DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 03 de xullo de 2007 Páx. 11.467

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2007, pola que se crean os ficheiros de Xestión de pacientes e historias clínicas na saúde bucodental de odontoloxía (Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela) e de Xestión de servizos de integración laboral e se modifica o ficheiro número 16 Xestión de prácticas en empresas e servizos de integración laboral dos ficheiros de datos de carácter persoal da Universidade de Santiago de Compostela.

A disposición adicional segunda, 2, da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro) especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse mediante a disposición xeral correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela ten aprobada a regulación dos seus ficheiros na Resolución do 24 de xuño de 2002, na Resolución do 1 de xuño de 2004, na Resolución do 26 de xaneiro de 2005 e na Resolución do 9 de maio de 2006, pero os cambios funcionais operados na USC e a creación dun novo ficheiro fan necesaria a creación de novos ficheiros e a modificación dun dos existentes.

En particular créase o ficheiro de Xestión de pacientes e historias clínicas na saúde bucodental de odontoloxía (Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela) para a nova xestión informatizada de pacientes e historias clínicas da titulación da Facultade de Medicina e Odontoloxía, e cámbiase o ficheiro Xestión de prácticas en empresas e servizos de integración laboral dividíndoo en dous con dependencias diferentes, por cambiar as funcións dos órganos que o xestionaban.

Na súa virtude, e co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de asegurarlles aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

RESOLVO:

Primeiro.-Créanse os ficheiros nº 20 Xestión de pacientes e historias clínicas na saúde bucodental de odontoloxía (Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela) e nº 21 Xestión de servizos de integración laboral. A súa descrición recóllese no anexo desta resolución, na cal se indica o nivel de medidas de seguridade básico, medio ou alto correspondente a cada un destes ficheiros, en aplicación do Real decreto 994/1999, do 25 de xuño, regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.

Segundo.-Os ficheiros que se indican no anexo rexeranse polas disposicións xerais e instrucións que se detallen e estarán sometidos, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.

Terceiro.-Modifícase o ficheiro nº 16 Xestión de prácticas en empresas e servizos de integración laboral, creado por Resolución do 9 de maio de 2006, que pasa a quedar denominado ficheiro nº 16 Xestión de prácticas en empresas, e modifícase a finalidade do ficheiro, que queda do seguinte xeito: Xestión de actividades organizadas e coordinadas polo consello social referentes a prácticas en empresas e institucións e outros servizos para recentemente titulados da USC.

Cuarto.-A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3º da LOPD.

Quinto.-Ademais das cesións previstas para cada un dos ficheiros, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de lles remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades, e cos límites establecidos na lei.

Sexto.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2007.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Ficheiro nº 20: Xestión de pacientes e historias clínicas na saúde bucodental de odontoloxía (Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela).

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para este:

Xestión de datos da historia clínica, médica e odontolóxica do paciente para o seguimento deste, xestión da actividade odontolóxica, docente, de investigación, estudos de morbilidade e produción de estatística de xestión.

b) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos de carácter persoal ou resulten obrigados a subministralos:

Pacientes membros da comunidade universitaria e usuarios externos autorizados ou aceptados, que desexan facer uso dos servizos da facultade.

c) Procedemento de recollida de datos de carácter persoal:

Declaracións, formularios e transferencias de datos por medios electrónicos, magnéticos ou telemáticos.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel:

Estrutura de base de datos relacional que inclúe os datos persoais e de saúde, referente á historia clínica do paciente.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, de ser o caso, transferencias de datos que se prevexan a países terceiros:

Non se prevén cesións de datos.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro:

Vicerreitor/a de Investigación e Innovación.

g) Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Facultade de Medicina e Odontoloxía.

h) Medidas de seguridade con indicación do nivel exixible:

Nivel alto.

Ficheiro nº 21: Xestión de servizos de integración laboral.

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para este:

Xestión de servizos para a integración sociolaboral de estudantes e recentemente titulados da USC.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou resulten obrigados a subministralos:

Estudantes e alumnos egresados.

c) Procedemento de recollida de datos de carácter persoal:

Formularios, cuestionarios e transmisión telemática.

d) Estrutura básica do ficheiro e descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos nel:

Base de datos relacional.

Datos identificativos e persoais, de circunstancias familiares e académicas dos estudantes: nome e apelidos, DNI, enderezo, titulación correo electrónico, sexo, data nacemento.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, de ser o caso, transferencias de datos que se prevexan a países terceiros:

Prevese a cesión de datos a empresas/institucións colaboradoras coa USC para a busca de emprego ou integración laboral e servizos da propia universidade.

f) Órgano da Administración responsable do ficheiro:

Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social.g) Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición:

Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE).

h) Medidas de seguridade con indicación do nivel exixible:

Medidas de seguridade de nivel básico.