DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2007 Páx. 12.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de xullo de 2007 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia convocadas pola Orde do 22 de marzo de 2007.

Pola Orde do 22 de marzo de 2007 convocáronse, para o ano 2007, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 64, do 30 de marzo). As bases reguladoras destas axudas establécense na orde desta consellería, do 5 de setembro de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 175, do 8 de setembro).

No artigo 6 da Orde do 22 de marzo de 2007, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas. Este artigo p+revé expresamente a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria contida na referida orde, polo que, tendo en conta que o número de solicitudes presentadas superou as previsións realizadas por esta consellería, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na orde desta consellería, do 22 de marzo de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 64, do 30 de marzo), pola que se convocan, para o ano 2007, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia.

2. O incremento de dotación para o exercicio 2007, será de 2.000.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713-C 772.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

3. Tamén se poderán utilizar outros remanentes adicionais que puideran existir na mesma aplicación. En todo caso, a concesión das axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 22 de marzo de 2007.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural