DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 01 de agosto de 2007 Páx. 13.103

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 145/2007, do 19 de xullo, polo que se modifica o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Mediante o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, aprobouse a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O desenvolvemento práctico das competencias atribuídas aos diferentes órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia aconsella a introdución das modificacións na devandita estrutura dun xeito que permita o seu exercicio coa máxima eficacia.

As modificacións incorporadas refírense, por unha banda, á creación na Secretaría Xeral de Relacións Exteriores dunha nova Subdirección Xeral de Xestión, Contratación e Coordinación Administrativa, que recolle e amplía as funcións antes asignadas ao Servizo de Xestión, suprimíndose este último. Así mesmo, inclúense tamén novas funcións na Subdirección Xeral de Cooperación Exterior e amplíanse as atribucións dos servizos de Fomento de Cooperación ao Desenvolvemento e de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación ao Desenvolvemento.

Defínense con maior precisión e detalle as funcións da Secretaría Xeral de Política Lingüística e das distintas unidades administrativas que a compoñen. Incorpóranse modificacións que acrecentan a coordinación interna no exercicio por parte das unidades administrativas das funcións atribuídas.

Ademais, modifícase o Decreto 25/1993, do 11 de febreiro, polo que se crea o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro para adaptar a denominación do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, dado que o cambio anterior, de xeito parcial, non recollía o cambio de denominación na regulamentación do centro. A nova denominación resulta ser Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Por outro lado, modifícase tamén o Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica, modificado polo Decreto 120/2006, revisando a composición dos tribunais das oposicións dos letrados da Xunta de Galicia para adaptalos ás previsións da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras os informes favorables da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto nos seguintes puntos:

Un. A letra j) do número 3.1 do artigo 2º queda redactada da seguinte forma:

«j) A suplencia do secretario/a xeral da Presidencia nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade en todas as materias de índole administrativa e orzamentaria que sexan competencia deste».

Dous. Engádese a letra k) no número 3.1 do artigo 2º, que queda redactada da seguinte forma:

«k) As demais funcións que lle encomende o secretario xeral».

Tres. Engádese o número 2.3 do artigo 5º, que queda redactado da seguinte forma:

«2.3. Subdirección Xeral de Xestión, Contratación e Coordinación Administrativa

Terá como funcións específicas:

a) Prestar apoio e asesoramento aos centros directivos da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, en todos os asuntos que se lle encomenden no ámbito das competencias propias da Subdirección Xeral.

b) A elaboración do anteproxecto do orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, e a previa coordinación dos traballos necesarios entre os servizos existentes.

c) A xestión económica e o seguimento e control da execución orzamentaria, sen menoscabo das atribucións expresas a outros órganos.

d) A xestión e tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, agás os relativos ao capítulo I.

e) A habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

f) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos xerais da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outras unidades.

g) A xestión de axudas, subvencións e convenios administrativos, sen prexuízo das competencias doutras unidades da Secretaría Xeral.

h) O seguimento das relacións de carácter económico-financeiro derivadas dos programas de cooperación interrexional.

i) A xestión dos expedientes de contratación da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, o seu seguimento e control, sen prexuízo das atribucións de competencias a outras unidades da Secretaría Xeral.

j) As de réxime interno, coordinación administrativa, e asuntos xerais da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores.

k) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, e demais diarios ou boletíns oficiais, das disposicións ou actos dos departamentos da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores.

l) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores.

m) A tramitación, a través da Secretaría Xeral da Presidencia, das publicacións da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia, sempre que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

n) A organización do rexistro e a coordinación con outros rexistros, e a organización do seu arquivo xeral, sen prexuízo das competencias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e das competencias establecidas polo Decreto 126/2006, do 20 de xullo, en relación co Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

ñ) A coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia-Europa».

Catro. Suprímese o número 3.2 do artigo 5º.

Cinco. Engádese a letra f) no número 4.1 do artigo 5º, que queda redactada da seguinte forma:

«f) A tramitación, a través da Secretaría Xeral da Presidencia, das publicacións da Dirección Xeral perante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia».

Seis. Modifícase a letra d) do número 4.1.1 do artigo 5º, que queda redactada da seguinte forma:

«d) A tramitación económica e seguimento da execución orzamentaria dos expedientes de gasto propios deste servizo».

Sete. Modifícanse as letras e), f), g) e h) do número 4.1.2 do artigo 5º, que quedan redactadas da seguinte forma:

«e) A tramitación económica e seguimento da execución orzamentaria dos expedientes de gasto propios deste servizo.

f) A tramitación dos expedientes de contratación que sexan competencia da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

g) Levar os arquivos e rexistros que atinxen as materias de formación e de coordinación institucional referidas á cooperación ao desenvolvemento, sen prexuízo das competencias establecidas polo Decreto 126/2006, do 20 de xullo, en relación co Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

h) Elaborar os informes segundo os criterios sinalados pola cooperación ao desenvolvemento a nivel estatal e comunitario».

Oito. Engádese a letra i) no número 4.1.2 do artigo 5º, que queda redactada da seguinte forma:

«i) O exercicio das demais funcións que lle encomende a Subdirección Xeral».

Nove. Modifícase a letra e) do número 2.1.1 do artigo 6º, que queda redactada da seguinte forma:

«e) A tramitación, a través da Secretaría Xeral da Presidencia, das publicacións da Secretaría Xeral ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia».

Dez. O artigo 7º queda redactado como segue:

«Artigo 7º.-Secretaría Xeral de Política Lingüística.

1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística é o órgano superior da Administración autonómica en materia de promoción e ensino da lingua galega e de dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como obxectivos impulsar o desenvolvemento e a aplicación da lexislación derivada do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, velar pola aplicación da política lingüística que estableza o Goberno e coordinar as accións e medidas dos diversos departamentos en materia de política lingüística. Para acadar estes obxectivos, atribúenselle as seguintes funcións:

a) Elaborar propostas lexislativas e regulamentarias que potencien a normalización lingüística e o fomento do uso da lingua galega.

b) Cooperar coa Comisión Interdepartamental da Xunta de Galicia para a Normalización Lingüística e impulsar e coordinar as medidas de política lingüística dos departamentos da Xunta de Galicia mediante a achega do soporte técnico necesario.

c) Promover, impulsar e coordinar o labor de normalización lingüística dos servizos de normalización doutros organismos e administracións públicas, así como dos entes e consorcios interadministrativos que se creen para favorecer e axilizar o proceso de normalización lingüística.

d) Programar e desenvolver medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia co fin de incrementar a dispoñibilidade de produtos e servizos en galego.

e) Planificar e desenvolver campañas e medidas de fomento do uso e difusión do galego.

f) Planificar e desenvolver medidas para apoiar e coordinar o coñecemento e o uso do galego fóra do territorio lingüístico galego.

g) Promover, coordinar e desenvolver a política de investigación que favoreza a normalización lingüística nas súas diferentes manifestacións, especialmente no eido do léxico e a terminoloxía.

h) Emitir informe dos proxectos de disposicións normativas de carácter xeral que promovan os departamentos da Xunta de Galicia e poidan ter incidencia sobre a normalización do uso do galego ou sobre a política lingüística en xeral.

i) Promover, organizar e, de ser o caso, autorizar e homologar cursos de formación de lingua galega e/ou de linguaxes específicas, e expedir as certificacións de aptitude ao alumnado, cando proceda.

j) Establecer o marco metodolóxico de referencia e os plans e programas para o ensino do galego ás persoas adultas, de acordo coas directrices do Consello de Europa en materia de ensino de linguas.

k) Colaborar co Consello de Europa e con outros organismos nacionais e internacionais en relación cos procesos de converxencia para a defensa, a aprendizaxe, o ensino e a avaliación das linguas.

l) Planificar a formación de adultos en galego en colaboración cos departamentos da Xunta de Galicia e con outras administracións e entidades.

ll) Convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento de galego.

m) Convocar e administrar as probas e certificados de tradutores e intérpretes xurados doutras linguas para o galego e viceversa, así como autorizar as habilitacións directas destes, cando procedan, e a súa inscrición no Rexistro de Tradutores e Intérpretes Xurados de Galego.

n) Promover o diálogo, a cooperación e a colaboración con outras institucións competentes en materia de política lingüística.

ñ) Realizar a tradución galego-castelán e viceversa da documentación, acordos e textos con orixe ou destino nas institucións da Unión Europea.

o) Realizar a tradución ao castelán de títulos oficiais expedidos en galego que deban producir efectos en administracións públicas sitas noutras comunidades autónomas do Estado español.

p) As funcións recollidas na disposición derradeira primeira deste decreto.

q) Aqueloutras funcións que lle atribúa expresamente a normativa vixente e/ou tivese atribuídas a antiga Dirección Xeral de Política Lingüística e/ou o responsable da consellería á que estaba adscrita. Así como, en todo caso, velar porque no exercicio da realidade das súas funcións, se respecte e promova o uso non sexista da linguaxe.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Subdirección Xeral de Política Lingüística.

Correspóndelle a esta subdirección xeral:

a) O apoio técnico-administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística no exercicio das súas funcións.

b) A coordinación, seguimento e control das actividades de promoción e difusión da lingua galega.

c) A coordinación, seguimento e control dos plans e programas de formación e de acreditación de competencia en materia de lingua galega desta Secretaría Xeral.

d) A coordinación, seguimento e control da xestión das actividades de normalización lingüística.

e) O control orzamentario e a súa coordinación económica e administrativa.

f) As funcións de réxime interior e asuntos xerais.

g) O control de asistencia e puntualidade do persoal, de acordo coas instrucións do secretario xeral da Presidencia.

h) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

i) Aqueloutras funcións que, no ámbito da súa competencia, lle atribúa a persoa responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

j) A tramitación a través da Secretaría Xeral da Presidencia, das publicacións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia.

Para o desenvolvemento destas funcións, esta Subdirección Xeral de Política Lingüística contará coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Plans, Programas e Asesoramento lingüístico.

Correspóndelle as seguintes funcións:

a) Xestión das medidas e actuacións programadas para o desenvolvemento da política de normalización lingüística.

b) Organización de cursos de formación, seminarios, encontros e congresos en materia de lingua galega.

c) Xestión das validacións e solicitudes de recoñecemento de certificacións de cursos e outras actividades de formación e normalización da lingua galega (seminarios, encontros, etc.).

d) Xestión das accións de fomento do uso do galego que desenvolva a Secretaría Xeral de Política Lingüística tanto por iniciativa propia como en colaboración cos organismos e entidades con competencia no sector de destino das accións.

e) Xestión das campañas de sensibilización, difusión e promoción do galego.

f) Apoio en materia de asesoramento lingüístico e oferta de recursos ás administracións públicas e, de ser o caso, ás entidades privadas.

g) Xestión de consultas e queixas en materia de dereitos lingüísticos.

h) Xestión das solicitudes de traducións galego-castelán e viceversa de documentación, acordos e textos con orixe ou destino nas institucións da Unión Europea.

i) Xestión das solicitudes de tradución ao castelán de títulos oficiais expedidos en galego que deban producir efectos en administracións públicas sitas noutras comunidades autónomas do Estado español.

j) Xestión das solicitudes de habilitación profesional para a tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa e do Rexistro de Tradutores e Intérpretes Xurados, así como das probas de habilitación cando se convoquen.

k) Xestión das actividades de promoción exterior da lingua galega (lectorados, feiras, etc.).

l) Xestión da produción de material didáctico para apoio á formación en lingua galega e á normalización lingüística.

ll) Proposta de resolución de recursos nas materias que desenvolve este servizo.

m) Desenvolvemento de calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Política Lingüística.

2.1.2. Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Xestionar as subvencións para a promoción da lingua galega.

b) Xestionar a contratación administrativa para a realización das actividades de promoción da lingua galega, así como dos convenios de colaboración con esta finalidade.

c) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da secretaría xeral, exercer a súa xestión económico-administrativa e o seu control orzamentario.

d) Tramitar os expedientes de modificacións orzamentarias.

e) Asesorar económica e orzamentariamente a todas as unidades da Secretaría Xeral de Política Lingüística para os efectos da tramitación dos expedientes.

f) Habilitar os pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

g) Propoñer a resolución de recursos nas materias que desenvolve este servizo.

h) Desenvolver calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Política Lingüística.

2.2. Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, con dependencia directa da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Xestionar o desenvolvemento dos proxectos e programas de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos para a normalización da lingua galega.

b) Promover a formación e capacitación de universitarios, tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.

c) Canalizar, difundir e proxectar no ámbito autonómico, estatal e internacional a información sobre os proxectos e publicacións do centro.

d) Colaborar co Servizo de Xestión e Promoción Lingüística na preparación de todo tipo de documentos administrativos que incidan en áreas compartidas.

e) Administración, xestión e control do funcionamento do centro e do persoal adscrito a este.

f) Xestionar, en coordinación cos directores técnicos dos departamentos do centro, a organización de xuntanzas, encontros, xornadas, congresos e simposios e calquera outra actividade que derive dos proxectos de investigación e formación.

g) Organizar o rexistro e coordinarse con outros rexistros, sen prexuízo das competencias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

h) Exercer o cargo de secretario da Comisión Reitora do centro.

i) Darlle apoio administrativo ao coordinador científico no desenvolvemento dos traballos de investigación do centro.

j) Desenvolver calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. Con sede en cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, existe un gabinete de normalización que exerce as seguintes funcións, en coordinación coa Subdirección Xeral de Política Lingüística:

a) Proposta de programación, organización e xestión das actividades e dos cursos de lingua galega e de linguaxes especializadas que se desenvolvan en cada provincia.

b) Proposta no nomeamento do profesorado para impartir os cursos que se organicen na provincia de acordo cos criterios e co réxime de chamamentos establecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) Xestión dos expedientes e propostas de gasto e pagamento das actividades e cursos desenvolvidos.

d) Xestión de expedientes de axudas e subvencións.

e) Información e atención ao público nas materias propias do ámbito de competencia da Secretaría Xeral.

f) Desenvolver calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola Subdirección Xeral de Política Lingüística».

Once. Engádense as letra f) e g) na disposición adicional segunda, que quedan redactadas da seguinte forma:

«f) Queda desconcentrada no secretario xeral da Presidencia a competencia para administrar, aprobar e comprometer os créditos para gastos correspondentes ao Capítulo I, dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas económicas destes e propor o seu pagamento.

g) Sen prexuízo do anteriormente exposto, as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderán autorizar gastos e pagamentos respecto dos créditos que sexan desconcentrados para o desenvolvemento de determinadas actividades».

Disposición derrogatoria

Derrógase a disposición adicional cuarta do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificacións no Decreto 25/1993, do 11 de febreiro, polo que se crea o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e se regula o seu funcionamento, modificado polos decretos 330/1997, do 13 de novembro, e 218/2003, do 3 de abril. Actualmente é denominado Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Modifícanse os artigos 2, 3, 4, 5, 7, 8 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro, polo que se crea o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e se regula o seu funcionamento, modificado polos decretos 330/1997, do 13 de novembro, 218/2003, do 3 de abril, nos seguintes termos:

«Artigo 2º

Son funcións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades:

a) Ofertar actividades de formación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica de Galicia.

b) Desenvolver programas e proxectos de investigación lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos.

c) Difundir os fondos documentais existentes ou referidos á nosa comunidade autónoma.

d) Conservar e estudar as fontes galegas documentais lingüísticas, literarias e antropolóxicas.

e) Preparar e publicar materiais de divulgación, correspondentes aos programas, proxectos e actividades mencionadas.

f) Prestar servizo e referencia para antropólogos e teóricos da lingua, a literatura, a historia e a antropoloxía galegas.

g) Documentar, informatizar e dar soporte bibliográfico ás investigacións lingüísticas, literarias, históricas e antropolóxicas.

h) Servir de lugar de conexión e relación para os estudos que se fagan en Galicia e noutras comunidades.

i) Colaborar con centros e institucións académicas nos seus traballos.

j) Propoñerlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a celebración de convenios e concertos con institucións públicas e privadas.

k) Calquera outra iniciativa e acción tendentes á consecución dos obxectivos que se lle atribúen.

Artigo 3º

O/A presidente/a da Xunta de Galicia exercerá, no ámbito deste decreto, a función de presidente/a do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Artigo 4º

A dirección do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades correspóndelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que exercerá, ademais, as seguintes funcións:

a) A aprobación do Plan xeral anual das actividades do centro.

b) A xestión económico-administrativa do centro.

c) Aprobar o regulamento interno de funcionamento.

d) As relacións do centro con calquera outro organismo ou entidade, así como a representación do centro dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º

Constituirase unha comisión reitora, que será presidida pola persoa que ocupe a Presidencia da Xunta de Galicia e que contará cos seguintes membros:

-Vicepresidencia, que será a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Vogais:

-A persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

-A persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-A persoa titular da Consellería de Cultura e Deporte.

-A persoa que ocupe o cargo de coordinador científico do centro.

-O/a reitor/a da Universidade da Coruña, ou persoa en quen delegue.

-O/a reitor/a da Universidade de Santiago de Compostela, ou persoa en quen delegue.

-O/a reitor/a da Universidade de Vigo, ou persoa en quen delegue.

-A persoa que ocupe a Presidencia da Real Academia Galega, ou persoa en quen delegue.

-Tres membros expertos nas materias obxecto dos traballos do centro, nomeados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Actuará como secretario/a desta comisión a persoa que desenvolva o posto de xefe de servizo do centro.

A Comisión Reitora terá as seguintes funcións:

a) Supervisar o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades nos seus temas específicos.

b) Emitir informe sobre o Regulamento de réxime interno e, se é o caso, sobre as propostas de proxectos e de programas de investigación, formación e divulgación.

c) Estudar o Plan xeral anual de actividades do centro.

d) Coñecer a memoria anual de actividades elaborada polo coordinador científico do centro.

Artigo 6º

A persoa que ocupe a Presidencia da Xunta de Galicia, por proposta da persoa responsable de Política Lingüística, nomeará o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que terá como principal función a supervisión de todas as actividades científicas propias do centro e, en particular:

a) Ser vogal da Comisión Reitora para o centro.

b) A coordinación científica das distintas seccións.

c) A execución dos plans xerais de actuación do centro, logo da proposta e aprobación deles pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) A elaboración da memoria anual de actividades do centro e a confección da proposta do anteproxecto de orzamentos deste.

e) Dar conta do contido da programación de actividades do centro ante a Comisión Reitora.

f) Elaborar e proporlles á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á Comisión Reitora o Regulamento interno e de funcionamento do centro.

g) Proporlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Presidencia da Xunta de Galicia os plans das publicacións de promoción e difusión de todas as actividades que teñan lugar no centro.

Artigo 7º.-Suprímese.

Artigo 8º

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades financiarase con cargo aos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística».

Segunda.-Modifícase o artigo 55 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da asesoría xurídica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 120/2006, do 20 de xullo, nos seguintes termos:

«Artigo 55º.-Tribunal.

A composición do tribunal das oposicións de letrados da Xunta de Galicia será a seguinte:

a) Presidente/a: un funcionario pertencente á escala de letrados da Xunta de Galicia, designado por proposta do director/a xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

b) Vogais:

-Un maxistrado/a designado por proposta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

-Un catedrático/a ou profesor/a titular das facultades de dereito das universidades do sistema universitario de Galicia, con competencia nunha ou máis disciplinas relacionadas co contido do programa, designado por proposta da Escola Galega de Administración Pública.

-Un licenciado/a en dereito, designado por proposta das organizacións sindicais.

-Un letrado/a da Xunta de Galicia, designado por proposta do/a director/a xeral da Asesoría Xurídica, que desempeñará, ademais, as funcións de secretario/a.

De conformidade con disposto polo artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, procurarase a composición paritaria dos tribunais».

Terceira.-Facúltase o secretario xeral da Presidencia para ditar as resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza