DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 30 de xullo de 2007 Páx. 12.977

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 17 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega.

A Consellería de Cultura e Deporte no exercicio das súas competencias de fomento e promoción nos respectivos ámbitos da sociedade da información e a cultura en Galicia é consciente do peso decisivo da industria de contidos dixitais interactivos para a diversidade cultural e o desenvolvemento económico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante esta orde a Consellería de Cultura e Deporte establece as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para o desenvolvemento e a produción dixital interactiva en lingua galega, co fin de fomentar o desenvolvemento das industrias culturais e das novas tecnoloxías da información na nosa comunidade autónoma e de contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei de normalización lingüística e a Lei do audiovisual lle atribúen ao sector na normalización da lingua galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Con esta orde establécense as bases reguladoras das subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega e convócanse subvencións, en réxime de concorrencia competitiva. Para tal fin destínanse 200.000 euros, dos que 100.000 euros corresponden á anualidade de 2007, e 100.000 euros á de 2008, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.432C.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007.

A dotación máxima poderá ser ampliada en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2º.-Tipos de proxectos.

Poderán ser obxecto de subvencións desta convocatoria os proxectos de desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega. Enténdense por contidos dixitais interactivos as producións constituídas por un conxunto de informacións representadas en múltiples soportes expresivos (texto, son, imaxe estática ou en movemento e codificadas dixitalmente). Admítense proxectos para a internet, televisión dixital interactiva, consolas de videoxogos e dispositivos móbiles. Non se admitirán proxectos que non sexan en rede agás para os videoxogos, nin se admitirán obras de consulta, ferramentas e servizos de software, proxectos institucionais ou web corporativas, traducións de produtos existentes ou contidos meramente informativos.

Mediante esta convocatoria búscanse novos proxectos tractores do uso da Sociedade da Información entre a cidadanía galega, favorecer o acceso da cidadanía á rede mediante o incremento de contidos relacionados coa lingua e cultura propia, reforzar a industria galega de produción de contidos dixitais interactivos, innovadores e de calidade, fomentando a creatividade e a innovación das ditas empresas.

En ningún caso se subvencionarán proxectos que difundan contidos nocivos. Para os efectos destas bases enténdese por contidos nocivos aqueles que fan un uso esaxerado e gratuíto da violencia física, psíquica e verbal; os que non respecten o dereito das persoas, a súa propia intimidade e imaxe; os que inculquen expresións ou testemuñas vexatorias ou lesivas pola condición persoal dos individuos. Tamén se considerarán contidos nocivos aqueles que presenten as mulleres como inferiores en dignidade humana en función do seu xénero e como meros obxectos sexuais, así como calquera contido que incite ou banalice a violencia de xénero.

Serán obxecto de subvencións as seguintes modalidades de proxectos:

2.1. Desenvolvemento de proxectos de contidos dixitais.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos de contidos dixitais o conxunto de operacións previas á preprodución dunha obra dixital interactiva: a adquisición de dereitos, os traballos de investigación, o deseño da estrutura, escrita e análise do guión, a selección de membros principais do equipo, identificación das ferramentas tecnolóxicas e software específico, a preparación do orzamento estimado de produción e plan financeiro, a procura de socios e coprodutores, a planificación da produción, o plano inicial de mercadotecnia e explotación da obra, etc.

2.2. Produción de proxectos de contidos dixitais.

Enténdese por proxectos de produción de contidos dixitais aqueles que teñan como soporte e medio de realización as novas tecnoloxías, segundo as características enunciadas na cabeceira do artigo 2º.

Artigo 3º.-Beneficiarios/as.

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas inscritas como empresas de contidos dixitais legalmente constituídas que teñan a sede efectiva da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de proxectos que se realicen en réxime de coprodución distribuirase proporcionalmente o importe da subvención en función da súa porcentaxe de participación.

En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan das súas condicións económico-financeiras e do seu impacto na actividade económica da comunidade autónoma.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, entes públicos ou privados, supere o custo total do orzamento.

Así mesmo, esta orde acóllese ao establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 27 de decembro).

Artigo 4º.-Motivos de exclusión.

Non poderán acceder ás subvencións os/as solicitantes que se encontren afectados/as por algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes faranse mediante instancia dirixida á conselleira de Cultura e Deporte, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte, ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

a) Copia compulsada do DNI do/a representante ou solicitante.

b) Copia compulsada do documento público do poder notarial, co que actúa o/a representante, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

c) Copia compulsada do documento público da constitución legal da empresa e inscrición no Rexistro Mercantil na Comunidade Autónoma galega.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Copia compulsada do documento acreditativo de estar ao día no pagamento do imposto de actividades económicas ou acreditación da exención do pagamento do citado imposto.

f) Documentación compulsada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

g) Declaración de solicitudes efectuadas ou subvencións concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados de carácter nacional ou internacional, durante os dous exercicios fiscais anteriores e no actual, de acordo coa normativa reguladora das axudas de minimis establecida no regulamento 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

h) De xeito voluntario, o/a solicitante poderá facer unha prelación para os proxectos e solicitudes presentados a esta convocatoria.

3. Ademais da documentación anterior, achegaranse seis exemplares encadernados coa seguinte documentación técnica:

3.1 No desenvolvemento de proxectos:

a) Nome do proxecto.

b) Tipo de proxecto: internet, televisión dixital interactiva, videoxogos e dispositivos móbiles.

c) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión mínima de dez páxinas, (aproximadamente 25.000 caracteres).

d) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora.

e) Relación dos membros do equipo técnico-artístico, con cartas de interese que acrediten a súa participación no proxecto.

f) Cronograma do proceso de desenvolvemento do proxecto.

g) Orzamento desagregado do proxecto.

h) Calquera outra documentación que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

i) Calquera outra documentación gráfica ou interactiva que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

3.1. Na produción de proxectos:

a) Nome do proxecto.

b) Tipo de proxecto: internet, televisión dixital interactiva, videoxogos e dispositivos móbiles.

c) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión mínima de dez páxinas (aproximadamente 25.000 caracteres).

d) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora.

e) Relación dos membros do equipo técnico-artístico, con cartas de interese que acrediten a súa participación no proxecto.

f) Cronograma de produción: calendario de produción, mantemento e seguimento.

g) Orzamento desagregado do proxecto.

h) Calquera outra documentación que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

i) Documentación técnica do proxecto.

-Sinopse.

-Aspectos gráficos e estilísticos.

-Tratamento.

-Interface.

-Controles do xogo (só para os xogos).

-Identificación dos procesos de transcoding (para móbiles).

-Personaxes (só para aqueles proxectos de animación non-convencional ou xogos).

-Obxectos (só para os xogos).

-Diagrama de navegación do proxecto.

-Estructura do proxecto.

-Fases e pantallas do proxecto.

-Linguaxe de programación e estándares utilizados.

-Licenzas utilizadas e licenzas dos produtos finais.

-Nivel de accesibilidade W3C-WAI (proxectos da internet).

j) Plano de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado: acordos de coprodución ou prebendas ou cartas de compromiso, no seu defecto, que inclúan a porcentaxe e o importe das súas participacións.

k) Calquera outra documentación gráfica ou interactiva que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Artigo 6º.-Prazo de presentación e tramitación de solicitudes.

1. As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, tramitará as solicitudes e instruirá os procedementos necesarios para a concesión da subvención.

3. A presentación da solicitude suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar dos organismos competentes os certificados de que o solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas pendentes de pagamento á Xunta de Galicia. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado/a.

4. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, naquelas solicitudes que non cumpran os requisitos sinalados, requirirase ao interesado para que nun prazo de dez días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente, nos termos previstos no citado artigo.

Artigo 7º.-Comisión de expertos/as.

Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase un comité de expertos/as independentes que será nomeado pola conselleira de Cultura e Deporte.

O comité de avaliación estará presidido polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, ou persoa en quen delegue, e estará formado por catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións da industria dos contidos dixitais interactivos. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a da Consellería de Cultura e Deporte, con voz e sen voto. Os membros da comisión de expertos/as declararán por escrito non ter relación cos/coas solicitantes ou, no seu caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

A comisión de expertos asignará cantidades específicas para cada proxecto subvencionado e elevaralle a proposta de resolución, debidamente motivada, con base nos criterios de valoración, á conselleira de Cultura e Deporte, quen resolverá, poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A proposta de resolución elaborarase tendo en conta os seguintes aspectos:

a) A calidade, creatividade e orixinalidade do proxecto: 20 puntos.

b) O grao de innovación tecnolóxica e singularidade do proxecto: 10 puntos.

c) A contribución ao desenvolvemento de contidos dixitais relacionados coa lingua e cultura galega: 10 puntos.

d) O relativo á accesibilidade, á interoperabilidade, a utilización de estándares abertos e o compromiso de liberar a totalidade ou parte dos contidos mediante licenzas tipo creative commons ou copy left que garantan o acceso público a eles: 10 puntos.

e) A viabilidade do proxecto (cobertura acreditada do financiamento, distribución, plan de comercialización e amortización, etc.): 15 puntos.

f) A participación de responsables de equipos técnico-artísticos ou empresas de servizos galegas e a contribución ao fomento do emprego nos sectores audiovisual e TIC en Galicia: 15 puntos.

g) Historial creativo e potencial da empresa para levar adiante o proxecto. 10 puntos.

h) Historial do equipo técnico-artístico principal: 10 puntos.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Á vista da proposta de resolución, a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no artigo 9 do Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte, ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta.

A resolución notificaráselles aos interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución de concesión das axudas conterá ademais do importe concedido, a referencia expresa ao seu carácter de axudas de minimis, segundo o establecido no Regulamento CE 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

2. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolver o/a beneficiario/a ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se establece no 40% dos custos do desenvolvemento de proxectos ou 30% nos proxectos de produción.

A subvención pode acadar, con carácter xeral, un tope máximo en función da excepcionalidade do proxecto de 15.000 euros para os de desenvolvemento de proxectos e de 50.000 euros para os de produción de proxectos.

Así mesmo, segundo o establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro), a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos especificados nesta orde será de tres meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente, e poderá interpoñerse no prazo dun mes, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira de Cultura e Deporte, previo ao recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, na forma e no prazo previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Prazo de aceptación.

1. Notificada a resolución de subvención, os/as beneficiarios/as deberán manifestar por escrito a súa aceptación, comprometéndose a executar os proxectos subvencionados no prazo e condicións establecidas. Para a aceptación deberá empregarse o modelo que figura como anexo II desta orde.

2. Ademais, os beneficiarios deberán enviar unha ficha de proxecto debidamente cuberta para a súa publicación nas web da Axencia Audiovisual Galega segundo o anexo IV.

3. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais a partir da notificación, entenderase que o/a beneficiario/a renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. Subvencións anuais.

A) Con carácter excepcional e por resolución motivada da Consellería de Cultura e Deporte poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención. Para recibir o anticipo deberá presentarse:

1) Petición do libramento con indicación dos motivos que exixen o pagamento anticipado.

2) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

3) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

B) O importe restante farase efectivo á finalización da produción, e tras formalizar os requisitos enumerados no artigo 13, remitindo a documentación requirida á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte con anterioridade ao 30 de novembro do 2007.

2. Subvencións plurianuais.

A) Con carácter excepcional e por resolución motivada da Consellería de Cultura e Deporte poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% de cada anualidade. Para recibir o anticipo deberá presentarse:

1) Petición de libramento con indicación dos motivos que exixen o pagamento anticipado.

2) Declaración asinada do conxunto de subvencións obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

3) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

B) O importe correspondente á anualidade de 2007 farase efectivo logo da presentación da memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas e correspondentes á anualidade, que conterá por duplicado:

1) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe, e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma total da relación de gastos, excluído o IVE.

2) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación á que se fai referencia no parágrafo anterior, tendo de prazo ata o 30 de novembro de 2007.

C) O importe correspondente á anualidade de 2008 farase efectivo ao remate da obra audiovisual e tras cumprir os requisitos enumerados no artigo 13, e remitirase a documentación requirida á Consellería de Cultura e Deporte, tendo de prazo ata o 30 de novembro de 2008.

3. En todo caso, poderán efectuarse pagamentos parciais nos termos previstos no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia tras a presentación dos contratos asinados do equipo técnico artístico principal.

4. De conformidade co establecido no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos que superen os 30.050,61 euros, así como de pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda de 30.050,61 euros. A garantía deberá cubrir o importe dos anticipos, xunto cos xuros destes calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses do remate do prazo de xustificación.

Artigo 12º.-Obrigas do/a beneficiario/a.

1. Os/as beneficiarios/as das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados/as a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título ou modificación nos responsables do equipo técnico, deberá ser notificada con anterioridade á Consellería de Cultura e Deporte, que poderán realizar as oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de subvención.

2. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web..., farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, coas súas correspondentes imaxes corporativas.

3. De igual maneira, o/a beneficiario/a estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura e Deporte, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Xustificación do investimento.

Para acreditar a realización do desenvolvemento do proxecto, o beneficiario/a presentará, ante a Consellería de Cultura e Deporte a acreditación da conta xustificativa da realización da produción subvencionada que conterá:

1. Para os proxectos de desenvolvemento; memoria final.

a) Dúas copias do proxecto.

b) Unha demo interactiva co borrador do proxecto desenvolvido.

b) O contrato definitivo co/coa guionista/s.

c) Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

d) Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

e) Dous exemplares do plan de produción.

f) Dous exemplares do plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

2. Para os proxectos de produción.

a). Dúas copias da produción resultante (DVD-ROM ou CD ROM).

b) O enderezo web do proxecto.

3. Para desenvolvemento e produción:

Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá por duplicado:

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe, e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

4. Ademais, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, de acordo coa resolución do Consello de Contas do 30 de novembro de 1999, na que se establece o mecanismo de seguimento e control de concorrencia e acumulación de axudas públicas.

Artigo 14º.-Publicidade da subvención recibida.

1. A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural publicará no taboleiro de anuncios dos servizos centrais da Consellería de Cultura e Deporte unha relación que conteña os extremos indicados no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999. Ademais, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas que, individualmente consideradas, superen os 3.000 euros.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura e Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Ademais, incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo a autorización do solicitante que figura no punto 3 dos anexos I e II desta orde.

Artigo 15º.-Información e control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 16º.-Modificación ou perda da subvención.

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais que non estivesen contempladas no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 5º.3 desta orde, poderá dar lugar á modificación proporcional da subvención concedida.

Artigo 17º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, ou no seu caso, nos supostos previstos no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposición derradeira

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "14600D004P033.PDF"