DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 24 de xullo de 2007 Páx. 12.692

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 12 de xullo de 2007 pola que se regulan as medidas de acción positiva para a adxudicación de vivendas no Programa de vivenda en aluguer a mulleres vítimas de violencia de xénero.

A Orde do 22 de xuño de 2006 da Consellería de Vivenda e Solo, pola que se regula a xestión das vivendas, procedemento de adxudicación e concesión das subvencións no Programa de vivenda en aluguer establece no seu artigo 10 a posibilidade de excluír do procedemento xeral de adxudicación das vivendas adscritas ao dito programa, por causas debidamente motivadas, mediante orde da Conselleríaa de Vivenda e Solo.

Esta orde vén regular as medidas de acción positiva que se establecen a favor do colectivo das mulleres vítimas de violencia de xénero dentro do Programa de vivenda en aluguer antes referido. Deste xeito implántase un procedemento específico a un tratamento excepcional ao citado colectivo en virtude de:

A posibilidade excepcional de excluír do procedemento xeral de adxudicación das vivendas adscritas ao Programa de vivenda en aluguer que sexan precisas para satisfacer as necesidades específicas de vivenda.

A concreta medida que se articula é:

A adxudicación directa de vivenda procedente do Programa de vivenda en aluguer, en réxime de arrendamento, mediante a exclusión do procedemento xeral de adxudicación previsto na Orde do 22 de xuño de 2006, pola que se regula a xestión das vivendas, procedemento de adxudicación e concesión das subvencións no Programa de vivenda en aluguer.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto no artigo 1.a) do Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo, e a disposición derradeira primeira do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a implantación dunha serie de medidas de acción positiva no Programa de vivenda en aluguer regulado no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, para as mulleres vítimas de violencia de xénero.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Quedan incluídas no ámbito de aplicación desta orde, tal e como establece o artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero que, como manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres, se exerce sobre estas violencia por parte de quen é ou fora o seu cónxuxe ou de quen estea ou estivese ligado a elas por relacións similares de afectividade, aínda sen convivencia.

A violencia á que se fai referencia no parágrafo anterior pode comprender actos de violencia física, psicolóxica, agresións á liberdade sexual, ameazas, coaccións ou privación de liberdade.

Artigo 3º.-Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero.

1. A condición de vítima de violencia de xénero acreditarase, conforme se establece o artigo 19.1º a) do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, por algún dos seguintes medios:

A) Resolución xudicial.

B) Orde de protección xudicial a favor da solicitante.

C) Informe do Ministerio Fiscal.

D) Informe dos servizos sociais correspondentes ou centro de acollida.

Artigo 4º.-Medida de acción positiva.

A medida de acción positiva que se acorda é a seguinte:

Adxudicación directa da vivenda procedente do Programa de vivenda en aluguer, en réxime de arrendamento, mediante a exclusión do procedemento xeral de adxudicación previsto na Orde do 22 de xuño de 2006, pola que se regula a xestión das vivendas, procedemento de adxudicación e concesión das subvencións no Programa de vivenda en aluguer.

Artigo 5º.-Adxudicación directa de vivenda adscrita ao Programa de vivenda en aluguer.

1. As interesadas deben estar incorporadas ao Programa de vivenda en aluguer como solicitantes de vivenda.

2. As solicitantes deberán presentar o modelo de solicitude de adxudicación directa a que se refire o artigo anterior e que aparece no anexo I, debendo ser subscrita pola afectada a que achegará algún dos documentos a que se refire o artigo 3º.

3. Xunto coa solicitude de adxudicación directa, achegarase un informe técnico do servizo galego de igualdade que debe incluír referencias á situación persoal e familiar da solicitante, á intervención social acordada e á súa situación de vivenda. Para estes efectos, a presentación da solicitude comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar o citado informe.

Artigo 6º.-Requisitos.

1. A solicitante debe estar incorporada como solicitante de vivenda no Programa de vivenda en aluguer e ter a condición de vítima de violencia de xénero nos termos establecidos nesta orde.

2. Xunto coa solicitude expresa a que se refire o punto anterior, a interesada deberá presentar documentación acreditativa da finalización da convivencia coa persoa supostamente agresora para o cal haberá de achegar:

a) No caso de ter formado matrimonio ou parella de feito, a sentenza de separación ou divorcio ou a baixa no correspondente rexistro de parellas de feito. Abondará, cando sexan apreciadas circunstancias de especial necesidade ou urxencia que así o aconsellen, con acreditar a interposición da demanda de divorcio ante o xulgado competente.

b) O resto de interesadas, é dicir, aquelas que non formen ou non teñan formado matrimonio ou parella de feito, deberán de acreditar o cesamento da convivencia mediante a presentación de certificado de empadroamento, á data de presentación da solicitude, acreditativo das persoas que conviven ou están empadronadas coa solicitante.

No caso de que finalmente a interesada chegue a formalizar contrato de arrendamento deberá continuar nesta situación de non convivencia co suposto agresor ata a finalización do dito contrato. En caso contrario poderá ser causa de resolución do citado contrato de arrendamento.

Disposición transitoria

A regulación establecida nesta orde será de aplicación a todos aqueles expedientes de mulleres vítimas de violencia de xénero que se encontren en tramitación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2007.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "14300D003P012.PDF"

Ver referencia pdf "14300D003P012.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL