DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 03 de xullo de 2007 Páx. 11.457

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 12 de xuño de 2007 pola que se amplía o importe global máximo para a concesión de axudas ao abeiro da Orde do 12 de marzo de 2007 de subvencións aos proxectos colectivos de xestión integral para o aproveitamento dos recursos mariños en Galicia.

A Orde do 12 de marzo de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos proxectos colectivos de xestión integral para o aproveitamento dos recursos mariños en Galicia, aprobadas por Orde do 30 de decembro de 2005, e se convocan para 2007 (DOG nº 68, do 9 de abril de 2007), dispón no seu artigo 3 que as axudas a que se refirese outorgarán con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.770.1 da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007 por un importe máximo de 1.071.710 euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do Instrumento Financeiro de Orientación Pesqueira (IFOP) na súa medida 83.44 (accións realizadas polos profesionais). Dispón así mesmo que este importe, así como as aplicacións ás cales se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en

contrario na orde que se publique para o efecto.

Con motivo da incorporación de créditos remanentes de anualidades anteriores incrementouse o crédito que é posible destinar á citada finalidade, o que permitirá achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se concedan ao abeiro da Orde do 12 de marzo de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos proxectos colectivos de xestión integral para o aproveitamento dos recursos mariños en Galicia, aprobadas por Orde do 30 de decembro de 2005, e pola que se convocan para 2007 (DOG nº 68, do 9 de abril), contía que queda fixada na cantidade de 3.021.964,93 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.770.1 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Esta modificación non supón apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos