DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 26 de xullo de 2007 Páx. 12.744

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de xullo de 2007 pola que se establece a estrutura directiva das xerencias de atención primaria de Pontevedra e Vigo.

A calidade na asistencia sanitaria no nivel primario, que ten como obxectivo inmediato tratar as persoas que sofren, ou potencialmente poden sufrir, un trastorno na súa saúde, fixo no seu momento necesaria unha estrutura directiva das xerencias de atención primaria próxima e profesionalizada, que baixo as directrices da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e en sintonía co persoal profesional, axudasen a estes no desenvolvemento do seu labor asistencial do xeito máis eficiente posible.

Estas xerencias de atención primaria e a súa estrutura directiva foron creadas polo Decreto 252/1994, do 29 de xullo, e o seu desenvolvemento realizouse a través da orde da Consellería de Sanidade do 11 de maio de 1995.

O desdobramento da Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo en dúas, a de Pontevedra e a de Vigo, fai precisa a modificación da Orde do 11 de maio de 1995, en relación coa estrutura directiva destas dúas novas xerencias.

En virtude do disposto e de acordo coas atribucións que me confire o artigo 37.6º de Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

1º.-A estrutura directiva da Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra será a seguinte:

1. Á fronte da Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra existirá un/ha director/a xerente.

2. Dependendo xerarquicamente do/a director/a xerente existirán os seguintes órganos:

-O/A director/a asistencial de Pontevedra.

-O/A director/a de xestión de Pontevedra.

3. Con dependencia do/a director/a asistencial de Pontevedra existirán os seguintes órganos:

-O/A director/a médico/a de Pontevedra.

-O/A director/a médico/a de atención continuada de Pontevedra.

- O/A director/a de enfermaría de Pontevedra.

- O/A subdirector/a de enfermaría de Pontevedra.

4. Con dependencia do/a director/a de xestión de Pontevedra existirá o seguinte órgano:

-O/A subdirector/a de xestión de Pontevedra.

2º.-A estrutura directiva da Xerencia de Atención Primaria de Vigo será a seguinte:

1. Á fronte da Xerencia de Atención Primaria de Vigo existirá un/ha director/a xerente.

2. Dependendo xerarquicamente do/a director/a xerente existirán os seguintes órganos:

-O/A director/a asistencial de Vigo.

-O/A director/a de xestión de Vigo.

3. Con dependencia do/a director/a asistencial de Vigo existirán os seguintes órganos:

-O/A director/a médico/a de Vigo.

-O/A director/a médico/a de atención continuada de Vigo.

-O/A director/a de enfermaría de Vigo.

-O/A subdirector/a de enfermaría de Vigo.

4. Con dependencia do/a director/a de xestión de Vigo existirá o seguinte órgano:

-O/A subdirector/a de xestión de Vigo.

3º.-A creación das novas prazas introducidas por esta modificación levará consigo a adaptación dos correspondentes cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde.

Disposición transitoria

Única.-En canto non se proceda á provisión de cada un dos postos que conforman as estruturas directivas ás que se refire a presente orde, manterase e continuará exercendo as súas funcións a actual Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda modificada no sentido proposto nesta disposición a Orde do 11 de maio de 1995, pola que se desenvolve a estrutura directiva das xerencias de atención primaria de Galicia.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2007.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade