DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 01 de agosto de 2007 Páx. 13.108

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 146/2007, do 28 de xuño, polo que se modifica o Decreto 451/2003, do 26 de decembro, de creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

O 16 de abril de 2007 tivo lugar unha sesión ordinaria do Padroado da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Este, tras a deliberación, aprobou por unanimidade como punto dous da orde do día a modificación dos estatutos da fundación para incorporar como membro nato desta a un representante da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

A razón da incorporación deste novo membro vén xustificada por razóns de coherencia xa que a Fundación Galega de Medicina Xenómica ten a súa sede no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, o que permitirá o aproveitamento racional dos recursos dispoñibles optimizando a xestión, podendo participar así dunha forma moi directa coa actividade da fundación.

Por todo isto procede a modificación do artigo 10.2º a) do Decreto 451/2003, do 26 de decembro, de creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, para incorporar como membro nato do Padroado o titular da Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, establece no seu artigo 71 que a creación de novas fundacións públicas sanitarias, así como a súa modificación ou extinción, debe ser aprobada por decreto do Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Sanidade.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 10.2º a) que queda redactado como segue:

Vogais natos: designados en virtude do seu cargo, polo que perderán a súa condición ao cesaren naquel. Son os seguintes:

-Presidencia de honra: o/a presidente/a da Xunta de Galicia.

-Presidencia: o/a conselleiro/a de Sanidade.

-Vicepresidencia: o/a secretario/a xeral do Servizo Galego de Saúde.

-Director/a xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

-Director/a xeral da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

-Director/a xeral da División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

-Titular da Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

-Director/a xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria.

-Director/a executivo/a da fundación.

-Director/a técnico/a da fundación.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade