DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 27 de xullo de 2007 Páx. 12.912

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2007 pola que se fai pública a modificación da base reguladora dos incentivos do Instituto Galego de Promoción Económica a proxectos de investimento empresarial.

O Consello de Dirección do Igape na súa reunión, celebrada o día 1 de febreiro de 2007, acordou por unanimidade dos membros asistentes a aprobación das bases reguladoras dos incentivos económicos do Igape, publicadas mediante Resolución do 9 de marzo de 2007 (DOG nº 59, do 23 de marzo), as cales se dividen en tres:

-Base reguladora dos incentivos a proxectos de investimento empresarial.

-Base reguladora das axudas a iniciativas xeradoras de coñecemento nas Pemes.

-Base reguladora das axudas a proxectos colaborativos de carácter empresarial.

E compleméntanse coas bases reguladoras da tramitación dos procedementos.

A base reguladora dos incentivos a proxectos de investimento empresarial, no número 4.4.9. establece que «nos proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego serán subvencionables os salarios brutos do persoal que se contrate, durante o período de vixencia, co límite dun ano de salario por traballador. Nestes proxectos, o investimento mínimo asociado (200.000 €) debe ser executado e pagado no período de vixencia, ...».

Esta axuda, regúlase ao abeiro do Regulamento (CE) 1628/2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da UE ás axudas rexionais ao investimento. Este regulamento indica no seu artigo 4, número 3º que «os límites fixados no número 1 aplicaranse á intensidade da axuda calculada como porcentaxe dos custos materiais e inmateriais subvencionables do investimento ou como porcentaxe dos custos salariais estimados para a persoa contratada, calculados durante dous anos, para os postos de traballo creados directamente polo proxecto de investimento...

O Igape prevé na súa base reguladora a subvencionabilidade do salario bruto do persoal contratado durante un ano, de xeito que a concorrencia de axudas teña certa marxe ao establecerse o límite por acumulación no 30% dos custos salariais de dous anos.

Semella conveniente que co obxecto de procurar unha maior capacidade de apoio e eficacia na captación de proxectos de servizos avanzados, se poida ampliar o abano de servizos considerados avanzados e elevar ata o máximo permitido pola normativa da UE o período de cómputo salarial.

Por todo o anterior o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 29 de xuño de 2007, acordou modificar a base reguladora dos incentivos do Igape a proxectos de investimento empresarial polo que, de acordo coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a seguinte modificación da base reguladora dos incentivos do Igape a proxectos de investimento empresarial:

-Engádese un número 4.4.10, que contén a seguinte redacción:

«4.4.10. O Consello de Dirección do Igape, con base no interese estratéxico dun determinado proxecto, poderá considerar como subvencionables outras actividades de servizos avanzados non especificadas no número anterior 4.3.2., así como elevar o período de cómputo salarial ata dous anos por traballador de nova contratación».

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, aplicándose a aqueles expedientes pendentes de resolución a dita data.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2007.

Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica