DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2007 Páx. 12.653

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de xullo de 2007 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas destinadas á realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro, no marco do programa de mellora gandeira de Galicia.

Orde do 6 de febreiro de 2007 (DOG nº 30, do 12 de febreiro), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro, no marco do Programa de mellora gandeira de Galicia.

No seu artigo 14 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 2 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, de ser procedente, tramitando o expediente de xeración e ampliación de crédito oportuno.

Co obxecto de poder amparar todas as solicitudes nas distintas liñas de axuda establecidas, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobáronse os correspondentes expedientes de xeración e ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 6 de febreiro de 2007 (DOG nº 30, do 12 de febreiro), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á realización de probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando vacún leiteiro, no marco do programa de mellora gandeira de Galicia.

2. O incremento da dotación será de 641.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713-C.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 6 de febreiro de 2007.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural