DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 31 de xullo de 2007 Páx. 13.038

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de xullo de 2007 pola que se regula a oferta das materias optativas dos estudos superiores de deseño previstas no Decreto 233/2005.

O Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, polo que se establecen os estudos superiores de deseño, a proba de acceso e os aspectos básicos do currículo dos ditos estudos, determina na súa disposición derradeira segunda que corresponde ás administracións educativas ditar, no ámbito das súas respectivas competencias, cantas disposicións sexan precisas para a execución e desenvolvemento do disposto nese real decreto.

O Decreto 233/2005, do 14 de xullo, polo que se establece o currículo dos estudos superiores de deseño e se regula o acceso ás ditas ensinanzas, clasifica as materias das distintas especialidades segundo a súa natureza e finalidade formativa, incluíndo nesta relación as materias optativas. Así mesmo autoriza expresamente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a establecer estas materias, así como a ditar as normas necesarias para o seu desenvolvemento.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 5, número 4, e co establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 233/2005, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular a oferta das materias optativas dos estudos superiores de deseño segundo prevé o artigo 5, número 4º, e mais o 6 do Decreto 233/2005, do 14 de xullo, polo que se establece o currículo dos estudos superiores de deseño e se regula o acceso ás ditas ensinanzas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación en todos os centros que impartan os estudos superiores de deseño autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir calquera das especialidades establecidas no Decreto 233/2005, do 14 de xullo.

Artigo 3º.-Natureza e condicións de elección.

1. Son materias optativas as que completan o perfil profesional do alumnado e, polo tanto, inciden nos diferentes aspectos curriculares relacionados coa súa especialidade. Estas materias poderanse escoller dentro da oferta específica elixida como optativa polos centros que impartan os estudos superiores de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cada centro que imparta os estudos superiores de deseño proporá o seu catálogo de materias optativas, que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

3. As solicitudes de autorización das materias optativas do centro incluirán os seguintes aspectos:

a) O currículo da materia, no que figurará a súa xustificación, obxectivos, contidos e criterios de avaliación, así como o número de créditos, en conformidade co Decreto 233/2005.

b) O departamento didáctico ao que se asigna, explicitando a especialidade docente á que queda adscrita.

c) A xustificación dos recursos humanos e materiais necesarios para o seu desenvolvemento.

d) A certificación da aprobación da proposta polo consello escolar do centro.

4. As citadas solicitudes deberanse remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais antes do 30 abril de cada ano, a través da delegación provincial correspondente, que as tramitará acompañándoas do correspondente informe da inspección educativa.

Artigo 4º.-Oferta de materias optativas en cada centro.

1. Segundo consta no anexo I do referido Real decreto 233/2005, as dúas materias optativas desenvolveranse ao longo do terceiro curso destes estudos. Corresponde a cada centro que imparta os estudos superiores de deseño, no exercicio da súa autonomía pedagóxica e organizativa, e de acordo coa súa dispoñibilidade de recursos, propoñer en cada especialidade a distribución do número de créditos de cada unha destas materias.

2. Os centros ofertarán un mínimo de 3 materias optativas que contarán coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

3. Cada ano escolar a oferta de materias optativas realizarase atendendo ás necesidades profesionais e á demanda do alumnado, así como á dispoñibilidade dos recursos humanos e materiais do centro.

Disposición transitoria

Única.-No actual ano académico as solicitudes de autorización deberanse remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, con data anterior ao do 15 de setembro, na forma prevista no artigo 3º desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, de Ordenación e Innovación Educativa, e á Sudirección Xeral de Persoal para ditar as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

a) CESAMENTOS VALEDOR DO POBO