DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 31 de xullo de 2007 Páx. 13.023

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu punto 23, atribúelle á comunidade autónoma, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, que vén a ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta lei regula a competencia da Administración autonómica para a regulamentación das entidades, servizos e centros, públicos ou privados, que presten servizos sociais no ámbito territorial da comunidade autónoma, establecendo as normas en que se determinen as condicións de apertura, funcionamento, modificación, capacitación do persoal e cesamento de actividades dos centros.

En cumprimento do anterior, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais.

A aplicación do referido decreto, desde a súa entrada en vigor ata a data, así como a distinta casuística producida ao longo dese tempo teñen evidenciado a necesidade de levar a efecto un novo decreto, co obxecto de mellorar e clarificar determinados aspectos da regulamentación vixente no que se refire ás autorizacións administrativas previas que requiren, para o seu correcto funcionamento, os centros e os programas de servizos sociais.

En consecuencia, faise necesaria unha nova regulación que dea resposta tanto ás exixencias dos cidadáns en relación coa mellora da calidade na prestación dos servizos sociais, como á necesidade de reforzar o marco xurídico existente no senso de articular e garantir a axeitada actividade das entidades, públicas e privadas, que desenvolven a súa actuación no ámbito dos servizos sociais.

Igualmente, a participación de diversos axentes prestadores de servizos sociais require determinar os requisitos xerais aos que debe suxeitarse a súa actividade e a responsabilidade adquirida pola súa intervención neste ámbito.

O decreto estrutúrase en tres capítulos. O primeiro deles aborda as cuestións de carácter xeral que deben ilustrar a aplicación da norma, tales como o seu obxecto, ámbito de aplicación e as obrigas das entidades prestadoras. Así, todas as entidades prestadoras de servizos sociais deberán inscribirse, con carácter previo ao inicio das súas actividades, no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais; deberán igualmente comunicar á Administración autonómica os prezos que percibirán pola prestación dos servizos ademais de observar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais e facilitar á Administración autonómica toda aquela información que, no ámbito das súas competencias, lle sexa solicitada.

O capítulo segundo, baixo a rúbrica «das autorizacións administrativas», regula, dun xeito máis claro e conciso, o réxime de autorizacións administrativas exixibles aos centros e programas de servizos sociais, establecendo unha regulación máis exhaustiva do procedemento que se observará na súa tramitación.

Así, será necesaria autorización previa para a construción ou creación de centros de servizos sociais por parte das entidades de iniciativa privada; quedando excluídas da necesidade da súa obtención as entidades locais.

Igualmente, tanto as entidades públicas como as privadas requirirán de autorización administrativa para o inicio, modificación substancial e cesamento das actividades dos centros ou programas de carácter social co obxecto de asegurar o debido cumprimento das condicións do seu funcionamento de conformidade coa lei e garantir, así mesmo, a seguridade e calidade da prestación social. Pola súa banda, os centros propios da Administración autonómica seguirán precisando un decreto do Consello da Xunta de Galicia para a súa creación ou construción, e orde do departamento da Administración autonómica competente para o inicio ou cesamento das súas actividades. Non obstante o anterior, e para a modificación substancial dos centros, será necesaria unicamente resolución do órgano competente da propia Administración autonómica.

O mesmo ocorre cos programas dependentes da Administración autonómica, que precisarán orde do departamento competente para o inicio ou cesamento das súas actividades, e resolución do órgano competente para a súa modificación substancial.

En desenvolvemento das previsións contidas no artigo 30.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, e para os supostos en que se constate o funcionamento de centros e/ou programas sen a correspondente autorización administrativa, e nos que se require unha rápida e axeitada actuación da Administración competente, establécese un procedemento máis áxil que permite iniciar o procedemento de suspensión da actividade ou peche do centro, todo iso con independencia das actuacións que procedan en materia sancionadora.

Como novidade respecto da regulación anterior, considérase a necesidade de autorización dos programas sociais. O desenvolvemento dos servizos sociais nos últimos anos xerou novas necesidades de carácter asistencial que foron cubríndose de xeito informal, obtendo as distintas entidades financiamento público para o efecto, sen que existise, ata o de agora, unha normativa de referencia respecto das condicións, servizos mínimos e requisitos para a súa prestación. O paso do asistencialismo á calidade dos servizos sociais fai necesaria a regulación, autorización e acreditación destas prestacións.

Igualmente regúlanse ex novo os supostos e o procedemento en que cabería a revogación das autorizacións concedidas.

No capítulo III do decreto abórdase a regulación da acreditación a que poderán acceder os centros e programas de servizos sociais previamente autorizados. Non obstante, os requisitos e/ou estándares de calidade exixibles para a súa concesión déixanse a un posterior desenvolvemento normativo, tendo en conta as importantes previsións que para tal efecto se recollen na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulamentación do réxime de autorización e acreditación dos centros e programas de servizos sociais, así como o establecemento das condicións e requisitos xerais que deben cumprir para o seu funcionamento.

Artigo 2º.-Definicións.

1. De acordo co previsto na lexislación aplicable en materia de servizos sociais, terá a consideración de entidade prestadora de servizos sociais toda persoa física ou xurídica, legalmente recoñecida como tal, que sexa titular ou xestora de centros sociais e/ou desenvolva programas sociais nas áreas de actuación sinaladas na normativa de aplicación.

2. Terán a consideración de centros de servizos sociais todos aqueles equipamentos regulamentariamente tipificados en que se desenvolven dun xeito estable e continuado servizos, programas e actividades de servizos sociais nas distintas áreas sociais.

3. Terán a consideración de programas de servizos sociais o conxunto articulado de obxectivos, accións e servizos dotados orzamentariamente e que conten cos recursos humanos e materiais adecuados para levalas a cabo, e por medio dos cales se procuran solucións ás necesidades sociais.

En todo caso, os programas susceptibles de autorización deberán adecuarse ás tipoloxías que se establezan na normativa de carácter específico.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación deste decreto esténdese a todas as entidades prestadoras de servizos sociais, públicas ou privadas, con ou sen ánimo de lucro, que sexan titulares de centros de servizos sociais e/ou que desenvolvan programas sociais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4.- Obrigas das entidades prestadoras.

1. Todas as entidades prestadoras de servizos sociais estarán obrigadas:

a) A inscribirse, con carácter previo ao inicio das súas actividades, no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais do departamento da Administración autonómica competente, na sección correspondente en función das persoas ás que se dirixa.

b) A que os centros ou programas dos que sexan titulares ou xestoras cumpran os requisitos establecidos na lexislación aplicable en materia de servizos sociais, neste decreto e nas súas normas de desenvolvemento, co fin de axustarse á tipoloxía específica que lles corresponda.

c) A comunicarlle ao departamento da Administración autonómica competente, con carácter previo ao seu cobramento, os prezos que percibirán pola prestación dos seus servizos, se é o caso, así como as variacións que sobre estes se pretendan introducir.

d) A facilitarlle ao departamento da Administración autonómica competente a información que lles sexa solicitada no exercicio das súas competencias.

2. As devanditas entidades estarán ademais suxeitas á inspección dos órganos autorizados do departamento competente da Administración autonómica, co fin de comprobar o cumprimento da normativa de servizos sociais, e sometidas ao exercicio da potestade sancionadora de acordo co disposto na lexislación aplicable en materia de servizos sociais e a normativa que a desenvolva.

3. Aquelas entidades que estean financiadas con fondos públicos deberán, ademais, adecuarse ás directrices de planificación que dite o departamento da Administración autonómica competente na materia. O financiamento público quedará condicionado ao cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación en materia de servizos sociais, na súa normativa de desenvolvemento, na normativa reguladora da correspondente axuda e neste decreto.

Capítulo II

Das autorizacións administrativas

Sección 1ª

Disposicións xerais

Artigo 5º.-Ámbito obxectivo.

1. As/os titulares ou representantes legais das entidades das que dependan os centros ou desenvolvan programas de servizos sociais están obrigadas/os a solicitar as autorizacións administrativas que correspondan de acordo co disposto neste capítulo.

2. Para os efectos deste decreto enténdese por autorización o acto polo cal a Administración autonómica permite:

a) A construción ou creación de centros de servizos sociais.

b) O inicio de actividades de programas e centros de servizos sociais.

c) A modificación substancial de programas e centros de servizos sociais.

d) O cesamento, temporal ou definitivo, das actividades dos programas e centros de servizos sociais, xa sexa con carácter parcial ou total.

3. As anteditas autorizacións garanten o cumprimento dos requisitos xerais e específicos exixidos para cada un dos programas e centros en cada área de actuación, o respecto aos dereitos dos usuarios e a adecuación das prestacións ás necesidades destes.

4. O disposto neste decreto aplicarase sen prexuízo da obtención doutras autorizacións administrativas exixibles de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 6º.-Ámbito subxectivo.

1. Os centros de servizos sociais estarán suxeitos ao seguinte réxime de autorizacións de carácter previo:

a) Os de titularidade privada, sexan de iniciativa social ou con ánimo de lucro, precisarán autorización administrativa para a súa creación ou construción, modificación substancial, inicio e cesamento das súas actividades.

b) Os dependentes de entidades locais precisarán autorización para o inicio de actividades, para a modificación substancial e para o cesamento das súas actividades.

c) Os propios da Administración autonómica precisarán decreto para a súa creación ou construción, orde do departamento da Administración autonómica competente para o inicio ou cesamento das súas actividades e resolución do órgano competente nos casos de modificación substancial.

2. Os programas de servizos sociais previamente tipificados na normativa de carácter específico estarán suxeitos ao seguinte réxime de autorización de carácter previo:

a) Os de titularidade privada, sexa de iniciativa social ou con ánimo de lucro, e os dependentes das entidades locais precisarán autorización para o inicio, para a modificación substancial e para o cesamento das súas actividades.

b) Os dependentes da Administración autonómica precisarán unha orde do departamento da Administración autonómica competente para o inicio ou cesamento das súas actividades e resolución do órgano competente nos casos de modificación substancial.

Artigo 7º.-Requisitos xerais dos centros e programas sociais.

1. Todos os centros e programas de servizos sociais, calquera que sexa a súa tipoloxía ou titularidade, deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

1.1. Funcionais:

a) Garantir todos os dereitos legalmente recoñecidos aos usuarios, segundo o establecido nas normas de funcionamento, previamente visadas pola inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia.

b) Contar cun libro rexistro de persoas usuarias e cun expediente individual de cada un dos/das usuarios/as.

c) Dispor dun libro de reclamacións, segundo o modelo aprobado, debidamente dilixenciado polo funcionario responsable do departamento da Administración autonómica competente en materia de inspección.

d) Ter subscritas unha/s póliza/s de responsabilidade civil que garanta a cobertura das indemnizacións ás persoas usuarias e sinistros do edificio.

e) Expoñer nun lugar visible ao público as autorizacións concedidas, a licenza municipal, os prezos, o regulamento de réxime interno ou normas de funcionamento, o organigrama de persoal, o aviso de dispor dun libro de reclamacións e o plano de evacuación do centro.

f) Contar cun buzón de suxestións.

1.2 Materiais:

a) Adecuarse ás normas técnicas, sanitarias, de hixiene e de seguridade, previstas na lexislación vixente que lles resulte de aplicación.

b) Adecuarse á tipoloxía das/os usuarias/os, e contar co equipamento mobiliario ou aparellos que precisen segundo as súas características.

c) Os centros deberán cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras, de conformidade coas bases que sexan exixibles a cada equipamento, segundo o establecido na súa normativa específica.

d) Os centros deberán contar cun plan de emerxencias e evacuación de conformidade coa lexislación vixente, ademais de dar cumprimento ás demais previsións contidas na normativa aplicable en materia de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia.

e) Os centros deberán dispoñer de conexión telefónica co exterior.

2. Ademais dos requisitos establecidos no punto anterior, os centros e programas deberán adecuarse aos requisitos específicos que, de acordo coa súa tipoloxía e persoas ás que se dirixan, se establezan normativamente.

3. Todos os programas de servizos sociais disporán dunhas instalacións de referencia ás que poidan acudir as persoas usuarias, as cales estarán funcionalmente adaptadas ás condicións destas, así como aos programas que nelas deban desenvolverse, de conformidade cos requisitos previstos na normativa de desenvolvemento do presente decreto.

Artigo 8º.-Caducidade da autorización.

As autorizacións para a creación, construción, modificación substancial ou inicio de actividades caducarán no prazo dun ano desde que se ditasen, se nese prazo non se iniciasen as obras ou actividades autorizadas, logo de resolución que declare a caducidade, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Anotacións no rexistro.

Unha vez concedidas polo departamento da Administración autonómica competente as autorizacións de inicio de actividades dos centros e programas, anotaranse de oficio no correspondente rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais polo órgano encargado deste.

Artigo 10º.-Incumprimento do réxime de autorizacións.

O incumprimento do réxime de autorizacións e demais obrigas establecidas neste decreto e nas súas normas de desenvolvemento determinará a imposición das sancións que correspondan de acordo co establecido na lexislación aplicable en materia de servizos sociais.

Artigo 11º.-Peche do centro ou suspensión da actividade.

1. Sen prexuízo do que proceda en materia sancionadora, cando o órgano competente en materia inspectora constate a creación ou construción, a modificación substancial ou o inicio de actividades dun centro ou dun programa de servizos sociais sen a preceptiva autorización, requirirá á entidade titular ou ao seu representante legal para que, no prazo de 10 días, proceda a solicitar a correspondente autorización administrativa ou, de terse iniciado a súa tramitación, a emendar as deficiencias que impidan a continuación do procedemento para a súa concesión, podendo adoptar, ata a súa resolución, as medidas provisionais e/ou cautelares que considere necesarias.

2. Transcorrido o devandito prazo sen que a entidade titular do centro ou programa, ou o seu representante legal, tivese solicitado a correspondente autorización ou emendadas as citadas deficiencias, iniciarase o procedemento para a clausura ou para a suspensión das súas actividades, con audiencia do titular do centro ou do programa durante un prazo de 15 días.

3. De terse adoptado medidas provisionais e/ou cautelares previas, o acordo de iniciación do procedemento de clausura ou suspensión de actividades fará pronunciamento expreso sobre a súa confirmación ou levantamento.

4. O órgano que desempeñe as competencias en materia de autorización de centros será o competente para iniciar e resolver o procedemento de clausura ou suspensión temporal.

Sección 2ª

Das autorizacións para a creación ou construción

de centros de servizos sociais

Artigo 12º.-Supostos suxeitos a autorización.

1. As entidades de iniciativa privada precisarán para a creación ou construción de centros de servizos sociais autorización administrativa previa nos termos sinalados nos artigos seguintes.

2. Para os efectos establecidos neste decreto, entenderase por creación ou construción dun centro:

a) A edificación de nova planta de inmobles ou establecementos destinados a albergar algún dos tipos de centros de servizos sociais regulamentariamente establecidos.

b) Aquelas reformas que pola súa natureza signifiquen un cambio do destino actual do inmoble co fin de adecuarse ás condicións requiridas para cada tipo de centro de servizos sociais pola normativa vixente que resulte de aplicación en cada caso,

Artigo 13º.-Solicitude.

O procedemento para a obtención da autorización de creación ou construción de centros iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro da correspondente solicitude ante o departamento da Administración autonómica competente, acompañada da seguinte documentación, mediante a presentación dos orixinais ou copias compulsadas:

a) Presentación da solicitude normalizada, segundo o modelo establecido no anexo I deste decreto, con indicación da tipoloxía de centro de servizos sociais e o número de rexistro da entidade que o solicita.

b) Documentación acreditativa do título en virtude do cal se dispón do inmoble ou establecemento.

c) Proxecto técnico da obra subscrito por proxectista con titulación técnica habilitante, visado colexialmente e completado a nivel de proxecto básico e de execución segundo as condicións establecidas no artigo 6 do Código técnico da edificación e as observacións do anexo I da parte I deste, acompañado de memoria xustificativa do cumprimento da normativa vixente que lle sexa aplicable, así como que se axusta tanto aos requisitos xerais aplicables a todos os centros, como aos específicos que lle sexan exixibles de acordo coa súa tipoloxía.

d) Memoria explicativa, redactada pola entidade, dos fins concretos que se perseguen, persoas usuarias ás que se dirixe e precisión da capacidade ou número de prazas do centro.

e) Estudo económico-financeiro, fontes de financiamento e plan económico para o sostemento a 3 anos.

f) Licenza municipal de obra ou, se é o caso, documento que acredite solicitude desta.

Artigo 14º.-Emenda da solicitude.

1. Recibida a documentación, o órgano competente en materia de autorización de centros, se entende que os documentos achegados pola entidade están incompletos, requiriralle á/ao solicitante para que no prazo máximo de dez días emende as deficiencias observadas, con indicación de que se así non se fixese terase por desistido da súa petición, logo de resolución de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Completada, se é o caso, a documentación, o órgano competente en materia de autorización procederá á instrución do correspondente expediente administrativo.

Artigo 15º.-Informes técnicos.

Completada a documentación necesaria emitirase informe técnico, no prazo dun mes, sobre o cumprimento pola entidade de todos os requisitos estruturais que para cada tipo de centro lles sexan exixibles de acordo co disposto na normativa de aplicación.

Artigo 16º.-Emenda de deficiencias.

Observadas deficiencias, comunicaránselle á/ao interesado con indicación do prazo para proceder a súa emenda, que nunca poderá ser superior a un mes contado desde o día seguinte ao da recepción da citada comunicación. A non emenda en prazo suporá a denegación da autorización solicitada.

Artigo 17º.-Resolución.

A/o titular do órgano administrativo competente en materia de autorización de centros sociais ditará a resolución que proceda no prazo máximo de seis meses desde a presentación da solicitude. De conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a falta de resolución expresa no prazo sinalado en ningún caso implicará a estimación presunta da solicitude cando o centro careza dos requisitos esenciais para a obtención da autorización, de conformidade co previsto neste decreto e demais normativa de aplicación neste ámbito. Contra a resolución que se dite, que non pon fin á vía administrativa, caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección 3ª

Do inicio de actividades e da modificación substancial dos centros e programas

de servizos sociais

Artigo 18º.-Supostos suxeitos a autorización.

As entidades de iniciativa privada e as entidades locais precisarán, con carácter previo á posta en funcionamento dun centro ou dun programa, as seguintes autorizacións administrativas:

a) Autorización de inicio das actividades.

b) Autorización para a modificación substancial.

Subsección 1ª

Autorización de inicio de actividades

Artigo 19º.-Apertura e posta en funcionamento dun centro ou programa.

A apertura ou posta en funcionamento dun centro ou dun programa estará condicionada á obtención da correspondente autorización de inicio de actividades, de acordo co procedemento establecido na subsección 3ª.

Artigo 20º.-Solicitude.

1. A/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou o programa dirixirá a oportuna solicitude, segundo o modelo establecido para o efecto no anexo II ao presente decreto, ao departamento da Administración autonómica competente, acompañada da seguinte documentación, mediante a presentación dos orixinais ou copias compulsadas:

a) Cando a xestión non a realice a entidade titular acreditarase a inscrición da entidade xestora no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais.

b) Memoria explicativa do centro ou do programa, con especificación dos fins, servizos, período de actividades, medios técnicos e financeiros, número de prazas e tipo de usuarias/os.

c) Relación detallada do persoal, con indicación da súa titulación, dedicación horaria e adscrición de funcións, así como a concreción da persoa responsable do centro ou programa; a súa especialización profesional deberá axustarse á tipoloxía do centro ou programa de que se trate segundo a normativa que lle sexa aplicable.

d) Proxecto de regulamento do réxime interior ou normas de funcionamento do centro ou programa, nos que se recollan os dereitos e deberes das persoas usuarias recoñecidos pola lexislación aplicable en materia de servizos sociais, que se someterá á aprobación administrativa e que regulará, como mínimo, os seguintes extremos:

-Normas de funcionamento, horario de visitas, réxime de saídas e comunicacións co exterior.

-Sistema de admisións e baixas. Neste senso, o centro deberá dispor dun libro-rexistro das persoas usuarias e un expediente individualizado para cada unha delas.

-Réxime de cobramento dos prezos, se é o caso.

-Sistema de participación das persoas usuarias, se é o caso.

e) Documento acreditativo de ter subscrito póliza de seguros de responsabilidade civil que garanta a cobertura das indemnizacións ás persoas usuarias e sinistros do edificio (póliza/s e recibo/s debidamente compulsados).

f) Relación detallada do equipamento material.

g) Xustificante acreditativo de ter satisfeitas as taxas de autorización de apertura e posta en funcionamento de centros ou programas de servizos sociais exixidas na normativa vixente.

h) Libro de reclamacións, xunto co documento acreditativo do ingreso da taxa correspondente polo seu dilixenciamento.

i) Certificado de fin de obra.

j) Certificación acreditativa da adecuación do centro ás normas técnicas, sanitarias, de hixiene e de seguridade previstas na lexislación vixente.

2. As entidades locais deberán presentar, ademais da documentación exixida no punto primeiro deste artigo, a seguinte:

a) Documentación acreditativa do título en virtude do cal dispón do inmoble ou establecemento.

b) O proxecto técnico da obra, segundo o regulado no artigo 14º letra c) do presente decreto.

c) A certificación de fin de obra que se solicita na letra i) do punto primeiro deste artigo, unha vez emitido informe favorable do proxecto polo persoal técnico e executada a obra.

Subsección 2ª

Modificación substancial

Artigo 21º.-Supostos suxeitos a autorización.

1. As modificacións substanciais dun centro ou programa requirirán a autorización administrativa con carácter previo á súa realización.

2. Para os efectos deste decreto, considéranse modificacións substanciais dun centro ou programa:

a) Os cambios producidos no proxecto técnico da obra, unha vez obtida a autorización de creación ou construción do centro.

b) Aqueles cambios na estrutura do centro ou do programa que xa se atopa en funcionamento, sempre que impliquen algunha das seguintes circunstancias:

-Supoñan unha alteración funcional ou cambio de usos nas instalacións autorizadas.

-Supoñan unha ampliación das prazas ou unha ampliación ou redución das unidades autorizadas.

3. En todo caso, as entidades deberán comunicarlle ao departamento da Administración autonómica competente, con carácter previo á súa realización, todas aquelas reformas, obras e melloras, ou alteracións significativas, que teñan previsto efectuar nas instalacións autorizadas, co fin de que poidan ser cualificadas ou non, segundo o previsto no punto anterior, no prazo máximo dun mes, polo órgano competente, como modificacións substanciais, para os efectos, se procede, de tramitar o procedemento de autorización.

De non cualificarse as reformas, obras, melloras ou alteracións significativas como unha modificación substancial, comunicaraselle á persoa titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou programa, a posibilidade de súa realización sen necesidade de autorización previa.

4. Sen prexuízo do disposto na normativa específica que desenvolve cada tipoloxía de centro ou programa, con motivo da solicitude da autorización para a modificación substancial, será necesaria a presentación da seguinte documentación, mediante a presentación dos orixinais ou copias compulsadas:

a) Presentación de solicitude normalizada, segundo o modelo establecido no anexo III deste decreto, cunha breve descrición da modificación que se vai realizar.

b) Memoria explicativa, redactada pola entidade, dos fins concretos que se perseguen coa modificación substancial, instalacións afectadas e/ou número de prazas ou unidades para ampliar ou reducir.

c) Naqueles casos en que a modificación da que se trate así o requira, achegarase, ademais, o proxecto subscrito por proxectista con titulación técnica habilitante, visado colexialmente. Este proxecto debe estar desenvolto a nivel de proxecto básico e de execución segundo as condicións establecidas no artigo 6 do Código técnico da edificación, as observacións do anexo I da parte I deste e con xustificación de cumprimento de requisitos de normativa específica, excepto nos casos en que os servizos técnicos do departamento competente da Administración autonómica determinen un desenvolvemento menor do proxecto, sempre que atenda ás necesidades de definición das características da obra e as súas prestacións.

5. Naqueles supostos nos que se amplíen o número de prazas autorizadas ou se realicen obras de construción, deberá achegarse ademais a seguinte documentación:

a) As normas de funcionamento coa nova capacidade do centro, co fin de proceder ao seu visado.

b) Relación detallada do persoal de nova incorporación, con indicación da súa titulación, dedicación horaria e adscrición de funcións.

c) A ampliación da póliza de responsabilidade civil e de sinistros do edificio.

d) Documentación acreditativa da adecuación do centro ás normas técnicas, sanitarias, de hixiene e de seguridade previstas na lexislación vixente.

Subsección 3ª

Procedemento para a obtención das autorizacións

de inicio de actividades e de modificación substancial

Artigo 22º.- Solicitude.

1. O procedemento para a autorización de inicio de actividades e modificación substancial será o regulado nos artigos seguintes.

2. O procedemento iniciarao a persoa titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou o programa mediante solicitude normalizada segundo os anexos II e III, segundo se trate, respectivamente, de autorización para o inicio de actividades ou para a modificación substancial.

Artigo 23º.-Informes técnicos.

1. Recibida a documentación e completada, se é o caso, de conformidade co previsto no artigo 15º deste decreto, solicitarase, nos casos nos que sexa preciso presentar proxecto técnico da obra, o informe técnico para a supervisión do proxecto segundo o procedemento previsto no artigo 16º.

2. Unha vez que o proxecto conte co informe técnico favorable, cando proceda, e se teña acreditado o remate das obras, solicitarase o informe de inspección sobre o cumprimento dos requisitos específicos que lle resulten de aplicación segundo a tipoloxía de centro ou programa.

Artigo 24º.-Emenda de deficiencias.

No suposto de observarse deficiencias, comunicaránselle á persoa interesada para que, nun prazo non superior a un mes contado desde o día seguinte ao da recepción da citada comunicación, proceda á súa emenda. A non emenda no prazo outorgado suporá a denegación da correspondente autorización.

Artigo 25º.-Resolución.

1. A/o titular do órgano administrativo competente en materia de autorización de centros e programas sociais ditará a resolución que proceda no prazo máximo de seis meses desde a presentación da solicitude, notificándoselle á persoa interesada. De conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a falta de resolución expresa no prazo sinalado en ningún caso implicará a estimación presunta da solicitude cando o centro ou programa careza dos requisitos esenciais para a obtención da correspondente autorización de conformidade co previsto neste decreto e demais normativa de aplicación neste ámbito.

2. A resolución que se dite non porá fin á vía administrativa e contra ela caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, se é o caso, o mecanismo de impugnación previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección 4ª

Do cesamento de actividades

Artigo 26º.-Supostos suxeitos a autorización.

1. Para o cesamento de actividades dun centro ou programa, tanto temporal como definitivo, xa sexa parcial ou total, será preceptiva a obtención da correspondente autorización.

2. O cesamento temporal de forma parcial consiste na interrupción durante un prazo determinado, da prestación dalgún dos servizos.

3. Por cesamento temporal e total enténdese a interrupción de todas as prestacións durante un período determinado que non respondan ás condicións de funcionamento normais e propias da tipoloxía do centro ou programa.

4. Existe cesamento definitivo con carácter parcial cando deixa de prestarse algún dos servizos de forma permanente mentres continúan prestándose outros.

5. O cesamento definitivo total vén referido á finalización das actividades de prestación respecto de todos os servizos.

Artigo 27º.-Solicitude.

A autorización de cesamento das actividades dos centros e programas deberá ser instada pola persoa titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou programa, cunha antelación mínima de tres meses, mediante solicitude normalizada de conformidade co modelo establecido no anexo IV ao presente decreto, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa das causas que provocan o cesamento de actividades.

b) Calendario das fases previstas e a forma de supresión.

c) Estado e situación das persoas usuarias afectadas polo cesamento.

Artigo 28º.-Procedemento e resolución.

1. Recibida a solicitude e demais documentación presentada de conformidade co previsto no artigo 15 do presente decreto, será obxecto de análise e comprobación polo órgano competente en materia de autorización. Comprobará o órgano competente, en todo caso, que do cesamento da actividade non se poidan derivar prexuízos graves para as persoas usuarias dos servizos, a oportuna resolución ditaraa no prazo de seis meses a/o titular do órgano administrativo competente en materia de autorización de centros e programas sociais. De conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a falta de resolución expresa no prazo sinalado, en ningún caso implicará a estimación presunta da solicitude cando o centro ou programa careza dos requisitos esenciais para a obtención da correspondente autorización de conformidade co previsto no presente decreto e demais normativa de aplicación neste ámbito.

2. A resolución do procedemento non porá fin á vía administrativa e contra ela caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, se é o caso, o mecanismo de impugnación previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A resolución que se dite será denegatoria naqueles supostos en que se poida producir un prexuízo grave para as persoas usuarias dos servizos.

Artigo 29º.-Centros e programas financiados con fondos públicos.

En caso de ter recibido financiamento público, e sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente que resulte de aplicación en materia de subvencións públicas, non poderá autorizarse o cesamento de actividades dun centro ou programa a non ser que a parte de financiamento non amortizada revertese á Administración autonómica. Para tales efectos, entenderase que o financiamento para investimento inmobiliario se amortizará aos 20 anos, e a destinada a equipamentos aos 5 anos.

Artigo 30º.-Cancelación da anotación no rexistro.

A autorización de cesamento total e definitivo de actividades dun centro ou programa suporá a cancelación da anotación deste no correspondente rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais.

Sección 5ª

Da revogación das autorizacións

Artigo 31º.-Supostos de revogación.

1. A revogación das autorizacións reguladas neste decreto producirase polas seguintes causas:

a) Pola constatación do cesamento total de actividades dos centros ou programas sen cumprir o requisito previo da autorización.

b) Pola imposición dunha sanción por infracción moi grave de conformidade co previsto na lexislación aplicable en materia de servizos sociais.

c) Pola constatación da infracción das condicións impostas na resolución pola que se concedan as autorizacións para a creación ou construción, modificación substancial ou o inicio de actividades.

2. O procedemento de revogación de autorizacións iniciarase de oficio, de forma motivada con fundamento nos supostos anteriores, polo órgano da Administración autonómica competente en materia de autorización e resolverase polo mesmo órgano da Administración autonómica competente para a súa concesión, logo de expediente instruído para o efecto con audiencia da persoa interesada por un prazo de quince días.

3. A resolución, que non pon fin á vía administrativa, ditarase no prazo máximo de tres meses e contra ela caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, se é o caso, o mecanismo de impugnación previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Transcorrido este prazo sen que se lle notificase a resolución expresa á persoa interesada, producirase a caducidade do procedemento.

Capítulo III

Acreditación

Artigo 32º.-Obxecto.

1. A acreditación é o acto a través do cal a Administración autonómica garante que os centros e/ou programas de servizos sociais aos que se outorga reúnen os requisitos e/ou estándares de calidade exixidos regulamentariamente.

2. Poderán ser obxecto de acreditación polo órgano competente da Administración autonómica, os centros e/ou programas de servizos sociais previamente autorizados pola Xunta de Galicia, cando se constate o cumprimento dos requisitos e/ou estándares de calidade que para o efecto se fixen, na normativa que desenvolve este decreto, para cada tipoloxía de prestación segundo as persoas destinatarias ás que se dirixa.

Artigo 33º.-Condicións.

As condicións de calidade, materiais e/ou funcionais que se exixan para a acreditación de centros e programas de servizos sociais determinaranse na normativa de desenvolvemento deste decreto, atendendo, primordialmente, aos seguintes aspectos:

-Recursos materiais e equipamentos adaptados ás necesidades das persoas usuarias.

-Recursos humanos, tendo en conta, entre outros aspectos, as ratios de persoal e a súa formación e actualización para o desempeño do posto.

-Implantación de sistemas de xestión de calidade na atención ás persoas usuarias.

-Sistema de información á Administración autonómica.

Artigo 34º.-Efectos.

As entidades titulares dos centros e/ou programas de servizos sociais debidamente acreditados terán preferencia para concertar coa Administración autonómica.

Artigo 35º.-Procedemento de acreditación.

1. A persoa titular ou representante legal da entidade interesada poderá solicitar a acreditación dos seus centros e/ou programas de servizos sociais.

2. As solicitudes para a obtención e renovación da acreditación deberán dirixirse ao órgano da Administración autonómica competente en materia de autorización de servizos sociais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez recibida a solicitude, se a documentación achegada presentase defectos ou resultase incompleta, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe a documentación que se determine, con indicación de que se así non se fixese, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O órgano da Administración autonómica competente en materia de autorización de servizos sociais poderá comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento que resulten de aplicación, formulando os requirimentos que resulten necesarios. Para tal efecto, realizará as actuacións necesarias para a verificación e comprobación dos datos en virtude dos que deba ditarse a resolución.

5. O órgano competente para resolver ditará, no prazo máximo de seis meses desde a presentación da solicitude, resolución concedendo a acreditación se se cumpren as condicións de calidade previstas na normativa de desenvolvemento deste decreto ou denegándoa en caso contrario.

De conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a falta de resolución expresa no prazo sinalado en ningún caso implicará a estimación presunta da solicitude cando o centro e/ou programa de servizos sociais careza dos requisitos e/ou estándares de calidade necesarios para a obtención da acreditación, de conformidade co previsto neste decreto e demais normativa de desenvolvemento. Contra a resolución que se dite, que non pon fin á vía administrativa, caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. En caso de resolución denegatoria, deberá transcorrer un ano desde a notificación da resolución antes de que a persoa titular ou o representante legal da entidade poida volver solicitar a acreditación respecto do devandito centro ou programa.

Artigo 36º.-Vixencia da acreditación.

1. A acreditación outorgarase por un período máximo de catro anos e a súa vixencia estará condicionada ao mantemento dos requisitos e condicións sinalados para a súa obtención, de conformidade co previsto neste decreto e demais normativa de desenvolvemento.

2. A solicitude de renovación da acreditación presentarase, de conformidade co procedemento previsto no artigo 35º, cunha antelación mínima de seis meses respecto á data de remate da vixencia daquela.

Artigo 37º.- Suspensión da acreditación.

1. A acreditación poderá ser suspendida, durante o seu período de vixencia, cando se constate unha modificación nas circunstancias tidas en conta para a concesión da acreditación.

2. O procedemento iniciarase de oficio, no que se dará audiencia á persoa interesada, e no que deberá determinarse a procedencia da suspensión temporal ou da revogación da acreditación, atendendo á duración e ás circunstancias producidas.

3. A resolución de suspensión, que será inscrita no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, deberá estar debidamente motivada e determinar a duración e os efectos da suspensión da acreditación.

4. Transcorrido o prazo sinalado na resolución, e/ou unha vez comprobada a desaparición das causas que motivaron a suspensión, procederase a levantar de oficio a suspensión da acreditación. En caso contrario, iniciarase o procedemento de revogación da acreditación podendo acordarse o mantemento da suspensión ata que se adopte a resolución final neste procedemento.

5. Non obstante o previsto no punto anterior, e con carácter previo á expiración do prazo de suspensión, a persoa interesada poderá solicitar o levantamento desta xustificando debidamente a desaparición das causas que a motivaron.

Artigo 38º.-Revogación da acreditación.

1. A acreditación concedida poderá ser revogada por algunha das seguintes causas:

a) Pola perda sobrevida dos requisitos e/ou condicións que determinaron a súa concesión.

b) Polo incumprimento dos requisitos e obrigas establecidos nesto decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

c) Pola imposición dunha sanción pola comisión dunha infracción grave ou moi grave de conformidade co previsto na lexislación aplicable en materia de servizos sociais.

2. O procedemento de revogación da acreditación iniciarase de oficio, de forma motivada con fundamento nos supostos anteriores, polo órgano da Administración autonómica competente en materia de autorización de servizos sociais e resolverase polo mesmo órgano da Administración autonómica competente para a súa concesión, logo de expediente instruído para o efecto con audiencia da persoa interesada por un prazo de quince días.

3. A resolución, que non pon fin á vía administrativa, ditarase no prazo máximo de tres meses e contra ela caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, se é o caso, o mecanismo de impugnación previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Transcorrido este prazo sen que se lle notificase a resolución expresa á persoa interesada, producirase a caducidade do procedemento.

4. En caso de revogación, deberá transcorrer un ano desde a notificación da resolución antes de que a persoa titular ou representante legal da entidade poida volver solicitar a acreditación respecto do devandito centro ou programa de servizos sociais.

Artigo 39º.-Extinción ou perda da acreditación.

Serán causas de perda da acreditación polos centros e/ou programas de servizos sociais as seguintes:

a) Por extinción da personalidade da entidade prestadora.

b) Polo cambio de titularidade da entidade da que dependa o centro ou desenvolva o programa de servizos sociais acreditado.

c) O transcurso do prazo para o que foi concedida sen que mediase renovación.

d) Por peche do centro ou cesamento do programa.

Artigo 40º.-Anotación no rexistro de entidades prestadoras.

A concesión, renovación, suspensión, revogación e extinción da acreditación, anotaranse de oficio no correspondente rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais.

Disposición adicional

Única.-Todas aquelas referencias normativas ao Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais entenderanse efectuadas ao presente decreto, desde a súa entrada en vigor.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os procedementos de autorización de centros de servizos sociais que se atopen en tramitación á entrada en vigor deste decreto continuarán a súa tramitación de conformidade coa normativa vixente no momento de iniciarse os devanditos procedementos, ata a súa resolución.

Segunda.-As entidades inscritas no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais no programa de axuda a domicilio e/ou teleasistencia consideraranse autorizadas sempre que acrediten, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto, o cumprimento dos requisitos do artigo 7º que lle sexan aplicables e aqueles que exixa a normativa específica de cada programa.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, entre elas:

a) O Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais.

b) A Orde do 19 de novembro de 2002 pola que se regula o procedemento de recoñecemento de actividades de carácter formativo como actos de interese no eido dos servizos sociais modificada pola Orde do 30 de maio de 2003.

c) Os anexos de solicitude previstos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia e os anexos III, IV e V da Orde do 18 de abril de 1996, pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención ás persoas maiores.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "14700D001P007.PDF"