DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 24 de xullo de 2007 Páx. 12.686

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xullo de 2007 pola que se regula a relación laboral do profesorado de relixión e se ditan instrucións relativas á provisión de postos.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na súa disposición adicional terceira establece que o profesorado que, non pertencendo aos corpos de funcionarios docentes, impartan a ensinanza das relixións nos centros públicos o farán en réxime de contratación laboral, coas respectivas administracións competentes de conformidade co Estatuto dos traballadores. Así mesmo, prescribe que este profesorado accederá ao destino mediante criterios obxectivos de igualdade, mérito e capacidade, percibindo as retribucións que correspondan aos profesores interinos no seu respectivo nivel educativo.

Polo Real decreto 696/2007, do 1 de xuño, regúlase a relación laboral dos profesores de relixión prevista na disposición adicional terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Neste real decreto establécense os requisitos exixibles para impartir as ensinanzas de relixión, a contratación do profesorado por tempo indefinido, a modalidade de contrato a tempo completo ou parcial, os criterios obxectivos de valoración que como mínimo deben terse en conta para o acceso ao destino, as causas posibles de extinción do contrato. Así mesmo, na disposición adicional única determínase que os profesores de relixión non pertencentes aos corpos de funcionarios docentes que, á entrada en vigor do real decreto, estivesen contratados pasarán automaticamente a ter unha relación laboral por tempo indefinido nos termos previstos no propio real decreto, agás os que tiveran un contrato para substituír o titular da relación laboral.

En desenvolvemento do real decreto anteriormente mencionado, e coa finalidade de regular parcialmente a relación laboral do profesorado de relixión dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e ditar unhas instrucións provisionais, aplicables durante o curso académico 2007/2008, relativas á provisión de postos, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa Mesa Sectorial Docente non Universitaria e o Comité Intercentros,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Relación laboral por tempo indefinido.

De conformidade co establecido na disposición adicional terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e a disposición adicional única do Real decreto 696/2007, do 1 de xuño, o profesorado de relixión non pertencente aos corpos de funcionarios docentes que o día 10 de xuño de 2007 estivese contratado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pasa automaticamente a ter unha relación laboral por tempo indefinido, agás que o contrato formalizase para substituír o titular da relación laboral.

Artigo 2º.-Renovación automática da proposta da autoridade eclesiástica.

1. A proposta para a docencia que corresponde ás entidades relixiosas considerarase renovada automaticamente, sen necesidade de que se teña que formalizar por escrito. As distintas confesións relixiosas manifestaranlles ás delegacións provinciais as posibles modificacións que poidan producirse.

2. No caso de revogación da proposta para impartir clases de relixión por parte da confesión relixiosa, esta revogación deberá realizarse de forma expresa, deberá ser axustada a dereito, e terá que notificarse por escrito ao interesado ou interesada e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Así mesmo, serán informados os órganos de representación dos traballadores.

Artigo 3º.-Xornada de traballo e centro ou centros de destino.

1. O profesorado de relixión consolida a xornada de traballo e o centro ou centros de destino que tivera no curso académico 2006-2007.

2. Sen prexuízo do anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria atenderá as novas necesidades de profesorado de relixión que poidan xurdir nos centros educativos prioritariamente co profesorado que actualmente está prestando servizos. Para tal fin, o profesorado de relixión, cando proceda, deberá completar horario noutros centros educativos, preferentemente da localidade na que teña o seu destino principal ou das localidades máis próximas.

3. O profesorado de relixión de educación infantil e primaria terá horario completo con 21 horas lectivas, incluídas, se é o caso, dúas gardas, en aplicación do Acordo do 8 de xuño de 2007, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO, FETE-UGT, ANPE e CSI-CSIF.

4. O profesorado de relixión de educación secundaria terá horario completo cando imparta, polo menos, dezaseis sesións lectivas.

Artigo 4º.-Desenvolvemento doutras funcións.

A diferenza entre o horario fixo de permanencia semanal e as horas ou sesións que cada profesor ou profesora de relixión teña como lectivas dedicaranse, preferentemente, de acordo coa autonomía e organización do propio centro, a gardas cando proceda, a titorías de pais e nais e a outras actividades como as seguintes:

-Dinamización das novas tecnoloxías da información e comunicación.

-Dinamización de biblioteca.

-Dinamización de convivencia escolar.

-Dinamización da mellora da calidade educativa.

-Dinamización de programas internacionais.

Artigo 5º.-Desprazamento por falta de horario e supresións.

Resulta de aplicación ao profesorado de relixión a regulación do desprazamento por falta de horario e as prioridades para a obtención de novo destino establecidas con carácter xeral para os funcionarios docentes dos corpos regulados na lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 6º.-Provisión de postos de traballo.

1. A partir do inicio do curso académico 2009/2010, as vacantes que se produzan de relixión nos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria seran ofertadas a provisión, mediante concurso de traslados anual, entre o profesorado de relixión que presta servizos no correspondente nivel educativo na Comunidade Autónoma de Galicia e que posúa o nivel de formación de perfeccionamento da lingua galega ou equivalente. Este concurso convocarase en datas similares ás convocatorias que se realicen para a provisión de postos correspondentes aos funcionarios docentes aos que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. No sistema de provisión, ademais dos dereitos preferentes, se é o caso, do profesorado desprazado por falta de horario e do profesorado suprimido, establecerase un baremo no que se terán en conta, polo menos:

a) A experiencia docente como profesor de relixión, de maneira preferente nos centros públicos e no mesmo nivel educativo da praza á que se opta.

b) As titulacións académicas, de modo preferente as máis afíns, polo seu contido, á ensinanza da relixión.

c) Os cursos de formación e perfeccionamento realizados que estean relacionados coa didáctica a organización escolar ou análogos, de modo prefeente, os máis afíns polo seu contido a ensinanza de relixión.

Artigo 7º.-Novas contratacións.

1. As necesidades de profesorado de relixión que non sexan cubertos polos concursos de traslados regulados no artigo anterior serán provistas preferentemente ampliando a xornada de traballo do profesorado de relixión que actualmente presta servizos a xornada parcial.

2. De resultar necesario efectuar novas contratacións, realizaranse entre aquelas persoas que reunindo os requisitos establecidos no artigo seguinte, prestaran servizos como profesor ou profesora substituto/a de relixión pola orde da data de inicio das substitucións.

3. De non poder realizarse o nomeamento conforme o prescrito na epígrafe anterior, nomearanse ás persoas que lle corresponda unha maior puntuación aplicando o baremo que se estableza en desenvolvemento do establecido no artigo 6º.2 desta orde.

Artigo 8º.-Requisitos esixibles para as novas contratacións.

1. De conformidade co artigo 3 do Real decreto 696/2007, do 1 de xuño, para impartir as ensinanzas de relixión será necesario reunir os mesmos requisitos de titulación exixibles, ou equivalentes, no respectivo nivel educativo, aos funcionarios docentes non universitarios conforme se enumeran na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ter sido propostos pola autoridade da confesión relixiosa para impartir a dita ensinanza e obtido a declaración de idoneidade ou certificación equivalente da confesión relixiosa obxecto da materia educativa, e acreditar o coñecemento de lingua galega a nivel de perfeccionamento, todo iso con carácter previo á súa contratación pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Para ser contratado como profesor ou profesora de relixión, serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado ao que en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, ou ser estranxeiro con residencia legal en España e autorizado a traballar ou en disposición de obter unha autorización de traballo por conta allea.

b) As previsións do punto anterior serán de aplicación, calquera que sexa a súa nacionalidade ao cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes. Así mesmo, poderán acceder os estranxeiros con residencia legal en España.

c) Ter cumpridos dezaseis anos de idade.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio das súas funcións. Os aspirantes cuxa nacionalidade non sexa a española, deberán acreditar igualmente non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado de orixe o desempeño das súas funcións.

Artigo 9º.-Forma e contido do contrato.

1. De acordo co artigo 5 do Real decreto 696/2007, do 1 de xuño, o contrato formalizarase por escrito con anterioridade ao comezo da prestación laboral.

En todo caso, cando proceda, haberán de formalizarse por escrito con anterioridade ao comezo de curso escolar aquelas modificacións que se produciran no contrato procedente respecto da xornada de traballo e/ou centro ou centros reflectidos no contrato.

2. O contido do contrato, deberá especificar, como mínimo:

a) Identificación das partes.

b) Obxecto.

c) Lugar de traballo.

d) Retribución.

e) Duración e/ou renovación.

f) Xornada de traballo.

g) Cantos outros aspectos se consideren esenciais na lexislación laboral.

Artigo 10º.-Extinción do contrato.

O contrato de traballo extinguirase:

a) Cando a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adopte resolución en tal sentido, logo de incoación do expediente disciplinario dando conta aos representantes sindicais do profesorado e logo de comunicación á confesión relixiosa.

b) Por revogación axustada a dereito da acreditación ou da idoneidade para impartir clases de relixión por parte da confesión relixiosa que a outorgou.

c) Polas demais causas de extinción previstas no Estatuto dos traballadores.

d) No caso de traballadores estranxeiros, pola extinción ou a non renovación da autorización de residencia ou de residencia e traballo, como consecuencia da concorrencia dalgún dos supostos para a dita extinción ou o incumprimento dalgún dos requisitos para a renovación establecidos na normativa de estranxería e inmigración.

Artigo 11º.-Retribucións.

O profesorado de relixión percibirá as retribucións que correspondan no respectivo nivel educativo ao profesorado interino, e en función da duración da xornada de traballo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do establecido no artigo 3.1º da presente orde, a partir do curso académico 2009/2010, o profesorado de relixión non poderá ter unha xornada de traballo inferior a establecida para o profesorado interino a tempo parcial.

Segunda.-Provisión de postos con carácter temporal durante os cursos académicos 2007/2008 e 2008/2009.

Cando non sexa posible atender as novas necesidades de profesorado de relixión que poidan xurdir nos cursos académicos 2007/2008 e 2008/2009 co profesorado actualmente existente, aplicando o establecido no artigo 3º.2 desta orde, poderá nomearse profesorado substituto, ata que as prazas sexan ofertadas ao concurso de traslados previsto no artigo 7º. Estes nomeamentos recaerán naquelas persoas que, reunindo os requisitos exixibles, teñan prestado servizos como profesores substitutos de relixión en centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola mesma orde establecida para todos os corpos e especialidades.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria