DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2007 Páx. 12.428

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de xullo de 2007 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada pola Federación de Servizos e Administracións Públicas de Comisións Obreiras de Galicia (FSAP-CC.OO.) e o sindicato CSI-CSIF en todas as actividades do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, desenvolvidas polo persoal laboral suxeito ao Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, en todos os centros, dependencias e distritos forestais da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais dependentes da Consellería do Medio Rural os días 19 e 31 de xullo de 2007.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece o dereito de folga dos traballadores para a defensa dos seus intereses, malia limitar o seu exercicio para garantir os servizos esenciais da comunidade, entre os que está a vixilancia e extinción de incendios.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta o conselleiro competente por razón dos servizos esenciais afectados ante unha situación de folga para que, mediante orde, decida o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento deles, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.

A FSAP-CC.OO. de Galicia e o sindicato CSI-CSIF convocaron folga de carácter temporal que afecta todas as actividades do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, desenvolvidas polo persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, en todos os centros, dependencias e distritos forestais da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, dependentes da Consellería do Medio Rural, para os días 19 e 31 de xullo de 2007 de 0,00 horas a 24.00 horas.

Xa que logo, cómpre determinar os servizos mínimos que se deben manter mentres dure a folga convocada nos citados centros de traballo para garantir a continuidade do servizo, tendo en conta que desde o 15 de xuño ao 15 de outubro de 2007 está declarada como época de perigo alto de incendios forestais, segundo Orde da Consellaría do Medio Rural do 14 de xuño de 2007, así como, as estatísticas dispoñibles en canto á proliferación de incendios forestais.

Na súa virtude, oído o Comité de Folga e no uso das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os servizos mínimos que se deberán manter mentras dure a folga anunciada con carácter temporal no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais para os días 19 de xullo de 2007 e 31 de xullo de 2007, son os seguintes:

-O 60% dos traballadores fixos e fixos descontinuos no horario comprendido entre as 15.00 horas e as 24 horas.

-O 30% dos traballadores fixos e fixos discontinuos no horario comprendido entre as 0.00 horas e as 15.00 horas.

En todo caso asegurándose sempre que unha brigada do persoal antedito, como mínimo estea de servizo en cada distrito forestal.

-O 100% do persoal contratado por obra ou servizo no Pladiga, tendo en conta que se trata de persoal de reforzo para esta época de alto risco.

Artigo 2º

O persoal que debe prestar os servizos mínimos establecidos, de conformidade co disposto no artigo anterior será fixado polo director xeral de Montes e Industrias Forestais nos servizos centrais e polos delegados provinciais da Consellaría do Medio Rural, facéndose pública a relación nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, nas delegacións provinciais e na sede dos distritos forestais e dos centros afectos pola convocatoria da folga durante a xornada laboral inmediatamente anterior á sinalada para a súa celebración.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde sancionarase de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 4º

O establecido nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora ao dereito de folga lle recoñece aos/ás traballadores/as.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural