DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 10 de xullo de 2007 Páx. 11.811

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 131/2007, do 21 de xuño, polo que se modifica o Decreto 210/1989, do 5 de outubro, polo que se crea o Centro Galego de Artes da Imaxe e se regula o seu funcionamento.

A disposición transitoria segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, establece que o Centro Galego de Artes da Imaxe depende da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, tamén sinala que a adaptación á nova estrutura orgánica dese centro se efectuará de xeito autónomo e singular mediante a modificación do seu respectivo decreto regulador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 210/1989, do 5 de outubro, polo que se crea o Centro Galego de Artes da Imaxe e se regula o seu funcionamento.

O Decreto 210/1989, do 5 de outubro, polo que se crea o Centro Galego de Artes da Imaxe e se regula o seu funcionamento, queda modificado como segue:

Un.-O artigo 1 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 1.-O Centro Galego de Artes da Imaxe, unidade integrada na Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia se configura como centro artístico-técnico para a recuperación, custodia, documentación, promoción e difusión do patrimonio audiovisual galego e das artes da imaxe en xeral».

Dous.-A alínea h) do artigo 2, queda redactado do seguinte xeito:

«h) Promover, ante a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a celebración de convenios e concertos con institucións públicas e privadas, nas materias que se relacionan coas funcións e obxecto dos sinalados para o dito centro».

Tres.-O artigo 2, comeza co parágrafo número 1 e engádeselle un parágrafo número 2, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. De conformidade co disposto polos artigos 6 e 13 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e polo artigo 15 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, no exercicio das funcións do Centro Galego de Artes da Imaxe teranse en conta especialmente as exixencias destas normas, promovendo o aumento cuantitativo e cualitativo da visibilidade das mulleres, e establecendo medidas e programas realizados por e para mulleres, así como, de ser o caso, medidas de acción positiva tendentes a facer realidade neste ámbito o principio de igualdade».

Catro.-O artigo 3 e os seus puntos 3 e 4, quedan redactados do seguinte xeito:

«A Secretaría Xeral de Comunicación a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual exercerá, no ámbito deste decreto, as seguintes atribucións:

3) A elaboración do orzamento anual no seo dos orzamentos da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual na Secretaría Xeral de Comunicación.

4) Propoñer o nomeamento do director ou directora do centro».

Cinco.-O artigo 9 queda redactado do seguinte xeito:

«Desempeñará a xefatura de Administración o xefe ou xefa de sección de xestión do centro, que será un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación.

Son funcións desa sección de xestión:

1. A supervisión e dirección dos asuntos de persoal e os económico-administrativos do centro.

2. A coordinación dos referidos asuntos cos departamentos correspondentes da Secretaría Xeral de Comunicación e da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

3. A supervisión dos custos das actividades do centro.

4. Desempeñará a secretaría do consello asesor da dirección».

Seis.-O artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

«O Centro Galego de Artes da Imaxe financiarase mediante os recursos económicos que con esa finalidade específica se consignen nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia correspondentes á Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual».

Sete.-A disposición derradeira primeira queda redactada do seguinte xeito:

«Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Comunicación para ditar as normas de desenvolvemento e execución deste decreto, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual».

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza