DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 03 de xullo de 2007 Páx. 11.454

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2007, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

Subscrito o día 25 de xuño de 2007 o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do citado convenio que figura como anexo desta resolución.

O que se fai publico para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2007.

Benito Fernández Rodríguez

Secretario xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, e Vigo en materia de rexistros administrativos.

Reunidos:

Dunha parte Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, nomeada mediante o Decreto 213/2005, do 3 de agosto, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Doutra parte Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude da competencia atribuída no artigo 87 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG do 9 de febreiro), e do seu nomeamento mediante o Decreto 93/2006, do 1 de xuño.

Doutra parte José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña, en virtude da competencia atribuída no artigo 36 dos Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio ), e do seu nomeamento mediante o Decreto 1/2004, do 8 de xaneiro.

E doutra parte, Alberto Gago Rodríguez, reitor da Universidade de Vigo, en virtude da competencia atribuída no artigo 59 dos Estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 421/2003, do 13 de novembro (DOG do 5 de decembro ), e do seu nomeamento mediante o Decreto 96/2006, do 8 de xuño.

Todas as partes se recoñecen capacidade xurídica para actuar neste acto, e para tal efecto

Declaran:

Que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo), en canto Administración publica teñen asumido nos seus respectivos eidos o compromiso de mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos, promovendo e desenvolvendo políticas que inclúen a mellora da prestación dos servizos administrativos e a racionalización e simplificación dos procedementos de xestión, de xeito que os servizos académicos, así como os administrativos, económicos e calquera outros que sexan precisos para o funcionamento das universidades galegas, axeiten a súa organización e funcionamento aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización e coordinación.

É por isto que co fin de facilitar as relacións dos cidadáns coas administracións resulta conveniente a realización dun convenio entre as universidades do Sistema Universitario de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que recolla o compromiso das partes de recoñecer validez e eficacia aos rexistros xerais das universidades públicas de Galicia, para os efectos das convocatorias de subvencións e axudas que realice a dita consellería en materia de ensino superior e promoción científica e tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia.

En consecuencia, as administracións que interveñen proceden á formalización deste convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira.-Este convenio de colaboración realízase ao abeiro do disposto no artigo 6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Durante o período de vixencia deste convenio as solicitudes, escritos ou comunicacións que os interesados lle dirixan á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, relativos ás convocatorias de subvencións e axudas que realice a dita consellería en materia de ensino superior e/ou promoción científica e tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, á que se refire a cláusula seguinte, poderán presentarse válida e indistintamente en calquera dos rexistros oficiais das universidades do Sistema Universitario de Galicia, recoñecéndose a eficacia rexistral para todos os efectos de tales documentos.

Terceira.-Como medio de instrumentalizar o recollido na cláusula anterior, as partes asinantes comprométense a:

a) A Consellería de Educación Ordenación Universitaria a recoller nas convocatorias de subvencións e axudas que en materia de ensino superior e/ou promoción científica e tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia publique, durante a vixencia deste convenio, dita posibilidade de actuación.

b) As universidades a admitir nos seus respectivos rexistros oficiais as solicitudes, escritos e comunicacións que se dirixan á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e ás Universidades do Sistema Universitario de Galicia, referentes ás convocatorias de subvencións e axudas ás que se refire a cláusula anterior e a remitir inmediatamente os documentos unha vez rexistrados e, en todo caso, dentro dos tres días seguintes á súa recepción, directamente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou á universidade destinataria deles. Así mesmo, as universidades facilitaranlles aos interesados que o soliciten copia selada dos documentos que presenten, achegándoa xunto cos orixinais, así como a devolución destes, agás cando os orixinais deban constar no procedemento, de acordo co recollido na letra c) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Cuarta.-A data de entrada no rexistro do órgano administrativo da universidade de que se trate será válida para os efectos de prazos, sendo de aplicación o artigo 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, anteriormente citado.

Quinta.-Para o seguimento da execución deste convenio crearase unha comisión de seguimento, que estará constituída por:

Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a subdirectora xeral de Universidades e o xefe do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario, ou as persoas en que deleguen.

Polas universidades do Sistema Universitario de Galicia:

-O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, ou a persoa en que delegue.

-O reitor da Universidade da Coruña, ou a persoa en que delegue.

-O reitor da Universidade de Vigo, ou a persoa en que delegue.

Sexta.-Este convenio terá un prazo de vixencia dun ano, prorrogable tacitamente agás denuncia expresa de calquera das partes, efectuada por escrito notificado ás outras dous meses antes da súa extinción e producirá efectos unha vez que se lle dea publicidade, segundo establece o artigo 8 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima.-Este convenio ten natureza administrativa e réxese, en primeiro lugar, polas cláusulas que se establecen nel, no seu defecto polas normas de dereito administrativo que lle sexan de aplicación.

As partes comprométense á resolución amigable das discrepancias que puideran xurdir respecto da interpretación, modificación, resolución e cumprimento deste convenio, que serán resoltas pola comisión de seguimento.

Das cuestións litixiosas que puideran xurdir na execución do convenio será competente a xurisdición contencioso-administrativa, dada a natureza pública das partes.

O que en proba de conformidade asinan as partes en Santiago de Compostela o vinte e cinco de xuño de dous mil sete.

Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: Laura Sánchez Piñón, conselleira.

Pola Universidade de Santiago de Compostela: Senén Barro Ameneiro, reitor.

Pola Universidade da Coruña: José María Barja Pérez, reitor.

Pola Universidade de Vigo: Alberto Gago Rodríguez, reitor.