DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Sábado, 30 de xuño de 2007 Páx. 11.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 127/2007, do 14 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Incio, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto reformado de saneamento e depuración en Santa Cruz do Incio.

O Concello do Incio, en sesión que tivo lugar o día vinte e nove de decembro de dous mil seis, aprobou o proxecto reformado de saneamento e depuración en Santa Cruz do Incio e, na sesión do oito de xaneiro de dous mil sete, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente foi tratado na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, o abastecemento e depuración de augas aos domicilios constitúe un servizo esencial para satisfacer as necesidades da comunidade veciñal, estando actualmente este nun estado sumamente deficiente o que provoca un grao de depuración practicamente nulo, ademais de que a vertedura non chega directamente a unha canle, co perigo dunha posible contaminación de acuíferos e do chan, polo que se fai imprescindible substituír a foxa séptica existente por unha depuradora axeitada ás exixencias actuais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Incio, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto reformado de saneamento e depuración en Santa Cruz do Incio, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catorce de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza