DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 17 de xullo de 2007 Páx. 12.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 136/2007, do 21 de xuño, polo que se aceptan as doazóns de bens culturais feitas por María Teresa Pardo Rivas á Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 2 de abril de 2007, a Consellería de Cultura e Deporte remitiulle á Consellería de Economía e Facenda o expediente de doazón do arquivo familiar da familia Pardo Gil Taboada.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o expediente de aceptación, logo dos informes favorables da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia e da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

De acordo co disposto no artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 34.1º do Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens, a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aceptar nos termos establecidos por María Teresa Pardo Rivas a doazón de parte do arquivo familiar da familia Pardo Gil Taboada, que a continuación se relaciona:

-Organización e arquivo:

-Resumos de documentos.

-Recibos de entrega de documentos.

-Rexistros topográficos de documentos.

-Xenealoxía, títulos e vínculos:

-Árbores xenealóxicas.

-Expedientes de declaración de herdeiros.

-Expedientes de información de nobreza e limpeza de sangue.

-Patrimonio:

-Títulos de propiedade: autos de preitos, cartas executorias, certificados, escrituras de compravenda, escritura de foro, escrituras de doazón, escrituras de partilla, escrituras de testamento, escrituras de permuta, inventarios...

-Administración do patrimonio: certificados de actas de reunións de consellos familiares, contas de gastos, escrituras de arrendamento, escrituras de préstamo, escrituras de subforo, libros cobradores de rendas, recibos, relacións de bens, relacións de rendas...

-Documentos de arquivos individuais:

-Axustes de haberes.

-Partidas de nacemento, bautismo, matrimonio.

-Certificados de matrimonio, defunción, enterro.

-Escrituras de declaracións de fillos.

-Escrituras de nomeamento de titor.

-Licenzas militares.

-Relacións de servizo.

-Títulos de empregos, medallas e distincións.

Artigo 2º

Os bens doados cédense para a súa custodia no Arquivo do Reino de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda