar daqueles/as alumnos/as que, en función da súa capacitación, poidan converterse no xerme dunha nova xeración de investigadores/as favorecendo a posta en marcha do proceso de harmonización do sistema universitario de Galicia ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión destas bolsas destinarase un total de 1.786.203 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2007 e 2008, distribuídos do seguinte xeito: 859.100 euros para o anexo I e 927.103 euros para o anexo II.

Artigo 3º.- Duración das bolsas.

A duración das bolsas é de 12 meses comprendidos entre outubro de 2007 e setembro de 2008. De acordo co establecido no artigo 1 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes e tramitación.

a) As solicitudes, segundo os modelos que se publican como anexos III e IV a esta orde, poderán presentarse:

-No rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

-Nos rexistros xerais das universidades pertencentes ao sistema universitario de Galicia, cos efectos establecidos no Convenio de Colaboración en materia de Rexistros Administrativos, subscrito con data do 25 de xuño de 2007, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e publicado no DOG nº 128, do 3 de xullo de 2007.

-Nas oficinas de correos, en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo/a funcionario/a de correos antes de que proceda á súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

Os servizos da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán unha lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos das súas delegacións provinciais, nas vicerreitorías competentes das universidades da Coruña, Santiago de Compostela, e Vigo e na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/.

b) A presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa comunidade autónoma, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Artigo 5º.-Resolución e publicación.

A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia, pola que se entenderán notificados/as, para todos os efectos os/as beneficiarios/as, e na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es, mediante relación nominal dos/as beneficiarios/as e listaxe de suplentes.

As solicitudes, non incluídas na resolución de concesión, entenderanse desestimadas e publicaranse na páxina web mencionada e no taboleiro de anuncios da citada consellería, coa indicación expresa dos motivos de exclusión, de conformidade co artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia para recuperar a documentación presentada.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, de 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de bolsas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 6º.-Incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/as bolseiros/as.

a) Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/a bolseiro/a ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, agás con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o/a solicitante vai realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios, cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

b) Os/as bolseiros/as están obrigados a realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento, comunicar á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia a causa que determine a incompatibilidade dentro das 24 horas seguintes ao momento no que teña coñecemento da concorrencia desta e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia a bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia.

c) As bolsas concédense para o curso completo. No caso de renuncia ou incumprimento das súas obrigas, o/a bolseiro/a deberá proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas, xunto cos xuros de demora que lle correspondan en cada caso, salvo en casos excepcionais autorizados pola Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

d) Na produción escrita derivada do traballo realizado como bolseiro/a deberá constar a expresión: «Co apoio da dirección xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Xunta de Galicia».

e) Os/as beneficiarios/as teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas así como as demais que deriven dos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

f) O incumprimento por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas. A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-A concesión das bolsas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Cuarta.-Esta convocatoria poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte da publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 20 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para ditar os actos e medidas necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Bolsas de nova adxudicación para a realización

de estudos de terceiro ciclo nas universidades

do Sistema Universitario de Galicia

1. Destinatarios.

Estas bolsas están destinadas aos/ás alumnos/as universitarios/as que teñan aprobadas todas as disciplinas requiridas para a obtención do título universitario de licenciado/a, enxeñeiro/a superior ou arquitecto/a, incluído o proxecto fin de carreira, se o houbese. Estas bolsas poderanse prorrogar por unha soa vez e para un só programa de doutoramento.

2. Orzamento.

Para a concesión destas bolsas destinarase un total de 859.100 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2007 e 2008, de acordo coa seguinte distribución: 242.330 euros para o ano 2007 e 616.770 euros para o ano 2008. Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, empregándose neste suposto, a listaxe de suplentes referida no artigo 5º desta orde.

3. Dotación da bolsa.

A dotación da bolsa será de 600 euros mensuais. Os/as beneficiarios/as percibirán, así mesmo, o importe de 380 euros en concepto de axuda á matrícula co pagamento do primeiro trimestre da bolsa. Os/as bolseiros/as desfrutarán dun sistema de cobertura social a través da concertación dun seguro privado, ou de ser o caso, da aplicación do Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, que terá efectividade a partir do 1 de decembro de 2007, unha vez aceptada a bolsa.

4. Requisitos dos/as solicitantes.

a) Ter rematados os estudos universitarios con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2004.

b) Non ter cursados 32 créditos de doutoramento, nin estar en posesión do diploma de estudos avanzados (DEA) ou dun título de doutor/a.

c) Non ter sido beneficiario/a dalgunha bolsa das convocadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a realización de estudos de terceiro ciclo ou de posgrao.

d) Posuír a nacionalidade española ou dun país membro da Unión Europea ou estranxeiro con permiso de residencia en vigor.

e) Estar en posesión do título universitario de licenciado/a, enxeñeiro/a superior ou arquitecto/a, ou documento que legalmente o substitúa. Os títulos obtidos conforme a sistemas educativos estranxeiros deberán contar, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, coa homologación polo Ministerio de Educación e Ciencia do título que os habilite para o acceso aos estudos de doutorado.

f) Contar cun expediente académico persoal con nota media igual ou superior a 1,5000 en estudos de ciencias experimentais, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e de humanidades. En estudos de ensinanzas técnicas esta nota deberá ser igual ou superior a 1,0000 punto.

g) Estar admitido/a no curso 2007-2008, nun programa de terceiro ciclo impartido nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo (Documento I).

h) Estar integrado/a nun grupo de investigación dun centro público de investigación da comunidade autónoma para realizar actividades complementarias de formación (Documento II).

5. Presentación da documentación e prazo.

a) A solicitude, segundo o modelo que se publica como anexo III a esta orde, deberá ir acompañada da documentación que se detalla a continuación:

1.-Fotocopia do DNI ou documento equivalente no caso de cidadáns ás da Unión Europea ou a tarxeta de residente en vigor, no caso de cidadáns ás doutros países.

2.-Certificación académica oficial ou copia compulsada, na que figure a nota media simple do expediente académico, obtida de acordo co baremo establecido na resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de 15 de marzo de 2005 (DOG do 23 de marzo).

Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou castelán, deberán acompañala da correspondente tradución xurada. No caso dos alumnos extranxeiros a certificación indicará, así mesmo, as cualificacións máxima e mínima do sistema de avaliación correspondente e farase constar cal é a calificación mínima necesaria para aprobar. Deberán presentar, xunto coa certificación académica, a conversión das notas ao sistema español.

3.-Fotocopia compulsada do título ou documento que legalmente o substitúa. Os títulos obtidos no estranxeiro deberán estar homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4.-Certificado do/a secretario/a do correspondente departamento, segundo o modelo que se inclúe como documento I desta orde, no que conste que o Consello ou a Comisión de Departamento admitiu o solicitante nun programa de terceiro ciclo impartido nese departamento.

5.-Documento asinado polo/a director/ora dun grupo de investigación da comunidade autónoma, segundo o modelo que se inclúe como documento II desta orde, no que conste que no caso de obtención da bolsa, o/a solicitante integrarase no dito grupo para realizar actividades de formación cunha dedicación mínima de 10 horas semanais e máxima de 15 horas semanais.

b) Os candidatos só poderán presentar unha solicitude. A presentación de dúas ou máis solicitudes invalidará todas as presentadas.

c) O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguiente á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de setembro de 2007.

6. Exposición de listados para emenda de solicitudes e de notas.

A Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia unha vez recibida a certificación remitida polas universidades da nota media do expediente académico persoal do/a alumno/a aproximada a catro decimais, ponderada pola media da titulación dos cursos 2003/2004, 2004/2005 e 2005/2006, e comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde, exporá as listaxes coas notas e das solicitudes admitidas e excluídas sinalando as causas de exclusión. Esta lista estará exposta os días hábiles do 19 ao 30 de outubro de 2007, podendo os/as interesados/as, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase desistido/a da súa solicitude e procederase ao seu arquivo de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

7. Comisión de selección.

A selección de bolseiros/as será efectuada por unha comisión constituída por tres representantes da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dos que un/unha deles/as actuará como presidente/a e outro/a como secretario/a con voz e voto, e os/as vicerreitores/as competentes das tres universidades galegas. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do/a presidente/a.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/as compoñentes non puidesen asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. O devandito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

8. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros/as farase en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, por área de coñecemento, segundo as seguintes notas facilitadas polas universidades correspondentes: media do expediente académico persoal do/a alumno/a aproximada a catro decimais, ponderada pola media da titulación dos cursos 2003/2004, 2004/2005 e 2005/2006.

As notas medias do expediente académico persoal serán calculadas de acordo co baremo establecido na resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de 15 de marzo de 2005 (DOG do 23 de marzo). Os criterios para o cálculo das notas serán comúns para as tres universidades.

En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, procederase ao desempate de acordo co seguinte orde de prelación: menor número de suspensos, de persistir o empate, o maior número de matrículas de honra, de persistir o empate, o maior número de sobresaíntes.

No caso dos alumnos de fóra do sistema universitario de Galicia, empregarase a media da titulación galega máis afín segundo o criterio da universidade correspondente.

As renuncias que se produzan serán substituídas de acordo coa lista de suplentes que se estableza na citada resolución.

9. Proposta de resolución.

A selección de candidatos/as levarase a cabo en concorrencia competitiva e nun procedemento único de avaliación á vista da documentación achegada polo/a solicitante en cumprimento das bases da convocatoria, polo que se prescindirá do trámite de audiencia, de conformidade co disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Efectuada a selección pola comisión esta elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria quen emitirá resolución.

