DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 02 de agosto de 2007 Páx. 13.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de xullo de 2007 pola que se resolve definitivamente a convocatoria de licenzas por estudos para o curso 2007-2008 destinadas a funcionarios docentes non-universitarios.

De conformidade co establecido no artigo 11 da orde desta consellería do 5 de marzo de 2007, DOG do 19 de marzo, pola que se convocaban licenzas por estudos para o curso 2007-2008, destinadas a funcionarios docentes non universitarios, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Adxudicarlles as licenzas por estudos aos profesores e profesoras que se relacionan no anexo desta orde.

Segundo.-O período improrrogable de duración das licenzas dun curso completo -modalidades 1, 2 e 3- será, como máximo, do 1 de setembro de 2007 ao 31 de agosto de 2008 para o profesorado de educación infantil e de educación primaria, e desde o 15 de setembro de 2007 ao 14 de setembro de 2008 para o profesorado de ensino secundario e de ensinanzas de réxime especial.

Nas licenzas cuadrimestrais das modalidades 4, 5, e 6ª a duración dos cuadrimestres establécese do seguinte xeito:

1. Para o profesorado de educación infantil e de educación primaria:

-Primeiro cuadrimestre, do 1 de setembro de 2007 ao 31 de decembro de 2007.

-Segundo cuadrimestre, do 1 de marzo de 2008 ao 30 de xuño de 2008.

2. Para o profesorado que imparte docencia no ensino secundario e nas ensinanzas de réxime especial:

-Primeiro cuadrimestre, do 15 de setembro de 2007 ao 14 de xaneiro de 2008.

-Segundo cuadrimestre, do 1 de marzo de 2008 ao 30 de xuño de 2008.

Por último, nas modalidades 0 e 2, dentro do período que abrangue o curso académico, os beneficiarios poden escoller o período de gozo da licenza.

Terceiro.-O profesorado ao cal se lle concede licenza por estudos queda obrigado ao cumprimento do exposto no artigo 13 da orde da convocatoria, obrigas dos beneficiarios, e a respectar o recollido no artigo 15, incompatibilidades; a non aceptación do anteriormente exposto dará lugar á activación do contido do artigo 16 da orde de convocatoria, responsabilidades por incumprimento.

Cuarto.-Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "14900D002P014.PDF"