DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 03 de xullo de 2007 Páx. 11.438

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 18 de xuño de 2007 pola que se convocan axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 e os puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais da familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Por outra banda, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é o órgano da Administración do Estado a que lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas comunidades autónomas, cofinanciando estas axudas en materia de primeira infancia (0-3) xunto coa administración galega.

Segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a educación infantil ten carácter voluntario e a súa finalidade é a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual dos nenos. Por outra parte, establece esta lei orgánica que as administracións públicas promoverán un incremento progresivo da oferta de prazas públicas no primeiro ciclo. Así mesmo, coordinarán as políticas de cooperación entre elas e con outras entidades para asegurar a oferta educativa neste ciclo.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora das escolas infantís 0-3 anos como recurso educativo e de prestación de servizos ás familias galegas, que contribúa tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e as nenas, como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. A construción dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 anos, como proxecto artellado e de calidade, en cooperación cos concellos, é peza fundamental para o logro deste obxectivo.

Neste contexto a constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, mediante o convenio de colaboración asinado entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e diversos concellos o 3 de xullo de 2006 (DOG do 7 de xullo), supón un importante cambio no sistema de xestión e financiamento deste tipo de servizos, xa que unha das finalidade deste ente é a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local, con especial atención na xestión integral das escolas infantís 0-3, e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos. Polo tanto, aqueles concellos que participan como membros de pleno dereito do consorcio, e no que atinxe ao réxime de mantemento e mellora, observarán ao pactado no marco do ente interadministrativo, quedando o réxime transitorio de financiamento establecido nesta orde para os concellos que non integran o consorcio ou que, pertencendo ao consorcio, non teñan iniciado o

proceso de transferencia de xestión dos centros ao consorcio.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia

para o ano 2007.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.312G.460.2, recollida na Lei de orzamentos xerais de Galicia para o ano 2007, e o importe destinado a elas ascenderá a 3.547.177 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Normas xerais

Parte xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas para subvencionar o mantemento das escolas infantís 0-3 e os puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais de Galicia.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

Poderán solicitar estas axudas as corporacións locais galegas que, ademais dos requisitos xerais e específicos establecidos nesta orde, reúnan as seguintes condicións:

1. Que teñan en funcionamento ou ben unha/s escola/s infantil/ís 0-3 ou ben un/s punto/s de atención á infancia (PAI) da súa titularidade.

2. Que a corporación local non pertenza ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ou, no caso de pertenza ao consorcio, que, tendo subscrita a súa adhesión, non iniciase o proceso de transferencia da xestión do/s centro/s da súa titularidade no momento de remate do prazo establecido para a presentación de solicitudes, circunstancia esta última que se acreditará mediante a correspondente certificación da xerencia do consorcio.

Artigo 3º.-Requisitos xerais.

Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada tipo de centro, deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

1. Que o centro cumpra os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais (DOG do 21 de agosto de 1995), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto de 2005), así como a normativa de desenvolvemento, se é o caso.

2. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais/nais ou representantes legais dos usuarios, os centros prestarán servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e salvo causa xustificada, logo de autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. As solicitudes para o peche temporal dos centros durante o ano 2007 deberán presentarse antes do 31 de maio.

3. Ter xustificado, nos prazos previstos, e en todo caso no momento de presentar a solicitude de axuda, os gastos correspondentes ás axudas recibidas en anos anteriores con esta mesma finalidade.

Artigo 4º.-Tipo de axuda.

Nesta orde convócanse axudas para o mantemento dos centros que ten como finalidade compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 5º.-Criterios de valoración e concesión.

No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:

a) Centros pertencentes a corporacións locais adheridas ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e sen transferencia da xestión: 5 puntos.

b) Centros pertencentes a corporacións locais que en anos anteriores recibiron axudas ou subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto e obtiveron unha valoración satisfactoria: 3 puntos.

A valoración satisfactoria a que se refiren as alíneas anteriores acreditarase mediante o correspondente informe sobre a execución da actividade subvencionada emitido pola Subdirección Xeral de Autorizacións e Inspección de Centros.

c) Segundo o tempo de funcionamento do centro desde a data do permiso de inicio de actividades:

-Inferior a 3 anos: 1 punto.

-Entre 3 e 5 anos: 2 puntos.

-Superior a 5 anos: 3 puntos.

En caso de empate nas puntuacións, daráselle prioridade as solicitudes que obteñan máis puntuación na suma das alíneas a) e b).

Artigo 6º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán participar no financiamento ao menos cun 30 por 100 do orzamento total do centro.

Artigo 7º.-Límite das axudas.

O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 8º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial (anexo I) acompañada da seguinte documentación:

A) Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ao mantemento do centro.

B) Certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

C) Memoria do centro do curso escolar 2005/2006.

D) Declaración de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

E) O permiso de inicio de actividades comprobarao de oficio a Administración.

F) No caso de escolas infantís 0-3, proxecto educativo adaptado á estrutura que figura como anexo VII desta orde.

2. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

3. Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As corporacións locais solicitantes respecto das escolas infantís 0-3 deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta no modelo oficial conforme o anexo IV desta orde.

5. As corporacións locais que en anos anteriores percibisen axudas para o mantemento da escola infantil 0-3, deberán presentar declaración de que a tarifa de prezos se adapta ao disposto no artigo 18º desta orde. As corporacións locais que soliciten por primeira vez as axudas desta orde para as súas escolas infantís 0-3, no caso de resultaren beneficiarias, deberán enviar a tarifa de prezos adaptada ao disposto nesta orde, no prazo de catro meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo, todas as corporacións locais beneficiarias das axudas deberán informar de todas as modificacións de prezos que se produzan durante o ano 2007.

6. De conformidade coa artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, se é o caso, a entidade beneficiaria autoriza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións impostas.

Artigo 9º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e mais a documentación requirida presentaranse na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, realizará os seguintes trámites:

a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previsto no artigo 42 da mesma lei.

b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorizacións e Inspección de Centros da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais sobre as condicións actuais dos centros solicitantes para efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, a Secretaría Xeral da Igualdade remitiraos á Comisión Central de Valoración para que, unha vez avaliados, dite a proposta de resolución, propoñendo ao órgano competente para a súa resolución a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días alegue ou presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta: a secretaria xeral da Igualdade.

Vogais: tres funcionarios/as designados polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar por proposta da secretaria xeral da Igualdade, actuando un deles como secretario/a.

Á dita comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, unha/un representante da Intervención competente.

Artigo 11º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

2. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo do establecido no artigo 44 desa lei.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. As resolucións concedidas seranlle comunicadas ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para o seu coñecemento.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da axuda, que será necesariamente antes do 1 de decembro de 2007 e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Unha vez ditada a resolución pola cal se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a seguir:

A) As subvencións poderanse facer efectivas da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de 6.010,12 euros poderá anticiparse ata un 80 por 100 da contía outorgada, librándose o 20 por 100 restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

B) Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30 por 100 da totalidade da subvención, en concepto de anticipo, no momento da súa concesión.

b) Ata o 80 por 100 do total concedido (o seguinte 50 por 100 da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluír o recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación realizou un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local, segundo o disposto no artigo 6º; neste caso, procederase ao aboamento do 100 por 100 da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20 por 100 restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda, que ten que ser igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local, segundo o disposto no artigo 6º.

A corporación local receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para que foi concedida.

Artigo 13º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora producidos segundo o disposto no artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 8 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos números 4 e 6 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 ao 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 14º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As corporacións locais beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, coa excepción do cumprimento da obriga a que se refire o artigo 78.4º.c) de acordo co disposto no artigo 41 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, e, ademais, especificamente a:

1. O cumprimento dos obxectivos específicos establecidos para a educación infantil 0-3 no Plan xeral de normalización da lingua galega.

2. Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar respecto dos centros subvencionados.

3. Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Capítulo II

Sección primeira

Parte específica de axudas a escolas infantís 0-3

Artigo 15º.-Requisitos específicos.

1. Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VI.

2. A adaptación do proxecto educativo á estrutura establecida no anexo VII desta orde.

Artigo 16º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Os módulos de referencia para o cálculo da axuda anual para gastos de mantemento están en función do tipo de xestión, do número de unidades da escola infantil 0-3 e da prestación ou non do servizo de comedor. As contías anuais serán as seguintes:

Para estes efectos enténdese por servizo de comedor cando sexa prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), incluídos os alimentos. En todo caso este servizo incluirá o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea. Así mesmo, deberá existir á disposición dos pais/nais unha relación semanal dos menús previstos, os cales deberán proporcionar unha dieta equilibrada e axeitada á idades dos/das nenos/as.

2. Aqueles centros en que, logo de autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, non se preste servizo os doce meses anuais, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar na proporción correspondente ao tempo en que non estea o centro en funcionamento.

3. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.

4. A contía a subvencionar non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2007 segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo I).

A contía total da axuda terá como límite máximo o 50 por cento do orzamento do centro.

Artigo 17º.-Renda per cápita mensual.

1. Para efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ao 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral mais a parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Para os efectos desta orde e os efectos de cálculo da renda per cápita mensual teranse en conta os ingresos correspondentes ao ano 2005.

4. Para os efectos desta orde considérase familia monoparental aquela formada pola nai ou polo pai solteira/o, segundo corresponda, que non convivan e os cónxuxes en situación de separación, divorcio ou viuvez.

Artigo 18º.-Prezos.

1. Sen prexuízo da autonomía municipal, as corporacións locais que sexan beneficiarias destas axudas deben asumir a obriga de establecer como prezos máximos a aboar polos/as usuarios/as das escolas infantís 0-3 as contías máximas reguladas no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro (DOG do 13 de marzo), polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

2. Os prezos sinalados nos puntos anteriores refírense aos servizos básicos prestados pola escola infantil 0-3 ás unidades familiares. Para estes efectos, enténdese por servizos básicos a asistencia ao centro, o comedor e o transporte.

3. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto aos especificados no punto anterior, o prezo deste servizo será establecido libremente pola corporación local titular do centro e, en todo caso, a súa utilización será voluntaria pola unidade familiar.

Artigo 19º.-Obrigas específicas para as escolas infantís 0-3.

1. En relación coas solicitudes de novo ingreso na escola infantil 0-3:

A) Adaptar os modelos de solicitude de praza que conterán, como mínimo, a información do modelo que figura como anexo V desta orde. A/O solicitante de praza deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que corresponda en cada caso.

B) Puntuar as solicitudes de novo ingreso de acordo co baremo que figura como anexo VI a esta orde.

C) Enviar á delegación provincial da Igualdade e do Benestar a relación de solicitantes que figuran en lista de espera para o curso 2007/2008 e que, pola súa vez, opten por unha praza do Programa cheque infantil. Esta relación deberá indicar a seguinte información:

a) Nome e apelidos do neno/a.

b) Nome e apelidos do/a solicitante.

c) Idade do neno/a.

d) Puntuación que corresponde en aplicación do baremo a que se fai referencia nesta epígrafe.

e) Renda per cápita da unidade familiar.

Xunto a esta relación enviarase copia das solicitudes en lista de espera e a documentación que se tivese en conta para puntualas.

2. Cumprimento do proxecto educativo establecido segundo a estrutura que figura no anexo VII desta orde.

3. Adxudicar praza na escola infantil 0-3, con carácter urxente, aos/ás fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero.

4. As corporacións locais que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultaren beneficiarias, deberán adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 18º, no prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Sección segunda

Parte específica de axudas a puntos de atención á infancia (PAI)

Artigo 20º.-Módulo de referencia para o cálculo da axuda.

1. O módulo de referencia para o cálculo da axuda para mantemento será de 14.000 euros anuais por centro.

2. Aqueles centros en que, logo de autorización da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, non se preste servizo os doce meses anuais, poderá reducirse a contía que corresponda subvencionar na proporción correspondente o tempo en que non estea o centro en funcionamento.

3. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as corporacións locais que resulten beneficiarias.

4. A contía a subvencionar non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2007 segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo I).

A contía total da axuda terá como límite máximo o 70 por cento do orzamento do centro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2007.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto no título sexto, da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as corporacións locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Terceira.-As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorizase a secretaria xeral da Igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO VI

Baremo

1. Situación socio-familiar.

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

1.2. Por cada persoa que, non formando parte da unidade familiar, estea a cargo dela: 1 punto.

1.3. No caso de que o/a neno/a para o cal se solicita a praza nacese nun parto múltiple: 1 punto.

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por minusvalidez física, psíquica ou sensorial, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia ou monoparental: 3 puntos.

1.6. Por ausencia do fogar familiar de ambos os membros parentais: 6 puntos.

1.7.- Por irmán/a-áns/ás con praza renovada no centro á do/a neno/a para o cal se solicita a praza: 3 puntos.

1.8. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

1.9. Calquera grave circunstancia familiar debidamente acreditada: ata 3 puntos.

2. Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación:

-Nai: 3 puntos.

-Pai: 3 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

-Nai: 2 puntos.

-Pai: 2 puntos.

(1) Para efectos de solicitude de prazas do cheque infantil, valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día 28 de marzo de 2007.

No caso de familias monoparentais adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

3. Situación económica.

R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

-Inferior ao 25% do IPREM: +4 puntos.

-Entre o 25% e o 50% do IPREM: +3 puntos.

-Superior ao 50% e inferior ao 75% do IPREM: +2 puntos.

-Entre o 75% e o 100% do IPREM: +1 puntos.

-Superior ao 100% e inferior ao 125% do IPREM: -1 punto.

-Entre o 125% e o 150% do IPREM: -2 puntos.

-Superior ao 150% e inferior ao 200% do IPREM: -3 puntos.

-Igual ou superior ao 200% do IPREM: -4 puntos.

* En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

* Para efectos desta orde están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

ANEXO VII

Proxecto educativo

O proxecto educativo da escola infantil 0-3 adaptarase á seguinte estrutura:

a) Análise do contexto.

a.1) Características do centro.

-Titularidade e financiamento.

-Niveis educativos que escolariza: número de unidades.

-Situación xeográfica.

-Descrición breve das instalacións.

-Servizos que ofrece.

-Proxección social do centro na zona.

-Relación coas familias.

-Descrición breve dos recursos e materiais.

-Horario do centro.

a.2) Características do alumnado.

-Número de alumnas e alumnos, idades e agrupamentos.

-Características das familias.

-Tipo de relacións entre o alumnado.

-Nenos e nenas con necesidades educativas especiais: como se integran, apoios con que se conta.

-Procedementos de información ás familias.

a.3) Características do persoal que traballa no centro.

-Número e funcións.

-Formación.

-Forma de traballar (en equipo ou individualmente).

-Distribución das tarefas.

-Mecanismos de información entre o persoal.

-Criterios que se seguen para a distribución do alumnado.

a.4) Características do contorno.

-Localización.

-Características socioculturais e económicas

-Lingua empregada.

-Servizos que nos ofrecen para os nenos e as nenas.

-Relacións que mantén a escola cos recursos do contorno.

-Relación con outros centros.

-Como se traballa cos nenos e nenas o coñecemento do contorno social e natural.

b) Sinais de identidade.

Definición da escola.

-Confesionalidade da escola segundo a lexislación vixente.

-Lingua de aprendizaxe segundo a lexislación vixente.

-Liña metodolóxica.

-Coeducación: a educación para a igualdade.

-Colaboración cos pais e nais.

c) Obxectivos.

Obxectivos do centro a nivel:

-Pedagóxico (incluíndo a adecuación dos obxectivos xerais de etapa/ciclo).

-Administrativo.

-Organizativo.

-Institucional.

-Normalización lingüística.

d) Estrutura organizativa.

Organización do centro para o logro dos obxectivos.

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Asignación de educadores aos grupos.

-Número de educadores por grupo.

-A dimensión do grupo.

-A composición do grupo.

-A titoría na escola infantil.

-A utilización dos espazos escolares.

-O equipamento e os recursos didácticos.