DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 30 de xullo de 2007 Páx. 12.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 19 de xullo de 2007 pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a concesión de bolsas de formación en planificación e prospectiva en materia de igualdade de oportunidades no ámbito da ciencia.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Administración autonómica ao cal lle corresponde o exercicio, como propias, das competencias e funcións en materia de igualdade de xénero, tal e como se establece no artigo 1 do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

A Secretaría Xeral da Igualdade, tal e como establece no artigo 5 do dito decreto, é o órgano ao cal lle corresponden, entre outras, as funcións relativas ás políticas da Xunta de Galicia, en materia de xénero, de loita contra a discriminación por razón de sexo, e de promoción da igualdade entre mulleres e homes. Polo tanto, unha das súas finalidades é integrar o principio de igualdade de xénero en todas as fases de aplicación, control e avaliación dos proxectos e programas que se desenvolvan con apoio da Administración pública galega.

Deste xeito, considérase necesario que as/os tituladas/os universitarias/os, superiores ou medios, poidan adquirir unha formación práctica en contacto directo cos organismos, institucións e centros directivos da Administración pública galega que están a traballar no eido da integración da perspectiva de xénero, de xeito que poidan adquirir un enfoque diferente e diverso ao que, probablemente, poderían acadar no sector privado.

Contribúese así a completar a formación de profesionais co obxectivo de que poidan aplicar os coñecementos adquiridos durante este período de formación en canto á planificación e prospectiva en materia de igualdade, na súa vida profesional e deste xeito promover a integración da igualdade de xénero nos ámbitos en que desenvolvan o seu traballo.

Así, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar pretende apoiar e complementar a formación das/os tituladas/os universitarias/os, e dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, promover as accións formativas obxecto desta convocatoria.

Esta convocatoria axústase ao disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e no establecido na Lei 14/2006, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 así como ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, que a desenvolve.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de dúas bolsas para a formación en planificación e prospectiva en materia de igualdade de oportunidades no ámbito da ciencia, a través de accións e actividades de colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 2º.-Requisitos das/os solicitantes.

Poderán solicitar a concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dalgún estado membro da Unión Europea.

b) Ser natural de Galicia ou ter veciñanza administrativa en Galicia.

c) Estar en posesión de título universitario de grao medio ou superior. Para os efectos de participación nesta convocatoria, as/os alumnas/os dunha carreira superior que teñan rematados os tres primeiros cursos, terán a consideración de tituladas/os de grao medio, e poden, polo tanto, optar á concesión destas bolsas. Os títulos universitarios expedidos por universidades non españolas deberán estar validados de acordo coa lexislación vixente do Estado español.

Artigo 3º.-Orzamento.

Para a concesión destas bolsas destínase un importe total máximo de 26.000 euros que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.20.313.B.480.0, repartidos da seguinte forma:

-Anualidade 2007: 13.000 €.

-Anualidade 2008: 13.000 €, que quedan condicionados á existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.

Artigo 4º.-Duración e dotación económica das bolsas.

1. As bolsas concedidas ao abeiro desta orde terán un carácter plurianual, cunha duración de 12 meses, contados a partir da data de incorporación das/os bolseiras/os.

2. A dotación económica para cada unha das bolsas non excederá a cantidade de 13.000 euros.

As persoas que obteñan a bolsa terán dereito a un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes.

Artigo 5º.-Natureza xurídica da relación.

A condición de beneficiaria/o destas bolsas non xerará ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal coa Xunta de Galicia, e tampouco suporá a súa alta en ningún réxime da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas cínguense exclusivamente aos estipulados nesta orde.

