DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2007 Páx. 12.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de xullo de 2007 pola que se resolve a convocatoria da do 22 de febreiro de concesión de axudas a estudantes universitarios para a realización de cursos de idiomas no estranxeiro e para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares.

Pola Orde do 22 de febreiro de 2007, DOG do 6 de marzo, aprobáronse as bases e procedeuse á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para a realización de cursos de idiomas no estranxeiro e para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares, detallándose, segundo o artigo 1 da citada orde, do seguinte xeito:

1. Financiamento de viaxes para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país (anexo I).

2. Axudas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares (anexo II).

De acordo co establecido no artigo 5 das bases da convocatoria, desde o día 4 ao 14 de maio de 2007 expuxéronse as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por documentación, podendo durante ese mesmo prazo os interesados formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Transcorrido ese prazo, as solicitudes admitidas foron estudadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 7 das bases da convocatoria e atendendo ao informe-proposta elevado pola citada comisión avaliadora a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, esta consellería

RESOLVE:

Artigo 1º

Concederlles axudas de financiamento de viaxes para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país ao alumnado universitario que se relaciona na listaxe de concedidas do anexo I desta orde e na contía que se especifica.

No suposto de producirse algunha renuncia, e tendo en conta o remanente de crédito previsto na orde de convocatoria, procederase a adxudicarlle a bolsa a aqueles solicitantes que figuran no mesmo anexo I na listaxe de seleccionados como suplentes e pola orde que nesta aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso.

Para os efectos de cobramento, os concedidos e suplentes que realizaron o curso de idiomas deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, antes do 10 de outubro de 2007, a documentación que se sinala no punto 6 do anexo I da orde de convocatoria, é dicir:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado de asistencia ao curso para o que lle foi concedida a axuda traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, a algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e no que se especifique lugar e datas de realización.

b) No caso de terse producido variación nos datos achegados na declaración xurada de axudas presentada coa solicitude, deberá xuntar unha nova declaración en que consten os cambios producidos.

Denegarlle axudas de financiamento de viaxes para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país ao alumnado universitario que se relaciona na listaxe do anexo I desta orde como denegados, polas causas que nel se especifican.

Artigo 2º

Concederlles axudas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares ao alumnado universitario que se relaciona na listaxe de concedidos do anexo II desta orde e na contía que se especifica.

No suposto de producirse algunha renuncia, e tendo en conta o remanente de crédito previsto na orde de convocatoria, procederase a adxudicarlle a bolsa a aqueles solicitantes que figuran no mesmo anexo II na listaxe de seleccionados como suplentes e pola orde que nesta aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter asistido á actividade para a que solicitaron a axuda.

Para os efectos de cobramento, os concedidos e suplentes que realizaron a actividade deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, antes do 10 de outubro de 2007, a documentación que se sinala no punto 6 do anexo II da orde de convocatoria, é dicir:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado ou acreditación de asistencia á actividade para a que lle foi concedida a axuda e, se é o caso, de presentación da comunicación, póster ou similar, traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, a algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e no que se especifique lugar e datas de realización.

b) No caso de terse producido variación nos datos achegados na declaración xurada de axudas presentada coa solicitude, deberá xuntar unha nova declaración en que consten os cambios producidos.

Denegarlles axudas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares aos alumnos universitarios que se relacionan na listaxe do anexo II desta orde como denegados, polas causas que nel se especifican.

Artigo 3º

O incumprimento total ou parcial por parte dos beneficiarios de calquera das condicións establecidas na orde de convocatoria do 22 de febreiro de 2007 (DOG do 6 de marzo) e nesta orde, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"

Ver referencia pdf "13900D003P022.PDF"