DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 30 de xullo de 2007 Páx. 12.985

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo adoptado pola Comisión negociadora do IV convenio colectivo único, para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 3 de xullo de 2007.

En cumprimento do disposto na normativa legal vixente sobre o rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, Real decreto 1040/1981, artigo 2.e), e para os efectos previstos nel, faise público que no correspondente servizo desta dirección xeral presentouse o acordo da Comisión negociadora do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, acadado na xuntanza que tivo lugar o 3 de xullo de 2007, consistente na inclusión dunha disposición transitoria novena (bis).

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do referido acordo no rexistro correspondente desta dirección xeral.

Segundo.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2007.

P.A.

José Vázquez Portomeñe

Secretario xeral da Consellería de Traballo

ANEXO

Reunida a comisión negociadora de modificación do IV convenio coletivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, integrada polo Comité Intercentros do Persoal Laboral da Xunta de Galicia e os representantes da Administración, o 3 de xullo de 2007, acorda modificar o vixente convenio colectivo do xeito seguinte:

Primeiro.-Engadir unha disposición transitoria novena (bis) ao IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, co seguinte contido:

«Primeiro.-O persoal que, con efectos anteriores ao 7-10-1996, tivese recoñecida a condición de indefinido na súa relación laboral por sentenza xudicial firme ou por resolución da Subsecretaría de Traballo e Asuntos Sociais do 24-7-1997 en virtude das previsións contidas no plan de emprego do INEM así como aquel que teña unha antigüidade con anterioridade ao 1-7-1998 na prestación de servizos para a Xunta de Galicia en virtude de sentenza xudicial que recoñeza a súa condición de persoal laboral indefinido, ou fose contratado directamente pola Xunta de Galicia baixo a modalidade de obra ou servizo determinado, para a realización de programas ou servizos de carácter estrutural, ou aqueloutro integrado por transferencia terá os mesmos dereitos que o persoal laboral fixo.

Segundo.-A Administración, no prazo de doce meses creará, de ser o caso, os ditos postos de traballo nas distintas RPT da Xunta de Galicia e posteriormente convocará un proceso selectivo mediante concurso ao cal terá a obriga de concorrer o persoal a que se fai referencia no punto anterior.

Terceiro.-O dito concurso respectará os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade e nel valorarase preferentemente a antigüidade e os cursos de formación e perfeccionamento na categoría e procesos selectivos superados. Os que o superen adquirirán a condición de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Cuarto.-Para aqueloutro persoal que teña unha antigüidade posterior ao 30-6-1998 e anterior ao 1-1-2005 na prestación de servizos para a Xunta de Galicia en virtude de sentenza xudicial que recoñeza a súa condición de persoal laboral indefinido, ou fose contratado directamente pola Xunta de Galicia baixo a modalidade de obra ou servizo determinado, para a realización de programas ou servizos de carácter estrutural, ou aqueloutro integrado por transferencia será obxecto dun proceso de consolidación de emprego segundo o establecido na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público e a disposición adicional décimo sétima deste convenio».

Segundo.-Esta disposición transitoria entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.