DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 19 de xullo de 2007 Páx. 12.467

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 138/2007, do 5 de xullo, polo que se regula a habilitación do persoal técnico para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo.

A Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención dos riscos laborais, na procura do reforzamento das funcións de control público no cumprimento das obrigas preventivas en materia de seguridade e saúde laboral, procedeu a actualizar a colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social por parte dos funcionarios técnicos de dependencia autonómica, modificando os artigos 9.2º e 9.3º da Lei de prevención de riscos laborais e engadíndolle a disposición adicional décimo quinta.

Sen prexuízo das competencias que, en materia de prevención de riscos laborais que desempeña a comunidade autónoma no ámbito da minaría, a recente modificación da Lei 31/1995, do 8 de novembro, pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, vén ampliar/outorgar ao persoal funcionario das comunidades autónomas que exerza labores técnicos na materia de prevención de riscos laborais a facultade de realizar funcións de asesoramento, información e comprobación das condicións materiais e técnicas de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo coa capacidade de requirimento de emenda das deficiencias observadas, requirimento cuxo incumprimento pode dar lugar á práctica de acta de infracción pola Inspección de Traballo e Seguridade Social.

A nova disposición adicional sinala que o persoal deberá pertencer a grupos de titulación A ou B, acreditar formación específica e «contar cunha habilitación específica expedida pola súa propia comunidade autónoma».

En desenvolvemento regulamentario da Lei 54/2003, o Real decreto 689/2005, do 10 de xuño, modifica o Regulamento de organización e funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade Social, engadíndolle o «título IV: do réxime de colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social dos funcionarios públicos, dependentes das administracións públicas que exercen labores técnicos na materia de prevención de riscos laborais, para o exercicio das funcións a que se refiren os puntos 2º e 3º do artigo 9 da Lei 31/1995, do 8 de novembro».

Neste novo título IV o artigo 59 sinala que a habilitación do persoal funcionario «corresponderalles ás respectivas autoridades autonómicas competentes, que a levarán a cabo de acordo co procedemento e as condicións establecidos na súa propia normativa».

Compartindo a necesidade de ampliar o control público no cumprimento das obrigas en materia de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo, como unha das medidas para reducir a sinistralidade laboral, o Goberno da Xunta de Galicia, entende así preciso, no marco das súas competencias, desenvolver o mecanismo da habilitación do seu persoal técnico para realizar as novas funcións en colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Este decreto dítase no exercicio das competencias que o artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, que amparou a transferencia á comunidade autónoma, polo Real decreto 2381/1982, do 24 de xullo, das competencias que en materia de seguridade e hixiene no traballo exercían os correspondentes gabinetes técnicos provinciais, e segundo o establecido no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, no que se lle atribúe o exercicio das competencias en seguridade e saúde laboral.

Así mesmo, o artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia da comunidade para o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime estatutario dos seus funcionarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Traballo, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, oído o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto desta disposición establecer o procedemento e réxime da habilitación do persoal técnico público dependente da Xunta de Galicia, para o exercicio das actuacións comprobatorias das condicións materiais ou técnicas de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo radicados en Galicia, en colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, conforme o establecido no artigo 9.2º e 9.3º e a disposición adicional décimo quinta da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 2º.-Alcance da habilitación.

O alcance da habilitación será para o exercicio das funcións de comprobación das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centro de traballo, de conformidade co sinalado nos citados artigos 9.2º e 9.3º da Lei 31/95 e no seu desenvolvemento regulamentario, realizado polo Real decreto 689/2005, do 10 de xuño.

Capítulo II

Condicións e procedemento para a habilitación

Artigo 3º.-Requisitos de acceso á habilitación.

Para optar á habilitación deberán concorrer as seguintes condicións:

a) Ser funcionario ou funcionaria público dos grupos A ou B da Xunta de Galicia e estar adscrito ou adscrita a algún dos centros provinciais de seguridade e saúde laboral.

b) Contar coa titulación universitaria e a formación mínima prevista no artigo 37.2º e 3º do Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, para poder exercer as funcións de nivel superior nas especialidades e disciplinas preventivas nas que teñan a acreditación, ou ter obtido a validación para o exercicio das ditas funcións de nivel superior, segundo a disposición adicional quinta do mesmo regulamento.

c) Ter superado os cursos específicos que se establezan para a habilitación pola Dirección Xeral de Relacións Laborais.

d) Acreditar unha experiencia mínima dun ano no exercicio de funcións técnicas na materia de prevención de riscos laborais na Dirección Xeral de Relacións Laborais ou nos centros provinciais de seguridade e saúde laboral.

Artigo 4º.-Procedemento da habilitación.

1. O persoal que, reunindo os requisitos do artigo anterior, pretenda obter a habilitación, dirixirá a correspondente solicitude á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. O/a conselleiro/a con competencias en materia de traballo, por proposta do/da titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, logo de informe da xefatura do respectivo centro e da Subdirección Xeral de Seguridade e Saúde, emitirá resolución na que se autorice a habilitación, tendo en conta as seguintes circunstancias:

a) A programación fixada no marco da Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia.

b) A incidencia nas funcións que desenvolverá o respectivo centro provincial.

c) A maior experiencia no exercicio das funcións técnicas que sinala o artigo 3.d).

Artigo 5º.-Duración e efectos da habilitación.

1. A habilitación terá validez indefinida, sen prexuízo de que poida renunciarse, suspenderse ou ser revogada conforme o establecido neste decreto ou nas normas que o desenvolvan.

2. O persoal técnico habilitado exercerá as funcións comprobatorias, desempeñará as facultades e deberes, e rexerase polos principios de actuación establecidos no Regulamento de organización e funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade Social, na súa redacción dada polo Real decreto 689/2005, do 10 de xuño.

3. A actuación dos técnicos habilitados será ordenada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e será programada pola Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia para súa integración no plan de acción en Seguridade e Saúde Laboral da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Artigo 6º.-Condicións de traballo, complemento retributivo.

As prazas ocupadas por persoal técnico habilitado terán un incremento retributivo que consiste na inclusión dun compoñente singular no complemento específico, durante todo o período de vixencia da habilitación, con independencia do corpo ao que pertenzan, nivel ou grao persoal, que retribuirá a actividade extraordinaria ligada á ampliación de funcións e ás adaptacións de horario de traballo que se poidan establecer para o cumprimento dos obxectivos. A determinación do complemento e das condicións de traballo efectuarase segundo o disposto na lexislación sobre participación nas condicións de traballo dos funcionarios públicos.

Artigo 7º.-Incompatibilidades, abstención, recusación.

O persoal técnico habilitado estará afectado polo réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia establecido na súa normativa reguladora, non poderá ter interese directo nin indirecto en empresas ou grupos empresariais obxecto da súa actuación, e non poderán asesorar ou defender a título privado persoas físicas ou xurídicas susceptibles da súa actuación inspectora.

Artigo 8º.-Habilitación de oficio.

Sen prexuízo do sinalado nos artigos 4º e 5º, cando as habilitacións así outorgadas non sexan bastantes para cubrir a programación fixada, poderanse habilitar de oficio novos técnicos que reúnan os requisitos do artigo 3º. A habilitación efectuarase mediante resolución motivada e en base os criterios do artigo 4º.2.

O persoal así habilitado terá dereito á percepción do complemento retributivo sinalado no artigo 6º, nas mesmas cantidades que o persoal que estivese voluntariamente habilitado.

Artigo 9º.-Acreditación.

O persoal habilitado será provisto de documento acreditativo da súa condición, que será expedido pola Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 10º.-Perda da eficacia da habilitación.

1. A habilitación perderá a súa eficacia polas seguintes causas:

a) O remate da adscrición ao correspondente centro territorial.

b) Resolución do conselleiro con competencias en materia de traballo, con base nas circunstancias sinaladas nos puntos a) e b) do artigo 4º.2.

c) Non superar os cursos que con carácter obrigatorio se programen para a actualización ou perfeccionamento da súa formación.

d) Cando se incumpran as obrigas sinaladas no artigo 63 do Regulamento de organización e funcionamento da Inspección de Traballo e Seguridade Social, na redacción dada polo citado Real decreto 689/2005, do 10 de xuño.

e) Cando non se efectúen as tarefas ou actividades específicas encomendadas, ou se realicen de forma inadecuada ou non axustada á programación, ás instrucións ou ás directrices impartidas.

f) Pola renuncia da persoa habilitada, motivada e comunicada por escrito, con posterioridade á petición ou á concesión de oficio.

g) Por incorrer en incompatibilidade, conforme o establecido no artigo 7º.

2. Agás o suposto do punto a), a perda de eficacia declararase, logo de audiencia da persoa interesada, por resolución motivada do conselleiro/a con competencias en materia de traballo, por proposta do/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, e logo de informe do xefe do Centro de Seguridade e Saúde Laboral ao que estea adscrito, unha vez oídos os representantes dos traballadores, acordando a revogación da habilitación. O conselleiro/a poderá acordar a suspensión temporal da habilitación mentres se tramite o expediente de revogación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Traballo para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo