DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2007 Páx. 12.649

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de xullo de 2007 pola que se aproban os concertos educativos para as ensinanzas de educación infantil cos centros docentes privados.

A Orde do 12 de xaneiro de 2007 (DOG do 17 de xaneiro) regula o réxime de concertos educativos para as ensinanzas de educación infantil en centros docentes privados a partir do curso académico 2007-2008.

Vista a acta elaborada pola comisión prevista no punto sétimo da antedita orde e tendo en conta o disposto no punto oitavo da referida Orde do 12 de xaneiro de 2007.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Aprobar os concertos educativos para as ensinanzas de educación infantil cos centros docentes privados que se relacionan no anexo I desta orde e que terán unha duración de dous (2) anos.

Os anteditos centros deberán acreditar ante a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, antes da sinatura do documento administrativo de formalización do concerto ao que se refire o punto seguinte desta orde, que se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

Segundo.-O documento administrativo de formalización do concerto educativo, que figura como anexo II desta orde, será asinado pola titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e polo titular do centro privado ou persoa con representación debidamente acreditada.

Se o titular do centro privado non subscribise o documento de formalización na data que se lle notifique, entenderase decaído no seu dereito.

Terceiro.-Esta orde terá efectos económicos e administrativos do 1 de setembro de 2007.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "14200D001P005.PDF"

Ver referencia pdf "14200D001P005.PDF"

Ver referencia pdf "14200D001P005.PDF"

ANEXO II

En Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2007.

Dunha parte:

D. ... Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Doutra parte:

D. ...

Na condición de titular/representante legal do centro do cal se expresan a continuación os datos:

Denominación: ...

Código: ...

Localidade: ... Concello: ...

Provincia: ...

A teor do disposto nos artigos 3.2º e 25 do Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, aprobado polo Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro (BOE do 27 de decembro), no sucesivo Regulamento, e de acordo coa Orde do 6 de xullo de 2007 (DOG do ...).

ACORDAN:

Subscribir este concerto educativo, con arreglo ás seguintes cláusulas:

Primeira.-Este concerto educativo ten por obxecto o sostemento con fondos públicos de unidades de educación infantil en centros privados que escolaricen alumnos de 3, 4 e 5 anos.

Segunda.-Terá vixencia desde o 1 de setembro de 2007 ata o 31 de agosto de 2009, ambos os dous incluídos, e para ... unidades. (... de 3 anos, ... de 4 anos, ... de 5 anos e ... mixtas de 4 e 5 anos).

Terceira.-A Administración está obrigada á asignación de fondos públicos para o sostemento das unidades concertadas nos termos sinalados nos artigos 12, 13 e, se é o caso, na disposición adicional cuarta do Regulamento.

A Administración educativa satisfaralle ao persoal docente do centro concertado os salarios correspondentes en concepto de pagamento delegado e en nome da entidade titular do centro, sen que ese aboamento signifique relación laboral algunha entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o mencionado persoal docente.

Cuarta.-O titular do centro está obrigado a impartir as ensinanzas obxecto deste convenio gratuitamente, sen percibir concepto algún que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola impartición de ditas ensinanzas, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e planos de estudio e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servizos complementarios pola administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinta.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de concerto educativo. As ditas unidades terán unha relación media alumno/aula non inferior á que se determine tendo en conta a existente para os colexios públicos da bisbarra, concello ou, se é o caso, distrito na cal estea situado.

Sexta.-Polo concerto, o titular do centro está obrigado ao cumprimento das normas de admisión de alumnos que se establecen no capítulo III, do título II, da Lei orgánica 2/2006, de Educación, no Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos en centros sostidos con fondos públicos e na Orde de 17 de marzo de 2007 pola que se regula o procedemento para admisión do alumnado no segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos.

Sétima.-O titular do centro está obrigado a manter e, de ser o caso, a constituír os órganos de goberno a que se refire o artigo 54 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación e o artigo 26 do Regulamento.

Oitava.-A provisión de vacantes do persoal docente que se produzan no centro concertado realizarase conforme ao disposto no artigo 60 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación e no artigo 26.3º do Regulamento.

Novena.-O titular do centro concertado deberá facer constar na súa documentación e na súa publicidade a condición de centro concertado.

Igualmente o titular deberá poñer en coñecemento dos membros da comunidade escolar e, se é o caso, das autoridades competentes o carácter propio do centro, no suposto de que o tivese.

Décima.-Para a execución do concerto, o titular do centro adoptará as seguintes medidas:

1. Para efectos do aboamento das cantidades correspondentes a salarios o titular do centro concertado facilitaralle á administración educativa competente as nóminas do persoal docente, as liquidacións das cotizacións á Seguridade Social mediante a formalización e remisión dos documentos oficiais de cotización correspondentes, así como os partes de alta, baixa ou alteración.

2. As altas e baixas do persoal docente no réxime da Seguridade Social xestionaraas o titular do centro na súa condición de empregador na relación laboral. As devanditas circunstancias deberán ser acreditadas por este ante a administración educativa competente.

As responsabilidades que puidesen derivarse do incumprimento das obrigas de altas, baixas e liquidación de cotizacións, serán por conta do titular do centro.

3. Nas nóminas relacionaranse os profesores correspondentes ás unidades concertadas sen que, en ningún caso, o custo de cada unidade, excluída a antigüidade, poida exceder dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento de centros concertados.

4. Todas as actividades do profesorado do centro concertado, tanto lectivas coma non lectivas, retribuídas pola Administración prestaranse no nivel de ensino obxecto deste concerto.

5. As cantidades abonadas pola Administración, en concepto de outros gastos, xustificaranse, ao final de cada ano natural, mediante a presentación polo titular da certificación do acordo do consello escolar aprobatorio das contas.

Décimo primeira.-Serán causas de extinción deste concerto as sinaladas no título VI do Regulamento.

Décimo segunda.-As incidencias ou cuestións litixiosas que xurdan durante o tempo de aplicación deste concerto serán resoltas pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria ou órgano en que delegue.

E para que así conste, na data e lugar antes indicados, asinan este por triplicado,

Polo centro privado Pola Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria

A conselleira