DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 17 de xullo de 2007 Páx. 12.324

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 137/2007, do 21 de xuño, polo que se aceptan as doazóns de bens culturais feitas por Concepción Pedrosa Pérez-Dávila á Comunidade Autónoma de Galicia.

O 2 de abril de 2007, a Consellería de Cultura e Deporte remitiulle á Consellería de Economía e Facenda o expediente de doazón de documentación familiar da familia Pedrosa Pérez-Dávila.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o expediente de aceptación, logo dos informes favorables da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia e da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

De acordo co disposto no artigo 17.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 34.1 do Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens, a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil sete

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aceptar nos termos establecidos por Concepción Pedrosa Pérez-Dávila a doazón de dúas caixas de documentación familiar, con datas comprendidas entre os séculos XVI e XX e que a continuación se relaciona:

-Familia Pedrosa (Casas de Ver, Vilanova de Arroxo...).

-Xenealoxía, títulos e vínculos: árbores xenealóxicas.

-Patrimonio: títulos de propiedade, documentacións da administración do patrimonio.

-Padroado de obras pías.

-Arquivos individuais: familia Pedrosa, José Mª Pardo Montenegro, José Mª Miranda Díaz.

-Familia Pérez- Dávila ( Casa do Piñeiro...).

-Patrimonio: títulos de propiedade, documentos de administración do patrimonio.

-Padroado de obras pías: S. XX.

-Arquivos individuais: Concepción Casares Gil, Antonia Reboredo Barros, Concepción Godoy Pérez- Dávila, Fermín Pérez-Dávila Casares, Concepción Pérez-Dávila Casares.

-Coleccións: xornais, libros.

Artigo 2º

Os bens doados cédense para a súa custodia no Arquivo do Reino de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda