DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 06 de xullo de 2007 Páx. 11.603

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 28 de xuño de 2007 pola que se modifica a do 5 de marzo de 2007 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas aos concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e realización de actividades de voluntariado.

A Orde do 5 de marzo de 2007, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, publicada no DOG nº 54, do 16 de marzo, sinala no seu artigo 4, (modificado no Diario Oficial de Galicia nº 83, do 30 de abril) que as subvencións se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2007.05.32.312F.460.0 (proxecto 2003 00512) cun importe de 400.000 € destinados ás subvencións reguladas por esta orde.

Recibida unha achega do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais co obxecto de propiciar a realización de programas en desenvolvemento do Plan Nacional do Voluntariado no ámbito autonómico, faise necesario modificar a orde de axudas no que respecta á contía económica.

De acordo con todo o anterior, e no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e modificada pola disposición adicional oitava da Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, pola que pasa a denominarse Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Ampliar o importe da contía máxima da Orde do 5 de marzo de 2007 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas aos concellos e mancomunidades de municipios para o fomento e realización de actividades de voluntariado na contía de 82.000 € (oitenta e dous mil euros ) con cargo á partida orzamentaria 2007.05.32.312F.460.0 (proxecto 2003 00512) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar