DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 17 de xullo de 2007 Páx. 12.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de xullo de 2007 pola que se clasifica de interese laboral a Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII, con domicilio en Pontevedra.

Supostos de feito.

Primeiro.-Alfonso Zulueta de Haz, na súa condición de presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra o día dous de maio de dous mil sete, ante o notario Eduardo Méndez Apenela co número de protocolo dous mil oitocentos trinta e tres, pola Asociación Juan XXIII, representada para este acto pola súa presidenta María Teresa Fernández Cabaleiro.

Terceiro.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

a) Potenciar e defender os dereitos das persoas con discapacidade para a súa plena integración na sociedade.

b) Difundir e divulgar a realidade social da persoa con discapacidade intelectual.

c) Fomentar e pontenciar a creación de emprego para as persoas con discapacidade, ben a través de centros especiais de emprego, lugares de traballo, creación de empresas de inserción ou de calquera outra modalidade de inserción no mercado aberto de traballo.

d) Desenvolver programas de formación para adecuar os traballadores ao posto de traballo, así como calquera outro tipo de formación que potencie e desenvolva as capacidades laborais e sociais das persoas con discapacidade.

e) Establecer contornos adecuados para que os traballadores desenvolvan a súa actividade profesional, segundo parámetros de calidade, eficacia e normalización, respectando principios éticos e de traballo digno.

f) Proporcionarlles aos traballadores con discapacidade os apoios de axuste persoal e social que cada persoa requira, mellorando o conxunto das súas habilidades sociais.

g) Establecer canles de relación entre a fundación e o contorno empresarial da zona buscando apoios á inserción laboral das persoas con discapacidade.

h) Colaborar coas institucións e a sociedade en xeral na protección e a defensa ecolóxica do noso hábitat.

Cuatro.-O padroado da fundación estará integrado por Alfonso Zulueta de Haz como presidente, Magín-Alfredo Froiz Planes, como vicepresidente, Francisco-Javier Cobián Salgado como secretario, Antonio Jar Ramos como tesoureiro, e por María Teresa Fernández Cabaleiro en representación da Asociación Juan XXIII, Alfonso Pérez Iglesias e María del Carmen Puga Pereiro, como vogais.

Quinto.-A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elévalle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Traballo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Terceiro.-Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais, na súa reunión do día dous de xullo de dous mil sete.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese laboral a Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII, adscribíndoa á Consellería de Traballo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza