DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 20 de xuño de 2007 Páx. 10.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 30 de maio de 2007 pola que se acorda a cesión en uso da embarcación Illa de Tambo, propiedade da Xunta de Galicia, á Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa.

O Decreto 500/2005, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, dispón que esta é o órgano da Administración ao que lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións dos profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

Por outra banda, a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, defíneas como corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade para obrar para o cumprimento dos fins e exercicio das funcións que lles estean encomendadas, actuando como órganos de consulta e colaboración coas administracións na promoción do sector pesqueiro, quedando suxeitas á tutela da Administración pública galega, exercida a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Dentro das súas funcións correspóndelles xestionar as áreas da zona marítima e marítimo terrestre que lles foron confiadas mediante o correspondente título administrativo habilitante e xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos por calquera das Administracións públicas para o cumprimento dos seus fins.

No marco do réxime legal regulador das relacións entre as Administracións e as corporacións de dereito público, e logo de petición da Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa, cómpre cederlle á devandita confraría o uso da embarcación Illa de Tambo adscrita a esta consellería, para ser destinada a fins de utilidade pública e de interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 95 bis, do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en uso á Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Illa de Tambo.

Ano de construción: 1991/1992.

Modelo: Anduriña Dos nº 3.

Motor: Suzuki I/B.

Dimensións: manga 02.00 eslora 05.30 puntal 00,77.

T.R.B.: 01,99.

Folio: 5-92.

Lista: 8º.

Matrícula: Vilagarcía de Arousa.

Ano de inscrición: 1992.

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade ao establecido polos artigos 35 bis, da Lei 3/1985, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, o ben cedido destinarase pola confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en asuntos de salvamento marítimo e loita contra a contaminación.

2. A cesión, en uso, outorgarase polo prazo de cinco anos, contados a partir da súa formalización, sendo prorrogable por períodos sucesivos de igual duración, sempre que exista acordo expreso desta consellería, despois da petición formulada pola confraría cesionaria con anterioridade ao vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita recondución.

3. A confraría cesionaria farase cargo dos gastos necesarios para a reparación e posta en funcionamento do dito ben, realizando tamén todas as reparacións que sexan necesarias para mantelo en bo estado de uso, sen que no momento da súa devolución á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, poida esta ser compelida á satisfación dos gastos realizados por ningún destes conceptos.

4. Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados, como se se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sofrise.

5. A confraría cesionaria responderá do valor do ben cedido no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que puidesen ocasionarse, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, e o órgano competente da Confraría de Pescadores San Julián da Illa de Arousa, debendo constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2007.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos