DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 04 de xullo de 2007 Páx. 11.494

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 19 de xuño de 2007 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Colegio Médico Pontevedra-FCOMP.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Colegio Médico Pontevedra-FCOMP, con domicilio en Pontevedra.

Supostos de feito.

1. Luis Campos Villarino, na súa condición de presidente da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra o vinte e catro de abril de dous mil sete ante o notario Eduardo Méndez Apenela, con número de protocolo dous mil seiscentos setenta e sete, polo Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Pontevedra, representado para este acto polo seu presidente Luis Campos Villarino.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a promoción, programación, desenvolvemento e execución de todo tipo de actividades educativo-docentes e científicas, que fomenten o estudo e a investigación en todas as cuestións relacionadas coa sanidade e coa protección social dos médicos de Galicia.

4 -O padroado da fundación estará integrado por Luis Campos Villarino como presidente, Isidro José Lago Barreiro como secretario, Gonzalo Sans Domínguez como tesoureiro, e por Dionisio Alonso Párraga, Jorge Nogueira Dios, Mario Agustín Hortas Guldrís, María del Pilar Gómez Méndez, Manuel Rodríguez Piñeiro, Roberto Octavio Celi Alzamora, José Rafael Cañadilla Moraleda, Jesús Sánchez Nebra, Manuel Nieto Pereira, Juan Manuel Romero Fernández, Santiago Saavedra Lourido, Pedro Silva Arochena, Isidoro Rivera Campos, José María Fraga Bermúdez, e Gerino Castor Calvo Maquieira, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Colegio Médico Pontevedra-FCOMP dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, de 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil sete.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

Dispoño:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Colegio Médico Pontevedra-FCOMP, adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza