DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 03 de xullo de 2007 Páx. 11.456

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2007, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se delega nos delegados provinciais da Consellería de Cultura e Deporte o exercicio de determinadas competencias.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural desenvolve un gran volume da actividade administrativa orixinada nas competencias que a normativa lle atribúe.

Co fin de evitar unha concentración excesiva do traballo e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa e con suxeición á normativa legal vixente, se deleguen nos delegados provinciais da Consellería de Cultura e Deporte determinadas competencias.

Estas competencias aparecen reflectidas, entre outros, no artigo 6 do Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte; nos artigos 32, 37, 41, 43, 44, 47, 48, 52, 54, 56, 57, 58 e 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e nos artigos 1.1º a), 1.2º e 3.1º do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispoño delegar nos delegados provinciais da Consellería de Cultura e Deporte o exercicio das seguintes competencias:

1. Autorizar os proxectos de obras que afecten os bens incluídos no inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, sometidos ao informe das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego, de conformidade co artigo 2.a) do Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego.

2. Autorizar as prospeccións superficiais, as sondaxes e os controis arqueolóxicos derivados tanto dos proxectos de obra que afecten o patrimonio cultural como do planeamento urbanístico en vigor, logo do informe-proposta da correspondente comisión territorial do Patrimonio Histórico Galego.

3. Adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se visen ameazados.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá advocar para si en calquera momento o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada Lei 30/1992.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2007.

Felipe Arias Vilas

Director xeral de Patrimonio Cultural