DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 16 de xullo de 2007 Páx. 12.219

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 11 de xullo de 2007 pola que se derroga a do 24 de marzo de 1998, pola que se regula o recoñecemento de interese ambiental para actos de carácter educativo ou científico.

Na data de 31 de marzo de 1998 publícase no Diario Oficial de Galicia nº 61 a Orde de 24 de marzo de 1998 pola que se regula o recoñecemento de interese ambiental para actos de carácter educativo ou científico, coa finalidade de establecer un procedemento para determinar as diferentes actividades que, no marco xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, merecen ser consideradas como de interese ambiental e outorgarlles así un apoio institucional para os labores de educación e investigación ambiental.

Neste sentido, o único requisito material exixido pola norma de cara á concesión do citado recoñecemento ten a súa base nun criterio meramente teleolóxico e abstracto, xa que, segundo o disposto no artigo 1 da citada orde, a actividade en cuestión debe ter como finalidade a concienciación, estudo, formación ou especialización en relación coa protección e xestión do ambiente.

A omisión na devandita norma de criterios concretos de carácter obxectivo que permitan establecer uns estándares mínimos de calidade, contidos, etc., nos que cifrar o interese público plasmado no outorgamento do recoñecemento de interese ambiental, impide realizar unha selección cualitativa e conduce a que, na práctica, a concesión do dito recoñecemento se faga de xeito automático respecto de calquera solicitude formulada. Deste xeito, a eventual denegación do recoñecemento carecendo dunhas pautas normativas concretas que a xustifiquen, podería dar lugar incluso a un excesivo grao de discrecionalidade.

En consecuencia, o recoñecemento oficial concédese de xeito xeneralizado e, na práctica convértese nun trámite formal carente de utilidade diferenciadora das actividades verdadeiramente merecedoras do apoio público polo seu interese e calidade e, frustrando a finalidade e obxecto invocados pola norma. Unido a iso, advírtense certos efectos distorsionadores xa que, o recoñecemento automático de interese ambiental ás diferentes actividades no ámbito da Comunidade Autónoma galega, podería supoñer unha minusvaloración da propia actividade perante o público xeral, forzando o seu promotor a solicitar o recoñecemento en todo caso.

Tendo en conta o anterior, a existencia do recoñecemento de interese ambiental constitúe unha forma de intervencionismo público que, lonxe de achegar vantaxes concretas aos administrados, xera unha inxustificada burocratización e distorsión da actividade privada.

Desde outra banda, a problemática derivada da norma foi tamén obxecto de estudo por parte do Observatorio Galego de Educación Ambiental en sesión celebrada o 16 de abril de 2007, na que se puxo expresamente de manifesto a dificultade de establecer uns criterios de avaliación verdadeiramente obxectivos e dotados do necesario rigor metodolóxico para a selección das actividades de interese ambiental e, se concluíu coa necesidade da derrogación por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Orde do 24 de marzo de 1998.

Finalmente e, tendo en conta que as administracións públicas serven con obxectividade os intereses xerais e actúan conforme os criterios de eficiencia e servizo aos cidadáns, segundo o disposto nos artigos 103 da Constitución española e 3 de la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, considérase conveniente derrogar a citada Orde do 24 de marzo de 1998 que regula o recoñecemento de interese ambiental.

En virtude do anterior, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Derrógase a Orde do 24 de marzo de 1998 pola que se regula o recoñecemento de interese ambiental para actos de carácter educativo ou científico.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2007.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible