DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 20 de xuño de 2007 Páx. 10.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 15 de xuño de 2007 pola que se ditan instrucións complementarias ás da Orde do 16 de xaneiro de 2007 sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2007.

O artigo 12.tres da Lei 14/2007, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, establece que a masa salarial dos funcionarios en servizo activo aos que lles resulte aplicable o réxime retributivo da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, así como a do resto do persoal sometido a réxime administrativo e estatutario, experimentará un incremento do 1%, que se distribuirá na forma que se determine regulamentariamente, e que se destinará ao aumento do complemento específico, ou concepto adecuado, co obxecto de lograr, progresivamente en sucesivos exercicios, unha acomodación deses complementos que permita a súa percepción en catorce pagas ao ano, doce ordinarias e dúas adicionais nos meses de xuño e decembro.

No segundo parágrafo preceptúa que a masa salarial do persoal laboral experimentará o incremento necesario para facer posible a aplicación a este dunha contía equivalente á que resulte para os funcionarios públicos, de acordo co disposto no parágrafo anterior.

A Orde do 16 de xaneiro de 2007 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2007 non incorpora o incremento do complemento específico derivado do disposto no artigo 12.tres da Lei 14/2006, do 28 de decembro.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de 14 de xuño, ratifica o acordo da Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma de Galicia e do Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia sobre medidas retributivas asinado o 11 de xuño de 2007, entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e as organizacións sindicais CIG, CC.OO, UGT e CSI-CSIF, polo que se determinan as porcentaxes que se incluirán de conformidade co disposto no mencionado artigo 12.tres da Lei 14/2006, do 28 de decembro.

Coa finalidade de facilitar a confección de nóminas para aboar as mencionadas retribucións, esta consellería considera oportuno ditar as seguintes instrucións:

Primeira.-De acordo co establecido no artigo 18 letra d) da Lei 14/2006, do 28 de decembro, e na Orde do 16 de xaneiro de 2007 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2007, a contía do complemento específico do persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia experimentará un incremento do 2% con respecto á do exercicio 2006.

Adicionalmente, en aplicación do disposto no artigo 12.tres da Lei 14/2007, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, os complementos específicos anuais resultantes do indicado no parágrafo anterior, experimentarán nas mensualidades correspondentes aos meses de xuño e decembro, un incremento dun 23,87% do complemento específico mensual que se perciba. A súa contía recóllese na táboa do anexo I.

En definitiva, a contía do complemento específico anual en 2007 será de doce veces o mensual recollido no anexo IV da Orde do 16 de xaneiro de 2007, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2007, máis as contías adicionais de xuño e decembro previstas no parágrafo anterior.

Segunda.-O complemento específico anual do persoal docente non universitario e dos profesores de relixión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, experimentarán nas mensualidades correspondentes aos meses de xuño e decembro, un incremento dun 23,87% do complemento específico mensual que se perciba. A súa contía figura nas táboas do anexo II.

Terceira.-O persoal laboral incluído no ámbito da aplicación do IV convenio colectivo único, en cumprimento do disposto no artigo 12.tres da Lei 14/2006, do 28 de decembro, ademais das retribucións que figuran no anexo VII da Orde do 16 de xaneiro de 2007, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2007, percibirá nas mensualidades de xuño e decembro as contías adicionais que se sinalan no anexo III desta orde.

Cuarta.-O complemento específico anual do persoal que desenvolva algún posto de traballo no Servizo Galego de Saúde, en aplicación do establecido no artigo 12.tres da Lei 14/2006, do 28 de decembro, experimentará nas mensualidades correspondentes aos meses de xuño e decembro, un incremento dun 23,87% do complemento específico mensual que se perciba. A súa contía recóllese na táboa do anexo IV.

Ao persoal estatutario que se retribúe polo sistema establecido no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, que carece de complemento específico na súa estrutura salarial, aplicaráselle os criterios de reparto que se acorden na súa mesa sectorial de negociación.

Quinta.-O persoal non recollido nos puntos anteriores, e ao que lle é de aplicación o devandito artigo 12.tres da Lei 14/2006, incorporará unha retribución complementaria equivalente ao 1% das súas retribucións anuais fixas na súa contía e periódicas no seu devengo excluídos os conceptos derivados da antigüidade, distribuído nas mensualidades de xuño e decembro.

Sexta.-Os secretarios xerais, directores xerais e asimilados percibirán por aplicación dos artigos 12.tres e 15.un da Lei 14/2006, do 28 de decembro, unha contía adicional de 418,44 € nos meses de xuño e decembro.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2007.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía

Os complementos específicos que non tivesen a súa contía relacionada neste anexo incorporarán un incremento dun 23,87% nos meses de xuño e decembro do complemento específico mensual.

ANEXO II

Contía do complemento específico a incorporar en aplicación do artigo 12.3º da Lei 14/206, do 28 de decembro, ao profesorado dos centros de ensino básica, bacharelato, formación profesional, ensino artísticas e idiomas.

1. Grupos de clasificación, niveis de complemento de destino e importes mensuais do compoñente xeral do complemento específico:

2. A contía que se incorporará nas mensualidades de xuño e decembro do compoñente singular do complemento específico pola titularidade de órganos unipersoais de goberno e polo desempeño de postos de traballo docentes singulares será dun 23,87% das percibidas mensualmente.

3. A contía que se incorporará nas mensualidades de xuño e decembro do compoñente do complemento específico por formación permanente dos funcionarios de carreira docentes será dun 23,87 % das percibidas mensualmente.

4. A contía que se incorporará na mensualidade de xuño e decembro do compoñente do complemento específico por función de inspección educativa será dun 23,87 % das percibidas mensualmente.