10. Notificación e aceptación da bolsa

A Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia notificará aos bolseiros/as que foron seleccionados/as. O/A bolseiro/a comprométese a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde mediante a presentación da seguinte documentación que deberá remitir á dirección xeral no prazo de 5 días contados desde a data de recepción:

-Aceptación ou renuncia da bolsa.

-Documento de estar matriculado nun programa de terceiro ciclo nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia. No documento deberá figurar o selo da entidade bancaria xustificativo do pagamento realizado.

-Declaración xurada de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado.

-Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do/a interesado/a, no que conste o código de conta cliente do solicitante.

Transcorrido este prazo sen que se achegue a citada documentación, considerarase que o/a interesado/a renuncia á bolsa concedida.

11. Pagamentos

Os pagamentos serán mensuais. O último pagamento farase efectivo despois de que o/a bolseiro/a presente, antes do 30 de setembro de 2008, a seguinte documentación:

-Informe do/a titor/a ou do/a director/a do grupo de investigación en relación co cumprimento das súas obrigas como bolseiro durante os meses de duración da bolsa.

-Vida laboral actualizada expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

-Declaración xurada do conxunto de bolsas concedidas.

ANEXO II

Bolsas para a realización da prórroga dos estudos

de terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia

1. Destinatarios.

Estas bolsas están destinadas aos alumnos que desfrutaron no curso académico 2006-2007 da bolsa de terceiro ciclo de nova adxudicación concedida por Orde do 30 de novembro de 2006 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 11 de decembro).

2. Orzamento.

Para a concesión destas bolsas destinarase un total de 927.103 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2007 e 2008 de acordo coa seguinte distribución: 256.882 euros no ano 2007 e 670.221 euros no ano 2008.

Esta cantidade será achegada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e pola Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, en función do acordo de colaboración asinado o 30 de maio de 2006 entre as dúas consellerías.

3. Dotación das bolsas.

A dotación da bolsa será de 700 euros mensuais. Os/as beneficiarios/as percibirán, así mesmo, o importe de 325 euros en concepto de axuda á matrícula co pagamento do primeiro trimestre da bolsa. Os/as bolseiros/as desfrutarán dun sistema de cobertura social a través da concertación dun seguro privado, ou de ser o caso, da aplicación do Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, que terá efectividade a partir do 1 de outubro de 2007, unha vez aceptada a bolsa.

4. Requisitos dos/as solicitantes.

Só poderán solicitar esta bolsa aqueles alumnos/as que no curso académico 2006/2007 gozaron dunha bolsa de terceiro ciclo, na modalidade de nova adxudicación, concedida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por Orde do 30 de novembro de 2006 (DOG do 11 de decembro), sempre que xustifiquen un axeitado aproveitamento académico neste período e estean matriculados durante o curso académico 2007-2008 no segundo ano do bienio de estudios do terceiro ciclo impartido nas universidades do sistema universitario de Galicia.

5. Presentación da documentación e prazo.

a) Os solicitantes deberán entregar debidamente cuberta a solicitude segundo o modelo que se publica como anexo IV á presente orde. A Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitaria de Galicia requirirá das universidades correspondentes a certificación oficial de ter superados 20 créditos do primeiro ano dos estudos de terceiro ciclo polo que os alumnos non necesitan presentar este documento.

b) O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6. Resolución e publicación.

A selección de candidatos/as levarase a cabo nun procedemento único de avaliación á vista da documentación achegada polo/a solicitante en cumprimento das bases da convocatoria, polo que se prescindirá do trámite de audiencia, de conformidade co disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, de 26 de novembro. O director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia elevará un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria quen emitirá resolución.

A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es, mediante relación nominal dos/as beneficiarios/as.

7. Notificación e aceptación da bolsa.

A Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia enviará notificación aos/ás bolseiros/as seleccionados/as. O/A bolseiro/a comprométese a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde mediante a presentación da seguinte documentación que deberá remitir á dirección xeral no prazo de 5 días contados desde a data de recepción:

-Aceptación ou renuncia da bolsa.

-Documento de estar matriculado/a no curso 2007-2008 no segundo ano de terceiro ciclo nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia. No documento deberá figurar o selo da entidade bancaria xustificativo do pagamento realizado.

-Declaración xurada de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/a bolseiro ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado.

-Transcorrido este prazo sen que se achegue a citada documentación, considerarase que o/a interesado/a renuncia á bolsa concedida.

8. Pagamento.

Os pagamentos serán mensuais. O último pagamento farase efectivo despois de que o/a bolseiro/a achegue, antes do 30 de setembro de 2008, a seguinte documentación:

-Informe do titor ou do director do grupo de investigación na que se fagan constar as actividades de formación realizadas durante o aproveitamento da bolsa.

-Copia compulsada do diploma de estudos avanzados (DEA) ou documento que o substitúa.

-Vida laboral actualizada expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

-Declaración xurada do conxunto de bolsas concedidas.

Ver referencia pdf "14900D004P016.PDF"

Lugar e data

Ver referencia pdf "14900D004P016.PDF"