DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2007 Páx. 12.429

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2007, da Dirección Xeral da División de Recursos Económicos, pola que se establecen as normas de procedemento de revisión de tarifas aplicables á asistencia sanitaria concertada por este organismo.

Promulgada a orde da Consellería de Sanidade do 16 de maio de 2007, pola que se fixan as tarifas máximas aplicables á prestación de asistencia sanitaria concertada polo Servizo Galego de Saúde e se actualizan os prezos dos concertos vixentes (publicada no DOG nº 120, do 22 de xuño de 2007), co obxecto de darlle cumprimento e de conformidade co establecido no segundo parágrafo da disposición derradeira primeira, esta división

acorda:

Primeiro.-Ditar as seguintes instrucións de procedemento:

1ª Con independencia do procedemento de revisión previsto no artigo 2º da referida orde do 16 de maio de 2007, os directores provinciais do Servizo Galego de Saúde, no prazo máximo dun mes a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, formularán unha nota dilixencia (anexo I) por cada concerto vixente na súa provincia.

Para estes efectos enténdese por nota dilixencia o documento mediante o que a dirección provincial lle notifica á empresa concertada a revisión das condicións económicas do concerto subscrito en aplicación da orde da Consellería de Sanidade.

Na nota dilixencia farase constar cada unha das prestacións ou servizos que a empresa teña validamente concertados, as tarifas do ano 2005, a contía do incremento a aplicar, o prezo resultante e a data de efectividade, é dicir, a data a partir da cal se adquira o dereito ao incremento.

A data de efectividade da revisión das condicións económicas para os concertos vixentes a 1 de xaneiro de 2005 será o 1 de xaneiro de 2006.

Para os concertos subscritos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2005, a aplicación da revisión das tarifas será desde o transcurso dun ano desde a súa formalización, agás que nas súas estipulacións se recolla doutro xeito.

Non se revisarán as tarifas das autorizacións de uso temporais nas cales a tarifa aplicable será a que expresamente sexa aceptada pola empresa para o período da súa vixencia.

Tanto o incremento como a tarifa resultante non poderán superar os máximos establecidos na orde da Consellería de Sanidade.

2ª O contido da nota dilixencia, xunto coa fotocopia da orde da Consellería de Sanidade, comunicarase de xeito que poida quedar constancia ao representante legal da empresa concertada outorgándolle un prazo de vinte días para presentar por escrito a súa conformidade ou desconformidade pola revisión provisionalmente efectuada.

3ª Se transcorrido o prazo de vinte días a dirección provincial non recibise notificación algunha ou se recibise escrito de conformidade da empresa concertada, o director provincial remitirá a nota dilixencia, sen asinar, á Intervención Territorial Delegada para a súa preceptiva fiscalización.

Intervida favorablemente, o director provincial emitirá resolución (anexo II) elevando a definitiva a revisión proposta. Esta resolución, acompañada dun exemplar da nota dilixencia, realizarase por quintuplicado. Un exemplar permanecerá na dirección provincial anexionándose ao concerto vixente, outro comunicarase á empresa concertada de xeito que poida quedar constancia. Os tres exemplares restantes remitiranse á Secretaría Xeral, á Intervención Territorial Delegada e á Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento da División de Recursos Económicos.

4ª Comunicada a resolución a todas as partes afectadas e sen prexuízo dos recursos que ao respecto poidan formularse, a dirección provincial efectuará as liquidacións dos atrasos correspondentes, se procede, e tramitará as sucesivas facturacións coas novas tarifas.

5ª Se durante o prazo de vinte días se recibise escrito de desconformidade por parte da empresa concertada, a dirección provincial elevará o expediente á División de Recursos Económicos (Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento) para a resolución que proceda.

6ª Se as tarifas fixadas pola resolución da pirección provincial non fosen as correctas, a División de Recursos Económicos aplicará as correccións oportunas. Quedará en suspenso a resolución emitida e iniciarase un novo proceso de revisión das condicións económicas nas que se inclúan as correccións efectuadas.

A nova nota dilixencia comunicarase ao representante legal da empresa concertada seguindo o proceso descrito anteriormente. A nova resolución anulará a anteriormente ditada.

7ª Nos supostos nos que non se produza incremento de tarifas, seguirase o mesmo procedemento indicado anteriormente, para efectos de notificar á empresa as tarifas máximas vixentes para o ano 2006 en adiante. Neste caso, na nota dilixencia (anexo I), na columna INCREMENTO 2006, deberá figurar importe 0.

8ª Respecto ao sinalado no artigo 4 da Orde do 16 de maio de 2007, pola que se fixan as tarifas máximas aplicables á prestación de asistencia sanitaria concertada polo Servizo Galego de Saúde e se actualizan os prezos dos concertos vixentes, no que se delega nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde a competencia para asinar determinados concertos individuais, as direccións provinciais deberán remitir á Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento da División de Recursos Económicos, trimestralmente, unha relación dos distintos tipos de concertos, pacientes, empresa concertada e importe.

Segundo.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2007.

Ana Fernández Pulpeiro

Directora xeral da División de Recursos Económicos

ANEXO I

Nota dilixencia.

En aplicación do disposto na orde da Consellería de Sanidade do 16 de maio de 2007 (DOG nº 120, do 22 de xuño), pola que se fixan as tarifas máximas aplicables á prestación de asistencia sanitaria concertada polo Servizo Galego de Saúde e se actualizan os prezos dos concertos vixentes, notifícolle:

1. Que o concerto coa empresa ... é de data ...

2. Que na súa virtude procede a revisión das súas condicións económicas nos seguintes termos:

Prestación ou servizos: ...

Tarifa 2005: ...

Incremento 2006: ...

Tarifa 2006: ...

Data de efectividade: ...

En Santiago de Compostela o de 5 xullo de 2007.

Conforme,

O centro ou empresa, O/a director/a provincial

Esta nota dilixencia ten carácter provisional. No prazo de vinte días a contar desde a data de recepción, ese centro ou empresa manifestará a súa conformidade ou reparos a esta. Pasado este prazo se non se recibise notificación algunha, entenderase que ese centro ou empresa está conforme cos termos da nota dilixencia.

ANEXO II

D./Dna. ... , como director/a provincial do Servizo Galego de Saúde de ...

Vista a notificación efectuada á empresa ... o día ... da nota dilixencia que se xunta e non existindo reparos a esta,

Visto o informe favorable da Intervención Territorial Delegada de data ...

De conformidade co establecido na Orde do 16 de maio de 2007 (DOG nº 120, do 22 de xuño), e nas normas de procedemento establecidas por resolución da directora xeral da División de Recursos Económicos de data 5 de xullo de 2007,

RESOLVO:

Elevar a definitivo o contido da nota dilixencia referida.