DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 17 de xullo de 2007 Páx. 12.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2007 pola cal se establecen as bases reguladoras da concesión dos premios da Escola Galega de Administración Pública á calidade de materiais didácticos e se convoca a súa segunda edición.

A Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP), como órgano encargado da formación do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia e da investigación en todas as materias que sexan do seu interese, así como tamén, de ser o caso, doutras administracións de Galicia, considera o fomento e a promoción da investigación e da innovación educativa como principios de calidade da formación. Por tanto, considera necesario promover procesos de investigación que xeren materiais didácticos para o seu emprego, e que sirvan, mediante a súa difusión, como apoio á mellora da práctica docente.

O Plan de actividades da EGAP para 2007, aprobado polo Consello Reitor da Escola, recolle a convocatoria dun premio á calidade de materiais didácticos. Este premio ten por finalidade fomentar a calidade do deseño e do contido de materiais didácticos de acordo cos criterios da sinxeleza no uso, a accesibilidade, a compatibilidade e a estruturación acaída dos contidos, de maneira que se compatibilice a optimización da información coa minimización de recursos, a calidade estética dos materiais e a adecuación dos contidos aos obxectivos pedagóxicos e ás necesidades formativas do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, incorporando instrumentos para a autoavaliación no proceso de aprendizaxe por parte do alumnado.

Polo exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios á calidade de materiais didácticos e convocar a súa segunda edición conforme as seguintes bases:

Primeiro.-Obxectivo.

Os premios á calidade de materiais didácticos están destinados a distinguir os mellores materiais didácticos no eido da formación do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, en soporte impreso, multimedia e en liña.

Segundo.-Premios.

Os premios outorgaranse en tres modalidades de materiais didácticos:

-Modalidade A: premio ao material didáctico en soporte impreso.

-Modalidade B: premio ao material didáctico en soporte multimedia.

-Modalidade C: premio ao material didáctico en liña.

Para cada unha das tres modalidades concederase un premio en metálico de 2.530 euros, o cal estará sometido ao imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), e un diploma acreditativo para as candidaturas gañadoras que expedirá o director da EGAP. Co obxecto de recoñecer a calidade dos materiais presentados establécese, ademais, a posibilidade de conceder algún accésit para cada modalidade, que en ningún caso terá contido económico.

Terceiro.-Requisitos dos participantes.

Poderán concorrer á convocatoria dos premios todos os órganos e organismos, as unidades ou entidades dependentes da Xunta de Galicia, entidades locais, sindicatos e universidades galegas, ou as persoas físicas ou xurídicas que elaborasen materiais para a execución da formación do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia nos anos 2007, 2006 e/ou 2005. Cada entidade ou persoa só poderá concursar nunha das modalidades previstas nesta convocatoria.

Non poderá concorrer á convocatoria dos premios o órgano convocador.

Cuarto.-Presentación das solicitudes.

Os candidatos que desexen participar nesta convocatoria deben completar o formulario que figura como anexo a esta resolución e envialo á atención do director da EGAP. Xunto con este formulario entregarase o material didáctico que opta ao premio acompañado dunha memoria explicativa. No caso dos materiais en liña, entregarase o esquema gráfico da súa estrutura e facilitaráselle ao xurado acceso a eles para proceder á súa avaliación.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 22 de novembro deste ano.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da EGAP, na rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, en persoa ou por correo certificado, baixo a epígrafe Premios á calidade de materiais didácticos. Igualmente, poderán presentarse en calquera dos rexistros ou oficinas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro. Deberá indicarse a modalidade a que se concorre.

O material didáctico debe estar editado e ter sido utilizado en accións formativas incluídas nos plans de formación continua dos anos 2007, 2006 e/ou 2005. Se a solicitude presentase erros reparables, requirirase a entidade solicitante para que os corrixa no prazo de dez días hábiles, coa advertencia de que, se non o fixese, se entenderá que desiste da solicitude, de conformidade cos artigos 71.1º e 42.1º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A memoria mencionada neste mesmo punto non debe superar a extensión de dez páxinas en formato A4. Nela incluirase a seguinte información:

-Datos de identificación da entidade ou persoa concorrente.

-Certificación da autoría intelectual do material didáctico.

-Denominación da acción formativa na cal se utilizou o material didáctico que se presenta, indicando o exercicio en que se incluíu esta acción no correspondente plan de formación continua.

-Indicación da área de contido a que se refire o material didáctico e resumo dela.

-Relación do contido coas necesidades formativas do colectivo a que se dirixe, con indicación da técnica ou das técnicas de avaliación de necesidades que se aplicou.

-Destinatarios da acción formativa á cal serve de apoio o material didáctico.

-Obxectivos pedagóxicos e secuencia da aprendizaxe necesaria para a súa consecución.

-Instrumentos que incorpora o material didáctico para a autoavaliación do proceso de aprendizaxe por parte do alumnado.

-Resultado da avaliación do material didáctico por parte dos destinatarios da acción formativa na cal foi utilizado.

Quinto.-Valoración das solicitudes

O xurado valorará os materiais didácticos de acordo cos criterios obxectivos e a ponderación sobre cen puntos que se indican a seguir:

a) Accesibilidade, máximo dez puntos.

b) Compatibilidade, máximo dez puntos.

c) Interactividade, máximo dez puntos.

d) Adecuación da lingua ao soporte elixido, máximo dez puntos.

e) Sinxeleza na utilización, máximo dez puntos.

f) Estruturación axeitada dos contidos, de maneira que se conxugue a optimización da información coa minimización de recursos e a calidade estética dos materiais, máximo dez puntos.

g) Adecuación dos contidos aos obxectivos pedagóxicos e ás necesidades formativas do persoal a que vai dirixido o material didáctico, máximo vinte puntos.

h) Incorporación de instrumentos de autoavaliación do proceso de aprendizaxe, máximo dez puntos.

i) Consideración do enfoque de xénero entre os obxectivos pedagóxicos, máximo dez puntos.

Para a avaliación destes criterios, o xurado poderá solicitar o asesoramento de expertos nas diferentes modalidades do premio.

Para a aclaración dalgún aspecto técnico dos materiais didácticos presentados, o xurado poderá solicitar tamén unha breve presentación e defensa do proxecto dalgún dos candidatos.

O xurado será designado polo director da EGAP e estará composto por un presidente, tres vogais -designados entre persoas de recoñecido prestixio e con experiencia no eido da formación do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia- e un secretario, que actuará con voz pero sen voto.

O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas no capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto.-Resolución.

O xurado propoñeralle ao director da EGAP unha resolución coas candidaturas gañadoras dos premios e dos accésit. Se, ao xuízo do xurado, ningunha candidatura reunise os méritos suficientes, os premios serán declarados desertos.

A concesión dos premios, que se realizará por resolución do director da EGAP, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo.-Compromisos da EGAP.

a) O Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP instruirá os actos de trámite necesarios para a concesión dos premios.

b) As persoas que interveñan no proceso de instrución, valoración ou concesión dos premios gardarán o segredo sobre o resultado das avaliacións das candidaturas que se presenten.

c) Os materiais didácticos serán devoltos, por petición dos seus autores ou promotores, tras a publicación da concesión dos premios, nun prazo non superior a dous meses; rematado este prazo, poderán ser incorporados ao Fondo Documental sobre Formación Continua da EGAP.

d) A EGAP facilitará información sobre a convocatoria na súa sede, no teléfono 981 54 62 47, e no seu portal web http://egap.xunta.es, onde tamén se exporá o contido desta convocatoria e se farán públicas a composición do xurado e a resolución sobre a concesión dos premios.

e) A Secretaría Xeral da EGAP levará a cabo os trámites necesarios para satisfacer os importes dos premios ás candidaturas gañadoras, cuxo aboamento se fará con cargo á dotación prevista na partida 06.80.122B.480.0 dos orzamentos da EGAP para 2007, así como todos os gastos derivados da execución desta convocatoria.

f) A EGAP comprométese a difundir o resultado dos premios na memoria de actividades de formación continua correspondente a 2007, así como no portal web da escola.

Oitavo.-Compromisos dos participantes.

a) Facilitarlle á EGAP toda canta información lles sexa requirida sobre o material didáctico obxecto da candidatura.

b) As entidades premiadas, para obteren a condición de beneficiario, deberán cumprir cos requisitos que establece a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e disposicións de desenvolvemento.

c) As entidades premiadas deberán facilitarlle canta información lles sexa requirida ao Consello de Contas.

d) A presentación da candidatura a esta convocatoria supón a aceptación do seu contido.

e) Posibilidade de uso por parte da EGAP, logo da cesión dos dereitos, dos materiais didácticos, de acordo coa Instrución do 29 de marzo de 2006 sobre retribucións das colaboracións que se prestan nas actividades que realiza a EGAP.

f) A cesión, para exposición ou publicación, dos materiais presentados a esta convocatoria.

Noveno.-Incompatibilidades.

A obtención dos premios á calidade de materiais didácticos será incompatible con calquera outro premio ou subvención para a mesma finalidade. Os candidatos deberán presentar unha declaración xurada ou responsable do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo.-Réxime xurídico.

a) A segunda edición dos premios á calidade de materiais didácticos rexerase polo disposto nesta resolución, así como pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e disposicións de desenvolvemento, nos seus preceptos básicos, e polo artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, así como polas demais normas de dereito administrativo.

b) En todos os casos, o director da EGAP resolverá as incidencias que se puidesen presentar, así como os supostos que non estean previstos nesta convocatoria, de conformidade coa normativa citada na alínea a). Contra as resolucións que se adopten en virtude desa facultade poderase interpor o correspondente recurso atendendo á natureza concreta do acto sobre o que se resolva e de acordo coa normativa anteriormente citada.

Décimo primeiro.-Recursos.

Contra esta resolución e os actos administrativos derivados dela, que poñen fin á vía administrativa, só se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "13800D012P018.PDF"