Artigo 6º.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

1. As solicitudes, debidamente asinadas pola/o solicitante e segundo o modelo oficial que figura como anexo I, dirixiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e presentaranse no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (edificio administrativo San Caetano, s/n, código postal 15781, en Santiago de Compostela); ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Deberá acompañar a solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do DNI (por ambas as caras) da persoa solicitante.

b) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas en cada unha das materias cursadas na licenciatura ou diplomatura, xunto co título ou depósito do título, se é o caso.

c) Certificación de inscrición no padrón de habitantes do municipio da súa residencia.

d) Curriculum vitae (asinado en cada folla), xunto cos documentos orixinais ou copias cotexadas que acrediten os méritos alegados.

e) Documentación acreditativa do coñecemento de idiomas. No caso do galego mediante certificado do curso do grao correspondente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, así como con títulos expedidos pola escola oficial de idiomas. No caso de alegar coñecementos de idiomas estranxeiros, será necesario acreditalo mediante títulos ou diplomas expedidos pola escola oficial de idiomas, institución ou centro homologado oficialmente.

f) Declaración doutras bolsas de estudos ou axudas solicitadas ou concedidas (anexo II).

g) Declaración de non incorrer nas causas de exclusión para ser beneficiarias/os de axudas ou subvencións que sinala a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (anexo II).

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases desta convocatoria. Así mesmo, comporta a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, de acordo co establecido no artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

3. O prazo para a presentación de solicitudes e da documentación sinalada no punto anterior será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Emenda de defectos.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación presentada non cumprise os requisitos exixidos na convocatoria, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días contados desde a notificación do dito requirimento emende as faltas ou remita a documentación requirida, con indicación de que se así non o fixese, considerarase desistida da súa solicitude nos termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Procedemento de avaliación e baremo.

1. Para a avaliación das solicitudes admitidas constituirase unha comisión de avaliación integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a secretaria xeral da Igualdade ou persoa en quen delegue.

Vogais: a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade e a xefa do servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade.

Secretaria/o: unha/un funcionaria/o da Secretaría Xeral da Igualdade.

Poderán actuar como suplentes as/os funcionarias/os da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, designadas/os pola secretaria xeral da Igualdade.

2. As persoas que compoñen a comisión de avaliación poderán ser asesoradas por persoas expertas, que poderán asistir con voz pero sen voto.

3. A comisión examinará as solicitudes admitidas, e valorará os méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata 5 puntos.

b) Coñecemento da lingua galega: 1 punto polo grao de iniciación e 2 puntos polo grao de perfeccionamento.

c) Coñecemento de idiomas estranxeiros: 0,50 puntos por cada un, ata un máximo de 1 punto.

d) Outros méritos do currículo: ata 3 puntos.

4. A comisión de valoración realizará, se procede, unha entrevista persoal ás/aos candidatas/os que superen unha puntuación mínima que será determinada pola comisión. Estas persoas deberán presentar un proxecto de traballo sobre a muller e a ciencia na sociedade. A entrevista versará sobre os méritos curriculares e sobre o dito proxecto de traballo, tendo unha duración máxima de vinte minutos. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico ou profesional que considere necesario e que poderá asistir ás sesións con voz pero sen voto. A entrevista será valorada de 0 a 4 puntos.

Artigo 9º.-Proposta provisional de adxudicatarias/os.

A comisión de avaliación elaborará a proposta provisional de adxudicatarias/os por orde de puntuación, que se publicará na páxina web: www.xunta.es/vicepresidencia e tamén no taboleiro de anuncios da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e das súas delegacións provinciais, e concederase un prazo de dez días desde a data de publicación na web e nos taboleiros para que formulen as alegacións que consideren oportunas, de conformidade co establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, co obxecto de realizar o trámite de audiencia anterior á proposta de resolución. Incluirase unha listaxe de reserva, integrada polas/os solicitantes valorados cun mínimo de 3 puntos na fase de entrevista segundo a orde de puntuación consecutiva, que se terán en conta no suposto de renuncias das/os adxudicatarias/os.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Despois de analizar as alegacións presentadas, se é o caso, a comisión de avaliación elevará ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, a través da secretaria xeral da Igualdade, a proposta definitiva de adxudicatarios/as para a concesión das bolsas e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha das propostas.

O vicepresidente da Igualdade e do Benestar ditará resolución sobre a concesión das bolsas que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás/aos adxudicatarias/os.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

3. O vicepresidente da Igualdade e do Benestar, por proposta xustificada da Secretaría Xeral da Igualdade, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión, de conformidade co artigo 16º desta orde.

4. De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as presentadas a puntuación mínima exixida para pasar a realización da entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 12º.-Aceptación ou renuncia.

Recibida a notificación de concesión da bolsa, no prazo máximo de cinco días hábiles, as/os adxudicatarias/os deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación, achegarase con ela certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa.

Transcorridos os sinalados cinco días, se as/os beneficiarias/os non se declarasen en ningún sentido, entenderase que renuncian á bolsa, procedéndose a adxudicala ao seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na listaxe de reserva confeccionada inicialmente.

Así mesmo, no caso de que as/os adxudicatarias/os non acepten ou non poidan incorporarse por calquera outro motivo, poderán ser substituídas/os polas persoas que figuren na listaxe de reserva elaborada pola comisión de avaliación, en función da súa puntuación. De igual xeito se procederá cando se produzan renuncias con posterioridade á aceptación.

Artigo 13º.-Réxime das actividades de formación.

As persoas beneficiarias das bolsas realizarán as accións de formación nas dependencias da Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en Santiago de Compostela, baixo a indicación das/os titoras/es que lles asigne a secretaria xeral da Igualdade.

Co fin da facilitar a súa formación, as/os bolseiras/os contarán co asesoramento, orientación e dirección dun/dunha titor/a, que definirá con anterioridade as accións que deban realizar e a formación que deberán recibir.

Artigo 14º.-Obrigas das persoas beneficiarias das bolsas.

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, as/os bolseiras/os seleccionadas/os quedarán obrigadas/os a:

a) Presentar, ao inicio da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das/dos interesadas/os.

b) Presentar, tamén ao inicio da bolsa, certificación médica que acredite non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das funcións que se desenvolverán.

c) Comunicarlle a súa renuncia, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da colaboración, á Secretaría Xeral da Igualdade, con cinco días de antelación á data de cesamento.

d) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras bolsas ou axudas así como de calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

e) Seguir as indicacións técnicas das persoas que as/os coordinen.

2. Así mesmo, as/os bolseiras/os deberán presentarlle á Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes desde que finalice o período de formación, unha memoria-resumo das actividades realizadas no desenvolvemento do seu traballo.

3. Tamén será obriga das/os bolseiras/os facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, tal e como se exixe no artigo 78.8º j) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15º.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa de formación realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a expida certificación de aproveitamento respecto do programa inicialmente proxectado e os obxectivos previstos, de acordo co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a/o bolseira/o percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

Artigo 16º.-Causas de revogación da bolsa.

1. Darán lugar a revogación da bolsa, sen prexuízo das causas xerais establecidas no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo de instrución de procedemento contraditorio:

a) O incumprimento por parte da/o bolseira/o das obrigas relacionadas no artigo 14º, contraídas coa aceptación da bolsa.

b) A ausencia inxustificada ás dependencias da Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar onde teña que desenvolver as súas tarefas.

c) A obtención da bolsa sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

2. A revogación da bolsa obrigará a/o beneficiaria/o ao reintegro das cantidades percibidas incluídos os xuros de demora, logo de instrución do procedemento de reintegro previsto no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As persoas beneficiarias das bolsas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas ao réxime de infraccións, sancións e responsabilidades establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17º.-Modificación das condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Incompatibilidades.

A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda concedida para a mesma actividade e financiada por calquera administración, institución ou ente público, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das/os interesadas/os.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, que a desenvolve, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Segunda.-De conformidade co establecido no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das/os beneficiarias/os e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das/os beneficiarias/os e da súa publicación na páxina web.

Terceira.-De acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas solicitantes consentirán expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, no rexistro público de axudas, subvencións, convenios e sancións.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "14600D001P006.PDF"