DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2007 Páx. 12.402

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2007, da Secretaría Xeral de Política Linguística, pola que se aproba a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en universidades de España e do estranxeiro.

A Xunta de Galicia, a través do artigo 7 alínea e) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo (DOG nº 53, do 16 de marzo), de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, atribúe á Secretaría Xeral de Política Lingüística, como órgano superior da Administración autonómica en materia de promoción e ensino da lingua galega, a tarefa e a competencia de apoiar e coordinar o coñecemento e o uso do galego fóra do territorio lingüístico galego.

Neste sentido, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos como órganos de referencia nestas universidades, a través dos que se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico senón tamén na súa área de influencia.

A maioría destes centros refórzanse coa presenza dun lector/a que, como complemento á súa actividade formativa, responsabilízase da docencia, da investigación e da promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. Os importes das súas bolsas establécense expresamente nos ditos convenios de colaboración, imputándose o gasto ás aplicacións orzamentarias 04.60.151A.781.2, cando o aboamento da bolsa recaia sobre universidades españolas, 04.60.151A.790.0, cando o aboamento o deban facer universidades estranxeiras e 04.60.151A.480.2, cando a bolsa a aboe directamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

En consecuencia; segundo o establecido na disposición adicional alínea c) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, e de acordo coa Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, creada polo Decreto 58/2006, do 30 de marzo; procede realizar a convocaria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas que se relacionan máis abaixo, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto.

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, bolsas de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas seguintes universidades:

Ver referencia pdf "13900D001P006.PDF"

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

-Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas, que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta axuda económica.

-Titulación académica:

* Os licenciados en filoloxía galega; en filoloxía hispánica, na subsección de galego-portugués ou en filoloxía románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, poderán solicitar calquera dos lectorados ofertados.

* Os licenciados en tradución e interpretación unicamente poderán solicitar as bolsas para os lectorados localizados nalgún dos seguintes países: Alemaña, Reino Unido, Francia, Polonia e Croacia; sempre que acrediten 27 créditos de galego e 21 créditos de inglés ou, no canto deste, 21 créditos na lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, estean a exercer ou exerceron como lectores/as de lingua, literatura e cultura galegas e que obtiveron a súa bolsa en convocatorias públicas anteriores.

Artigo 3º.-Duración.

1. As persoas seleccionadas serán nomeadas para unha primeira estadía que abranguerá o curso académico 2007/2008, en Europa, e 2008, en Brasil e Uruguai. Este período inicial poderase ir renovando sucesivamente por cursos académicos, ata completar unha estadía máxima total de tres cursos, sempre que esta circunstancia non contraveña a normativa propia da universidade de destino. Para o computo do período máximo de permanencia como lector/a non se terán en conta os nomeamentos provisionais derivados de substitucións.

2. A Secretaría Xeral de Política Lingüística renovará a bolsa do/a lector/a, se o informe que cada responsable dos centros de estudos galegos lle debe remitir á mesma, cun mes de antelación ao remate da bolsa, recolle unha evolución positiva na formación e no aproveitamento, por parte do beneficiario, das experiencias e prácticas realizadas no lectorado. En caso contrario, non procederá a dita renovación.

3. Os nomeamentos faranse efectivos de acordo coas seguintes datas:

-1-10-2007, para as persoas seleccionadas para os lectorados localizados nas nas seguintes universidades: Autónoma de Barcelona, Salamanca, Estremadura, Murcia, Libre de Berlín, Cristiana Albertiana de Kiel, Bangor, Rennes 2, Varsovia, Nova de Lisboa e Zadar.

-1-1-2008, para as persoas seleccionadas para os lectorados localizados nas seguintes universidades: da República e São Paulo.

Artigo 4º.-Actividade.

1. O/A lector/a, baixo a dirección do responsable do Centro de Estudos Galegos, en coordinación co mesmo e como complemento práctico á súa actividade formativa, desenvolverá actividades de docencia, respecto daquelas materias relacionadas coa potenciación da lingua galega que se concreten no convenio de colaboración que se asine coa correspondente universidade, e de programación e organización de tarefas de investigación, difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, non só no ámbito universitario senón tamén na súa área de influencia.

2. O/A lector/a de lingua, literatura e cultura galegas non poderá desenvolver actividades que impidan, dificulten ou menoscaben o cumprimento das condicións establecidas para o desfrute da bolsa concedida. En calquera caso deberalle comunicar á Secretaría Xeral de Política Lingüística o desenvolvemento de actividades alleas ao obxecto desta convocatoria para que esta determine se procede a compatibilidade.

Artigo 5º.-Contía das bolsas.

1. O/A lector/a percibirá o importe da bolsa directamente da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a través da universidade para a que sexa seleccionado. A opción elixida dependerá da normativa aplicable en cada unha das universidades de destino e recollerase no convenio de colaboración que se asine entre as dúas institucións, xunto coa contía que se vai percibir e a partida orzamentaria correspondente.

2. Para o ano 2007 o importe íntegro mensual das bolsas obxecto desta convocatoria é o seguinte:

-1.123,96 €, para aqueles lectorados localizados en universidades españolas.

-1.277,12 €, para aqueles lectorados localizados en universidades estranxeiras.

3. Nestes importes considéranse incluídos todos os conceptos, é dicir, o/a lector/a fará fronte aos gastos de tipo persoal que se poidan derivar da súa estadía; tales como viaxes, desprazamentos urbanos, residencia, requisitos burocráticos, etc.; con cargo á bolsa adxudicada.

4. O/A lector/a queda obrigado a reintegrar, total ou parcialmente, o importe dos conceptos indebidamente percibidos.

5. O/A lector/a queda obrigado, así mesmo, a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou por calquera outro órgano fiscalizador das administracións públicas, no exercicio das súas funcións de control.

Artigo 6º.- Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes axustaranse ao modelo oficial recollido como anexo I desta resolución e acompañaranse, cando menos, da documentación que a seguir se especifica:

-Fotocopia compulsada do DNI ou documento acreditativo da identidade.

-Fotocopia compulsada do título (ou títulos) de licenciatura, ou da acreditación de telo/s solicitado/s.

-Certificado de estudos orixinal (ou fotocopia compulsada).

-Curriculum vitae e xustificantes de todos os méritos alegados.

-Escrito, asinado pola persoa solicitante, que conteña a explicación dos motivos da solicitude e o proxecto de traballo para cada universidade solicitada.

-Calquera outra que se considere oportuna.

-Declaración xurada de non estar en situación de servizo activo como funcionario, ou ben, en caso de estalo, indicación do corpo de pertenza e compromiso de solicitar o pase á correspondente situación administrativa.

2. A maiores desta documentación, os solicitantes presentarán unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos. De non ter solicitada ou concedida ningunha, tamén o farán constar.

3. Os interesados poderán solicitar, como máximo, catro lectorados, debendo relacionalos no anexo I por orde de preferencia.

4. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos notificaráselle ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou xunte os documentos requiridos. Transcorrido dito prazo sen que se producise a emenda, a petición terase por desistida ou deixaranse sen puntuar os méritos que non se xustifiquen debidamente, segundo corresponda.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. As solicitudes e a documentación acreditativa serán examinadas e valoradas por unha comisión presidida pola subdirectora xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-A xefa do Servizo de Plans, Programas e Asesoramento Lingüístico, que exercerá como presidenta da comisión, en ausencia da súa titular.

-O xefe de Sección de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Por parte da universidade en que se localice o lectorado que se pretende cubrir, o responsable do Centro de Estudos Galegos, ou persoa en que delegue.

-Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz pero sen voto.

A ausencia dalgún dos membros da comisión, pertencente á Secretaría Xeral de Política Lingüística, será substituída por algún dos seguintes suplentes:

-A xefa do Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

-A xefa do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

2. A comisión de valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lles poidan xurdir aos membros de dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 9º.-Valoración de méritos.

1. A comisión valorará os méritos, debidamente acreditados por cada un dos interesados, de acordo co contido do anexo II desta resolución.

2. Para estes efectos, elaborará un informe que se xuntará á acta da reunión, en que se recolla a relación de admitidos, con indicación das universidades solicitadas; a relación de excluídos, con indicación do motivo; e, para cada universidade, a relación, ordenada de maior a menor puntuación total acadada, de solicitantes admitidos con indicación da puntuación outorgada a cada un dos méritos alegados por estes.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A comisión de valoración elevaralle ao/á titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística a acta da reunión recollida no artigo anterior, xunto cunha proposta de resolución en que se adxudicarán os lectorados a aqueles interesados que obtivesen a maior puntuación total e xuntando tamén a manifestación expresa do candidato proposto de aceptar o seu nomeamento.

2. As bolsas non poderán ser adxudicadas a aqueles solicitantes que non obtivesen unha puntuación mínima total de 5 puntos.

3. Se algún dos candidatos propostos non aceptase o seu nomeamento, proporase o seguinte con maior puntuación, ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao seguinte e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. En base á proposta formulada, o/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística procederá a ditar resolución nomeando os lectores propostos. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e seralle notificada á correspondente universidade de destino.

5. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de seis meses, contados a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De non resolverse neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

6. A resolución desta convocatoria queda condicionada á existencia de convenio en vigor entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e cada unha das respectivas universidades, na data en que se faga efectivo o nomeamento do/a lector/a. A carencia deste convenio supón deixar sen efectos o nomeamento dos lectores afectados.

7. No caso de funcionarios en servizo activo, o seu nomeamento como lectores estará condicionado a que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que o dito nomeamento é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

8. Se algún lectorado é declarado deserto, abrirase un procedemento especial para a súa cobertura, ofertándose, en primeiro lugar, a aqueles candidatos que, non o tendo solicitado nun principio, obtivesen unha puntuación igual ou superior a 5 nas universidades solicitadas e seleccionando, mediante entrevista, de entre estes candidatos o considerado máis idóneo para esta.

9. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Substitucións.

1. Se, unha vez nomeado, o/a lector/a renunciase ao lectorado, este cubrirase provisionalmente co seguinte candidato con máis puntuación que concorrese á convocatoria. Ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao seguinte e así sucesivamente ata a súa cobertura e sempre observando que o substituto acadase, como mínimo, unha puntuación total de 5 puntos nesta convocatoria.

Se non fose posible cubrir o lectorado por este sistema, a Secretaría Xeral de Política Lingüística empregará as listas de substitucións de profesores de lingua e literatura galegas que para estes efectos dispón a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O disposto no punto anterior tamén será de observancia para a cobertura do lectorado cando sexa necesaria a substitución temporal do bolseiro titular deste. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

3. Os lectorados cubertos de forma interina, agás o caso previsto na situación prevista no punto anterior, serán de novo convocados para ser cubertos mediante concurso público de méritos na seguinte convocatoria.

Artigo 12º.-Revogación e suspensión.

1. A concesión e desfrute da bolsa non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e os lectores seleccionados.

2. A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo de instrución do correspondente expediente, poderá revogar o nomeamento do/a lector/a, e polo tanto da bolsa concedida, ou suspendelo temporalmente, cando concorra, ademais das establecidas especificamente, algunha das seguintes circunstancias:

-Incumprimento total ou parcial do disposto no artigo 4º desta resolución.

-Notoria falta de actitude no desenvolvemento das actividades previstas no artigo 4º.

-Obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados.

-Posterior coñecemento de nomeamento indebido por non reunir as condicións requiridas para iso.

Artigo 13º.-Normativa de aplicación.

1. Esta resolución réxese polos preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE nº 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións.

2. Así mesmo, réxese polo establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG nº 238, do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; en todo aquilo que non se opoña ao Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 214, do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a última redacción dada na Lei 14/2004, do 29 de decembro (DOG nº 253, do 30 de decembro) de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 14º.-Recursos.

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 de Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A secretaria xeral de Política Lingüística, no ámbito das súas competencias, poderá ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "13900D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "13900D002P011.PDF"