DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 17 de xullo de 2007 Páx. 12.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que prorroga o prazo para xustificación das axudas concedidas para financiar proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia.

A secretaria xeral de Política Lingüística resolveu, mediante Resolución do 18 de xuño de 2007 (publicada no Diario Oficial de Galicia n.º do 11 de xullo), a adxudicación das axudas convocadas na Resolución do 13 de febreiro de 2007 pola que se anunciaba a convocatoria de axudas para financiar proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, para o ano 2007 (Diario Oficial de Galician.º 39, do 23 de febreiro).

Na Resolución do 13 de xaneiro prevíase que o prazo de xustificación das axudas rematase o 15 de xullo de 2007. Á vista da data de publicación da resolución de adxudicación definitiva, esta secretaria xeral:

RESOLVE:

1.-Prorrogar ata o 12 de setembro de 2007 o prazo de presentación das xustificacións dos gastos das axudas concedidas para financiar proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición, segundo o previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta convocatoria, ou ben presentar recurso contencioso-administrativo directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística