DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 28 de xuño de 2007 Páx. 11.182

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 122/2007, do 21 de xuño, polo que se modifica o Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Por medio do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, foi aprobada a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Tal estrutura foi obxecto de modificación, no que atinxe ás direccións xerais de Urbanismo e de Transportes, a través do Decreto 65/2006, do 20 de abril.

A experiencia derivada da execución e desenvolvemento das competencias e funcións que, mediante o Decreto 519/2005, están atribuídas á Secretaria Xeral e á Dirección Xeral de Obras Públicas aconsella proceder a introducir determinadas modificacións nas súas unidades administrativas, así como a redefinir algunhas das súas funcións. Así, na Secretaría Xeral créase a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo e, na Dirección Xeral de Obras Públicas, as de Conservación e Explotación e de Planificación e Proxectos, na que se integra o novo Servizo de Proxectos.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, logo do informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

O Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, queda modificado como segue:

Un. O artigo 5º queda redactado do seguinte modo:

«Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario, que exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería, o seguimento, control e coordinación da execución económica-orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos afectados.

b) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

c) A ordenación e a xestión económica e administrativa dos asuntos relacionados co persoal da consellería, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia.

d) A organización, seguimento e supervisión da base de datos do persoal da consellería.

e) A organización dos aspectos que atinxen ao réxime interior.

f) A xestión dos expedientes de contratación promovidos pola Secretaría Xeral, relativos a obras, xestión de servizos públicos, subministracións, consultoría e asistencias técnicas ou calquera outra figura contractual administrativa

g) A planificación, proposta de actuacións, supervisión e control dos sistemas e tecnoloxías da información da consellería.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo secretario xeral.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

1.2. Servizo de Persoal e Réxime Interior.

1.3. Servizo de Informática.

2. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo á que se lle atribúen as seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e outros órganos e institucións.

d) A emisión dos informes encomendados polo secretario xeral, ademais do estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

e) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

f) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, coas unidades da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo secretario xeral.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico.

2.2. Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

3. Servizo de Coordinación Técnica e Inspección.

Terá as seguintes funcións:

a) Verificar o correcto funcionamento dos diferentes servizos e obras da consellería, tanto na súa esfera central como na periférica

b) Informar sobre o grao de cumprimento e eficacia da prestación dos servizos e obras, así como do adecuado emprego dos medios persoais e materiais, propoñendo, de ser o caso, as medidas correctoras das deficiencias observadas.

4. A Asesoría Xurídica da consellería, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, e maila Intervención Delegada adscríbense organicamente á Secretaría Xeral con nivel orgánico de subdirección xeral. Estas unidades administrativas dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Dous. O artigo 9º queda redactado como segue:

«Baixo a dependencia directa do director xeral de Obras Públicas existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Estradas, que terá as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das funcións relacionadas no número 1.j) do artigo anterior.

b) A supervisión dos anteproxectos e proxectos en materia de estradas, plans sectoriais, estudos informativos e estudos de impacto ambiental, así como a proposta de aprobación técnica destes instrumentos, nos termos definidos no número 1.d). do artigo 8º.

c) A preparación de instrucións técnicas relativas á realización de estradas, no marco das competencias relacionadas no número 1.e) do artigo anterior.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo director xeral.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Supervisión de Proxectos.

1.2. Servizo de Obras.

2. Subdirección Xeral de Planificación e Proxectos, á que se lle atribúen as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións relacionadas nos números 1.b) e 1.c) do artigo anterior.

b) As competencias recollidas no número 1.d) do artigo anterior, sen prexuízo das funcións que, nesta materia, desenvolvan as subdireccións de Estradas e de Conservación e Explotación.

c) A preparación de instrucións técnicas relativas ás actuacións de planificación, programación e proxectos, que leve a cabo, no marco das competencias relacionadas no número 1.e) do artigo 8º.

d) A elaboración dos correspondentes pregos de prescricións técnicas, proxectos, plans e programas de actuacións, así como dos orzamentos e o control de axuste destes relacionados coas competencias definidas no número 1.g) do artigo anterior, sen prexuízo das competencias que, en materia de xestión orzamentaria, lle correspondan á Subdirección Xeral de Xestión.

e) O exercicio das funcións reguladas no número 1.h) do artigo 8º, sen prexuízo das competencias que por razón dos pagamentos, correspondan á Subdirección Xeral de Xestión.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo director xeral.

Contará cos seguintes servizos:

2.1 Servizo de Planificación e Informes.

2.2 Servizo de Proxectos.

3.- Subdirección Xeral de Conservación e Explotación, que ten encomendadas as seguintes funcións:

a) A execución das funcións recollidas no número 1.f) do artigo 8º.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes no relativo ás competencias sinaladas no número 1.l) do artigo anterior.

c) A elaboración dos correspondentes pregos de prescricións técnicas e plans, así como calquera outro instrumento preciso relativo á conservación e explotación de estradas, no marco das actuacións definidas no número 1.d) do artigo 8º.

d) A preparación de instrucións técnicas en materia de conservación e explotación de estradas, no marco das competencias relacionadas no número 1.e) do artigo anterior.

e) A coordinación dos servizos de Estradas das delegacións provinciais nas actuacións destes en materia de conservación e explotación.

f) A elaboración de estudos e a coordinación das actuacións en materia de seguridade viaria.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo director xeral.

Contará co seguinte servizo:

3.1. Servizo de Conservación e Explotación.

4. Subdirección Xeral de Xestión, que exercerá as seguintes funcións:

a) As relacionadas no número 1, letras i), k), m) e n) do artigo anterior.

b) Os pagamentos relativos aos expedientes expropiatorios relacionadas no número 1.h) do artigo 8º.

c) A xestión orzamentaria no marco das competencias recollidas no número 1.g) do artigo anterior.

d) O seguimento e coordinación de xestión económica e orzamentaria da Dirección Xeral.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo director xeral.

Contará cos seguintes servizos:

4.1. Servizo de Apoio Técnico

4.2. Servizo de Xestión Económico-Administrativa.

4.3 Servizo de Xestión de Vías de Alta Capacidade.

5. Servizo de Xestión Xurídico-Administrativa, ao que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A redacción da proposta de resolución de expedientes sancionadores por infraccións tipificadas como graves na normativa de estradas; a redacción de informes e, se é o caso, de propostas de resolución dos recursos interpostos en materia de estradas, así como a instrución, tramitación e redacción da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das competencias da Dirección Xeral.

b) A elaboración de informes en relación coas materias competencia da Dirección Xeral.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo director xeral.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou dos servizos existentes con anterioridade ou se suprima algunha das devanditas unidades, autorízase, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar as normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-As consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, derivadas da modificación da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Terceiro.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes