DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 26 de xuño de 2007 Páx. 11.046

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2007, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se actualizan algunhas substancias activas incluídas no Regulamento técnico específico de produción integrada de viñedo.

A Orde do 21 de xuño de 2005 (DOG nº 124, do 29 de xuño), pola que se aproba o Regulamento técnico específico da produción integrada no cultivo de viñedo, recolle no punto de control de pragas e enfermidades do anexo, a obriga de antepoñer os métodos culturais, biolóxicos, biotecnolóxicos, físicos e xenéticos aos métodos químicos.

No caso de resultar necesaria unha intervención química, as substancias activas que se vaian empregar serán seleccionadas de acordo cos criterios de menor perigo para humanos, fauna e ambiente, a efectividade; a selectividade; os residuos e o risco de aparición de resistencias, establecendo ademais unha listaxe de substancias activas nos apéndices III e IV, para o seu posible emprego en produción integrada, sobre a base da experiencia coñecida do seu impacto nos correspondentes organismos útiles e outros requisitos ambientais.

A continua actualización de substancias activas derivada da aplicación da Directiva 91/414/CEE do Consello, do 15 de xullo, relativa á comercialización de produtos fitosanitarios, a modificación dos usos destes produtos no Rexistro de produtos e material fitosanitario do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, así como o resultado de novos coñecementos técnicos, fan necesario unha revisión e posta ao día da listaxe de substancias activas establecida nos apéndices III e IV do Regulamento técnico específico de viñedo en produción integrada.

Tendo en conta a disposición segunda da antedita orde, en que se faculta o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as instrucións necesarias de adaptación ou modificación dos anexos, como consecuencia de novos coñecementos e avances técnicos e científicos, ou para incorporar normativa de obrigado cumprimento, que ao respecto se estableza.

RESOLVO:

Primeiro.-Actualizar as substancias activas reflectidas, no punto de control químico do apéndice III e no apéndice IV, do Regulamento técnico específico de produción integrada de viñedo, segundo se establece no anexo desta resolución.

Segundo.-Estas substancias activas deberán seguir os condicionamentos fitoterapeúticos xerais e específicos, e os preventivos de riscos do Rexistro oficial de produtos e material fitosanitario, así como as restricións particulares establecidas no dito anexo.

Terceiro.-O contido incluído no apéndice III para cada praga ou enfermidade (mostraxe, límites e/ou criterios mínimos de intervención, axentes biolóxicos, outras medidas complementarias aplicables e recomendacións), permanece vixente salvo o relativo ao control químico.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Antonio Oca Fernández

Director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria