DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 28 de xuño de 2007 Páx. 11.184

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 18 de maio de 2007 pola que se modifica o artigo 2 da Orde do 4 de febreiro de 2004, pola que se crea a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/SIDA.

Unha vez que a pandemia causada pola infección por VIH/SIDA se mostrou coma un dos máis importantes problemas de saúde con graves implicacións sociais, a Organización Mundial da Saúde (OMS) creou no ano 1987 o Programa especial sobre a SIDA recomendando que cada comunidade elaborase ao seu nivel o plan de actuación específico adaptado á súa realidade.

Seguindo esas directrices en Galicia creouse, por Orde do 10 de marzo de 1987, a Comisión de Seguimento e Control da SIDA.

A Orde do 4 de febreiro de 2004 (DOG nº 40, do 26 de febreiro) creou a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/SIDA, como órgano de apoio e colaboración coas entidades encargadas de executar as tarefas para a prevención da infección do VIH/SIDA, co obxectivo de facilitar e rendibilizar a realización das accións necesarias para diminuír a propagación desta infección, facer fronte ás súas consecuencias sobre as persoas e a sociedade, garantir a atención socio-sanitaria dos afectados e mellorar a súa calidade de vida nun contorno favorable.

A recente modificación dos organigramas nas consellarías, as súas estruturas e competencias, fan necesario adaptar esta comisión á situación actual.

En consecuencia, conforme as facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983 do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 2º da Orde do 4 de febreiro de 2004, o cal, na súa totalidade, queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 2º .-Composición.

1. Integran a Comisión Galega de Coordinación e Seguimento da Actividade fronte á Infección por VIH/SIDA os seguintes membros:

a) Presidente/a: o/a titular da Consellería de Sanidade.

b) Vicepresidentes/as:

-O titular da Dirección Xeral de Saúde Pública.

-O titular da División de Asistencia Sanitaria.

-O titular da Dirección Xeral de Acción Social (Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar).

-O titular da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade (Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar).

-O titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).

c) Secretario/a:

-O xefe/a do Servizo de Control das Enfermidades Transmisibles, designado/a polo secretario/a xeral da Consellería de Sanidade por proposta do/a titular da Dirección Xeral de Saúde Pública.

d) Vogais:

-O titular da Subdirección Xeral responsable do plan na Dirección Xeral de Saúde Pública.

-O Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

-Un representante da Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial, designado/a polo/a titular da División de Asistencia Sanitaria.

-Un representante da Sociedade Galega Interdisciplinaria de SIDA (Sogaisida).

-Un representante do colectivo de ATS/DUE das unidades hospitalarias de atención sanitaria a esta problemática, designado/a polo/a titular da División de Asistencia Sanitaria.

-Un representante do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

-Un representante dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.

-Un representante dos colexios oficiais de médicos de Galicia, designado/a polo Consello Galego de Colexios de Médicos.

-Un representante do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

-Un representante dos comités Anti-SIDA con actividade en Galicia, designado/a de forma rotatoria.

-Un representante das outras organizacións non gobernamentais (ONG) con participación activa na loita contra esta infección en Galicia, designado/a de forma rotatoria polo/a titular da Dirección Xeral de Saúde Pública.

-Un/ha técnico/a da Dirección Xeral de Saúde Pública designado/a polo/a titular da Dirección Xeral de Saúde Pública.

2. Os membros da comisión serán nomeados/as por un período de dous anos, transcorrido o cal deberán proceder a confirmarse ou renovarse os ditos nomeamentos.

3. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo/a titular da Dirección Xeral de Saúde Pública. Respecto do resto dos membros, estes serán substituídos polos seus suplentes».

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2007.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade