DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 05 de xullo de 2007 Páx. 11.565

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 26 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases que regulan as axudas destinadas á implantación de sistemas de autocontrol nos mercados de gando e se convocan en 2007.

Os mercados de gando teñen unha importancia estratéxica no sector agrogandeiro galego, porque a concorrencia de animais aos mercados dinamiza o sector gandeiro de Galicia. É indubidable a súa importancia económica e social, sendo imprescindibles para a implantación duns prezos de referencia, favorecendo deste xeito a mellora da renda dos gandeiros.

As crecentes exixencias dos consumidores en materia de sanidade e benestar animal, identificación e rastrexabilidade do gando e produtos gandeiros establecidas pola Unión Europea obrigan a este tipo de explotacións a modernizar as estruturas de comercialización.

O paso dos animais vivos polos mercados é unha etapa máis dentro da vida do animal destinado á produción de carne e débese considerar como un factor integrante do control da calidade integral da carne.

Como consecuencia do anterior, esta orde ten por obxecto establecer unha liña de axudas de minimis destinada a apoiar que se apliquen sistemas de auto-control nos mercados de gando, entendidos como a implantación e desenvolvemento dun protocolo de actuacións, que con carácter previo e preventivo permiten un control máis detallado das distintas etapas, logrando un mellor aproveitamento dos seus recursos e polo tanto dando unha resposta máis rápida e eficaz diante das posibles eventualidades que poidan afectar a consecución dos obxectivos establecidos de sanidade, benestar, identificación e rastrexabilidade do gando.

Esta orde dítase de acordo co disposto no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis.

No marco do Real decreto 190/2007, do 9 de febreiro, polo que se establecen as bases reguladoras das axudas de minimis destinadas á implantación de sistemas de auto-control nos mercados de gando, establécense axudas dirixidas a entidades que implanten este tipo de sistemas de autocontrol.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas destinadas á implantación de sistemas de autocontrol nos mercados de gando na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva mediante o sistema de rateo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2007.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas xurídicas, públicas ou privadas, que sexan titulares dun mercado de gando, segundo o establecido na base de datos do rexistro xeral de explotacións gandeiras creada polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o rexistro xeral de explotacións gandeiras.

Como requisitos para a concesión da axuda os mercados deberán:

a) Estar autorizados como centros de concentración para intercambios intracomunitarios segundo o Real decreto 1716/2000, do 13 de outubro, sobre normas sanitarias para o intercambio intracomunitario de animais das especies bovina e porcina ou o Real decreto 1941/2004, do 27 de setembro, polo que se establecen as normas de policía sanitaria que regulan os intercambios intracomunitarios e as importacións de países terceiros das especies ovina e caprina.

b) Celebrarse cunha periodicidade, polo menos, semanal.

Artigo 3º.-Actividade subvencionable.

1. Subvencionarase a implantación dun sistema de auto-control cuxos requisitos mínimos se determinan no artigo 4º desta orde.

2. O cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de ambiente, sanidade, benestar e identificación animal non será en ningún caso subvencionable.

Artigo 4º.-Requisitos mínimos dos sistemas de auto-control.

1. Os sistemas de auto-control aplicables nos mercados de gando deberán rexistrar, polo menos, os controis que se realizan nos seguintes aspectos xerais das instalacións e actividade do mercado:

a) Mantemento óptimo das instalacións do mercado.

b) Formación do persoal.

c) Organización da actividade do mercado.

2. O sistema de auto-control incluirá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Elección de puntos, lugares, actuacións nas cales se debe realizar o control.

b) Obxectivos a acadar ou valores guía que se espera obter nese punto de control.

c) Frecuencia dos controis.

d) Rexistro das incidencias cando estes obxectivos ou valores non se acadan.

e) Medidas correctoras aplicadas no caso de ocorrencia de incidencias.

3. A supervisión do sistema de auto-control poderá ser realizada pola autoridade competente ou por organismos independentes de control que verificarán, mediante visita de inspección, cunha periodicidade semestral, que se implantou o devandito sistema. No caso de que se detecten incumprimentos, a periodicidade da supervisión do sistema de auto-control reducirase nos termos que estableza a autoridade competente.

4. Os requisitos e procedementos de actuación dos organismos independentes de control axustaranse ao previsto no anexo.

5. As autoridades competentes realizarán as comprobacións administrativas e sobre o terreo que consideren oportunas para comprobar o cumprimento do sistema de auto-control nos mercados. As comprobacións poderán afectar tanto as actuacións dos organismos de control como os propios mercados, co obxecto de comprobar o cumprimento do sistema de auto-control.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazos de presentación.

1.As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto

de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

Ás solicitudes de axuda segundo o anexo I deberá anexarse unha descrición do sistema de auto-control que se vai implantar nos termos previstos no artigo 4 e o orzamento detallado dos custos de implantación do sistema.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros corrixibles, requirirase o responsable para que no prazo de dez días hábiles, desde o seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falla ou xunte os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución en tal sentido, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

Artigo 6º.-Contía, compatibilidade e límites das axudas.

1. As axudas previstas nesta orde son compatibles con aqueloutras que estableza co mesmo obxecto, se é o caso, calquera outra administración, sempre que se respecten os niveis máximos de axuda dos investimentos previstos no número 2.

2. O nivel de axuda para os investimentos previstos nesta orde non poderá superar o 50 por cento dos investimentos subvencionables, en rexións do obxectivo 1, nin o 40 por cento nas demais rexións. Enténdese por rexións do obxectivo 1 as definidas nos artigos 3 e 6 do Regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello, do 21 de xuño de 1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais.

3. Sen prexuízo do previsto no punto anterior a axuda máxima non poderá superar a cantidade de 36.000 euros por beneficiario e ano.

4. Cando o importe das solicitudes de axuda exceda da dotación dispoñible no crédito, procederase reducir proporcionalmente as contías unitarias das axudas.

5. As axudas que se concedan de conformidade co establecido nesta orde axustaranse ás seguintes limitacións adicionais:

a) Como moito, un beneficiario poderá percibir estas subvencións durante cinco exercicios consecutivos.

b) No primeiro ano poderase subvencionar a implantación do sistema de auto-control dese mercado.

c) Nos anos seguintes subvencionaranse os gastos de control relativos ao sistema de auto-control implantado no mercado.

d) Cada beneficiario só poderá recibir durante tres anos a porcentaxe máxima de subvención que se fixe para cada exercicio.

e) Cando un beneficiario reciba estas subvencións catro ou cinco anos, o importe que poderá percibir será, como moito, do 40 por cento dos gastos de control o cuarto ano e do 30 por cento o quinto.

6. O conxunto da axuda non poderá superar en ningún caso a cantidade de 200.000 euros por beneficiario.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A resolución do expediente correspóndelle ao conselleiro de Medio Rural, por proposta do director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

De adordo co artigo 22 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a baremación das solicitudes, segundo os criterios do artigo 11, efectuarase por un órgano colexiado constituído para o efecto, formado por: presidente o subdirector/a xeral de Gandaría; vogal o/a xefe/a de servizo de Planificación Gandeira, e secretario o/a xefe/a de servizo de Producións Gandeiras, que emitirá o informe correspondente. Á vista deste informe o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria elevará proposta de resolución ao conselleiro de Medio Rural.

A consellería notificará a resolución, nun prazo de seis meses a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. A falta de notificación no dito prazo poderase entender desestimatoria das peticións de axuda. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 8º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

1. Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións ou entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas ou o anexo II debidamente cuberto.

2. En calquera caso, coas xustificacións, e se houbese modificación da declaración anterior, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 9º.-Xustificación do cumprimento e controis.

Os beneficiarios das axudas deberán xustificar o cumprimento da finalidade para a que foron concedidas, e a aplicación dos fondos percibidos, mediante a presentación da documentación xustificativa correspondente, no prazo e forma que determine a autoridade que as outorgou, sen prexuízo dos controis, administrativos ou sobre o terreo, que poida realizar o persoal da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Artigo 10º.-Modificación das axudas.

1. As subvencións a que se refire esta orde consideraranse subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, cando exista concorrencia doutras axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa, polo beneficiario, da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu, nos termos establecidos nesta orde.

3. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda e obriga de facilitar información.

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos demais supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999). Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12º.-Réxime de incompatibilidades.

As axudas recollidas nesta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran os límites establecidos na normativa aplicable e que, en ningún caso, se supere o custo total da actividade financiada.

Artigo 13º.-Financiamento.

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007:

11.03.713_E770.3: 108.000 euros.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cos que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Requisitos e funcionamentos dos organismos independentes de control.

Os organismos independentes de control deberán reunir os criterios establecidos na norma ISO/IEC 17020, cun alcance que inclúa a inspección dos sistemas de auto-control dos mercados, e deberán dispoñer da oportuna acreditación expedida pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) regulada no capítulo II, sección 2ª, do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial aprobado polo Real decreto 2200/1995, ou calquera outra entidade de acreditación membro de EA.

De forma transitoria os organismos independentes de control que solicitasen a correspondente acreditación poderán ser autorizados provisionalmente mediante resolución do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por un período máximo de ata dous anos despois da entrada en vigor deste real decreto, entrementres obteñen a acreditación, previa solicitude e presentación da seguinte documentación:

1. Xustificación da competencia técnica para realizar a tarefa mediante:

a) Organigrama.

b) Persoal inspector (número).

c) Educación inicial, formación e adestramento, coñecementos técnicos e experiencia axeitados.

2. Identificación legal do organismo.

3. Seguro de responsabilidade adecuado.

4. Tarifas.

5. Métodos e procedementos de inspección axeitados.

6. Tipo ou modelo de informe de inspección que conteña, polo menos, os resultados dos exames e determinacións, así como toda a información necesaria para comprendelos e interpretalos.

Obrigas:

Os organismos independentes de control deberán conservar para á súa posible consulta polas autoridades competentes, durante un prazo de cinco anos, expedientes, documentación e datos dos controis realizados e dos informes emitidos.

Ver referencia pdf "13000D001P005.PDF"